Xoán Escoto Eríxena

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Xoán Escoto Eríxena
Nacemento810 e anos 800xuliano
Lugar de nacementoIlla de Irlanda
Falecemento877
Lugar de falecementoFrancia Occidental e Inglaterra
NacionalidadeIrlanda
RelixiónIgrexa católica
Ocupaciónfilósofo, tradutor e escritor
editar datos en Wikidata ]
Retrato de Xoán Escoto Eríxena.

Xoán Escoto Eríxena (c.810 - c.875) foi un importante filósofo, teólogo e profesor da etapa pertencente ao renacemento Carolinxio. É o autor do primeiro gran sistema filosófico da Idade Media e os temas que trataba nas súas obras eran fundamentalmente de carácter relixioso.

Biografía[editar | editar a fonte]

Non se coñecen case datos sobre a súa procedencia salvo que naceu en Irlanda, feito do cal nos informa o seu propio nome, debido a que este, traducido, significa "Xoán o irlandés de Irlanda".

Despois disto, os datos sobre os primeiros períodos da súa vida son inexistentes. O seguinte que se sabe del é que se trasladou a Francia cara ao ano 850 para dirixir e ensinar na escola de Carlos o Calvo, na cal marcou unha grande influencia en Erico de Auxerre e a súa escola monástica de Auxerre.

Xoán Escoto tiña un gran coñecemento cultural, e dominaba con facilidade tanto a cultura grega como a latina. Posuía de primeira man os escritos dos Pais latinos e gregos e coñecía ben, entre outras, as obras de grandes Pais da Igrexa do Occidente e do Oriente. Era un home moi cultivado que dominaba nese tempo a lingua grega.

Debido á abundancia de coñecementos estaba involucrado en diversos asuntos eclesiásticos. Isto levouno, entre outras cousas, a tomar parte na controversia predestinacionista sostida entre os bispos Robano Mauro e Hincmaro de Reims en contra de Godescalco. Tamén o levou a traducir do grego as obras de Gregorio de Nisa e de Pseudo Dionisio, acción que trouxo consigo o enriquecemento do horizonte teolóxico de Occidente coas achegas destes autores do Oriente.

A súa obra foi producida durante o Renacemento Carolinxio, no cal a súa figura tivo unha certa importancia, pero máis adiante, o seu traballo teolóxico non tivo moita sorte. O final da etapa carolinxia fixo que se olvidasen as súas obras e, por se fose pouco, unha censura por parte da autoridade eclesiástica ensombreceu a súa figura. A igrexa condenou o seu platonismo radical debido a unha mala interpretación. Pensaron que a súa obra tiña unha visión panteísta, a cal non aceptaban. A pesar de todo isto, sábese que a intención persoal de Xoán Escoto foi sempre ortodoxa.

A pesar de todo, a súa doutrina foi restrinxida e no ano 1225, o Papa Honorio III esixiu que todas as copias das súas obras fosen levadas a Roma para facelas desaparecer. Por sorte non foi así e consérvanse gran parte delas.

Con respecto á morte de Xoán Escoto non existe ningún dato que esclareza como foi a situación, soamente se coñece que a súa morte se debeu producir arredor do ano 875.

Obra[editar | editar a fonte]

As tres obras principais de Xoán Escoto son as seguintes:

  • De divisione naturae (Περί φύσεων). É a súa obra máis importante. Nela o autor explica a súa gran tese do cristianismo mediante a súa división da natureza e afirma que o simple feito de mencionar algo relacionado con Deus fai que se autolimite a súa capacidade, xa que Deus está máis alá do entendemento e da razón humana.
  • De divina praedestinatione liber. Esta obra foi motivada pola controversia predestinacionista na cal se viu involucrado, e nela achega o seu punto de vista con respecto a este tema.
  • Expositiones in Ierarchiam coelestem Iohannis Scoti Eriugenae. Nesta obra achéganos as súas impresións sobre a obra Περὶ τῆς ἐκκλησιαστικῆς ἱεραρχίας ("Xerarquía celestial") de Dionisio, sobre a cal se baseou.

A súa filosofía[editar | editar a fonte]

A súa filosofía e modo de interpretar as cousas mantense na liña do neoplatonismo en canto ao platonismo e á teoloxía negativa. Porén, Xoán Escoto quixo explicar a realidade divina dunha forma racional e unitaria, o cal contradecía o dualismo da relixión que nos explica que Deus e os elementos do noso mundo son dúas realidades totalmente diferentes.

A filosofía que Xoán Escoto pretendía defender era a de que Deus está máis alá do entendemento e da razón humana porque dende o momento que se lle atribúe algunha cualidade ou se pensa nel no plano do ser, limítase a súa capacidade. Para este filósofo nin sequera Deus podía comprender a súa propia esencia. Non obstante, el sostiña que a razón debía prevalecer antes que a fe divina.

En resumo, Escoto defendía a razón por encima de calquera cousa, pero aceptaba tamén como fonte válida de coñecemento verdadeiro a fe. En caso de que as dúas entrasen en conflito, o que o autor defendía era que a razón debía prevalecer. Debido a esta afirmación e ao alpanteísmo e pandeísmo que sostiña nas súas obras, nas cales era radicalmente oposto ao dogma que impoñía a igrexa, foi condenado pola comunidade eclesiástica por herexía. Por sorte, puido eludir esta sanción grazas á protección da realeza.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Xoán Escoto Eríxena - Sobre a natureza - Introdución e notas de Lorenzo Velázquez - Pamplona, Eunsa, 2007.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]