Roman Polanski

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Roman Polanski
Roman Polanski Cannes 2013.jpg
Polanski no 2013
Nome completo Rajmund Roman Thierry Polański
Alcume/outros Romek
Nacemento 18 de agosto de 1933 (84 anos)
Lugar París, Flag of France.svg Francia
Nacionalidade Polonia e Francia
Cónxuxe(s) Barbara Lass (1959-1962 div.)
Sharon Tate (1968–1969)
Emmanuelle Seigner (1989-presente)
Fillos 2
Profesión Director de cine, guionista e actor (1953 - presente)
http://www.rp-productions.com/roman2.html

Roman Polanski, nado como Rajmund Roman Thierry Polański en París o 18 de agosto de 1933, é un director de cine, guionista e actor polonés nacionalizado francés.[1]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

De orixe xudía asquenací, experimentou en carne propia os males da Segunda Guerra Mundial. Sendo moi novo a súa familia mudouse a Cracovia, Polonia, onde sufriron os horrores da ocupación nazi. O mozo Polanski sobreviviu grazas á axuda dalgunhas familias católicas que o salvaron de terminar nun campo de concentración.

Logo da guerra comezou a súa carreira como actor teatral. Máis tarde cursou estudos na Escola de Cine de Łódź. Tras rodar cinco curtametraxes entre 1956 e 1962, conseguiu varios premios con Fat and the Lean (1965), que rodou nunha das súas viaxes a Francia e serviulle para poder realizar a súa primeira longametraxe en Polonia: Nóz w wodzie (O coitelo na auga, 1962), coa que conseguiu un nomeamento á mellor película estranxeira nos Oscar de 1963. O filme xa amosaba algunhas das características das súas seguintes producións, como o seu gusto polos ambientes claustrofóbicos, ó colocar a tan só tres personaxes (unha parella e un descoñecido) que navegan nun pequeno barco.

Grazas ó recoñecemento cultivado con este filme, Polanski rodou Repulsion (1965), xa producida por unha compañía importante e que significou a súa primeira gran produción no Reino Unido, con Catherine Deneuve como estrela principal e cun argumento de thriller psicolóxico que lle valeu varios premios, incluído o Oso de Prata no festival de Berlín dese ano.

En 1966 filmou Cul-de-sac (Canella sen saída), de novo no Reino Unido, con Donald Pleasence como protagonista, na que á parte do ambiente claustrofóbico tan característico do autor, deixa ver indicios dun humor negro moi particular que acompañará algunhas das súas mellores películas. Cul-de-sac obtivo o Oso de Ouro no festival de Berlín, así como moitos outros premios.

En 1967 Polanski deu o gran salto ós Estados Unidos coa rodaxe de Dance of the Vampires (O baile dos vampiros), primeiro filme que roda en cor. Este filme, unha parodia das películas de vampiros da época, permitiulle mostrar as súas dotes interpretativas e consagrouno no mercado norteamericano. Durante a rodaxe comezou unha relación amorosa coa actriz Sharon Tate, coa que casaría un ano despois. En 1968, Polanski rodou nos EUA unha das súas películas máis emblemáticas e polémicas Rosemary's Baby. A película obtivo numerosos premios (entre eles varios nomeamentos ó Oscar), logrou o éxito internacional e tivo gran repercusión.

En 1969 tivo lugar un dos sucesos que marcaría a súa vida, tanto persoal como cinematograficamente. A súa muller, a actriz Sharon Tate, que se atopaba grávida de oito meses, foi unha das vítimas da masacre que a banda de Charles Manson realizou na casa que o director posuía nos Ánxeles. Tate ceaba en casa con catro amigos próximos á parella, entre os que se atopaban: Abigail Folger, filla de Peter Folguer; Jay Sebring, William Garretson e Voyteck Frykowsky. Todos foron brutalmente torturados e masacrados por membros da seita de Manson. Os sucesos tiveron lugar mentres Polanski se atopaba en Londres preparando outra longametraxe.

Unha vez que foron atopados os asasinos e tras sufrir acosos e especulacións por parte da prensa estadounidense, Polanski regresou a Europa.

Tras un período de depresión, regresou ó cine en 1971 con Macbeth, nunha persoal adaptación da obra de William Shakespeare. A película foi o primeiro fracaso comercial de Polanski, aínda que en Inglaterra funcionou ben.

En 1973 viaxou a Italia para rodar What? (Que?), unha comedia disparatada con Sydne Rome e Marcello Mastroianni que recordaba por momentos a Alicia no país das marabillas e que contén algún dos momentos máis divertidos da súa filmografía. A película foi un fracaso nos EUA, pero en Europa conseguiu un notable éxito, sobre todo en Francia, Italia e Alemaña. En España foi prohibida pola censura da época, debido ós continuos espidos de Sydney Rome e tan só puido verse en salas de arte e ensaio en versión orixinal subtitulada. What? foi editada en DVD en España por Filmax, nunha versión bastante pobre de calidade de imaxe e cunha dobraxe realizada para a ocasión bastante mala, algo que desprestixia o resultado da película e obriga ó seu visionado en versión orixinal

En 1974 Polanski volveu pola porta grande, ó rodar Chinatown, unha película inspirada nos clásicos do cinema negro, coas aparicións estelares de Jack Nicholson, Faye Dunaway e John Huston. A película foi un éxito mundial e lograría 11 nomeamentos ós Oscars das que obtería tan só un, así como outros numerosos premios.

En 1975 empezou a preparar a rodaxe de Pirates, de novo con Jack Nicholson, investindo gran parte do seu propio diñeiro na preparación. Como finalmente ningunha gran produtora cinematográfica mostrou interese polo proxecto (porque pensaron que o xénero de piratas xa non interesaba a ninguén), Polanski vese obrigado a abandonalo logo de investir unha gran suma de diñeiro. Deste xeito viaxou a Francia, onde, apoiado de novo polas multinacionais, comeza a rodaxe de The Tenant, un thriller psicolóxico que quizais sexa a obra cume do director polaco e no que el mesmo actúa como protagonista. Como as autoridades francesas pretendían presentar a longametraxe no Festival Internacional de Cine de Cannes, Polanski viuse obrigado a realizar o proxecto a velocidade lóstrego, co que pasaron tan só oito meses desde que se escribiu o guión ata que se estreou a película.

The Tenant estreouse en 1976, fracasou no festival de Cannes e recibiu malísimas críticas. Foi un tremendo fracaso comercial e, curiosamente, hoxe en día converteuse na longametraxe favorita de moitos dos seus seguidores, xa que é un dos traballos máis persoais de Polanski e, á vez, máis retorto, mesturando de forma maxistral terror con humor negro.

En 1977 Polanski, de novo nos EUA, foi acusado de manter relacións sexuais cunha nena de trece anos e viuse envolvido nun escándalo de abuso sexual e drogas, polo que abandonou o país mentres estaba en liberdade baixo fianza e tras pasar uns meses en prisión, prevendo unha condena maior. Nunca volvería pisar chan estadounidense.

En 1979, tras unha intensa rodaxe de máis de ano e medio en Francia, Polanski estreou Tess, baseada na novela de época de Thomas Hardy, con Nastassja Kinski como protagonista. Dedicou o filme á súa falecida esposa Sharon Tate. Tess foi un dos maiores éxitos da súa carreira; logrando varios Globos de Ouro e estando nomeada a 6 figuras nos Oscar, das que conseguiría a metade.

Recoñecido como un dos máis grandes directores da historia do cine, Polanski tomou un descanso como director de cine de seis anos.

En 1986 regresou con Pirates, proxecto que pretendía rodar dez anos atrás inspirándose nas películas de piratas e sen Jack Nicholson como protagonista. A película foi, como vaticinaron as produtoras dez anos atrás, un fracaso comercial.

Dous anos máis tarde volveu ó xénero de suspense cunha produción estadounidense rodada en Francia: Frantic, xunto a Harrison Ford e a que sería a futura esposa de Polanski, Emmanuelle Seigner. Frantic funcionou moi ben comercialmente e permitiu que o director penetrase en temas aínda máis escuros en canto á relación de parella en Bitter Moon, o seu seguinte traballo, de novo con Emmanuelle Seigner como protagonista. O filme estreouse en 1992 e, sen chegar a ser do mellor da filmografía de Polanski, supera con fartura os traballos do director na década dos 80 e 90.

En 1994 estreou Death and the Maiden (baseada no libro do mesmo nome de Ariel Dorfman) con Sigourney Weaver como protagonista. A cinta foi un éxito moderado tanto comercial como de crítica.

Tras abandonar un proxecto cinematográfico con John Travolta por desavinzas co actor, en 1999 Polanski rodou The Ninth Gate, na que adaptou de forma orixinal a novela de Arturo Pérez-Reverte El Club Dumas e outorgou o papel protagonista a Johnny Depp.

O filme, aínda que foi un éxito comercial, gañou o status dunha das peores películas de Polanski por parte da crítica.

Foi en 1999 que Polanski incursionou no teatro musical coa produción xermano-austríaca Tanz der Vampire (baseada na película de Polanski, con libreto de Michael Kunze e musicalizada polo sonado Jim Steinman). A devandita versión foi esteralizada polo falecido actor estadounidense Steve Barton. O musical foi un éxito, logrando unha gran tempada en Viena, Austria e despois sendo montada noutras cidades alemás como Stuttgart, Hamburgo e actualmente Berlín.

Tamén recentemente se estreou a versión polaca do musical, dirixida persoalmente por Polanski.

O musical contou cunha versión estadounidense: Dance of the Vampires, que a pesar de ter un grande orzamento, non logrou captar o sentimento orixinal da versión en alemán. O resultado foi unha comedia ridícula, cunha tradución/adaptación ó inglés considerada mediocre e que foi un rotundo fracaso, non chegando sequera ás cen funcións.

En 2002 recibiu a Palma de Ouro da 55 edición do festival de Cannes, máximo galardón do certame, polo filme The Pianist (O pianista), adaptación das memorias dun pianista xudeu polonés que sobreviviu ás masacres nazis grazas á axuda dun oficial alemán. Na 75 edición dos Premios Oscar, The Pianist recibiu tres galardóns, entre eles o de mellor director para Polanski, que non asistiu á cerimonia por ser prófugo da xustiza estadounidense. En decembro de 2005 (en España) estreou Oliver Twist, unha película coa que se identifica.

Polanski coa actriz Emmanuelle Seigner en Cannes en 1992.

En 2007 preparábase para un novo xiro na súa carreira, coa adaptación da novela "Pompeia" de Robert Harris. Demoras alleas á súa vontade obrigárono a rexeitar o proxecto en setembro de 2007, logo de varios anos dedicados a el.

En febreiro de 2009 Polanski iniciou en Berlín a rodaxe de The Ghost Writer, que tamén inclúe secuencias filmadas no Estudio Babelsberg, de Potsdam (Brandenburgo), os mesmos estudios onde filmou O pianista, así como na Illa de Sylt. Polanski escribiu tamén o guión, adaptado da novela homónima do escritor inglés Robert Harris, distribuída en España so o título El poder en la sombra. Conta coa fotografía do operador polonés Pawel Edelman, o mesmo dO pianista e mais dOliver Twist, ademais dos seus produtores habituais: Robert Benmussa, Timothy Burrill e Alain Sarde. Os actores protagonistas foran o escocés Ewan McGregor e amilo irlandés Pierce Brosnan, e coma secundarios os ingleses Olivia Williams, Kim Cattrall e Tom Wilkinson, así coma os estadounidenses Timothy Hutton e James Belushi, entre outros. A produtora fora Summit International. The Ghost Writer estreouse en Alemaña en 18 de febreiro de 2010.

Polanski foi detido de súpeto o sábado 26 de setembro de 2009 en Zúric polos cargos de abuso sexual que pesaban sobre el nos Estados Unidos dende 1977, polos que pesaba contra el unha orde de busca e captura. Polanski fora convidado polo Festival de Cinema de Zúric.

Por mor disto non puido estar presente na entrega do Premio ó Mellor Director que se lle concedeu o 20 de febreiro de 2010 en el Festival de Berlín polo seu filme The Ghost Writer. O filme estreouse en Galicia co nome castelán: El escritor en 26 de marzo, con excelentes críticas da prensa xeneralista e especializada.

En 14 de xullo de 2010, Polanski confirmou que levaría ó cinema Un Deus salvaxe, obra teatral da escritora francesa de orixe xudía sefardí Yasmina Reza. Polanski e Reza escribiron xuntos a primeira versión do guión durante o arresto domiciliario en Gstaad, Suíza. En 2011 roda por fin o filme, titulado: Carnage unha comedia sobre a relación de dúas parellas despois de que os seus fillos pelexasen na escola, protagonizada por Kate Winslet, Jodie Foster, Christoph Waltz e John C. Reilly.

En 20 de maio de 2012 presentou no Festival de Cannes a súa curtametraxe A Therapy (Unha terapia), protagonizada por Ben Kingsley e Helena Bonham Carter, para promocionar a firma de moda Prada.

En 2013 roda Venus in Fur, protagonizado pola súa dona Emmanuelle Seigner e mais Mathieu Amalric.

O próximo filme de Polanski é Based on a True Story, unha adaptación da novela francesa de Delphine de Vignan.[2] O filme está protagonizado por Eva Green e Emmanuelle Seigner.

Ademais o director está a traballar en D, un filme sobre o sonado Caso Dreyfus no século XIX ,no que un grupo de xudeus do Estado Maior do Exército francés foran condenados inxustamente por pasar segredos militares ao Imperio Alemán e foran enviados á Illa do Diaño só para seren absoltos 12 anos despois. O film foi escrito por Robert Harris, que traballa con Polanski por vez terceira.

Como director[editar | editar a fonte]

Roman Polański e Adrien Brody.

Como guionista[editar | editar a fonte]

Como actor[editar | editar a fonte]

Premios[editar | editar a fonte]

Festival Internacional de Cine de Berlín[editar | editar a fonte]

Ano Categoría Película Resultado
2010 Oso de prata ao mellor director The ghost writer Gañador

Festival Internacional de Cine de Cannes[editar | editar a fonte]

Ano Categoría Película Resultado
2002 Palma de Ouro á Mellor Película O pianista Gañador
1976 Palma de Ouro á Mellor Película Le Locataire Candidato

Premios Oscar[editar | editar a fonte]

Ano Categoría Película Resultado
2002 Oscar á mellor película O pianista Candidato
2002 Oscar ó mellor director O pianista Gañador
1980 Oscar ó mellor director Tess Candidato
1974 Oscar ó mellor director Chinatown Candidato
1968 Oscar ó mellor guión adaptado Rosemary's Baby Candidato

Globos de Ouro[editar | editar a fonte]

Ano Categoría Película Resultado
1980 Globo de Ouro ó mellor director Tess Candidato
1974 Globo de Ouro ó mellor director Chinatown Gañador
1968 Globo de Ouro ó mellor guión Rosemary's Baby Candidato

Premios Goya[editar | editar a fonte]

Ano Categoría Película Resultado
2002 Goya á mellor película Europea O pianista Gañador

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Roman Polanski – Biography". The New York Times. Consultado o 20 de novembro de 2013. 
  2. Barnes, Henry (19 de xullo de 2016). "Roman Polanski and Olivier Assayas join forces on new film". The Guardian. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]