Riquilda de Polonia
Riquilda de Polonia | |
---|---|
Raíña consorte de Galicia, León e Castela Condesa de Provenza Condesa de Everstein | |
Nacemento | c. 1140 Wroclaw, Baixa Silesia, Polonia |
Cónxuxe/s | Afonso VII de Galiza, León e Castela Raimundo Berengar II de Provenza Alberte III, conde de Everstein |
Proxenitores | Wladislaus II de Polonia Inés de Austria |
Na rede | |
![]() | |
Riquilda de Polonia, tamén coñecida como Richilda ou Riclitza de Silesia[1] nada c. 1140 e finada o 16 de xuño de 1185,[1] foi unha princesa polaca da dinastía Piast, pola rama de Silesia, e, polos seus matrimonios, raíña de Galiza, León e Castela, Condesa de Provenza e Everstein.[2]
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Riquilda era filla de Ladislau II de Silesia, e de Inés de Austria, filla do marqués Leopoldo III de Austria e media irmá do rei Conrado III do Sacro Imperio Romano Xermánico.
Pasou os seus primeiros anos en Polonia, acompañando aos seus pais e irmáns ao exilio en 1146. Instaláronse primeiro en Bohemia e máis tarde en Xermania, baixo o coidado do rei Conrado III, quen deu ao seu cuñado deposto o distrito saxón de Altenburg.
Raíña de Galiza, León e Castela[editar | editar a fonte]
En 1151, o rei Afonso VII de Galiza, León e Castela quixo facer unha alianza co Reino de Xermania mediante o matrimonio, e Riquilda, sobriña do rei alemán, era a noiva idónea para iso.[3][4] O matrimonio tivo lugar entre outubro e decembro de 1152, na pubertade de Riquilda.[4] O seu primeiro fillo, Fernando, naceu en Toledo un ano despois. En 1155 Riquilda deu a luz a Sancha.[2] O rei Afonso morreu de súpeto en plena guerra contra os mouros en Serra Morena, o 21 de agosto de 1157. Ao parecer, o infante Fernando morrera un pouco antes do seu pai.
Raíña viúva e condesa consorte de Provenza[editar | editar a fonte]
O falecido rei dividiu os seus dominios entre os seus fillos desde o seu primeiro matrimonio, con Berengaria de Barcelona: Sancho III obtivo Castela e Fernando II, Galiza e León. A relación entre Riquilda e os seus fillastros non lle foi favorable, sobre todo despois de que Sancho III declarase a guerra a Raimundo Berengario IV de Barcelona, cuxo fillo, o futuro Afonso II de Aragón, estaba comprometido con Sancha, a súa filla. As incómodas relacións entre Fernando II e o emperador Federico I, primo de Riquilda, e o antipapa Víctor IV engadiron máis dificultades á raíña viúva, que finalmente decidiu mudarse ao Reino de Aragón en 1159.
Alí, Riquilda coñeceu a Raimundo Berengario II de Provenza, sobriño do conde de Barcelona. Aínda que ambos se namoraron, a súa unión sería claramente política. Raimundo Berengario II apoiou ao antipapa Víctor II contra Alexandre III, que á súa vez apoiou ao rei Luís VII de Francia. O condado de Provenza estaba estratexicamente situado entre Francia e a península italiana. Federico tamén quixo levar ao seu lado ao conde de Barcelona, aliado dos reis de Francia, e de Castela, Galiza e León. Pola contra, Raimundo Berengario II, despois primo por matrimonio do emperador Federico, gañou prestixio e puido enfrontarse ás pretensións do conde Hugo de Beaux, que recibira a Provenza imperial como feudo.
As negociacións para o matrimonio duraron aproximadamente un ano e medio, até que, en 1161, Raimundo e Richilda casaron finalmente. Tiveron só unha filla, Dulce, que naceu un ano despois. Raimundo Berengario morreu en 1166, tentando conquistar Niza.
Condesa Consorte de Everstein[editar | editar a fonte]
Pouco despois da morte do seu segundo marido, comezaron os preparativos para outro matrimonio. Ao parecer, estaba prometida con Raimundo V de Tolosa polo seu curmán Federico. Ao mesmo tempo, a nova condesa Dulce II de Provenza estaba prometida co futuro Raimundo VI. O conde Raimundo quería estar máis preto da dinastía Hohenstaufen e apoderarse do condado de Provenza. Porén, a firme oposición do novo conde de Barcelona (futuro xenro de Riquilda) puxo fin a ambos os compromisos e, coa axuda da República de Xénova, iniciou unha guerra contra Raimundo V que durou oito anos.
Ao redor de 1167, Riquilda casou por terceira e última vez con Alberte III de Everstein, que loitara xunto ao emperador Federico na guerra contra a casa de Welf, e trasladouse a Xermania co seu novo marido. Desta unión sábese con certeza que naceron dous fillos: Conrado II, arcebispo de Maguncia, e Alberte IV de Everstein, aínda que algunhas fontes mencionan tres fillos máis: Otto, Luís e Hermano.
Pouco se sabe da vida de Riquilda despois destes feitos, que morreu en 1185.
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ 1,0 1,1 "ficha de individuo". fundacionmedinaceli.org (en castelán). Consultado o 26 de setembro de 2022.
- ↑ 2,0 2,1 Cádiz Álvarez (2017), p. 146
- ↑ Domené (2017), p. 112.
- ↑ 4,0 4,1 Serrano (2011), p. 45
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- Cádiz Álvarez, Juan Carlos (2017). ¿Rompeolas o mascarón de proa de España? : la historia de Asturias — en pedazos Vol. II (Los siglos oscuros) (en inglés). Oviedo: Clarín Publicaciones. ISBN 978-84-16093-07-6.
- Domené, Domingo (2017). Alfonso IX: Un gran rey con siete amadas (en castelán). (epub). Madrid. ISBN 978-84-15998-53-2.
- Serrano, Luciano, O.B.S. (2011). El obispado de Burgos y Castilla primitiva, desde el siglo V al XIII. (3 tomos) (en castelán). (en castelán). Valladolid: Editorial Maxtor. ISBN 978-84-9001-088-4.
----
![]() |
Este artigo sobre unha personalidade é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír. |