Hyperpyron

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Hyperpyron de Xoán II Comneno (1118-1143), cuñado en Constantinopla (33 mm; 4,29 g). No anverso: pantocrátor de Cristo entronizado de fronte. No reverso: figuras de Xoán II e a Virxe María de fronte, sostendo a cruz patriarcal entre eles

O hyperpyron (do grego: νόμισμα ὑπέρπυρον; "moeda moi refinada") foi unha moeda de ouro en uso durante a Baixa Idade Media, instituída pola reforma monetaria de Aleixo I en 1092, que substituíu o sólido bizantino ou nomisma como moeda base do sistema monetario áureo do Imperio Bizantino ata a súa desaparición no século XIV.[1][2]

Historia[editar | editar a fonte]

A moeda de ouro tradicional do Imperio bizantino ata entón era o sólido bizantino ou nomisma, cuxo contido de ouro se mantivera firme en 24 quilates durante sete séculos, co que conseguira un notable prestixio. A partir da década de 1030, no entanto, a moeda comezara a desvalorizarse progresivamente, ata que na década de 1080, nun contexto de desastres militares e guerras civís, o seu contido en ouro chegou a reducirse practicamente a cero.[3] Consecuentemente, en 1092, o emperador Aleixo I (10811118) acometeu unha revisión drástica do sistema monetario bizantino e introduciu unha nova moeda de ouro, o hyperpyron, co mesmo peso có sólido (4,45 gramos), aínda que cun menor contido de ouro (20,5 quilates no canto de 24).[4][5]

Hyperpyron do emperador Manuel I Comneno (11431180), cuñada sobre un disco cóncavo ("scyphate")

O hyperpyron mantívose como moeda estándar de ouro do Imperio Bizantino durante case tres séculos, aínda que tamén coñeceu, coma o seu antecesor, unha progresiva desvalorización: baixo o Imperio de Nicaea (12041261), o seu contido de ouro caeu ata os 18 quilates; posteriormente, baixo Miguel VIII Paleólogo (12591282), ata os 15, e baixo o seu fillo e sucesor, Andrónico II Paleólogo (12821328) baixou a 12 quilates. Asemade, o peso das moedas tamén foi en declive, ata o punto de que no século XIV carecía de calquera uniformidade.[6] O derradeiro hyperpyron e, xa que logo, a derradeira moeda bizantina de ouro, foi emitida polo emperador Xoán VI Cantacuzeno (13471352) e, a partir de entón, a denominación mantívose simplemente como unidade de conta, e o seu valor, a modo de fraccións, en moedas de prata como o basilikon (un doceavo de hyperpyron) ou o stavraton (medio hyperpyron).[7][8][9]

O nome foi adoptado con distintas variedades idiomáticas por algúns estados occidentais e outros eslavos dos Balcáns posteriores, sobre a base da denominación latina perperum (como o italiano perpero ou os eslavos perper, iperpero, etc.), para designas diferentes moedas, normalmente de prata, e tamén como unidade de conta.[10]

A denominación xenérica de besante abrangueu diversas moedas creadas sobre a base do sólido bizantino ou nomisma, e sobre o dinar dos califatos musulmáns, entre elas tamén o hyperpyron.[11]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Hyperpyron". En Alfaro Asins, C. et al. (2009).
  2. "Hyperpyron". En Grierson, Ph. (2005).
  3. Grierson (1999). Páxina 10.
  4. Grierson (1999). Páxina 11.
  5. Kazhdan (1991). Páxina 964.
  6. Grierson (1999). Páxinas 11-12.
  7. "La monnaie au XIVe et au XVe siècle: hyperpère, basilikon et stavraton". En Morrisson, C. et al. (2015).
  8. Grierson (1999). Páxina 12.
  9. Kazhdan (1991). Páxinas 964-965.
  10. Kazhdan (1991). Páxina 965.
  11. "Besante". En Alfaro Asins, C. et al. (2009).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]