Nóż w wodzie (literalmente: "coitelo na auga") é un filme polonés do ano 1962 dirixido por Roman Polanski. Trátase dun drama con elementos de psico-suspense que se centra na saída en barca que fai unha parella nova de namorados. A idílica e tranquila excursión vese perturbada pola aparición dun mozo transeúnte a quen deixan subir á barca e que acabará poñendo a proba a consistencia da parella. Nóż w wodzie foi a primeira longametraxe do seu director e está considerada o comezo da súa carreira internacional, ao gañar o premio da crítica do Festival de Cinema de Venecia e ser candidata ao Óscar á mellor película de lingua non inglesa de 1964.
O exitoso xornalista Andrzej (Leon Niemczyk) é a súa parella Krystyna (Jolanta Umecka) van pasar unha fin de semana aos lagos de Masuria para navegar co seu veleiro. Polo camiño atópanse cun transeúnte novo (Zygmunt Malanowicz) ao que convidan á excursión; o mozo que non sabe nada de navegación e aprende de Andrzej. Porén, ao longo da xornada prodúcense constantes confrontacións verbais entre o burgués Andrzej e o rebelde e libertario convidado, que ten un gran coitelo co que xoga e se entretén ao longo da excursión. Os dous mozos, para impresionar a Krystyna miden dun ou doutro xeito as súas forzas, sen que ningún dos dous se impoña como claro gañador.
Pola mañá, logo de pasar a noite no veleiro, Andrzej sorprende a súa parella conversando distendidamente co mozo. Prodúcese entón un enfrontamento entre os dous homes e Andrzej acaba guindando o preciado coitelo na auga, negándose logo a recuperalo, polo que o convidado brinca na auga pese a non saber nadar. Tras un tempo sen rastro do mozo a parella teme que afogase e os dous bótanse á auga para atopalo, sen éxito. Andrzej achégase ata a policía para informar da súa desaparición, mais o transeúnte non afogara senón que quedara agochado nunha boia e cando sabe que a rapaza está soa volta á embarcación. Despois de discutir reconcílianse e acábanse deitando xuntos. O veleiro volve á costa e o mozo deixa a embarcación para que non o vexa Andrzej, que espera a Krystyna no peirao. El explícalle que finalmente non se atreveu a avisar a policía e ela confésalle o que pasou pola noite e a súa infidelidade. Andrzej non a cre e continúa convencido da morte do rapaz. A parella volve á casa e cando ao chegar atopan unha encrucillada, conducindo un dos camiños á policía, o coche permanece indeciso.