Teatro musical

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
The Black Crook foi un éxito musical en 1866.[1]

O teatro musical é unha forma de representación teatral que combina cancións, diálogo falado, interpretación e danza. A historia e o contido emocional dun musical (humor, patetismo, amor, rabia) comunícanse a través de palabras, música, movemento e aspectos técnicos do entretemento como un todo integrado. Aínda que o teatro musical se solapa con outras formas teatrais como a ópera e a danza, pódese distinguir pola importancia similar que se lle dá á música en comparación co diálogo, o movemento ou outros elementos. Desde comezos do século XX, as obras escénicas de teatro musical normalmente chamáronse simplemente musicais.[2]

Aínda que a música formou parte das presentacións dramáticas desde os tempos antigos, o teatro musical occidental moderno xurdiu durante o século XIX, con moitos elementos estruturais establecidos polas obras de Gilbert e Sullivan en Gran Bretaña e as de Harrigan e Hart nos Estados Unidos. A estas seguíronas as numerosas comedias musicais eduardianas e as obras de teatro musical de creadores estadounidenses como George M. Cohan a principios do século XX. Os musicais do Princess Theatre (1915–1918) e outros espectáculos como Of Thee I Sing (1931) foron pasos artísticos alén das revistas e outros entretementos de principios do século XX e deron lugar a obras tan innovadoras como Show Boat (1927) e Oklahoma! (1943). Algúns dos musicais máis famosos das décadas seguintes inclúen West Side Story (1957), The Fantasticks (1960), Hair (1967), A Chorus Line (1975), Les Misérables (1985), The Phantom of the Opera (1986), Rent (1996), The Producers (2001), Wicked (2003) e Hamilton (2015).

Características[editar | editar a fonte]

O teatro musical remóntase a varias fontes teatrais do século XIX, incluída a opereta, a ópera cómica, a comedia musical, a pantomima, o minstrel show, o vaudeville e o burlesque.

Existen diversas variedades de musicais dependendo do xeito en que se escribisen. Unha das formas máis básicas, coa que se escribiron os primeiros musicais, consiste en tomar cancións xa existentes e escribir unha historia arredor delas, o que se denomina musical jukebox, en alusión ás máquinas reprodutoras de discos de vinilo, que compilaban cancións de diversos artistas para que o cliente as escollese a cambio dunha moeda.

Porén, este xeito de escribir volveuse un pouco limitado, xa que en ocasións se engadían cancións polo simple feito de seren populares. Isto quitaba profundidade á obra, polo que algúns comezaron a compor cancións orixinais para os seus musicais. Isto permitiu que as obras adquirisen tons que nunca poderían adoptar con cancións da radio, así como emocións máis fortes. A partir disto a comedia musical comezou a nutrirse da ópera, onde os diálogos das personaxes eran completamente cantados. Por exemplo, en Rent, ópera rock escrita e composta por Jonatan Larson, os diálogos son cantados case na totalidade da obra.

Outra forma máis común de escribir musicais é unha mestura de ambas as formas: cancións orixinais, mais con segmentos en bloques, onde a estrutura ten forma de canción-escena-canción-escena. A orde pode variar, mais en síntese os diálogos son recitados como nunha obra teatral tradicional. En certos momentos, unha canción comeza de imprevisto para afondar máis nos sentimentos das personaxes ou para narrar un feito libre de diálogos.

Algunhas obras, como as de George Gershwin, Leonard Bernstein e Stephen Sondheim, foron convertidas tanto en "teatro musical" como en producións "operísticas".[3][4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Morley 1987, p. 15.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para musical.
  3. "Porgy and Bess: That old black magic" The Independent, 27 de outubro de 2006, consultado o 27 de decembro de 2018
  4. Lister, David. "The Royal Opera opens a window on Sondheim", The Independent, 5 de abril de 2003, consultado o 27 de decembro de 2018

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]