Pistacho

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Pistacia vera»)

O pistacho[1] ou pistacheiro[2] (Pistacia vera L., Anacardiaceae, ou algunhas veces Pistaciaceae) é unha arboriña do xénero Pistacia, orixinaria das rexións montañosas de Grecia, Siria, Irán, Kirguizistán, Turkmenistán, Turquía, o Paquistán e o Afganistán occidental, que produce un importante froito para uso culinario que recibe tamén o nome de pistacho. A Pistacia vera adóitase confundir con outras especies do xénero Pistacia, pero poden diferenciarse da P. vera pola distribución xeográfica orixinaria e polos seus froitos, máis miúdo, cun intenso sabor a terebintina e unha casca dura.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

A palabra galega pistacho vén do francés pistache, este á súa vez do italiano: pistacchio, e este do grego πιστάκη.

Historia[editar | editar a fonte]

Pistacia vera.

O pistacho moderno, P. Vera, foi plantado por vez primeira vez en Asia occidental. O seu cultivo estendeuse ao Mediterráneo pasando por Irán Central, onde é unha cultura dende hai séculos. O manuscrito escrito por Anthimus, a comezos do século VI d. C. “De observatione ciborum” (Acerca da observación dos alimentos) indica que os pistachos (pistacia en latín vulgar) eran ben coñecidos en Europa xa a finais dos tempos da dominación romana. En Galicia non se cultiva polas condicións climáticas. O consumo popularízase no século XX.

O cultivo é máis recente en Australia, Novo México, e a California. O Departamento de Agricultura dos Estados Unidos (USDA) introduciu esta árbore na California arredor de 1904, pero non foi promovido coma un produto comercial na California até 1929.

Descrición[editar | editar a fonte]

O pistacho medra até os 10 metros de altura e ten follas pinnadas, duns 10-20 centímetros de longo, que se desprenden ao chegaren.

Son plantas dioicas, con pés masculinos e femininos independentes. As flores son apétalas e unisexuais e florean en acios. O froito é unha drupa que contén unha semente alongada, que é a porción comestíbel (o pistacho). Comunmente considerada como froito, é realmente unha carabuña para uso culinario. A casca exterior do froito é dura e abrancazada, mentres que a semente ten unha tona de cor malva, e a polpa é dun verde pálido cun sabor característico. Cando o froito madura, a casca torna do verde a un amarelo avermellado outonal e a súa casca creba e se abre parcialmente, de xeito abrupto. A esta crebadura coñéceselle coma dehiscencia e ocorre acompañada dun son audíbel. Abrilos é unha tendencia que foi adaptada polos humanos.

Hábitat[editar | editar a fonte]

É unha planta do deserto, e por isto ten unha alta tolerancia ao solo salino. Son bastante rexos e resistentes e pode sobrevivir a temperaturas dende os -10 °C no inverno, deica os 40 °C no verán; sempre orientadas ao sol e fuxindo de solos húmidos.

Cultivo[editar | editar a fonte]

Cada planta de pistacho dá en termo medio 50 quilos de sementes cada dous anos.[3]

É unha planta resistente que medra ben se as condicións son axeitadas. Ten unha alta tolerancia ao solo salino. Comprobouse que medra ben cando a auga da rega contén 3,000-4,000 de sales solúbeis. Cómpre orientalos cara ao sol e nun solo ben drenado.

O pistacho non se desenvolve ben en condicións altas de humidade e solos lamacentos, pois as raíces poden podrecer no inverno se reciben moita auga e a drenaxe non é boa. Necesitan de longos veráns para que o froito achegue axeitadamente.

As arboriñas plántanse en hortas e necesitan duns sete a dez anos para acadar unha produción considerábel. A produción é alterna, ou bienal, o que significa que a colleita é máis abondosa cada segundo ano. A produción tope acádase aproximadamente aos 20 anos. Polo xeral, as árbores son podadas até un talle que permita unha colleita máis doada. Unha árbore macho produce pole de abondo para que dean froitos de oito a doce femias. Frecuentemente a colleita nos Estados Unidos realízase cun equipo para axitar a árbore e facer que os froitos caian.

Os pistachos son vulnerábeis a unha ampla variedade de doenzas, entre as que salienta a infección polo fungo Verticillium dahliae que pode matar a planta; ou polo Botryosphaeria. Este último provoca chancro ou antracnose (é dicir, mata as flores e os gromos novos), e pode danar hortas enteiras de pistachos.

Na California, case todas as árbores femia pertencen ao cultivar “Kerman” que adoita asociarse co cultivar macho "Peter". Un pé maduro destas variedades enxértase nun rizoma de dous anos de idade. Como patrón úsase polo xeral outra especie do xénero Pistacia chamada Pistacia Atlántica, que se está a substituír nos últimos anos por un híbrido desta con Pistacia Integerrima denominada UCB-1 por mor da súa inmunidade á verticilose.

Os envíos de pistachos empacados por xunto tenden ao auto quecemento por mor do elevado contido en graxas e o baixo contido en auga.[1]

Pistachos, crus
Valor nutricional por 100 g
Enerxía2 351 kJ (562 kcal)
27.51 g
Azucres7.66 g
Fibra alimentaria10.3 g
45.39 g
Saturadas5.556 g
Monoinsaturadas23.820 g
Poliinsaturadas13.744 g
20.27 g
VitaminasCantidade
%DV
Vitamina A equiv.
1205 μg
Tiamina (B1)
76%
0.87 mg
Riboflavina (B2)
13%
0.160 mg
Niacina (B3)
9%
1.300 mg
Ácido pantoteico (B5)
10%
0.52 mg
Vitamina B6
131%
1.700 mg
Ácido fólico (B9)
13%
51 μg
Vitamina B12
0%
0 μg
Vitamina C
7%
5.6 mg
Vitamina D
0%
0 μg
Vitamina E
15%
2.3 mg
Vitamina K
13%
13.2 μg
MineraisCantidade
%DV
Calcio
11%
105 mg
Ferro
30%
3.92 mg
Magnesio
34%
121 mg
Manganeso
57%
1.2 mg
Fósforo
70%
490 mg
Potasio
22%
1025 mg
Cinc
23%
2.2 mg

As porcentaxes son aproximadas empregando a recomendación de US para os adultos.
Fonte: Base de datos USDA Nutrient


Produción mundial[editar | editar a fonte]

Produción de pistachos (toneladas en 2005)

Usos[editar | editar a fonte]

Os pistachos acostúmanse comer enteiros, naturais, torrados ou salgados. Tamén se fan xeados ou doces coma a baklava, e embutidos como a mortadela. Os habitantes do Medio Oeste dos Estados Unidos preparan ensaladas de pistacho, pudins de pistacho, cremas batidas ou queixos.

A Administración de Alimentos e Medicamentos dos Estados Unidos (FDA) informou no 2003 dalgúns dos beneficios dos pistachos, entre os que se atopan a diminución de contraer cardiopatías.[4] Tamén diminúen os niveis de colesterol (LDL) lipoproteína de baixa densidade (colesterol LBD) ao tempo que aumentan os niveis de antioxidantes. Tamén hai estudos que certifican que ao consumir pistachos “enganamos o corpo” para que coma menos, pois cómpre pelalos un a un, o que fai un consumo amodo e satisfacer axiña o estómago.

A cor natural da casca do pistacho é beixe, porén nalgunhas ocasións os produtores téñenas tinxido de vermello ou verde, as máis das veces para agochar posíbeis manchas que se producen cando estes se apañan a man. Hoxe os pistachos apáñanse con máquinas, o que fai innecesario o tinxido.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para pistacho.
  2. Rodríguez Río, X. (coord.) (2004):Termos esenciais de botánica, páx. 65. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela-Servizo de Publicacións e Intercambio Científico.
  3. Nugent, Jeff; Boniface, Julia (2004). Permaculture plants: a selection. Permanent Publications. ISBN 978-1-85623-029-2. Pág. 41.
  4. "PISTACHIO HEALTH". pistachiohealth.com (en inglés). 27 de marzo de 2009. Arquivado dende o orixinal o 27 de marzo de 2009. Consultado o 18 de xuño de 2023. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]