Medio dólar do Sesquicentenario de Hawai

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Medio dólar do
Sesquicentenario de Hawai [1][2]
A/: Retrato de James Cook. Abaixo, representación das oito illas máis grandes de Hawai. Marca do gravador (CB).

Lendas: UNITED STATES OF AMERICA / CAPT. JAMES COOK DISCOVERER OF HAWAII / IN GOD WE TRUST / HALF DOLLAR.

R/: Un xefe nativo hawaiano cunha man estendida a modo de benvida. Detrás unha palmeira, cabanas de herba na praia de Waikki, e o cono volcánico Diamond Head.

Lendas: E PLURIBUS UNUM / 1778 1928

O medio dólar do Sesquicentenario de Hawai é unha moeda dese valor facial emitida en 1928 pola Casa da Moeda dos Estados Unidos e cuñada pola Ceca de Filadelfia, conmemorativa do 150 aniversario do desembarco en Hawai do capitán James Cook, o primeiro europeo que chegou alí.[1][3]

A moeda representa a Cook no anverso e un xefe hawaiano no reverso. A súa tiraxe foi só de 10.000 exemplares, polo que se trata dunha moeda escasa.

En 1927, a asemblea lexislativa do Territorio de Hawai aprobou unha resolución na que lle pedía ao Goberno dos Estados Unidos a emisión dunha moeda conmemorativa do 150 aniversario da chegada ao arquipélago de James Cook. O secretario do Tesouro, Andrew Mellon, considerou a ocasión o bastante importante como para non oporse á emisión. A lei do medio dólar hawaiano foi aprobada polo Congreso sen oposición nin emendas e foi asinada o 7 de marzo de 1928 polo presidente Calvin Coolidge.

O escultor Chester Beach fixo os modelos de xeso para as moedas a partir de esbozos de Juliette May Fraser. Beach tivo algúns problemas para obter a aprobación dos seus deseños, xa que a Casa da Moeda e Victor Stewart Kaleoaloha Houston, delegado do Territorio de Hawai no Congreso, formularon algunhas obxeccións, que finalmente se arranxaron.

Aínda que o prezo oficial de venda desta moeda foi de dous dólares, o máis alto para un medio dólar conmemorativo ata aquel momento, as moedas esgotáronse axiña e o seu valor foi aumentando ata superar o milleiro de dólares por un exemplar en boas condicións.

Inicio[editar | editar a fonte]

A creación do medio dólar do Sesquicentenario de Hawai propúxose con motivo das celebracións do 150 aniversario da chegada do capitán James Cook ás illas hawaianas, o primeiro europeo en facelo. Os planificadores decidiron que a data das celebracións fose agosto de 1928, a medio camiño entre o sesquicentenario do desembarco de Cook en xaneiro de 1778 e o da súa morte nas illas en febreiro de 1779. A Administración do Territorio de Hawai aprobou unha resolución para lles dar carácter oficial ás celebracións e solicitar ao Goberno federal a participación das Forzas Armadas. A resolución pedía a Washington que invitase o Reino Unido —o país ao que Cook era leal— e tamén outras nacións. Así mesmo, solicitáballe ao Goberno federal a emisión dunha moeda de medio dólar e de selos postais na honra do aniversario.[4] Naquela época, o Goberno non vendía as moedas conmemorativas, senón que o Congreso, ao autorizar a emisión, designaba unha entidade sen ánimo de lucro á que lle atribuía o dereito exclusivo de adquirir as moedas ao seu valor nominal e vendelas ao público cun sobreprezo, como vía de financiamento de campañas altruístas.[5] No caso do medio dólar de Hawai, a Comisión do Sesquicentenario de Cook de Hawai era o grupo designado para tal efecto.[6]

Bruce Cartwright, Jr. foi o encargado de elixir o deseño da moeda para a Comisión Cook. A Sra. Ethelwyn Castle, unha persoa de espírito cívico, organizoulle un encontro con Juliette May Fraser, unha artista local. Cartwright preparara debuxos de estilo caricaturesco, co retrato de Cook baseado nunha placa de cerámica que pertencera á raíña Emma de Hawai, na que aparecía o explorador ollando cara á dereita.[7] O 2 de novembro, Charles Moore, presidente da Comisión de Belas Artes dos Estados Unidos,[8] escribiu a Mary M. O'Reilly, subdirectora da Casa da Moeda, para lle comunicar que os esbozos de Juliette Fraser eran excelentes e se poderían trasladar ben a unha moeda.[9]

A Comisión de Belas Artes reuniuse e, por suxestión dun dos seus membros, o escultor Lorado Taft, decidiu preguntarlle ao deseñador da moeda de 5 centavos Buffalo James Earle Fraser —sen parentesco con Juliette Mary Fraser, malia o apelido— quen sería o máis adecuado para converter os seu esbozos en modelos de xeso, a partir dos cales a Casa da Moeda puidese fabricar as matrices e os cuños de produción. James Fraser suxeriu o deseñador do dólar Peace, Anthony de Francisci, aínda que con pouco éxito, xa que no canto del acabouse contratando a Chester Beach,[10] que xa tiña experiencia como deseñador doutras moedas conmemorativas, como o medio dólar conmemorativo do Centenario da Doutrina Monroe,[11] ou o emitido polo sesquicentenario de das batallas de Lexington-Concord.[12]

Proceso lexislativo[editar | editar a fonte]

O delegado no Congreso dos EEUU por Hawai, Victor Stewart Kaleoaloha Houston.

O historiador numismático Don Taxay suxire que é probable que os membros da Comisión de Moeda, Pesos e Medidas da Cámara de Representantes xa acordaran apoiar a creación do medio dólar hawaiano antes de que se presentase un proxecto de lei ao respecto, xa que os preparativos comezaran con anterioridade.[13] O 5 de decembro de 1927, o delegado do territorio —sen voto— no Congreso, Victor Stewart Kaleoaloha Houston, presentou unha proposta de lei na Cámara de Representantes, que foi remitida á Comisión de Moeda, presidida polo congresista de Nova Jersey Randolph Perkins, que celebrou unha sesión o 23 de xaneiro de 1928. O delegado Houston compareceu en apoio do seu proxecto de lei e, para sorpresa dos membros da Comisión, conseguira unha declaración do secretario do Tesouro, Andrew Mellon, na que este afirmaba que non se opuña ao proxecto. Normalmente, cando se propuña unha moeda conmemorativa, Mellon argumentaba que no seu lugar debía emitirse unha medalla. Este fora o caso, por exemplo, da medalla nórdico-estadounidense emitida tres anos antes: o seu patrocinador, o membro da Comisión Ole J. Kvale, de Minnesota, abandonara os seus plans iniciais de solicitar unha moeda por mor da oposición do departamento do Tesouro, dirixido por Mellon. O congresista Kvale estaba "moi interesado en saber que poder de persuasión exerceu o cabaleiro de Hawai para conseguir un informe tan favorable".[14] Kvale, un estadounidense de orixes familiares norueguesas, preguntou: "por que se produciu esta discriminación contra dous millóns e medio de persoas nos Estados Unidos a favor duns 35.000 brancos nese Territorio?".[15]

Houston declarou que non fixera presión sobre o Tesouro para obter a aprobación da moeda, e Perkins, antes de prometer buscar máis información, especulou con que quizais se debese a que as moedas se ían emitir lonxe do territorio continental dos Estados Unidos. Houston declarou ante a Comisión que a moeda era "algo que poderán conservar as persoas que asistan á celebración en lembranza desta, e estará ao dispor dos estranxeiros que acudan alí, así como da nosa propia xente que celebre a ocasión".[16] Kvale declarou que votaría a favor do proxecto de lei. Bill G. Lowrey, de Mississippi, sinalou que, como dixera antes, non votaría a favor de ningún proxecto de lei sobre a moeda; Perkins coincidiu en que Lowrey deixara clara a súa postura.[17] Perkins emitiu un informe o 1 de febreiro de 1928, no que relataba a historia da moeda proposta e indicaba o apoio da súa comisión.[18]

O proxecto de lei foi aprobado sen obxeccións pola Cámara de Representantes o 20 de febreiro de 1928.[19] O Senado recibiu o proxecto o día seguinte e remitiuno á Comisión de Banca e Moeda. O 27 de febreiro, Peter Norbeck, de Dakota do Sur, remitiu o proxecto de lei ao Senado sen emendas, e incluíu no informe unha carta do secretario Mellon a Perkins datada o 13 de febreiro, na que Mellon ampliaba as súas razóns para non se opor á aprobación da moeda de Hawai. Mellon afirmaba que só se emitiría un número simbólico de pezas, e que a celebración, patrocinada polo Goberno territorial, era de importancia nacional.[20] O proxecto de lei foi aprobado polo Senado o 2 de marzo sen que se rexistrase oposición,[21] e foi promulgado o 7 de marzo logo da sinatura do presidente Calvin Coolidge. A lei dispuña a emisión de ata 10.000 moedas de medio dólar en lembranza do sesquicentenario, e que os beneficios da comercialización da moeda se destinasen á creación dunha colección do capitán James Cook nos arquivos territoriais.[22]

Preparación[editar | editar a fonte]

O creador da moeda, Chester A. Beach, en 1910.

Logo da aceptación da encarga por parte de Beach o 12 de marzo de 1928, remitíronselle os esbozos realizados por Juliette Fraser. O 7 de abril enviou os modelos terminados á Casa da Moeda e as fotografías á Comisión de Belas Artes. Tanto a Casa da Moeda como o delegado hawaiano Houston responderon con varias críticas; a máis relevante era que o relevo da moeda era alto e difícil de acomodar aos cuños do tamaño dunha moeda.[23] O 19 de abril, o gravador xefe da Casa da Moeda, John R. Sinnock, escribiu nun informe que a moeda sería moi difícil de producir porque a zona de maior relevo de ambas as faces coincidía na mesma parte do deseño.[24]. Beach aceptou entón rebaixar os puntos altos que puidesen causar dificultades na Casa da Moeda.[25]

O delegado Houston tiña unha longa listaxe de obxeccións sobre o deseño da moeda. Por exemplo, Beach colocara un adobío no nocello do xefe nativo, o que Houston consideraba que non resultaba acaído. Beach defendeu algunhas das súas decisións, como o adobío do nocello —que acabou sendo retirado, pola insistencia de Houston insistiu— e prometeu modificar algunhas outras que provocaran as obxeccións. Isto non foi suficiente para Houston, que tampouco estaba satisfeito coa forma da palmeira na moeda, e Beach modificou novamente o deseño. Beach enviou os modelos definitivos, indicando que só consideraría facer cambios se a Fábrica da Moeda llo pedía. Escribiu a Moore: "Creo que o máis apropiado para o Sr. Houston sería levar o escultor e a súa familia a Hawai, e deixarnos vivir entre palmeiras durante un tempo para absorbermos a atmosfera dese paraíso".[26]

A moeda foi aprobada pola Comisión de Belas Artes. O 9 de maio, O'Reilly escribiu a Beach que o deseño recibira tamén a aprobación do secretario do Tesouro Mellon.[27]

Deseño[editar | editar a fonte]

Retrato de James Cook, por William Hodges (ca. 1775-1776).

O anverso do medio dólar representa o capitán James Cook ollando cara a unha agulla de compás e a inscrición CAPT. JAMES COOK DISCOVERER OF HAWAII, situadas á esquerda da moeda.[28] Xa que logo, a súa ollada diríxese cara ao oeste.[29] O lema nacional IN GOD WE TRUST está á dereita, o nome do país arriba e o valor facial (HALF DOLLAR) abaixo, flanqueado por oito triángulos, catro a cada lado, que representan as oito illas volcánicas de maior tamaño do arquipélago de Hawai: Oahu, Maui, Kauai, a Illa Grande de Hawaii, Niihau, Lanai, Kahoolawe e Molokai.[30] As iniciais do deseñador, CB, áchanse á dereita da base do busto.[31]

A estatua do rei de Hawai Kamehameha I (1881), na que se basea o reverso da moeda.

O reverso está baseado nunha estatua do rei de Hawai Kamehameha I, deseñada por Thomas R. Gould e destinada a "simbolizar a gloria pasada e futura do Reino de Hawai".[7] Este reverso amosa un xefe hawaiano en traxe cerimonial no alto dun outeiro, co brazo estendido en sinal de saúdo e benvida. Simboliza a Hawai saíndo da escuridade. A palmeira que se eleva sobre el representa o romanticismo. Detrás del vese unha aldea hawaiana na praia de Waikiki e o cono volcánico Diamon Head, que representan a historia e a antigüidade. O deseño carece case por completo de inscricións: só se incluíu o lema E PLURIBUS UNUM ("De entre moitos, un") e as datas da conmemoración,1778 1928.[30] Baixo o lema en latín vense fentos: Houston quería eliminar as plantas, pero Beach insistiu en conservalas para equilibrar o deseño.[32] Juliette Fraser fixera varios esbozos, todos cos mesmos elementos básicos de deseño, pero co xefe en diversas poses e con Diamond Head en distintas posicións.[7]

O historiador da arte Cornelius Vermeule, no seu volume sobre as moedas e as medallas estadounidenses, escribiu que o anverso "está demasiado ateigado, malia o busto grande, plano e vestido", e que os elementos do deseño do reverso "son demasiados para unha moeda pequena".[33] Considerou que "a moeda na honra de Hawai de 1928 [...] non lle dá mérito a Chester Beach que a moeda de Lexington-Concord [de 1925]".[34]

Produción, distribución e coleccionismo[editar | editar a fonte]

Selo do Servizo Postal dos EEUU coa sobreimpresión HAWAII e a data do sesquicentenario da chegada de Cook: 1778 - 1928.

A Casa da Moeda de Filadelfia cuñou 10.008 medios dólares do Sesquicentenario de Hawai en xuño de 1928. Os oito exemplares por riba dos 10.000 autorizados estaban reservados para a súa inspección pola Comisión de Ensaios dos Estados Unidos na súa reunión anual de 1929. Cincuenta pezas da tiraxe recibiron un acabamento especial, coñecido como proof —fondo espello e relevo mate—,[35] para seren entregadas a diversas personalidades e institucións, como os membros da Comisión Cook, o presidente Coolidge e o almirantado británico. Do resto da tiraxe, a metade venderíase nas illas hawaianas e a outra metade reservaríase para pedidos procedentes doutros lugares. O Banco de Hawai encargouse da distribución en nome da Comisión Cook.[36] O seu prezo oficial foi de dous dólares por moeda, o máis alto para un medio dólar conmemorativo ata aquel momento.[37]

As vendas comezaron o 8 de outubro de 1928 e esgotouse axiña. Os numismáticos Anthony Swiatek e Walter Breen, no seu libro sobre as moedas conmemorativas estadounidenses, escriben que, aínda que "nunca houbo ningún escándalo en torno a estas moedas", déronse rumores non confirmados de acaparamento, ata un total de 1.500 moedas, tomadas da asignación para os hawaianos e mantidas fóra do mercado.[38] Un destes agrupamentos, de 137 pezas, abranguería moedas dunha asignación para o Banco de Hawai para a venda aos seus empregados, que o presidente do banco retirara da venda. Estas moedas permaneceron nas cámaras acoirazadas ata 1986, cando se venderon nunha poxa.[35] Moitos exemplares do medio dólar do Sesquicentenario de Hawai foron adquiridos por non coleccionistas e amosan os efectos dunha manipulación deficiente.[39]

A Colección Conmemorativa do Capitán Cook, adquirida en parte cos fondos recadados coas moedas, áchase agora no Museo Bishop de Honolulu.[40]

A moeda de medio dólar do Sesquicentenario de Hawai é a máis escasa das conmemorativas emitidas pola Casa da Moeda dos estados Unidos con este valor facial. O catálogo A Guide Book of United States Coins, de Richard S. Yeoman, na súa edición de 2015, atribúelle un prezo de entre 1.850 e 11.000 dólares, en función do seu estado de conservación. Os escasísimos exemplares cuñados en versión proof cotízanse en arredor de 50.000 dólares, aínda que ningunha apareceu nunha poxa numismática recentemente. Un espécime da tiraxe ordinaria nunhas condicións de conservación e de aspecto excepcionais acadou os 25.850 dólares en 2013.[41] Por outra banda, desta moeda coñécense ata polo menos tres falsificacións diferentes.[39]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "Hawaiian Sesquicentennial Half Dollar". United States Mint.
  2. "½ Dollar Hawaiian Sesquicentennial". Numista.com
  3. "1928 Hawaiian Sesquicentennial Half Dollar". earlycommemorativecoins.com
  4. USHRCCWM. Páxinas 2-5.
  5. Slabaugh, A. R. (1975). Páxinas 3-5.
  6. USHRCCWM. Páxina 1.
  7. 7,0 7,1 7,2 Medcalf, D.; Russell, R. (1991) [1978]. Páxina 50.
  8. A Comisión, en virtude dunha orde executiva de 1921 do presidente Warren G. Harding, emite dictames consultivos sobre os deseños propostos para as monedas. Véxase Taxay, D. (1967). Páxinas V-VI.
  9. Taxay, D. (1967). Páxina 124.
  10. Flynn, K. (2008). Páxinas 276.-277.
  11. "½ Dollar Monroe Doctrine Centennial". Numista.com
  12. "½ Dollar Lexington-Concord Sesquicentennial". Numista.com
  13. Taxay, D. (1967). Páxina 123.
  14. USHRCCWM. Páxina 1-3
  15. USHRCCWM. Páxina 4
  16. USHRCCWM. Páxina 3-4.
  17. USHRCCWM. Páxinas 4-5
  18. House Committee on Coinage, Weights and Measures (1928). "To authorize coinage of silver 50-cent pieces in commemoration of the one hundred and fiftieth anniversary of discovery of the Hawaiian Islands, etc". 1 de febreiro.
  19. "Capt. James Cook Memorial Collection". En Congressional Record. Senate. Vol. 69. Part 3. 20 de febreiro de 1928. Páxinas 3.278-3.279.
  20. Senate Committee on Banking and Currency. (1928). To authorize coinage of silver 50-cent pieces in commemoration of the one hundred and fiftieth anniversary of discovery of the Hawaiian Islands, etc. 27 de febreiro.
  21. "Anniversary of Discovery of Hawaiian Islands". En Congressional Record. Senate. Vol. 69. Part 4. 2 de marzo de 1928. Páxina 3.949.
  22. "Hawaiian Sesquicentennial Commemorative Coin Legislation". United States Mint.
  23. Taxay, D. (1967). Páxinas 123-127.
  24. Flynn, K. (2008). Páxina 98.
  25. Taxay, D. (1967). Páxina 130.
  26. Taxay, D. (1967). Páxinas 128-131.
  27. Taxay, D. (1967). Páxina 131.
  28. Swiatek, A.; Breen, W. (1981). Páxina 211.
  29. Flynn, K. (2008). Páxina 278.
  30. 30,0 30,1 Slabaugh, A. R. (1975). Páxina 84.
  31. Swiatek, A.; Breen, W. (1981). Páxina 212.
  32. Taxay, D. (1967). Páxina 129.
  33. Vermeule, C. (1971). Páxinas 174-175.
  34. Vermeule, C. (1971). Páxina 174.
  35. 35,0 35,1 Bowers, Q. D. (1991). Páxina 237.
  36. Swiatek, A.; Breen, W. (1981). Páxina 96.
  37. Bowers, Q. D. (1991). Páxina 238.
  38. Swiatek, A.; Breen, W. (1981). Páxinas 96-97.
  39. 39,0 39,1 Medcalf, D.; Russell, R. (1991) [1978]. Páxina 48.
  40. Flynn, K. (2008). Páxina 97.
  41. Yeoman, R. S. (2015). Páxinas 1.138-1.139.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]