Roberto I de Constantinopla

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Roberto I de Constantinopla
Robertus -Courtenay.jpg
Nacemento1201
Falecementoxaneiro de 1228
 Peloponeso
NacionalidadeFrancia
Ocupacióngobernante
PaiPedro II de Courtenay
NaiIolanda de Flandres
CónxuxeSenhora de Neuville
IrmánsIolanda de Courtenay, Inés de Courtenay (princesa de Acaia), Mathilde von Courtenay, Margarida de Namur, Elisabeth of Courtenay, María de Courtenay, Philip II, Marquis of Namur, Balduíno II de Constantinopla e Henry II of Namur
editar datos en Wikidata ]

Roberto I de Constantinopla ou tamén Roberto de Courtenay, nado en 1201 e finado en Morea, Grecia, en xaneiro de 1228, foi emperador latino de Constantinopla desde 1221 até 1228. Foi tan ineficaz que o Imperio latino (consolidado polo seu tío, Henrique de Flandres) foi reducido enormemente ao final do seu reinado.

Roberto era un fillo de Pedro II de Courtenay (morreu a principios de 1219) e Iolanda de Flandres e Hainaut, que foi a emperatriz rexente dos seus fillos até a súa morte en setembro de 1219. O seu fillo maior, Filipe de Namur, rexeitou abandonar Francia e renunciou á sucesión en favor de Roberto, un mozo irresponsable, que foi coroado en Constantinopla o 25 de marzo de 1221. Roberto comprometeuse con Eudoxia Lascarina, filla do emperador grego de Nicea, Teodoro I Láscaris. En 1225 o sucesor de Teodoro, Xoán III Ducas Vatatzés, obrigou a Roberto a ceder a maior parte dos territorios orientais do seu Imperio latino en Asia Menor, e para 1228 Teodoro Comneno Ducas, o déspota de Epiro, apoderouse de Tesalónica e foi coroado alí emperador. Mentres tanto Roberto repudiara a Eudoxia e tomou unha amante francesa, que foi mutilada na revolta que seguiu polos propios baróns de Roberto. Fuxiu a Roma para pedir un resarcimiento ao Papa, quen o convenceu de volver a Constantinopla, pero na súa viaxe de regreso, a principios de 1228, morreu en Morea.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Despois da morte sen herdeiros de Henrique de Flandres, emperador latino de Constantinopla, a coroa imperial foi ofrecida ao rei André II de Hungría, quen se negou, logo a Pedro II de Courtenay, que si aceptara. Mentres a súa esposa Iolanda, irmá de Henrique de Flandres, foi a Constantinopla por barco, Pedro de Courtenay preferiu ir por terra, pero foi atacado e tomado prisioneiro en Durazzo por Teodoro Comneno Ducas, déspota de Epiro en 1217. Morreu pouco tempo despois sen ver Constantinopla. Iolanda de Flandres aseguraría o goberno imperial, pero falecería o 24 ou 26 de agosto de 1219.

Os baróns propuxeron a coroa de Constantinopla a Filipe, o fillo maior de Pedro II e Iolanda, que preferiu conservar o Marquesado de Namur e rexeitou a coroa imperial. Roberto, o segundo fillo, aceptou e partiu de Namur no outono de 1220. Roberto pasou as festas de Nadal e parte do inverno na corte de André II de Hungría, o seu cuñado, logo retomaría o camiño a Constantinopla, onde sería coroado o 25 de marzo de 1221, na Igrexa de Santa Sofía.

Buscaba unicamente a paz, pero o Imperio era nese entón presa das ambicións de dous dos seus veciños, o Despotado de Epiro e o Imperio de Nicea, ambos os dous derivados da desmembración do Imperio bizantino en 1204 e que trataban de recuperar Constantinopla dos latinos. A primeira hostilidade proviña de Teodoro Comneno Ducas, déspota de Epiro, que invadiu Tesalia en 1221 e conquistou o Reino de Tesalónica en 1224 proclamándose emperador naquela cidade. O seu fillo, Demetrio de Montferrato partiu cara a Occidente para buscar axuda, pero non puido obtela. Roberto, aínda que estaba a combater contra o Imperio de Nicea, enviou un exército na súa axuda, pero foi atacado fronte a Serres e tivo que retirarse a Tracia.

Fronte a Teodoro I Láscaris, o emperador de Nicea, Roberto non tivo moito éxito. Teodoro casou con María de Courtenay, a irmá de Roberto e, tendo en conta que tiña dereitos ao Imperio, conquistou parte da costa asiática do Imperio latino. Para facer fronte a Teodoro Comneno Ducas, Roberto negociou unha tregua con Teodoro Láscaris, que, vendo o carácter indolente de Roberto, decidiu dar á súa terceira filla en matrimonio para un mellor control, pero a oposición do patriarca grego nas relacións sobre estes matrimonios termina frustrándoo. Teodoro Láscaris morreu pouco despois, e o seu xenro Xoán III Ducas Vatatzés sucédeo a expensas dos irmáns de Teodoro, Aleixo e Isaac Láscaris. Este último fuxiu a Constantinopla e convenceu a Roberto de facer a guerra a Xoán Vatatzés, pero o exército latino sufriu unha severa derrota en Pemaneno en 1224. Roberto perde Bitinia, os irmáns Láscaris son capturados e cegados. Aproveitando o seu éxito, Xoán Vatatzés invade Europa e toma a cidade de Adrianópolis, pero esta última é tomada en 1225 por Teodoro Comneno. A partir desa data, o Imperio latino está condenado a desaparecer, e a única incógnita era quen sería o vencedor, o emperador de Epiro ou o de Nicea.

Descrito como parvo polos cronistas da época, Roberto de Courtenay reaccionou debilmente ante estes reveses, en 1224 buscou reforzos no rei Luís VIII de Francia, que, preparándose para ir a unha cruzada contra os albixenses, non llos puido enviar. En 1225, Guillerme VI de Montferrato, tratou de recuperar o Reino de Tesalónica en nome do seu irmán Demetrio, pero morreu o 17 de setembro de 1225 dando lugar á retirada do seu exército.

Roberto perdeu interese no seu Imperio e non tirou proveito da rivalidade entre o Despotado de Epiro e o Imperio de Nicea. Desprezado polos seus baróns e desacreditado pola perda de Adrianópolis, Tracia e Bitinia, entregouse á libertinaxe e os praceres. Roberto raptou á filla comprometida dun cabaleiro de Neuville-en-Artois e casaron en segredo. O noivo é expulsado por uns cantos baróns que irromperon no palacio para cortar os beizos e o nariz da noiva, sen que Roberto puidese facer nada para protexela. Avergoñado e temendo pola súa seguridade, fuxiu a Roma ante o Papa Honorio III, quen lle reprochou a súa conduta e ordenoulle regresar a Constantinopla e redimir a súa conduta, pero Roberto morre dunha enfermidade ao seu regreso, durante unha escala en Morea.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]