Iolanda de Xerusalén
Iolanda de Xerusalén | ||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Emperatriz do Sacro Imperio Romano Xermánico | ||||||||
![]() | ||||||||
A morte de Iolanda de Xerusalén (do manuscrito de William of Tyre Historia e Old French Continuation, pintada en Acre, 13C. BNF | ||||||||
| ||||||||
Reinado | 1225 - 25 de abril de 1228 | |||||||
Outros títulos | Raíña consorte de Sicilia | |||||||
Nacemento | c. 1211 | |||||||
Falecemento | 25 de abril de 1228 Andria (Apulia) | |||||||
Predecesor | Constanza de Aragón | |||||||
Sucesor | Isabel de Inglaterra | |||||||
Cónxuxe/s | Frederico II | |||||||
Descendencia | Conrado | |||||||
Casa real | Casa de Brienne | |||||||
Proxenitores | Xoán de Brienne María de Montferrato | |||||||
Na rede | ||||||||
![]() ![]() ![]() | ||||||||
Iolanda de Brienne, nada en 1211 e finada en Andria o 25 de abril de 1228, tamén coñecida como Isabela II de Xerusalén, foi unha princesa de orixe francesa que se converteu en raíña de Xerusalén. Sucedeu á súa nai, María de Montferrato, cando esta morreu ao pouco tempo de nacer Iolanda.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Raíña nena[editar | editar a fonte]
Iolanda foi a filla única de María de Montferrato, raíña de Xerusalén, e de Xoán de Brienne.[1] A súa nai, María, era a filla da raíña Isabel de Xerusalén do seu segundo marido Conrado I, e herdeira, á morte da súa nai, do reino de Xerusalén. María morreu pouco despois do nacemento de Iolanda, posiblemente por febre puerperal.[2] Por mor disto, Iolanda foi proclamada raíña de Xerusalén cando só tiña uns días de idade. Debido a que o seu pai Xoán non tiña unha pretensión directa ao trono, el gobernou como rexente ata o seu matrimonio.
Matrimonio con Frederico II[editar | editar a fonte]
Iolanda casou con Frederico II Hohenstaufen, emperador do Sacro Imperio, o 9 de novembro de 1225, quen se implicou na Quinta Cruzada, enviando tropas desde Alemaña, pero non conseguiu acompañar ao exército directamente, malia que o incitaban a iso os papas Honorio III e máis tarde Gregorio IX, pois necesitaba consolidar a súa posición en Alemaña e Italia antes de embarcarse nunha cruzada. Con todo, Frederico de novo prometeu ir á cruzada logo da súa coroación como Sacro emperador Romano en 1220 por Honorio III.
Durante unha reunión entre Xoán de Brienne, o papa Honorio III e Frederico II na cidade de Ferentino en 1223, o destino de Iolanda quedou decidido: Frederico aceptou finalmente ir á cruzada, pero só como rei lexítimo de Xerusalén, e isto só era posible se casaba coa raíña Iolanda. Para entón Frederico era viúvo.[3] Este foi un plan do papa, quen esperaba que con este enlace comprometería firmemente ao emperador na quinta cruzada. O compromiso quedou confirmado, pero o emperador aínda atrasou a súa partida ata agosto de 1225, cando el e Iolanda quedaron casados por poderes na cidade Acre. Días despois, Iolanda foi coroada como raíña de Xerusalén.
A raíña agora coroada foi enviada a Italia e casou en persoa con Frederico II na catedral de Brindisi,[4] o 9 de novembro de 1225. Na cerimonia, proclamouse como rei Frederico de Xerusalén. Inmediatamente Frederico II procurou que o seu sogro, Xoán de Brienne, ata entón rexente, fose desposuído do cargo e os seus dereitos transferidos a el. Malia o seu novo cargo como rei de Xerusalén, Frederico II seguiu tomándose o seu tempo para poñerse en marcha, e en 1227, foi excomungado polo papa Gregorio IX por non cumprir con honor o seu voto de cruzado.
Morte[editar | editar a fonte]
Despois da voda, Iolanda foi recluída polo seu esposo. Pasou o seu tempo no harén de Frederico en Palermo.[4] En novembro de 1226 deu a luz ao seu primeiro fillo, unha nena, á que algunhas fontes chaman Margarita, que morreu en agosto de 1227.
Frederico finalmente partiu de Brindisi o 8 de setembro de 1227 cara a Xerusalén pero enfermou en Otranto, onde Luís IV, landgrave de Turinxia, fora levado a terra. Frederico pospuxo a viaxe mentres se recuperaba. Mentres tanto, Iolanda morreu logo de dar a luz ao seu segundo fillo, un neno, Conrado, en Andria, Bari, o 25 de abril de 1228.[4] Foi enterrada na catedral de Andria. Frederico finalmente embarcou para Xerusalén o 28 de xuño.
Frederico II reclamou o reino de Xerusalén á morte da súa esposa. Aínda que coroouse a si mesmo como rei de Xerusalén na Igrexa do Santo Sepulcro o 18 de marzo de 1229, gobernou como rexente en nome do seu fillo, establecendo unha tregua cos musulmáns en 1229 durante a Sexta Cruzada.
Devanceiros[editar | editar a fonte]
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ Steven Runciman, A History of the Crusades, Volume III: The Kingdom of Acre and the Later Crusades, (Cambridge University Press, 1989), 134.
- ↑ Guy Perry, John of Brienne: King of Jerusalem, Emperor of Constantinople, c.1175-1237, (Cambridge University Press, 2013), 68.
- ↑ David Abulafia, Frederick II: A Medieval Emperor, (Oxford University Press, 1988), 150.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 Jaroslav Folda, Crusader Art in the Holy Land, From the Third Crusade to the Fall of Acre, (Cambridge University Press, 2005), 148.
Outros títulos Nobiliarios | ||
---|---|---|
Precedido por Constanza de Aragón
|
Raíña consorte de Sicilia 1225–1228 |
Sucedido por Isabel de Inglaterra |
Emperatriz consorte do Sacro Imperio Raíña consorte de Alemaña 1225–1228 |
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Iolanda de Xerusalén ![]() |