Señorío

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O señorío foi unha institución propia das Idades Media e Moderna nos reinos cristiáns da península Ibérica en certo modo similar ao feudo do Imperio carolinxio.

Tratábase dunha dación hereditaria de terras e vasalos, incluída a xurisdición, que facía un monarca a favor de nobres ou clérigos como pagamento por servizos prestados ou recompensa a méritos adquiridos, pero pola súa mera vontade (mercede).

Xurdiu nos reinos cristiáns do norte peninsular estendéndose, coa Reconquista ao resto do territorio, confirmándose e incrementándose (refeudalización) coa Monarquía hispánica posterior.

A súa pervivencia no tempo (até o século XIX) e o seu carácter de base económica da posición social da nobreza, sobre todo tras perder esta o seu poder político ante a monarquía absoluta, situaron aos señoríos no eixe que articulaba os sistemas social, económico e político, polo que pode considerarse que formaban parte fundamental do réxime señorial que caracterizou ao Antigo Réxime en España.

Os señoríos foron abolidos pola Constitución de 1812.

Orixe[editar | editar a fonte]

Os antecedentes do réxime señorial encóntrase na economía rural do Baixo imperio romano. Cunha poboación e unha taxa de natalidade declinantes, a man de obra n a agricultura era o factor clave para a produción económica. Ao longo do tempo, o goberno romano tratou de estabilizar a economía imperial por medio do conxelamento da estrutura social: os fillos estaban obrigados a suceder aos pais no seu oficio, e os coloni, a man de obra agrícola, tiñan prohibido deixar as terras ás cales estaba ligados, o que foi o primeiro paso para transformarse no que no feudalismo se denomnarían servos.

Contra o ano 325, varias leis de Constantino reforzaron o status semiservil dos colonos e limitaron o seu acceso aos tribunais. Nas potrimerías do Imperio, o seu número aumentou cos foederati bárbaros que recibiran autorización para instalarse dentro das fronteiras imperiais.

Cando os reinos xermánicos sucederon á autoridade romana no occidente, no século V, os señores de terras romanos foron simplemente substituídos por godos ou outros pobos xermánico, con pouca alteración na estrutura económica. O proceso de autosuficiecia rural recibiu un grande impulso no século VIII, cando o se interrompeu o comercio regular no Mediterráneo.

Tipos de señorío: señoríos territoriais e xurisdicionais[editar | editar a fonte]

A historiografía diferenza dentro do señorío dúas categorías: o señorío territorial, que era o máis similar ao feudo, e o señorío xurisdicional, en que as prerrogativas do señor, fundamentalmente o cobro dos dereitos señoriais de orixe político e xudicial.

Aínda que teoricamente esta diferenciación é confusa, deuse tanto na práctica como na documentación histórica. Cousa, por outra parte, lóxica, porque a confusión de dereitos e xurisdicións é unha das características do feudalismo. Difícil sería aclarar o que significaba concretamente ser señor de forca e coitelo ou até onde chegaba o ius utendi et abutendi (o dereito a usar e abusar), ou o ius prime noctis (dereito de pernada).

O señor territorial ten, en teoría, unha vinculación máis estreita coa terra, e a súa forma típica de extraer o excedente é mediante prestacións de traballo (xornadas de traballo non retribuído) o pagamentos en especie ou diñeiro. Dun modo sutil, o señor xurisdicional ten en cambio unha diferente relación coa terra (o dominio eminente, quedándolle ao servo o dominio útil), aínda que no fondo tamén realice a extracción do excedente mediante unha coerción extraeconómica (en termos do materialismo histórico). O fundamental para o señor é a percepción da renda da terra, e as vías de obtela eran innumerábeis, pois mediante un conxunto difuso de dereitos señoriais conseguía gravar calquera movemento da produción ou aumentos da prosperidade dos campesiños (dereitos de paso, de portádego... pola explotación dos bosques, dos ríos... monopolios de muíño, de tenda, de taberna...), ao que hai que engadir os cobros derivados da xurisdición (multas, penas de cámara, todo tipo de impostos cedidos polo rei...).

Señoríos en Andalucía no século XVIII.
     Realengo      Señoríos nobiliarios      Señoríos eclesiásticos      Señoríos das ordes militares      Novas poboacións

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • VALDEÓN, Julio, SALRACH, José María y ZABALO, Javier. Feudalismo y consolidación de los pueblos hispánicos. ISBN 84-335-9424-9.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]