Unión Deportiva Ourense
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde abril de 2015.) |
| Unión Deportiva Ourense | |
|---|---|
| Nome | Unión Deportiva Ourense |
| Fundación | 2014 |
| Estadio | Estadio do Couto (Ourense) |
| Inauguración | 1949 |
| Capacidade | 5.659 |
| Presidente | Javier Orbán |
| Adestrador | Borja Fernández Fernández |
| Liga | Segunda Federación (Grupo 1) |
| 2024/2025 | Terceira Federación (Grupo 1) |
| Vestimenta | Nike |
| Na rede | |
| https://udourense.com/ | |


A Unión Deportiva Ourense é un club de fútbol da cidade de Ourense. Naceu en 2014 para substituír o baleiro que deixou a desaparición do CD Ourense. Xoga os seus partidos como local no Estadio do Couto. No ano 2022 ascendeu á Terceira Federación, e no 2025 á Segunda Federación.
Historia
[editar | editar a fonte]Tras a desaparición do CD Ourense por mor da crise económica, os seareiros do equipo crearon a plataforma SOS CD Ourense. Decidiuse formar un novo equipo co nome de Unión Deportiva Ourense, e asinouse a acta fundacional o 10 de xullo de 2014.[1] Logo de se inscribir no rexistro de entidades deportivas da Xunta de Galicia e na Federación Galega de Fútbol, o club foi encadrado no grupo 13 da Terceira Autonómica de Galicia.
A Asociación de ex xogadores do CD Ourense asumiu a parcela deportiva do novo club. Antonio Dacosta foi nomeado adestrador do primeiro equipo, e Perfecto Rodríguez "Peluso" foi nomeado coordinador dos equipos base. Xogadores do CD Ourense xa retirados volveron aos campos para sacar adiante o proxecto, como Adolfo, José Ramón Dacosta, Santi ou Víctor Arias.
O primeiro encontro amigábel tivo lugar ante a Unión Deportiva Barbadás, de 3ª división, o 28 de agosto no campo dos Carrís. Venceron os locais por 5-0. O primeiro partido oficial foi o 31 de agosto, nun encontro da Copa Deputación B ante o Santa Teresita de 2ª Autonómica no campo dos Remedios. Venceu a Unión Deportiva Ourense por 3-1, e Adolfo foi o autor do primeiro gol da historia do club.
No campionato de liga 2014-15 o equipo acadou o 1º posto, logrando o ascenso a Segunda Autonómica de Galicia. Os primeiros partidos do campionato tiveron lugar no Campo Miguel Ángel dos Remedios, e os seguintes xogáronse xa no Estadio do Couto, propiedade da Xunta de Galicia.
Tras dous ascensos consecutivos máis, o 27 de maio de 2018 conseguiu chegar a categoría nacional no derradeiro e decisivo partido da liga. A UD Ourense chegaba como líder e xogaba polo ascenso nun duelo directo no campo do Atios. No caso de perder, dependía do resultado do Porriño Industrial, que tamén obtivo unha vitoria. O partido acabou co empate inicial e a UD Ourense ascendeu. Militou durante tres tempadas na Terceira División, ata que en 2021 sufriu o primeiro descenso da súa historia, caendo de novo a Preferente.[2] Na tempada seguinte volveu acadar o ascenso[3], desta volta á recentemente creada 3ª RFEF, onde xogou tres tempadas até acadar en 2025 o ascenso á Segunda Federación. Clasificouse para a Copa do Rei de fútbol 2025-26, enfrontándose en primeira rolda ao Pontevedra CF.
Historial na liga
[editar | editar a fonte]| Tempada | Categoría | Posto |
|---|---|---|
| 2014/15 | 3ª Autonómica | 1º |
| 2015/16 | 2ª Autonómica | 1º |
| 2016/17 | 1ª Autonómica | 2º |
| 2017/18 | Preferente | 1º |
| 2018/19 | 3ª División | 8º |
| 2019/20 | 3ª División | 8º |
| 2020/21 | 3ª RFEF | 10º |
| 2021/22 | Preferente | 1º |
| 2022/23 | 3ª RFEF | 5º |
| 2023/24 | 3ª RFEF | 4º |
| 2024/25 | 3ª Federación | 1º |
Xogadores
[editar | editar a fonte]Cadro 2024/25
[editar | editar a fonte]- Actualizado a 21 de setembro de 2025.
|
Órganos de goberno
[editar | editar a fonte]Como resultado do seu establecemento como club de xestión polo sistema de accionariado popular, a asemblea xeral (composta polos socios fundadores e de número) convoca eleccións para escoller as persoas que constituirán a Xunta Directiva[4]. Ao longo da historia do club a presidencia foi ostentada por: Modesto García, Ramón Dacosta, Fernando Currás e Javier Orbán.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "HISTORIA | Unión Deportiva Ourense". Unión Deportiva Ourense (en castelán). Consultado o 2017-10-14.
- ↑ "Primer descenso de la UD Ourense". La Región (en castelán). 21 de xuño de 2021. Consultado o 6 de outubro de 2021.
- ↑ "La UD Ourense sube un peldaño y ya está en Tercera". La Región (en castelán). Consultado o 18/04/2024.
- ↑ "Estatutos da UD Ourense" (PDF). Estatutos da UD Ourense. Consultado o 8 de xullo de 2025.