Enxerto (agricultura)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Melón,Cucumis melo, enxertado no talo dunha Cucurbita ficifolia
Enxerto nunha oliveira.
Enxerto nunha maceira.
Enxerto de fenda.

Un enxerto é un método de multiplicación vexetativa artificial dos vexetais que consiste en enxerir unha parte do tecido dunha planta ou árbore (o esgallo, escallo, puga ou tano) no tronco ou póla doutra (o padrón, ou portaenxertos ), para que se desenvolva alí O enxerto emprégase especialmente para propagar vexetais lígneos de uso comercial, sexan froiteiras ou ornamentais.[1] O enxerto emprégase para permitir o crecemento de variedade de valor comercial en terreos ou circunstancias que lles son desfavorábeis, aproveitando a maior resistencia do pé usado, ou para asegurarse que as características produtivas dun exemplar se manteñen inalteradas, fronte á dispersión xenética que introduce a reprodución sexual. No caso de híbridos de número cromosómico impar, que son estériles por natureza, a propagación vexetativa é o único xeito de reprodución posíbel. Máis raramente, o enxerto úsase para unir máis dunhas variedade dun mesmo padrón, obtendo así un único exemplar que produce froitos ou flores de varias características diferentes. O enxerto só é posíbel entre especies máis ou menos estreitamente relacionadas, posto que doutro xeito os tecidos resultan incompatíbeis e a conexión vascular necesaria para a supervivencia da variedade non se realiza. Normalmente o límite está dado pola pertenza a un mesmo xénero, aínda que existen excepcións; xéneros estreitamente emparentados, como algúns das rutáceas, das cucurbitáceas, ou das rosáceas, que poden funcionar como pé para especies afíns. Un exemplo moi empregado en Galiza é o do estripeiro como padrón para outras froiteiras, todas elas rosáceas. Na meirande parte dos casos, unha das variedades selecciónase coma raíz pola súa resistencia, e o talo da especie elixida como variedade enxírese sobre esta base. Noutros casos, unha xema da variedade inxírese lateralmente no toro do padrón, e só logo de se asegurar a fusión positiva se corta este último.

Historia[editar | editar a fonte]

O enxerto é unha técnica coñecida dende a Antigüidade. Está documentado na China dende comezos do I milenio a. C., e en Occidente xa a Grecia clásica o coñecía. Aristóteles describe bastante polo miúdo as técnicas empregadas na súa época, e os escritores agrícolas romanos documéntanas así mesmo. Malia continuar e estimularse o interese na Renacemento, non sería até o século XVII cando Henri Louis Duhamel estudase a función dos tecidos no proceso de enxerto; pescudas continuadas por Hermann Vochting sentaron as bases dos coñecementos modernos sobre o enxerto. A partir dos anos 1920 cóntase con descricións científicas do enxerto en púa, e a partir dos '50 popularizouse nas cucurbitáceas (cabazas, melóns etc) e solanáceas (tomates e pementos). A extensión do cambium nestas é a que favorece a súa aplicación.

Obxecto do enxerto[editar | editar a fonte]

O procedemento de enxerto pódese aplicar a varios obxectivos distintos:

Resistencia[editar | editar a fonte]

Nas especies de interese comercial, a finalidade máis común é a resistencias a enfermidades presentes no solo que imposibilitarían o normal desenvolvemento da variedade se esta se plantase directamente. Deste xeito, o vexetal que podería resultar afectado non entra realmente en contacto cos patóxenos, mentres que o padrón que é resistente cumpre a función de estrato intermedio illante. Nestes casos, o padrón redúcese polo común ao sistema radical. As pragas controladas deste xeito adoitan ser fungos ou nematodos; no caso da vide (Vitis vinifera), por exemplo, os cultivares europeos producen un froito de maior calidade, mais son sensíbeis ao hemíptero Dactylosphaera vitifoliae, a filoxera, mentres que os de orixe americana son resistentes a este. A case totalidade dos viñedos da actualidade empregan enxertos dos primeiros sobre raíz americana para evitar a afección.

Nutrición[editar | editar a fonte]

Do mesmo xeito, os enxertos poden utilizarse para cultivar variedades con requirimentos relativamente estritos en materia de nutrición sobre pés máis rústicos. Esta práctica é común no caso dos cítricos, en que se utilizan pés capaces de sobrevivir en solos pobres —como a laranxeira espiñenta Poncirus trifoliata, e a laranxeira amarga, Citrus x aurantium— para enxertar outras especies de maior interese comercial.

Reprodución[editar | editar a fonte]

No caso de híbridos obtidos artificial ou naturalmente que posúen características desexábeis, a reprodución por enxertos é a única maneira de obter exemplares que as conserven. Este é o caso da maioría de variedades de froiteiras sen semente, que se producen in vitro e se enxertan sobre pés xa asentados.

Aceleración do ciclo[editar | editar a fonte]

O uso de enxertos permite acelerar a madureza reprodutora de plántulas seleccionadas, aproveitando a madureza do pé. Tamén permite iniciar novas plantacións enxertando pólas adultas en pés xa establecidos. Os pólas adultas conservan a súa idade e poden producir froitos ao ano seguinte.

Nanismo[editar | editar a fonte]

O uso de certos pés permite obter variedades de tamaño reducido, que facilitan a colleita no caso das especies de valor comercial, ou posúen interese como ornamentais. Os pés ananizadores, ou de baixa vizosidade, permiten ter maior cantidade de plantas nunha superficie dada sen que a redución do rendemento de cada unha delas sexa proporcional á súa redución de tamaño. Deste xeito, pódense acadar maiores producións, especialmente cando o nanismo é potenciado con precocidade.

Procedemento[editar | editar a fonte]

Para realizar un enxerto, os tecidos de ambas as dúas plantas deben entrar en contacto. En ningún momento as células se mesturan; os tecidos por riba e por baixo do punto de enxerto fican por completo diferentes. A unión vén dada pola formación dun calo parenquimático a raíz do corte. Algunhas das células do calo transfórmanse, en condicións axeitadas, en meristema cambial que pode volver a producir tecido vascular, establecendo así a comunicación simplástica entre ambas partes. A temperatura e humidade do enxerto debe manterse controlada para favorecer esta unión. Nos enxertos en plantas herbáceas, as comunicacións vasculares do xilema e floema fórmanse directamente a partir do parénquima o calo. Na primeira fase do proceso de enxerto, as células postas en contacto reaccionan ante o tecido estraño. Só despois da unión se completa mediante a división dos tecidos adxacentes nas superficies opostas, e a firmeza da fixación aumenta amodo. A efectividade depende da formación de condutos vasculares entre as partes e o depósito de polisacáridos no tecido de unión. Nos catro primeiros días, aproximadamente, a división celular é activa, e o número de traqueidas experimenta un rápido aumento; durante un período posterior a diferenciación continúa, pero non aumenta o número de traqueidas; e nos 3 días a seguir as traqueidas continúan diferenciándose pero non aumentan en número. A resistencia do enxerto é proporcional á cantidade de polisacáridos depositados na unión. A restauración da continuidade vascular prodúcese ao final da primeira e durante a segunda fase, polo aumento do número de elementos traqueidais.

Clases de enxertos[editar | editar a fonte]

Por achegamento[editar | editar a fonte]

Consiste en soldar dúas pólas.

  • Faise a partir de dúas plantas enteiras.
  • Teñen que estar plantadas unha preto da outra, ou ben, xuntalas se é que están en vasos; ou unha plantada no chan e a outra nun vaso.
  • Faixe un rebaixo en cada póla tirando uns centímetros de casca cun chisco de madeira. Cómpre que as partes tiradas sexan iguais e á mesma altura.
  • Despois únense encaixando perfectamente. A clave dos enxertos é que queden ben en contacto o cámbium do padrón e o cámbium da variedade. Se se pon só un pouquiño en contacto, o enxerto fracasa.
  • Átase e cóbrese todo con mástic ou cera de enxertar.
  • Unha vez que se produciu a unión entre as dúas plantas, tállase por riba da unión a planta que non queremos que forme o toro e as pólas, senón que achegue unicamente as súas raíces.
  • Pódese deixar con dous pés (dous sistemas radicais) para dar máis vigor ao enxerto, ou se pode cortar o pé da planta enxertada por baixo do enxerto. Este pé pode volver a agromar e servir para lle enxertar outra puga.
  • Exemplos para facer enxerto de achegamento: mimosa (Acacia dealbata) con outra acacia que sexa resistente á calcaria; piñeiro manso (Pinus pinea) sobre piñeiro de Alepo (Pinus halepensis) etc.

De fenda[editar | editar a fonte]

Pasos da realización dun enxerto de fenda simple.

É un método no que se substitúe o extremo do talo do padrón por un esgallo que conteña algunhas xemas. Ambos os dous deben ser dun diámetro semellante para que as súas cascas poidan entrar en contacto. Ao padrón tállaselle o talo principal e se lle practica unha fenda en forma de V. O esgallo ou puga, será unha poliña miúda que conteña unha, dous ou tres xemas. Tállase en bisel, de xeito que poida inserirse no suco do padrón. Para evitar que se separen, acostúmase envolver a unión con algunha cinta de rafia, algodón ou outra materia orgánica, ou con algún adhesivo ou cera. Existen varios métodos para realizar enxertos de fenda:

  • De fenda inglesa
  • De ponte
  • De seleta
  • De fenda simple
  1. Córtase o talo que serve coma portaenxertos e fáiselle unha fenda na parte superior no sentido da diagonal, en forma de cuña. A seguir escóllense unhas pugas que teñan varias xemas e se cortan pola parte inferior tamén en forma de cuña para que encaixe no suco. (Figura 1 do gráfico).
  2. Unha vez introducidas as pugas no padrón lígase. (Figura 2 do gráfico)
  3. Despois débese cubrir de pez, betume, cera ou cemento rápido, aínda que é mellor a resina vexetal.

O enxerto de achegamento adoita empregarse en árbores que son difíciles de enxertar doutro xeito.

De xema, de gomo ou de burbulla[editar | editar a fonte]

Pasos da realización dun enxerto de xema.

Neste sistema de enxerto coñécense varios tipos, porén os máis utilizados son:

  • Enxerto de casca ou de parche
  • Anel
  • Microenxerto
  • Enxerto de escudo

Este sistema, tamén chamado enxerto inglés, usa un anaco de casca do esgallo que se introduce baixo a casca do toro do padrón. O esgallo obtense dunha póla nova, tirando unha sección rectangular da zona que arrodea unha xema foliar, semellante a un escudo romano. Este escudo enxértase baixo a casca do padrón a través dunha fenda en forma de T, de xeito que fique protexido e aprisionado. Faise cando a casca se desprende doadamente da madeira. Aproximadamente aos 15 ou 20 días despois de enxertar tíranse as cintas de amarre por perigo estrangulamento (polo engrosamento da planta). Cando agroman as xemas enxertadas, córtase a parte superior do padrón para lles permitir ser a póla dominante. É un enxerto universal.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Rojas González, Salvador; García Lozano, Jairo; Alarcón Rojas, Melva (2004). Propagación asexual de plantas: conceptos básicos y experiencias con especies amazónicas (en española). República de Colombia. Ministerio de Agricultura y Desarrollo Rural: Corpoica (Corporación colombiana de Investigación Agropecuaria). p. 18. ISBN 958-8210-57-7. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]