Xoán de Brienne
Xoán de Brienne (en francés: Jean de Brienne, grego: Ιωάννης της Βρυέννης trans. Io̱ánni̱s ti̱s Vryénni̱s), nado aprox. en 1169/74 e finado en Constantinopla, Imperio latino de Constantinopla (actual Istambul, Turquía), o 23 de marzo de 1237, foi rei de Xerusalén desde 1210 até 1225, logo emperador latino de Constantinopla desde 1229 até 1237.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Foi o benxamín dos vástagos de Érard II, conde de Brienne, e Inés de Montfaucon ou Montbéliard[1][2]. Pasou a maior parte da súa vida como un nobre de menor importancia até facer amizade co rei Filipe II Augusto de Francia, quen fixo os arranxos para que casase con María de Montferrato, a raíña do Estado cruzado de Xerusalén, en 1210. Xoán chegou á cidade palestina de Acre o 13 de setembro de 1210, casou con María ao día seguinte, e foi coroado en Tiro o 3 de outubro. María morreu en 1212, e Xoán foi nomeado rexente da súa pequena filla, Iolanda de Brienne, que herdou a coroa como Isabel II. En 1214 Xoán casou coa princesa Estefanía de Armenia, filla do rei armenio León II, e tivo un fillo con ela.
Como rexente, Xoán arranxou unha tregua de cinco anos con Al-Adil I, sultán de Exipto e Siria, en xullo de 1212. Durante a tregua, persuadiu ao papa Inocencio III para pór en marcha a Quinta Cruzada en apoio do reino da súa filla. En 1218 uniuse ás forzas cruzadas de Occidente nunha expedición contra o porto exipcio de Damieta. Despois dunha disputa cun dos xefes da cruzada, o legado papal Pelagio Galvani, Xoán partiu de Exipto en febreiro de 1220, onde regresou en xullo de 1221 ao presenciar a humillante derrota dos cruzados e o abandono do sitio de Damieta.
Estefanía morreu en 1219; Xoán logo casou con Berenguela, filla de Berenguela de Castela, e en 1225 deu á súa filla Isabel en matrimonio ao emperador do Sacro Imperio Frederico II, tratando de conservar os seus dereitos como rexente do reino de Xerusalén. Inmediatamente despois do matrimonio, con todo, Frederico comezou a oporse a estes dereitos.
En 1228 Xoán foi convidado a Constantinopla para ser rexente e coemperador co mozo Balduíno II e organizou un matrimonio entre este e a súa pequena filla María. Coroado en 1231, Xoán axudou a repeler os ataques do tsar búlgaro Iván Asen II e do emperador de Nicea Xoán III Ducas Vatatzés, pero pouco antes da súa morte viuse obrigado a solicitar o auxilio de Occidente.
Mocidade
[editar | editar a fonte]Xoán era o menor dos catro fillos varóns de Erard II, conde de Brienne, e Agnes de Montfaucon[1][2]. En 1231, Xurxo Acropolita, que por entón contaba catorce anos, escribiu que lle parecía «extremadamente vello... duns oitenta anos»[3][4]; se o cálculo de Acropolita era correcto, Xoán naceu ao redor do 1150.[5][6] . Con todo, non existen outros autores do século XIII que describan a Xoán como ancián[5]. O pai deste describía aos irmáns de Xoán como «nenos» no 1177 e menciona ao titor do irmán máis vello de Xoán, Gualterio III, en 1184; isto suxire que os irmáns de Xoán naceron a finais da década de 1160[7][8]. Os historiadores modernos concordan en que Xoán debeu de nacer despois do 1168, probabelmente na década de 1170[9][10].
A pesar de que o seu pai o destinou á carreira eclesiástica, segundo os Contos do xograr de Reims de finais do século XIII, Xoán era remiso a seguila[10]. Para evitalo, segundo o xograr, Xoán fuxiu da casa e refuxiouse co seu tío materno na abadía de Claraval[10]. Animado polos seus pares, fíxose armar cabaleiro e forxouse boa reputación en torneos e lides[10]. Aínda que algunhas pasaxes dos Contos do xograr de Reims parecen inventados (verbigracia, Xoán non tiña ningún tío materno en Claraval), o historiador Guy Perry afirmou que si que pode ter recolleito detalles verídicos da vida de Xoán[11]. A carreira eclesiástica era habitual para os segundoxénitos das familias nobres da Francia do século XII; aínda así, se o seu pai chegou a enviar a Xoán a un mosteiro, este o abandonou antes de alcanzar a idade necesaria para realizar os votos[11]. Xoán con seguridade desenvolveu a forza necesaria para ser un bo guerreiro, xa que tanto Acropolita como Salimbene di Adam, autores contemporáneos, resaltan o seu robustez[12].
Erard II uniuse á terceira cruzada e morreu en Terra Santa no 1191[13]. O seu primoxénito, Gualterio III, sucedeuno como señor de Brienne[14]. Xoán aparece nos documentos por primeira vez en 1192 ou 1194, nun texto do seu irmán, o que proba que era unha figura destacada na corte de Gualterio[5][14]. Segundo unha versión da crónica de Ernoul, Xoán participou nunha guerra que o señorío librou contra Pedro II de Courtenay[15]. A pesar de que os Contos do xograr de Reims afirman que lle chamaban Xoán Sen Terra, segundo os documentos contemporáneos, cara ao 1200 pertencíanlle as aldeas de Jessains, Onjon, Trannes e outros dous do Condado de Champaña[14]. En 1201, Teobaldo III concedeulle novas propiedades en Mâcon, Longsols e noutros lugares[16]. Tras a morte de Teobaldo, a súa viúva, Branca de Navarra, persuadiu a Xoán para que vendese as súas terras en Mâcon, afirmando que pertencían ao seu dote[17].
Gualterio III de Brienne faleceu en xuño de 1205 mentres loitaba na Italia meridional[17]. A súa viúva, Elvira de Sicilia, deu a luz un fillo póstumo, Gualterio IV, que se criou en Italia[17]. Xoán obtivo o título de conde de Brienne, e empezou a administrar o condado en nome do seu sobriño no 1205 ou 1206[18]. Como vasalo principal do conde de Champaña, visitaba con frecuencia a corte de Branca de Navarra (que gobernaba o condado durante a minoría do seu fillo).[19] Segundo unha versión da crónica de Ernoul, Branca amou a Xoán «máis que a calquera outro home no mundo», o que molestou ao rei Filipe II de Francia[6][19].
As dúas versións da crónica de Ernoul difiren sobre o ascenso de Xoán ao trono de Xerusalén[20]. Segundo unha delas, os señores principais de Xerusalén enviaron emisarios a Francia no 1208 para solicitar a Filipe II que escollese a un nobre francés para desposar a raíña María[6][19]. Aproveitando a oportunidade de se librar de Xoán, o rei elixiuno[20]. Segundo a outra versión da crónica, un cabaleiro cuxo nome non se menciona encareceu aos señores xerosolimitanos a escoller a Xoán como soberano; este aceptou o ofrecemento tras recibir o beneplácito de Filipe[20]. Xoán visitou o papa Inocencio III en Roma[21]. Este entregoulle corenta mil marcos para que os empregase na defensa de Terra Santa, aínda que indicou como condición que non podería dispor deles sen contar co consentimento do patriarca latino de Xerusalén e dos grandes maestres do Temple e do Hospital[22].
Rei de Xerusalén
[editar | editar a fonte]Rei consorte
[editar | editar a fonte]Xoán desembarcou en Acre o 13 de setembro de 1210[23]; ao día seguinte, o patriarca de Xerusalén Alberte de Vercelli casouno coa raíña María[23]. Os dous foron coroados en Tiro o 3 de outubro[23]. A tregua pactada por Aimerico, rei de Xerusalén, e o sultán aiubí Al-Adil concluíra para cando Xoán chegou a Terra Santa[24]. Aínda que Al-Adil estaba disposto a renovala, os nobres xerosolimitanos non quixeron asinar un novo tratado sen o consentimento de Xoán[23]. Por iso, durante a coroación de Xoán e María, Al-Mu'azzam Isa, fillo de Al-Adil, correu as terras de Acre, pero sen atacar a cidade[24]. Tras regresar a Acre, Xoán saqueou varias poboacións musulmás como represalia pola correría aiubí[25].
A pesar de que aproximadamente trescentos cabaleiros franceses o acompañaron a Terra Santa[26], ningún nobre destacado o fixo; os principais aristócratas franceses preferiron participar na cruzada contra os albixenses ou simplemente non o consideraron suficientemente importante como para formar parte do seu séquito[27] O curmán de Xoán, Gualterio de Montbéliard, uníuselle tan só despois de que o expulsasen de Chipre[27] Montbéliard dirixiu unha expedición naval a Exipto para saquear o delta do Nilo[25]. Despois de que a maioría dos cruzados franceses abandonaron Terra Santa, Xoán asinou unha nova tregua con Al-Adil a mediados do 1211[25][23] e enviou emisarios ao papa Inocencio para solicitar que predicase unha cruzada nova[24].
Conflitos
[editar | editar a fonte]María morreu pouco despois de parir á súa filla Isabella, a finais do 1212[28][29]. A súa morte desencadeou unha disputa legal, xa que Xoán de Ibelín (que administrara o reino até a coroación de Xoán) puxo en cuestión o dereito do rei viúvo a gobernar[28][30]. Este enviou a Raúl de Merencourt, bispo de Sidón, a Roma para obter a axuda da Santa Sé[31]. O papa confirmou que Xoán era o señor lexítimo de Terra Santa a comezos de 1213, e instou os prelados a apoialo con sancións eclesiásticas se resultaba necesario[32]. A maioría dos señores feudais xerosolimitanos permaneceron leais ao rei e admitiron o seu dereito a administrar o reino en nome da súa filla[33]; Pola súa banda, Xoán de Ibelín abandonou Terra Santa e instalouse en Chipre[[34].
As relacións entre Xoán de Brienne e Hugo I de Chipre eran tirantes[35]. Este ordenou o encarceramento dos seguidores de Xoán no seu reino, e só os liberou cando llo ordenou o papa Inocencio[35]. Durante a guerra de sucesión antioqueña, Xoán tomou partido por Bohemundo IV e os templarios contra Raimond Roupen e León I, rei da Cilicia armenia, a quen sostiveron Hugo e os hospitalarios[35]. Aínda así, Xoán enviou só cincuenta cabaleiros para loitar contra os armenios en Antioquía no 1213[36]. León I concluíu un tratado de paz cos templarios ese mesmo ano[37], e reconciliouse con Xoán[37]. Este desposou á filla primoxénita de León, Estefanía de Armenia (tamén coñecida como Rita), en 1214[37] e esta recibiu un dote de trinta mil besantes[38]. As disputas entre Xoán, León, Hugo e Bohemundo están documentadas nas cartas do papa nas que os insta a se reconciliaren antes de que a quinta cruzada alcanzase Terra Santa[38].
O papa Inocencio proclamou a quinta cruzada no 1213, co obxectivo principal de «liberar» Terra Santa (reconquistar Xerusalén)[39][40]. As primeiras tropas cruzadas, mandadas por Leopoldo VI de Austria, arribaron a Acre a principios de setembro de 1217[41]. André II de Hungría e o seu exército seguíronas ese mesmo mes[41], e Hugo I de Chipre e Bohemundo IV de Antioquía pronto se uniron a eles[38][42]. Aínda así, centenares de cruzados pronto volveron a Europa debido á fame negra que se desatou pola mala colleita do ano anterior[43]. Celebrouse un consello de guerra na tenda de André II, que se consideraba xefe do exército cruzado[43]. Con todo, outros dirixentes, particularmente Xoán, non recoñecían a autoridade do rei húngaro[42]. Os cruzados saquearon os arredores, terras de Al-Adil I, para obter víveres e forraxe, e obrigaron ao sultán a retroceder en novembro de 1217[44][45]. En decembro Xoán asediou a fortaleza aiubí do monte Tabor, coa soa colaboración de Bohemundo IV[42][46]. O asedio fracasou, o que, segundo o coetáneo Jacques de Vitry, «animou ao infiel»[42][47].
André II decidiu regresar ao seu reino; Hugo I e Bohemundo IV fixeron o propio e os tres abandonaron a cruzada a comezos de 1218[48]. A súa partida marcou o fin das ofensivas e o resto de cruzados dedicáronse a restaurar as fortificacións de Cesarea e Atlit[49]. Cando chegaron novas forzas desde o Sacro Imperio Romano Xermánico en abril, decidiuse invadir Exipto[50][51]. Os señores elixiron a Xoán xefe da campaña e acordaron entregarlle as terras que se conquistasen[52]. Porén, a súa autoridade era principalmente nominal[53], xa que de cando en cando logrou impola a un exército composto por tropas de tan diversas orixes[54].
Os cruzados cercaron Damieta, situada na beira do Nilo, en maio de 1218[55]. A pesar de que se apoderaron dunha torre estratéxica situada nunha illa próxima o 24 de agosto[53][52], Al-Kamil (que sucedera a Al-Adil I en Exipto) controlaba o tráfico do gran río[56]. En setembro chegaron reforzos de Italia, ao mando do enviado do papa Honorio III, o cardeal legado Pelagio, que se arrogou o mando da cruzada[57].
Os exipcios atacaron por sorpresa o campamento cruzado o 9 de outubro, pero Xoán descubriu a tempo a manobra[56]. As súas forzas aniquilaron a vangarda exipcia e desbarataron as unidades que a seguían[56]. Os cruzados construíron unha fortaleza flotante preto de Damieta, pero unha tormenta arrastrouna até cerca do lugar onde se atopaba o campamento inimigo[56]. Os exipcios apoderáronse dela e pasaron polas armas a case todos os defensores[56]. Só dous soldados escaparon con vida pero, acusados de covardía, foron axustizados por orde de Xoán[56]. Grazas ás tropas italianas que trouxera a Exipto, a influencia de Pelagio creceu nas reunións nas que se decidían as operacións militares[58]. As disputas con Xoán amolaban á tropa[59]. Parte desta decidiu pola súa conta asaltar o campamento inimigo o 29 de agosto de 1219, pero os exipcios vencérona e exterminárona[59]. A continuación e aproveitando o pánico desatado por este revés, os exipcios acometeron o campamento cruzado, que só se salvou grazas á presenza de ánimo e o esforzo de Xoán, os señores cruzados e os cabaleiros das ordes militares[59].
A finais de outubro, Al-Kamil enviou emisarios aos cruzados para devolverlles Xerusalén, Belén e Nazaret se se retiraban de Exipto[60]. Aínda que Xoán e os nobres se mostraron dispostos a aceptaren a proposta do sultán, Pelagio e os xefes das ordes militares opuxéronse; afirmaron que os musulmáns poderían recuperalas facilmente[60][61]. Así, os cruzados finalmente rexeitaron a oferta[61]. Al-Kamil tratou de abastecer Damieta enviando víveres a través do campamento cruzado, pero os seus homes foron capturados o 3 de novembro[62]. Dous días máis tarde, os cruzados asaltaron a cidade e conquistárona[63]. Pelagio reclamouna para a Igrexa, pero tivo que recoñecer o dereito de Xoán a administrala (polo menos temporalmente) cando este ameazou con abandonar a campaña[63]. Segundo Xoán de Joinville, Xoán recibiu un terzo do botín[64]; existen moedas co seu nome acuñadas nos meses que seguiron á conquista da cidade[65]. Mentres isto sucedía no sur, Al-Mu'azzam Isa, sultán de Damasco, invadiu o Reino de Xerusalén e saqueou Cesarea antes de que acabase o 1219[66].
O sogro de Xoán, León I de Armenia, morreu varios meses antes da conquista de Damieta. Legou o seu reino á súa filla Isabella, aínda menor de idade[67]. Tanto Xoán como Raimond Roupen de Antioquía (sobriño de León) impugnaron a validez do testamento e reclamaron para si o goberno do Reino de Cilicia[65]. Nunha carta de febreiro de 1220, o papa Honorio declarou a Xoán lexítimo herdeiro de León[68]. Para defender a súa reclamación de Cilicia, Xoán deixou Damieta e regresou ao Reino de Xerusalén cara á Semana Santa do 1220[69][70]. Aínda que a vitoriosa campaña de Al-Mu'azzam Isa' do ano anterior tamén impeliu a Xoán a abandonar Exipto e volver ao seu reino, tanto Jacques de Vitry como outros cronistas da cruzada afirman que abandonou o exército cruzado[71].
Estefanía faleceu pouco despois do regreso de Xoán[72]. As fontes contemporáneas acusárono da súa morte repentina, afirmando que lle propinou unha malleira cando ouviu que tratara de envelenar á súa filla Isabella[71]. O único fillo varón do matrimonio morreu tamén algunhas semanas máis tarde, o que eliminou os dereitos de Xoán ao trono armenio[72]. Pouco despois, o papa Honorio, sabedor das mortes de Estefanía e do seu fillo, declarou a Raimond Roupen señor lexítimo de Cilicia e ameazou a Xoán con escomungalo se reclamaba a herdanza da súa defunta esposa[73].
Xoán tardou varios meses en volver unirse aos cruzados en Exipto[74]. Segundo unha carta dos prelados de Terra Santa a Filipe II de Francia, a falta de fondos foi a razón de que o rei non puidese deixar o reino[74]. Como o seu sobriño Gualterio IV se achegaba á maioría de idade, Xoán entregoulle o condado de Brienne en 1221[75]. Durante a ausencia de Xoán de Exipto, Al-Kamil reiterou a súa oferta de devolver Terra Santa ao Reino de Xerusalén en xuño de 1221; Pelagio rexeitouna novamente[76] Xoán regresou a Exipto e retomou a cruzada o 6 de xullo de 1221 por orde do papa Honorio[77].[76].
Os xefes do exército cruzado decidiron continuar a invasión de Exipto, a pesar da enérxica oposición de Xoán (segundo Filipe de Aubigny)[77][78]. Os cruzados achegáronse a El Mansura, pero os exipcios cercaron o seu campamento[79]. Superado en número polo inimigo, Pelagio asinou o 28 de agosto unha tregua de oito anos con Al-Kamil a cambio de devolver Damieta[80]. Xoán contouse entre os xefes da cruzada que permaneceron como reféns do sultán ata que o exército cruzado se retirou de Damieta o 8 de setembro[80].
Negociacións
[editar | editar a fonte]Despois do fracaso da quinta cruzada, Xoán regresou ao seu reino[81][82]. Ao pouco mercadores xenoveses e pisanos encerelláronse en refregas en Acre que danaron parte da cidade[82]. Segundo un cronista xenovés, Xoán tomou partido polos pisanos e os xenoveses abandonaron a cidade e mudáronse a Beirut[82].
Xoán foi o primeiro rei de Xerusalén que visitou Europa[83]; decidira solicitar a axuda das potencias cristiás xa antes de volver de Exipto[84]. Desexaba tamén atopar un marido adecuado para a súa filla, para asegurar a continuidade do goberno cristián de Terra Santa[82]. Nomeou a Odón de Montbéliard bailío para administrar o Reino de Xerusalén na súa ausencia[85][86].
Marchou a Italia en outubro de 1222 para asistir a unha conferencia sobre unha nova cruzada[85][86]. Por petición de Xoán, o papa Honorio declarou que todas as terras conquistadas durante a cruzada terían que entregarse ao Reino de Xerusalén[87] O papa e o emperador Frederico II reuníronse en Ferentino en marzo de 1223 para trazar a campaña[88]; Xoán asistiu tamén[89]. Prometeu entregar á súa filla en matrimonio a Frederico despois de que este se comprometese a lle entregar o goberno vitalicio do Reino de Xerusalén[89].
Partiu logo a Francia, a pesar de que Filipe II estaba descontento porque o excluíuron da decisión sobre o matrimonio de Isabella[90]. Matilda I, condesa de Nevers, Erard II de Chacenay, Albert, abade de Vauluisant, e outros magnates solicitáronlle que interviñese nas súas disputas, indicando para xustificalo a estima en que o tiñan na patria[91]. Xoán asistiu ao funeral de Filipe II na basílica de Saint-Denis en xullo[90]; O defunto legou máis de cento cincuenta mil marcos para a defensa de Terra Santa[87][90]. A continuación, Xoán visitou Inglaterra; volto a Francia, tratou de mediar para que esta e Inglaterra asinasen a paz[92].
Peregrinou a Santiago de Compostela en marzo de 1224[93][94]. Segundo a Crónica latina dos reis de Castela, acudiu ao reino de León para desposar a unha das fillas maiores de Afonso VIII de León e Galicia (Sancha ou Dulce) xa que este lle prometeu o reino se o facía[94]. Este matrimonio podería desbaratar o acceso ao trono do medio irmán das irmás, Fernando III de Castela[94]. para evitalo, a nai de Fernando, Berenguela de Castela, decidiu dar a Xoán a man da súa filla Berenguela[94]. Aínda que non todos os historiadores modernos aceptan os feitos tal como os narra a crónica e en especial o compromiso de Xoán con Dulce ou Sancha, concordan en que a raíña de Francia (Branca de Castela, irmá da raíña Berenguela) desempeñou un papel destacado en convencer a Xoán para que desposase á súa sobriña[93][94]. O matrimonio celebrouse en Burgos en maio de 1224[95].
Aproximadamente tres meses máis tarde, Xoán reuniuse con Henrique, fillo do emperador Frederico, en Metz e visitou o seu titor, Enxelberto, arcebispo de Colonia[96]. Desde alí pasou logo ao sur de Italia, onde persuadiu ao papa Honorio para que lle permitise a Frederico aprazar dous anos a súa cruzada[96]. Frederico casou coa filla de Xoán, Isabella (que fora coroada raíña de Xerusalén), o 9 de novembro de 1225[97]. Con todo, a relación entre xenro e sogro volveuse tirante[98]. Segundo unha versión da crónica de Ernoul, Xoán púxose a mal co seu xenro porque este seduciu a unha sobriña de Isabella que a servía como dama de compañía[98]. Na outra versión da crónica, Xoán reprendía a miúdo a Frederico, que concluíu que aquel desexaba apoderarse do Reino de Sicilia para o seu sobriño Gualterio IV de Brienne e por iso tratou de asasinalo (Xoán fuxiu a Roma)[98]. Frederico declarou que o seu sogro perdera os seus dereitos ao Reino de Xerusalén tras o matrimonio de Isabella e se arrogou o título de rei de Xerusalén desde decembro de 1225[98][99]. Balián de Sidón, Simón de Maugastel, arcebispo de Tiro, e outros notábeis xerosolimitanos que escoltaran a Isabella a Italia recoñeceron a Frederico como rei lexítimo[100].
Ao servizo do papa
[editar | editar a fonte]O papa Honorio non aceptou o acto unilateral de Frederico e seguiu tendo a Xoán como lexítimo rei de Xerusalén[101]. Para tratar de aproveitar a resurrección da liga Lombarda (unha alianza de cidades italianas setentrionais) contra Frederico, Xoán acudiu a Boloña[102]. Segundo unha versión da crónica de Ernoul, rexeitou o ofrecemento da liga de facelo rei[102]. Aínda que este relato é falso, Xoán si que permaneceu máis de seis meses na cidade[103]. O moribundo Honorio nomeouno reitor do Patrimonio de San Pedro na Toscana (parte dos Estados pontificios) o 27 de xaneiro de 1227[104][105], e solicitou a Frederico que lle devolvese o trono de Xerusalén[102]. O sucesor de Honorio, Gregorio IX, confirmou o cargo de Xoán nos Estados pontificios o 5 de abril[106] e ordenou aos cidadáns de Perugia que o elixisen podestà[106].
Gregorio escomungou a Frederico o 29 de setembro de 1227, acusándoo de faltar ao seu xuramento de dirixir unha cruzada a Terra Santa[107]; o emperador enviara dúas frotas a Siria, pero unha epidemia obrigounos a regresaren[108]. A súa muller, Isabella, morreu despois de dar a luz un fillo, Conrado, en maio de 1228[109]. Frederico seguiu considerándose rei de Xerusalén, de acordo co precedente establecido por Xoán durante a minoría de idade de Isabella[109].
O exército imperial ao mando de Reinaldo de Urslingen invadiu os Estados pontificios en outubro de 1228[110]. Aínda que Xoán o derrotou nunha serie de batallas, necesitouse unha contraofensiva papal na Italia meridional para obrigar a Reinaldo a se repregar a Sulmona[111]. Xoán asediouna[111]. antes de regresar a Perugia a principios de 1229 para concluír as negociacións con enviados do Imperio latino de Constantinopla, que lle ofrecían a coroa imperial[111].
Emperador de Constantinopla
[editar | editar a fonte]Elección
[editar | editar a fonte]O emperador latino de Constantinopla, Roberto I, faleceu en xaneiro de 1228[112]. O seu irmán Balduíno II sucedeuno no trono, pero necesitábase un rexente para o imperio, xa que o novo rei apenas contaba dez anos de idade[112]. Iván Asen II de Bulgaria mostrouse disposto a asumir a rexencia, pero os baróns do imperio sospeitaban que o que desexaba era unir os territorios imperiais ao seu reino[113]. Por tanto, ofreceron a coroa imperial a Xoán, aliado da Santa Sé[113].
Despois de meses de negociación, Xoán e os representantes imperiais asinaron un tratado en Perugia o 9 de abril de 1229 que confirmou o papa Gregorio[114][115] Xoán recibía o título vitalicio de emperador, como colega de Balduíno, quen desposaría a María, a filla de Xoán; este quedaría como soberano principal do imperio[114][115] O tratado tamén estipulou que, aínda que Balduíno obtería o goberno dos territorios de Asia Menor cando cumprise os vinte anos, quedaría como monarca só tras a morte de Xoán[114][115] Xoán tamén esixiu que os seus fillos herdarían Epiro e Macedonia, pero estas dúas rexións pertencían aínda ao emperador de Tesalónica Teodoro Comneno Ducas[114].
Despois de asinar o tratado, Xoán regresou a Sulmona[111]. Segundo Mateu de París, permitiu que os seus soldados saqueasen os mosteiros próximos para obter diñeiro[111]. Levantou o asedio de Sulmona a comezos do 1229 para unirse ao cardeal Pelagio, que emprendeu unha campaña contra Capua[116]. Frederico II (que se coroou rei de Xerusalén na igrexa do Santo Sepulcro) regresou a Italia e obrigou ás forzas papais a se repregaren[117][118].
Xoán viaxou a Francia a recrutar soldados que o acompañasen a Constantinopla[119]. O papa Gregorio non proclamou a expedición ao Imperio latino cruzada, pero prometeu que os que se unisen a ela gozarían dos mesmos privilexios que se concedían aos cruzados[119]. Durante a súa estancia en Francia, Xoán actuou novamente de intermediario entre magnates[120] e asinou un tratado de paz entre Lois IX de Francia e Hugo X de Lusignan[120]. Regresou a Italia a finais do 1230[121]. Os seus enviados asinaron un tratado con Jacopo Tiepolo, Dogo de Venecia, quen accedeu a transportalo co seu exército de cincocentos cabaleiros e cinco mil peóns a Constantinopla a cambio da confirmación dos privilexios e posesións venecianos no Imperio latino[122]. Pouco despois de que partise cara a Constantinopla en agosto, o papa Gregorio aceptou o dereito de Frederico II ao goberno do Reino de Xerusalén[123].
Reinado
[editar | editar a fonte]Xoán foi coroado emperador en Santa Sofía no outono de 1231[124]; para entón, o seu territorio estaba limitado a Constantinopla e a súa comarca[125]. Os venecianos animárono a acometer a Xoán III Vatatzés, emperador de Nicea, que sostiña unha rebelión contra eles en Creta[126]. Segundo a Crónica Rimada de Philippe Mouskes, Xoán non podía facer «nin a guerra nin a paz»[124]; ao non invadir o Imperio de Nicea, a maioría dos cabaleiros franceses que o acompañaron a Constantinopla regresaron a Francia tras a súa coroación[124]. para mellorar a situación financeira do Imperio latino, Godofredo II de Acaia (o vasalo máis poderoso de Xoán) pagoulle un subsidio anual de trinta mil hyperpyra a partir do momento da coroación[125][126].
Aproveitando a invasión de Rodas emprendida por Xoán III Vatatzés, Xoán realizou unha expedición militar en Anatolia contra o Imperio de Nicea en 1233[127][128]. Esta campaña, que durou tres ou catro meses, apenas obtivo resultados; os latinos só se apoderaron de Pegai (a moderna Biga)[127]. Co beneplácito de Xoán, dous frades franciscanos e outros tantos dominicos negociaron unha tregua entre o Imperio latino e Nicea en 1234, que nunca chegou a asinarse[129]. Nunha carta que describe as súas negociacións, os frades describiron a Xoán como un «esmoleiro» abandonado polos seus mercenarios[130].
Xoán III Vatatzés e Ivan Asen II asinaron a principios de 1235 un tratado para repartirse o Imperio latino[131]. Vatatzés pronto arrebatou ao imperio os seus últimos territorios en Asia Menor e Galípoli, e Asen ocupou os territorios latinos en Tracia[131]. Asediaron Constantinopla para concentrar as forzas latinas alí e permitir aos coligados invadir outros territorios[132]. Aínda que os sitiadores eran máis numerosos que os defensores, Xoán repeleu todos os asaltos ás murallas da cidade[133]. Mouskes comparouno con Héctor, Roldán, Ogier o Danés e Xudas Macabeo na súa Crónica Rimada, destacando a súa gallardía[133].
Unha frota veneciana forzou á escuadra de Vatatzés a retirarse pero, tras a marcha dos venecianos, os gregos e búlgaros renovaron o cerco en novembro de 1235[134]. Xoán enviou misivas a monarcas europeos e ao papa, solicitando auxilio[134]. Como a supervivencia do Imperio latino estaba en perigo, o papa Gregorio instou aos cruzados a defender Constantinopla no canto de Terra Santa[135]. Unha forza naval combinada de naves achegadas por Venecia, Xénova, Pisa e Godofredo II de Acaia rompeu o bloqueo naval[134]. Como Asen abandonou logo a alianza con Vatatzés, este tivo que levantar o asedio en 1236[136].
Morte
[editar | editar a fonte]Segundo tres autores do século XIII (Mateu de París, Salimbene di Adam e Bernardo de Besse), Xoán fíxose monxe franciscano antes de morrer[137]. Coinciden en que o empeoramento da súa saúde contribuíu á súa conversión, pero Bernardo tamén menciona unha visión que Xoán tivo en varias ocasións na que un ancián lle encarecía que ingresase na orde[138]. A maioría das fontes do século XIII afirman que Xoán faleceu entre o 19 e o 23 de marzo de 1237[139]; foi o único emperador latino que morreu en Constantinopla[139].
Segundo os Contos do xograr de Reims, enterrárono en Santa Sofía[140]. Perry escribiu que Xoán, que morreu xa frade, puido ser enterrado na igrexa franciscana dedicada a san Francisco de Asís que se construíu en Gálata durante o seu reinado[140]. Unha terceira teoría, proposta por Giuseppe Gerola, indica que Gutierre VI, conde de Brienne, puido encargar para Xoán unha tumba decorada co escudo do Imperio latino na basílica do santo en Asís[141].
Familia
[editar | editar a fonte]- A primeira muller de Xoán (María a Marquesa, nada en 1191) era filla única de Isabel de Xerusalén e do seu segundo marido, Conrado de Montferrato[142]. María herdou Xerusalén da súa nai no 1205[143]. O único vástago de Xoán e María, Isabel (tamén chamada Iolanda), naceu a finais do 1212[29][28].
- Estefanía de Armenia, segunda esposa de Xoán, casou con el en 1214[28]. Era a filla única de León II de Armenia e da súa primeira muller, Isabel (sobriña de Sibila, a terceira muller de Bohemundo III de Antioquía)[144]. Estefanía deu a luz un fillo no 1220, pero ambos morreron ese mesmo ano[72].
- Xoán desposou á súa terceira muller, Berenguela de León, en 1224[145]; Esta nacera cara ao 1204, filla de Afonso VIII de León e Galicia e Berenguela de Castela[146][147]. A primoxénita do matrimonio entre Xoán e Berenguela, María, naceu no 1224.[83]. O primeiro home, Afonso, a finais da década de 1220.[83]. O curmán de Berenguela, Lois IX de Francia, nomeouno gran chambelán de Francia e logo adquiriu por matrimonio o Condado de Eu[148]. O segundo fillo varón de Xoán, Lois, naceu ao redor do 1230.[83]. O benxamín, chamado Xoán como o seu pai e que naceu a principios da década de 1230, chegou a alcanzar o cargo de gran mordomo de Francia[149].
Devanceiros
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Buckley 1957, pp. 316–318.
- ↑ 2,0 2,1 Perry 2013, p. 16.
- ↑ Xurxo Acropolita: The History (ch. 27.), p. 184.
- ↑ Buckley 1957, p. 315.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 Buckley 1957, p. 316.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 Runciman 1989, p. 132.
- ↑ Buckley 1957, pp. 318–319.
- ↑ Perry 2013, pp. 25–26.
- ↑ Buckley 1957, p. 319.
- ↑ 10,0 10,1 10,2 10,3 Perry 2013, p. 26.
- ↑ 11,0 11,1 Perry 2013, p. 27.
- ↑ Perry 2013, pp. 29-30.
- ↑ Perry 2013, p. 24.
- ↑ 14,0 14,1 14,2 Perry 2013, p. 29.
- ↑ Perry 2013, p. 30.
- ↑ Perry 2013, p. 33.
- ↑ 17,0 17,1 17,2 Perry 2013, p. 35.
- ↑ Perry 2013, p. 36.
- ↑ 19,0 19,1 19,2 Perry 2013, p. 39.
- ↑ 20,0 20,1 20,2 Perry 2013, p. 42.
- ↑ Perry 2013, p. 47.
- ↑ Perry 2013, pp. 47-48.
- ↑ 23,0 23,1 23,2 23,3 23,4 Runciman 1989, p. 133.
- ↑ 24,0 24,1 24,2 Runciman 1989, pp. 103, 133.
- ↑ 25,0 25,1 25,2 Perry 2013, p. 56.
- ↑ Perry 2013, p. 55.
- ↑ 27,0 27,1 Perry 2013, p. 49.
- ↑ 28,0 28,1 28,2 28,3 Runciman 1989, p. 134.
- ↑ 29,0 29,1 Perry 2013, p. 68.
- ↑ Perry 2013, pp. 68-70.
- ↑ Perry 2013, p. 73.
- ↑ Perry 2013, p. 74.
- ↑ Perry 2013, pp. 70-71.
- ↑ Perry 2013, p. 70.
- ↑ 35,0 35,1 35,2 Perry 2013, p. 77.
- ↑ Perry 2013, p. 78.
- ↑ 37,0 37,1 37,2 Perry 2013, p. 79.
- ↑ 38,0 38,1 38,2 Perry 2013, p. 80.
- ↑ Perry 2013, p. 90.
- ↑ Van Cleve 1969, pp. 378-379.
- ↑ 41,0 41,1 Runciman 1989, p. 147.
- ↑ 42,0 42,1 42,2 42,3 Runciman 1989, p. 148.
- ↑ 43,0 43,1 Perry 2013, p. 91.
- ↑ Perry 2013, pp. 91-92.
- ↑ Van Cleve 1969, p. 390.
- ↑ Van Cleve 1969, pp. 391–392.
- ↑ Perry 2013, p. 92.
- ↑ Van Cleve 1969, p. 393.
- ↑ Van Cleve 1969, p. 394.
- ↑ Van Cleve 1969, p. 395.
- ↑ Runciman 1989, p. 150.
- ↑ 52,0 52,1 Perry 2013, p. 99.
- ↑ 53,0 53,1 Van Cleve 1969, p. 398.
- ↑ Perry 2013, pp. 99-100.
- ↑ Van Cleve 1969, p. 397.
- ↑ 56,0 56,1 56,2 56,3 56,4 56,5 Van Cleve 1969, p. 404.
- ↑ Van Cleve 1969, pp. 402-403.
- ↑ Van Cleve 1969, p. 407.
- ↑ 59,0 59,1 59,2 Runciman 1989, p. 159.
- ↑ 60,0 60,1 Runciman 1989, p. 161.
- ↑ 61,0 61,1 Perry 2013, p. 103.
- ↑ Van Cleve 1969, p. 417.
- ↑ 63,0 63,1 Runciman 1989, p. 162.
- ↑ Perry 2013, pp. 109-110.
- ↑ 65,0 65,1 Perry 2013, p. 109.
- ↑ Perry 2013, p. 113.
- ↑ Runciman 1989, p. 164.
- ↑ Perry 2013, p. 112.
- ↑ Perry 2013, p. 111.
- ↑ Van Cleve 1969, p. 420.
- ↑ 71,0 71,1 Perry 2013, pp. 111-112.
- ↑ 72,0 72,1 72,2 Runciman 1989, p. 165.
- ↑ Perry 2013, pp. 114-115.
- ↑ 74,0 74,1 Perry 2013, p. 115.
- ↑ Perry 2013, p. 116.
- ↑ 76,0 76,1 Runciman 1989, p. 166.
- ↑ 77,0 77,1 Van Cleve 1969, p. 424.
- ↑ Perry 2013, p. 118.
- ↑ Van Cleve 1969, pp. 425-426.
- ↑ 80,0 80,1 Runciman 1989, p. 169.
- ↑ Van Cleve 1969, p. 428.
- ↑ 82,0 82,1 82,2 82,3 Perry 2013, p. 120.
- ↑ 83,0 83,1 83,2 83,3 Perry 2013, p. 164.
- ↑ Perry 2013, pp. 118-119.
- ↑ 85,0 85,1 Perry 2013, p. 121.
- ↑ 86,0 86,1 Runciman 1989, pp. 173-174.
- ↑ 87,0 87,1 Runciman 1989, p. 174.
- ↑ Van Cleve 1969, p. 438.
- ↑ 89,0 89,1 Perry 2013, p. 124.
- ↑ 90,0 90,1 90,2 Perry 2013, p. 127.
- ↑ Perry 2013, pp. 128-129.
- ↑ Perry 2013, p. 128.
- ↑ 93,0 93,1 Perry 2013, p. 129.
- ↑ 94,0 94,1 94,2 94,3 94,4 Bianchini 2012, p. 186.
- ↑ Perry 2013, pp. 130-131.
- ↑ 96,0 96,1 Perry 2013, p. 125.
- ↑ Van Cleve 1969, p. 443.
- ↑ 98,0 98,1 98,2 98,3 Perry 2013, p. 135.
- ↑ Runciman 1989, p. 176.
- ↑ Perry 2013, p. 136.
- ↑ Perry 2013, p. 139.
- ↑ 102,0 102,1 102,2 Perry 2013, p. 140.
- ↑ Perry 2013, p. 141.
- ↑ Perry 2013, p. 142.
- ↑ Runciman 1989, p. 177.
- ↑ 106,0 106,1 Perry 2013, p. 143.
- ↑ Van Cleve 1969, p. 447.
- ↑ Van Cleve 1969, p. 446.
- ↑ 109,0 109,1 Perry 2013, p. 145.
- ↑ Perry 2013, pp. 145, 147.
- ↑ 111,0 111,1 111,2 111,3 111,4 Perry 2013, p. 147.
- ↑ 112,0 112,1 Lock 1995, p. 62.
- ↑ 113,0 113,1 Perry 2013, p. 150.
- ↑ 114,0 114,1 114,2 114,3 Lock 1995, p. 63.
- ↑ 115,0 115,1 115,2 Perry 2013, p. 151.
- ↑ Perry 2013, p. 148.
- ↑ Runciman 1989, p. 189.
- ↑ Perry 2013, pp. 148-149.
- ↑ 119,0 119,1 Perry 2013, p. 152.
- ↑ 120,0 120,1 Perry 2013, p. 153.
- ↑ Perry 2013, p. 154.
- ↑ Perry 2013, p. 155.
- ↑ Perry 2013, p. 156.
- ↑ 124,0 124,1 124,2 Perry 2013, p. 162.
- ↑ 125,0 125,1 Lock 1995, p. 65.
- ↑ 126,0 126,1 Perry 2013, p. 166.
- ↑ 127,0 127,1 Perry 2013, p. 172.
- ↑ Treadgold 1997, p. 723.
- ↑ Perry 2013, p. 173.
- ↑ Perry 2013, p. 161.
- ↑ 131,0 131,1 Treadgold 1997, p. 724.
- ↑ Perry 2013, p. 174.
- ↑ 133,0 133,1 Perry 2013, p. 175.
- ↑ 134,0 134,1 134,2 Perry 2013, p. 176.
- ↑ Perry 2013, p. 179.
- ↑ Perry 2013, p. 177.
- ↑ Perry 2013, p. 180.
- ↑ Perry 2013, p. 181.
- ↑ 139,0 139,1 Perry 2013, p. 182.
- ↑ 140,0 140,1 Perry 2013, p. 183.
- ↑ Perry 2013, p. 183–185.
- ↑ Runciman 1989, pp. 30-32.
- ↑ Runciman 1989, p. 104.
- ↑ Runciman 1989, p. 87.
- ↑ Bianchini 2012, p. 188.
- ↑ Perry 2013, p. 130.
- ↑ Bianchini 2012, p. 187.
- ↑ Perry 2013, p. 165.
- ↑ Perry 2013, pp. 164-165.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Acropolita, Xurxo (2007). George Akropolites: The History. Oxford University Press. ISBN 978-0-19-921067-1.
- Bianchini, Janna (2012). The Queen's Hand: Power and Authority in the Reign of Berenguela of Castile. University of Pennsylvania Press. ISBN 978-0-8122-4433-5.
- Böhm, Ludwig (1938). Johann von Brienne, König von Jerusalem, Kaiser von Konstantinopel (um 1170-1237) (en alemán). Heidelberg.
- Buckley, James Michael (1957). "The Problematical Octogenarianism of John of Brienne". Speculum (The University of Chicago Press) 32 (2): 315–322. JSTOR 2849122. doi:10.2307/2849122.
- Van Cleve, Thomas C. (1969). "The Fifth Crusade; The Crusade of Frederick II". En Setton, Kenneth M.; Wolff, Robert Lee; Hazard, Harry. A History of the Crusades, Volume II: The Later Crusades, 1189–1311. The University of Wisconsin Press. pp. 377–462. ISBN 0-299-04844-6.
- Fedorenko, Gregory (2008). The Crusading Career of John of Brienne, c. 1210–1237 (en inglés) 52. Nottingham Medieval Studies. ISSN 0078-2122. doi:10.1484/J.NMS.3.428.
- Grousset, René (1936). Histoire des croisades et du royaume franc de Jérusalem - III. 1188-1291 L'anarchie franque (en francés). París: Perrin.
- Grousset, René (1979) [1949]. L'Empire du Levant : Histoire de la Question d'Orient (en francés). París: Payot. ISBN 2-228-12530-X.
- Lafitau, Joseph François (1727). Histoire de Jean de Brienne, Roy de Jérusalem et Empereur de Constantinople (en francés). París: Moette u. a.
- Lock, Peter (1995). The Franks in the Aegean, 1204–1500. Longman. ISBN 0-582-05140-1.
- Perry, Guy (2013). John of Brienne: King of Jerusalem, Emperor of Constantinople, c. 1175–1237. Cambridge University Press. ISBN 978-1-107-04310-7.
- Prévost, M. (1956). "Brienne (Maison de) et Brienne (Jean de)". Dictionnaire de Biographie Française (en francés).
- Runciman, Steven (1989). A History of the Crusades, Volume III: The Kingdom of Acre and the Later Crusades. Cambridge University Press. ISBN 0-521-06163-6.
- Schein, Sylvia (1991). "Johann V. v. Brienne.". Lexikon des Mittelalters (en alemán). München/Zürich: Artemis & Winkler. ISBN 3-7608-8905-0.
- Stürner, Wolfgang (1938). "Friedrich II. 1194–1250.". Sonderausgabe. 3. bibliographisch vollständig aktualisierte und um ein Vorwort und eine Dokumentation mit ergänzenden Hinweisen erweiterte Auflage in einem Band (en alemán). Darmstadt: Primus-Verlag. ISBN 978-3-89678-664-7.
- Treadgold, Warren (1997). A History of the Byzantine State and Society. Stanford University Press. ISBN 0-8047-2630-2.