Medio dólar do Centenario de Missouri
Medio dólar do centenario de Missouri [1][2][3] | |
---|---|
A/: Busto de Daniel Boone cara á esquerda, coa súa gorra de pel de mapache.
Lendas: UNITED STATES OF AMERICA / 1821 1921 / FALF DOLLAR |
R/: Daniel Boone, sinalando o Oeste, e un nativo americano, sobre un fondo de estrelas.
Lendas: MISSOURI CENTENNIAL / SEDALIA |
|
O medio dólar do Centenario de Missouri é unha moeda de prata con ese valor facial emitida en 1921 pola Casa da Moeda dos Estados Unidos e cuñada na Ceca de Filadelfia, conmemorativa do centenario da incorporación do estado de Missouri á Unión.[1][2][3]
A lei que autorizaba a emisión deste medio dólar foi aprobada no Congreso dos Estados Unidos sen oposición e logo asinada polo presidente Warren G. Harding o día 4 de marzo de 1921. A Comisión Federal de Belas Artes contratou o escultor Robert Ingersoll Aitken para que se encargase do seu deseño, cun retrato do pioneiro Daniel Boone no anverso e a representación de Boone conversando cun nativo americano no reverso.
Para incrementar as vendas, nunha parte da emisión incluíuse a marca 2★4, como símbolo de que Missouri era o estado número 24 en incorporarse á unión. Aínda que foron admiradas polo seu deseño, as moedas non acadaron o éxito esperado e case o 60 % foron devoltas á Ceca de Filadelfia para a súa fundición.
Inicio e aprobación
[editar | editar a fonte]As autoridades do estado de Missouri, admitido na Unión en 1821 como parte do chamado Compromiso de Missouri, querían unha moeda conmemorativa para a vender na Exposición do Centenario de Missouri e na Feira Estatal, que se desenvolverían en Sedalia do 8 ao 20 de agosto de 1921.[4] Xa que logo, o 20 de xaneiro dese ano, o senador republicano por Missouri Selden P. Spencer presentou no Senado un proxecto de lei para a creación do medio dólar, que foi remitido á Comisión de Banca e Moeda desa cámara. O tamén republicano George P. McLean, de Connecticut, elevou o proxecto ao pleno do Senado o 25 de xaneiro cunha emenda que reducía a tiraxe máxima autorizada dos 500.000 exemplares iniciais a 250.000, así como coa recomendación de que o proxecto fose aprobado. Finalmente, o proxecto de lei, na súa forma emendada, foi aprobado polo Senado sen oposición.[5]
Pola súa banda, o 17 de xaneiro presentárase na Cámara de Representantes un proxecto idéntico. O 10 de febreiro, o representante republicano de Indiana Albert Henry Vestal, que presidía a Comisión de Moeda, Pesos e Medidas —á que fora remitido o proxecto— devolveuno ao pleno da Cámara cunha emenda idéntica á aprobada polo Senado, e tamén coa recomendación de que fose aprobado. O proxecto foi examinado entón pola Cámara de Representantes o 2 de marzo de 1921, cando quedaban só dous días de sesións no Congreso. Warren Gard, de Ohio, que xa fixera algunhas preguntas sobre os proxectos de lei anteriores sobre moedas cando pasaran pola Cámara,[6] preguntoulle nesta ocasión a Vestal se o proxecto de lei do medio dólar de Missouri era idéntico aos anteriores e se contiña as mesmas disposicións, e Vestal confirmoulle que si. Daquela, o proxecto foi aprobado pola Cámara de Representantes sen obxeccións,[7] e foi promulgado como a Lei pública 66-381 coa sinatura do novo presidente, Warren G. Harding, o día da súa toma de posesión, o 4 de marzo de 1921.[2][8][9]
Preparación
[editar | editar a fonte]En tanto que o proceso lexislativo estaba aínda no Congreso, o 29 de xaneiro de 1921, o senador Spencer escribiu a Charles Moore, presidente da Comisión de Belas Artes dos Estados Unidos, en relación co proxecto de lei. Moore respondeulle o 2 de febreiro, aconsellando que se contratase un dos poucos escultores estadounidenses capaces de deseñar unha moeda, e que a obra resultante se sometese á crítica amigable doutros artistas. Spencer puxo en contacto a Moore con James Montgomery, presidente da Comisión do Centenario de Missouri, e o 9 de febreiro Moore fixo varias propostas para o deseño, entre as que figuraba:[11]
“ | [...] un carro cuberto [...]; en segundo lugar, as cabezas de Boone e Benton [Thomas Hart Benton, o primeiro político de Missouri]; en terceiro lugar, o selo do estado de Missouri; e en cuarto lugar, o indio sinalando cara ao oeste. | ” |
Moore suxeriu que o escultor contratado podería elixir entre estes conceptos e decidir cal podía utilizarse da mellor maneira, coa aprobación de Montgomery e da Comisión de Belas Artes. Montgomery respondeulle o 16 de febreiro con esta proposta:[12]
“ | Unha figura de pé de Daniel Boone, cunha gorra de pel de mapache, roupa de pel de cervo, cun indio sentado aos seus pés, o río Missouri fluíndo diante, cos cantís no lado oposto, cunha estrela coas cifras "24" no centro da estrela. Isto significaría, en primeiro lugar, que o home branco suplantara o indio no Territorio de Missouri. | ” |
En relación coa inclusión da estrela co número 24 —alusiva a que Missouri era o estado número 24 de Unión—, Montgomery indicaba que esta se debía retirar do cuño despois de cuñar as primeiras 5.000 moedas, coa intención de crear unha nova variante para os coleccionistas e incrementar as vendas, o que aumentaría a recadación e axudaría a pagar os honorarios do escultor e os custos de produción, un gasto estimado en 1.750 dólares.[13] Montgomery volveu escribir o 22 de marzo e propuxo que nas moedas aparecesen as palabras MISSOURI CENTENNIAL, SEDALIA, 1921 e, se fose posible, tamén a data do centenario, o 10 de agosto.[13]
A Comisión de Belas Artes contratou a Robert Ingersoll Aitken, un escultor ben coñecido nos círculos numismáticos polo seu deseño para as moedas de ouro de 50 dólares da Exposición Panamá Pacífico.[1] Ao parecer, esta contratación non se lle comunicou á Comisión de Missouri, xa que o 17 de maio, James Earle Fraser, membro da Comisión de Belas Artes, dixo a Moore que oíra que alguén relacionado co Centenario de Missouri fixera indagacións na Medallic Art Company, de Nova York, co fin de contratar un escultor.[13]
Non está claro se Moore lle escribiu a Montgomery, pero si que o fixo ao senador Spencer, o 26 de maio, para o informar de que os deseños foran aprobados de xeito preliminar. Os membros da Comisión de Belas Artes suxeriran varios cambios, que se levaron a cabo, e o 9 de xuño a Comisión deu a súa aprobación ao deseño, decisión que se lle comunicou por carta ese mesmo día ao director da Casa da Moeda dos EEUU, Raymond T. Baker.[14] Para acelerar a produción, a Medallic Art Company fabricou matrices a partir dos modelos de xeso achegados por Aitken, coas que se podían facer os cuños para producir as moedas.[15] Estas matrices enviáronse á Ceca de Filadelfia o 29 de xuño de 1921.[16]
Deseño
[editar | editar a fonte]Anverso
[editar | editar a fonte]O busto de Daniel Boone, que viviu en Missouri durante o derradeiro cuarto de século da súa vida, aparece no anverso da moeda.[18] Anthony Swiatek e Walter Breen, no seu libro de 1988 sobre as moedas conmemorativas estadounidenses, especulan coa posibilidade de que este anverso se inspirase no busto de Boone esculpido por Albin Polasek no Salón da Fama dos Grandes Americanos de Nova York. Boone leva unha chaqueta de pel de cervo e unha gorra de pel de mapache. As datas do centenario, o nome do país e a denominación da moeda rodean o busto.[1][2][19]
Reverso
[editar | editar a fonte]O reverso representa a Boone de corpo enteiro cun rifle e un corno de pólvora, xunto a un nativo americano. Swiatek e Breen interpretan que o pioneiro branco despide o indio, que leva un escudo e unha pipa da paz, o que aparentemente dramatiza o desexo de Montgomery de amosar o home branco substituíndo o indio en Missouri. A este respecto, Breen declarou: "como se isto fose algo do que presumir".[19] O Informe de 1921 do director da Casa da Moeda describe a interacción como "Daniel Boone, con pólvora e rifle, dirixindo a atención dun indio ao curso cara ao oeste do home branco".[18]
O medio dólar do Centenario de Missouri é un dos poucos deseños de moeda na historia numismática dos Estados Unidos que ten o mesmo individuo representado en ambas as faces. Entre outras representacións deste tipo están as do propio Boone no medio dólar do Bicentenario de Daniel Boone, de 1934-1938, a de Lafayette no dólar Lafayette, de 1900, e a do pioneiro no medio dólar do Centenario de Elgin, Illinois, de 1936.[20]
As 24 estrelas do reverso transmiten a mesma mensaxe que a marca "2★4" que aparece no anverso dalgúns exemplares: que Missouri foi o vixésimo cuarto estado en entrar na Unión. O topónimo SEDALIA, que aparece no exergo, correspóndese co lugar da exposición do centenario. Preto da culata do rifle apréciase tamén un monograma estilizado composto polas letras "RA", correspondente ao deseñador, Robert Aitken.[8]
A moeda de Missouri e o medio dólar Colombino de 1892-1893 son as únicas moedas conmemorativas de medio dólar que carecen dos dous lemas nacionais dos Estados Unidos que adoitan aparecer en todas as moedas do país: LIBERTY, IN GOD WE TRUST e E PLURIBUS UNUM.[21]
Valoración do deseño
[editar | editar a fonte]O deseño foi ben recibido no momento da emisión; varios exemplares foron amosados e admirados na convención da American Numismatic Association que tivo lugar en Boston en agosto de 1921, pouco despois da saída ao mercado da moeda.[22]
O historiador da arte Cornelius Vermeule, no seu volume sobre as moedas e as medallas estadounidenses, admirou a peza de Aitken e escribiu que este artista "se converteu no primeiro medallista estadounidense en aplicar os principios do deseño medallístico renacentista a unha moeda dos Estados Unidos, e no primeiro artista deste tipo en facer que un pioneiro parecese un príncipe dos Medici". Vermeule suxeriu que as figuras do reverso se erguen "como soldados romanos nun relevo no Arco de Constantino, ou condottieri renacentistas nun gran fresco de cerimoniais da corte". Tamén sinalou que "as letras do anverso seguen as formas e o sistema de Pisanello" e que "a moeda no seu conxunto é unha obra de arte, e non só outro xeito de comercializar unha moeda de prata de cincuenta centavos, porque se omitiron os tres lemas que adoitan abafar e constrinxir os intentos de arte numismática dos Estados Unidos".[23] O autor concluíu, a partir das obras de Aitken, que "a súa imaxinación ao seleccionar do pasado para reformular o presente funcionou moi ben na moeda conmemorativa dos Estados Unidos".[21]
Produción, distribución e coleccionismo
[editar | editar a fonte]En xullo de 1921 cuñáronse na Ceca de Filadelfia 50.028 exemplares do medio dólar do Centenario de Missouri, 28 dos cales se reservaron para a súa inspección e proba na reunión anual de 1922 da Comisión de Ensaios dos Estados Unidos.[25]
As primeiras moedas cuñadas amosaban a marca "2★4" no anverso e posteriormente esta marca foi eliminada dos cuños e continuou a produción da moeda sen ela. A distribución comercial da moeda correo a cargo da Sedalia Trust Company, en nome da Comisión do Centenario. Por unha banda ofrecíanse conxuntos das dúas variantes por correo, e por outra vendíanse presencialmente os exemplares carentes da marca na propia exposición, en agosto. A publicidade previa fora escasa e, ademais, a exposición tivo lugar durante a recesión de 1921. Vendéronse todos os exemplares coa marca "2★4", mais da variante lisa houbo que devolver 29.600 á Casa da Moeda para a súa fundición.[8][16]
Os primeiros anuncios da moeda contiñan esbozos preparados por Aitken, que amosaban o anverso tal e como se emitiu, pero representaban un reverso co Selo do Estado de Missouri, unha idea inicial que Aitken rexeitara por considerar que non funcionaría ben. Nunha carta publicada en parte no número de decembro de 1921 de The Numismatist —a revista da American Numismatic Association—, Aitken escribiu:[26]
“ | A ilustración que vostede publicou fíxose a partir dun dos varios debuxos que presentei á Comisión Federal de Arte. O Comité de Missouri foi informado de que eu traballaría seguindo estas liñas, aínda que se me deu plena liberdade para calquera cambio que puidese aconsellar. O selo do estado non funcionou ben, así que desenvolvín o reverso coas dúas figuras de pé, que acadou a aprobación instantánea da Comisión en Washington. | ” |
A cantidade de exemplares coa marca "2★4" é incerta. Swiatek e Breen escribiron que se cuñaron 5.000 e que se venderon todas, o que implicaría que se emitiron 15.400 das lisas.[8] Swiatek, no seu volume de 2012 sobre moedas conmemorativas, tamén se adheriu a estas cifras.[16] Pola súa banda, o comerciante de moedas David Bullowa escribiu en 1937 que se emitiron 10.000 coa marca "2★4", unha cifra coa que se amosou de acordo o escritor numismático Q. David Bowers, quen ademais sinalou que ambas as variantes son case iguais en rareza.[28] Na edición de luxo de 2018 de A Guide Book of United States Coins, Richard S. Yeoman, estímase que se emitiron 9.400 coa marca "2★4" e 11.400 sen ela.[29]
Ambas as variedades vendéronse cunha prima por riba do prezo de emisión en 1925, e no apoxeo do primeiro boom das moedas conmemorativas en 1936, a que portaba a marca "2★4" acadou daquela o 25 dólares e a lisa 28 dólares. En 1940, a moeda coa marca vendíase a un prezo superior á lisa, e no momento culminante do segundo boom, en 1980, a moeda coa marca acadou os 2.600 dólares, fronte aos 2.400 da lisa. O catálogo de Richard S. Yeoman cotiza a variante coa marca "2★4" entre 625 e 7.250 dólares, en función do seu estado de conservación, e a lisa entre 400 e 6.650 dólares.[30] Un exemplar excepcional da variedade lisa vendeuse nunha poxa numismática en 2015 por 70.500 dólares.[31] Coñécese tamén polo menos un exemplar cuñado coa condición proof —fondo espello e relevo mate—, que foi vendido nunha poxa en 1992.[32][33]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 "Missouri Centennial Half Dollar". United States Mint.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 "½ Dollar Missouri Commemorative". Numista.com
- ↑ 3,0 3,1 "1921 Missouri Centennial Half Dollar". Earlycommemorativecoins.com
- ↑ Bowers, Q. D. (1991). Páxina 153.
- ↑ Congressional Record. 60. 25 de xaneiro de 1921. Páxina 1.995.
- ↑ Congressional Record. 59. 21 de abril de 1920. Páxinas 5.947-5.950.
- ↑ Congressional Record. 60. 2 de marzo de 1921. Páxina 4.357.
- ↑ 8,0 8,1 8,2 8,3 Swiatek, A.; Breen, W. (1981). Páxina 164.
- ↑ "Missouri Centennial Commemorative Coin Legislation". United States Mint.
- ↑ "Robert Aitken papers, circa 1900-1960". Archives of American Art. Smithsonian Institution.
- ↑ Taxay, D. (1967). Páxina 52-53.
- ↑ Taxay, D. (1967). Páxina 53, 56.
- ↑ 13,0 13,1 13,2 Taxay, D. (1967). Páxina 56.
- ↑ Taxay, D. (1967). Páxinas 56-58.
- ↑ Bowers, Q. D. (1991). Páxina 145.
- ↑ 16,0 16,1 16,2 Swiatek, A. (2012). Páxina 130.
- ↑ Smith, Z, F. (1895). The history of Kentucky:from its earliest discovery and settlement, to the present date. Prentice Press, Louisville. Páxina 80bis.
- ↑ 18,0 18,1 Flynn, K. (2008). Páxina 123.
- ↑ 19,0 19,1 Swiatek, A.; Breen, W. (1981). Páxinas 163-164.
- ↑ Bowers, Q. D. (1991). Páxina 156.
- ↑ Slabaugh, A. R. (1975). Páxina 46.
- ↑ "The Missouri Centennial Falf Dollar: a Popular Coin". En The Numismatist. Vol. 34. Nº 10. Outubro de 1921. Páxinas 484-485.
- ↑ Vermeule, C. (1971). Páxina 162.
- ↑ The Numismatist. Vol. 34. Nº 9. Setembro de 1921. Páxina 414.
- ↑ Flynn, K. (2008). Páxina 124.
- ↑ "A 'Variety' of the Missouri Centennial Half Dollar". En The Numismatist. Vol. 34. Nº 12. Decembro de 1921. Páxina 575.
- ↑ The Numismatist. Vol. 35. Nº 5. Maio de 1922. Páxina 258.
- ↑ Bowers, Q. D. (1991). Páxinas 155-156.
- ↑ Yeoman, R. S. (2018). Páxina 1.058.
- ↑ Yeoman, R. S. (2018). Páxina 1.059.
- ↑ "1921 Missouri 50C MS". Numismatic Guaranty Company.
- ↑ Stevenson, J. (1992). "Coins; Mix-Up and Mystery: The 1921 Missouri Proof". En The New York Times. 2 de agosto.
- ↑ "Unique coin to be sold in Orlando Arquivado 26 de maio de 2023 en Wayback Machine.". En Tampa Bay Times. 9 de agosto de 1992.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Medio dólar do Centenario de Missouri |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bowers, Q. D. (1991). Commemorative Coins of the United States. A Complete Encyclopedia. Bowers and Merena Galleries, Wolfeboro.
- Flynn, K. (2008). The Authoritative Reference on Commemorative Coins 1892-1954. Kyle Vick, Roswell.
- Slabaugh, A. R. (1975). United States Commemorative Coinage (2ª ed.). Whitman, Racine. ISBN 978-0-307-09377-6
- Swiatek, A. (2012). Encyclopedia of the Commemorative Coins of the United States. KWS Publishers, Chicago. ISBN 978-0-9817736-7-4
- Swiatek, A.; Breen, W. (1981). The Encyclopedia of United States Silver & Gold Commemorative Coins, 1892 to 1954. Arco, Nova York. ISBN 978-0-668-04765-4
- Taxay, D. (1967). An Illustrated History of U.S. Commemorative Coinage. Arco, Nova York. ISBN 978-0-668-01536-3
- Vermeule, C. (1971). Numismatic Art in America. Harvard University Press. ISBN 978-0-674-62840-3
- Yeoman, R. S. (2018). A Guide Book of United States Coins ("Mega Red", 4ª ed.). Whitman, Atlanta. ISBN 978-0-7948-4580-3