Saltar ao contido

Medio dólar do Centenario de Fort Vancouver

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Medio dólar do Centenario
de Fort Vancouver [1][2][3]
A/: Busto cara á esquerda de John McLoughlin, fundador de Fort Vancouver..

Lendas: UNITED STATES OF AMERICA / 1825 1925 / IN GOD WE TRUST / DR · JOHN McLOUGHLIN / HALF DOLLAR.

R/: Un pioneiro sostendo un mosquete, co forte e o monte Hood ao fondo.

Lendas: FORT VANCOUVER CENTENNIAL / VANCOUVER WASHINGTON FOUNDED 1825 BY / HUDSON'S BAY COMPANYั

O medio dólar conmemorativo do Centenario de Fort Vancouver é unha moeda de prata dese valor facial emitida en 1925 pola Casa da Moeda dos Estados Unidos e cuñada na Ceca de San Francisco, en conmemoración do centenario da fundación de Fort Vancouver pola Hudson's Bay Company, en Vancouver, estado de Washington.

Antecedentes[editar | editar a fonte]

Fort Vancouver, na beira norte do río Columbia, no que hoxe é Vancouver, no estado de Washington, achábase ao outro lado do río do que máis tarde sería Portland, Oregón. Foi fundado en 1825 polo principal impulsor da Hudson's Bay Company naquela zona, o doutor John McLoughlin. A compañía procuraba peles e outros produtos comerciais, e competía coa Pacific Fur Company de John Jacob Astor, que tiña un posto avanzado no que hoxe é Astoria, Oregón. Fort Vancouver debe o seu nome ao capitán de navío británico George Vancouver,[4] que tamén lle deu o seu nome a Vancouver, no Canadá.[5][6]

Fort Vancouver en 1841.

Ata que o Tratado de Oregón de 1846 acabou coas disputas entre os Estados Unidos e Gran Bretaña, o propio McLoughlin foi o único Goberno que houbo en Oregón. A súa palabra era obedecida tanto polos homes brancos como polos nativos americanos, e non se produciron conflitos significativos naquela época.[7] Fort Vancouver converteuse no centro do comercio dunha zona moi ampla, e no maior asentamento ao oeste das Grandes Chairas. Coa chegada do dominio estadounidense en 1846, McLoughlin dimitiu do seu posto na Hudson's Bay Company e trasladouse a vivir a Oregon City, unha cidade que el mesmo fundara,[5] e converteuse no seu alcalde en 1851, dous anos despois de adquirir a cidadanía estadounidense. McLoughlin finou en 1857, e un século despois, a Asemblea Lexislativa de Oregón nomeouno Fundador de Oregón. Fort Vancouver está declarado como un "lugar histórico nacional".[8]

En 1925, co gallo da celebración do centenario do establecemento de Fort Vancouver, a Fort Vancouver Centennial Corporation tivo a idea de solicitar a autorización para a emisión dunha moeda conmemorativa da efeméride, cuxa comercialización lle proporcionaría beneficios cos que axudar a financiar os actos do centenario.[9] Esta era unha práctica habitual, xa que naquela época o Goberno estadounidense non comercializaba as moedas conmemorativas, senón que o Congreso, ao autorizar cada emisión, adoitaba designar unha organización específica autorizada para as comprar na Casa da Moeda ao seu valor nominal e vendelas logo ao público cunha prima, como un modo de poder financiar causas altruístas.[10][11]

Proceso lexislativo[editar | editar a fonte]

O congresista por Washington Albert Johnson, introduciu na Cámara de Representantes o proxecto de lei para a creación da moeda.[12]

Neste contexto, a Fort Vancouver Centennial Corporation convenceu o representante Albert Johnson, do estado de Washington, para que presentase un proxecto de lei na Cámara de Representantes no que se solicitase a creación da moeda conmemorativa.[13] En maio de 1924, Johnson e o senador Wesley Jones, tamén do estado de Washington, presentaron proxectos de lei nas súas respectivas cámaras para a emisión do medio dólar conmemorativo do centenario de Fort Vancouver. Os proxectos de lei non foron sometidos a audiencia. Con todo, o representante de Indiana Albert Vestal, presidente da Comisión de Moeda, Pesos e Medidas da Cámara de Representantes, reuniuse con Johnson e fíxolle ver a conveniencia de que presentase un proxecto de lei para solicitar unha medalla, no canto dunha moeda, baixo o argumento de que o Departamento do Tesouro se estaba a opor á emisión de máis moedas conmemorativas, tendo en conta que estas, ao entraren en circulación, creaban confusión entre a poboación.[14] Así as cousas, o 3 de febreiro de 1925, Jones presentou un proxecto de lei para unha medalla conmemorativa, e o día 12, Johnson fixo o mesmo.[15]

O senador Frank L. Greene, defensor do proxecto de lei no Senado.[16]

O senador principal de Vermont, Frank Greene, xa presentara anteriormente un proxecto de lei para a cuñaxe de medio dólar conmemorativo do Sesquicentenario de Vermont, que fora aprobado polo Senado.[17][18] Cando o proxecto de lei da moeda de Vancouver chegou á Cámara de Representantes o 16 de febreiro, o representante de California, John E. Raker, propuxo unha emenda para a cuñaxe tamén dun medio dólar do Xubileu de Diamante (o 75º aniversario) de California.[19] Vestal pediu amosou a súa oposición á emenda e afirmou que a comisión que el presidía, logo de recomendar o proxecto de Vermont, tomara a decisión de non promover máis proxectos de lei sobre cuñaxe de moedas conmemorativas, e engadiu que, por tal motivo, Johnson accedera a retirar o seu proxecto. O líder da minoría, o congresista demócrata Finis J. Garrett, de Tennessee, preguntou por que a comisión non establecera a norma antes de considerar o proxecto de Vermont, e Vestal admitiu que a resposta a esa cuestión era realmente difícil. Así as cousas, a Cámara de Representantes votou, engadiuse a emenda, e o proxecto de lei resultou aprobado.[14]

Logo de se resolver algúns problemas formais, a Cámara de Representantes viuse obrigada a votar outra vez o proxecto, que foi aprobado novamente,[20] e seguidamente foi enviado ao Senado.[21] Charles Curtis, de Kansas, propuxo en nome do senador Greene que o Senado aceptase as emendas da Cámara de Representantes,[22] e aínda que o secretario do Tesouro Andrew W. Mellon, instou o presidente Calvin Coolidge a vetalo, o proxecto, que autorizaba tamén outras dúas moedas conmemorativas, foi promulgado coa sinatura do presidente o 24 de febreiro de 1925.[23][24]

Preparación[editar | editar a fonte]

A artista Laura Gardin Fraser gravou tanto o anverso como o reverso da moeda.

Logo da aprobación da moeda por parte do Congreso, a Centennial Corporation presentou uns modelos de xeso presentados polo artista de Portland Sidney Bell, cuxas iniciais (SB) figuraban no anverso. Estes modelos enviáronselle á Comisión de Belas Artes dos Estados Unidos, encargada por orde executiva do presidente Warren G. Harding en 1921 de emitir ditames consultivos sobre as obras de arte pública, incluídas as moedas. Estes modelos amosaban a McLoughlin no anverso e o valado exterior do forte, co monte Hood de fondo, no reverso. Mais o 22 de maio, a Comisión de Belas Artes rexeitou os modelos, que malia cualificalos como "interesantes", argumentou tamén que cumpriría un medallista con experiencia. A propia comisión recomendou a Chester Beach —un experimentado gravador autor das moedas conmemorativas do centenario da Doutrina Monroe (1923) e do Sesquicentenario de Lexington-Concord (1925)—, mais cando se intentou contratalo, este estaba de viaxe. No canto del, a Centennial Corporation decantouse pola que era a segunda opción da Comisión, a artista Laura Gardin Fraser, igualmente unha experimentada deseñadora de moedas conmemorativas, autora do medio dólar do centenario de Alabama (1921) e do dólar de ouro Grant Memorial (1921).[5][25]

Como a Centennial Corporation decidira os elementos de deseño que desexaba reproducir na moeda de medio dólar, Fraser tivo que facer a súa propia interpretación dos deseños que anteriormente ensaiara Sidney Bell. Fraser foi contratada o 15 de xuño, e culminou os seus modelos o 1 de xullo. O membro da Comisión de Belas Artes Louis Ayres revisou os modelos e, entusiasmado, envioulle unha carta ao presidente da comisión Charles Moore, na que escribiu: "toda a moeda me parece moi interesante e moi boa". Os modelos foron aprobados pola comisión e, posteriormente, polo secretario do Tesouro Mellon.[26]

As matrices e os cuños foron preparados na Ceca de Filadelfia e enviáronse á Ceca de San Francisco, onde se cuñarían as moedas.[27]

John McLoughlin, cuxo busto se reproduce no anverso da moeda, nun daguerrotipo de 1857.

Deseño[editar | editar a fonte]

Anverso[editar | editar a fonte]

O anverso amosa un retrato de McLoughlin, ollando cara á esquerda. Sobre el, o nome do país, UNITED STATES OF AMERICA, e no exergo o valor facial: HALF DOLLAR, coas datas do centenario, "1825 1925" e o habitual lema nacional IN GOD WE TRUST flanqueando o seu busto.[7] Fraser carecía de retratos de McLoughlin cos que traballar, e non está claro en que se baseou para o retratar.[26] A artista concibiuno como un home maior dos 41 anos que tiña no momento da fundación de Fort Vancouver. [1][2][3][27]

Reverso[editar | editar a fonte]

A pioneira Calamity Jane, nunha imaxe similar á reproducida no reverso da moeda.[28]

Pola súa banda, o reverso reproduce a imaxe dun home pioneiro armado, vestido con peles, co valado exterior de Fort Vancouver ás súas costas e o monte Hood ao lonxe. A inscrición, que se amosa fragmentada, é FORT VANCOUVER CENTENNIAL VANCOUVER WASHINGTON FOUNDED 1825 BY HUDSON'S BAY COMPANY". [1][2][3]

Os numismáticos debateron se a ausencia dunha marca de ceca foi intencionada, xa que se trata da  única moeda conmemorativa cuñada en San Francisco que carece dela.[27] Pola súa banda, as iniciais da artista, LGF, figuran na parte inferior dereita do reverso, ao outro lado do círculo da data, 1825.[7]

Valoracións críticas[editar | editar a fonte]

Os investigadores numismáticos Anthony Swiatek e Walter Breen, no seu libro de 1988 sobre moedas conmemorativas estadounidenses, describen o deseño de Fraser como "mellor que calquera cousa que [Chester] Beach puidese ter ideado".[27]

Pola súa banda, o historiador da arte Cornelius Vermeule, no seu volume sobre a arte nas moedas e nas medallas estadounidenses, considerou o medio dólar de Fraser como "unha moeda moi aceptable",[29] e escribiu que "o anverso intenta espazar as letras de Pisanello e circunscribir a rugosidade do busto, en tanto que o reverso ten demasiada paisaxe no fondo, rodeada de demasiadas letras. Esta, xunto coa moeda do Sesquicentenario de Hawai de 1928, demostran que a paisaxe ou a xeografía de fondo deberían omitirse nos medios dólares conmemorativos".[30]

Produción, distribución e coleccionismo[editar | editar a fonte]

Só se cuñaron 50.000 exemplares da tirada legalmente autorizada de 300.000, mais outras 28 pezas destinadas a ser enviadas a Filadelfia para que estivesen dispoñibles para a súa inspección e comprobación na reunión anual de 1926 da Comisión de Ensaios dos Estados Unidos, como era preceptivo. A cuñaxe realizouse a máis tardar o 1 de agosto na Casa da Moeda de San Francisco. Como reclamo publicitario, o tenente Oakley G. Kelly, do Corpo Aéreo do Exército dos Estados Unidos, trasladou por vía aérea a totalidade da cuñaxe (agás as 28 moedas de ensaio) a Vancouver, Washington, o 1 de agosto. Este envío, incluída a embalaxe, pesaba 663 quilogramos. Á súa chegada, as moedas foron recibidas por Herbert Campbell, xefe da Comisión do Centenario.[31]

Os medios dólares destináronse a sufragar os gastos das festividades do centenario en Vancouver,[27] que se celebraron do 17 ao 23 de agosto, entre as que destacaba o espectáculo "A chegada do home branco", "baseado en feitos históricos".[32] As moedas vendéronse polo prezo dun dólar por unidade. Varios centos de exemplares douráronse como efecto de reclamo, o que diminuíu o seu valor futuro como espécimes numismáticos; outros gardáronse como recordo ou foron introducidos na circulación, como moedas de curso legal que eran.[27]

As escasas vendas provocaron problemas financeiros e mesmo estiveron detrás dun suicidio, xa que o 22 de agosto, Charles A. Watts, secretario da Corporación do Centenario, descrito por Campbell como a verdadeira foza detrás da moeda, tomou esta dramática determinación. O día antes de morrer, dixo nunha reunión da corporación que había fondos suficientes para pagar todas as débedas e que a Fraser non se lle debía diñeiro, mais nin unha cousa nin a outra eran certas, e os impagamentos de facturas ascenderon a 6.000 dólares, sen que houbese oprobabilidade ningunha de pagalas. De feito, os honorarios de Fraser, de 1.200 dólares, estaban pendentes de pagamento, e ela intentou cobrar mesmo coas propias moedas de medio dólar, pero a súa factura non foi satisfeita ata un ano despois, cando se lle pagou mediante un cheque. Os medios dólares non eran propiedade da empresa, xa que o Vancouver National Bank adiantara diñeiro por eles. As vendas paralizáronse practicamente a finais de outubro. O comerciante numismático texano B. Max Mehl ofreceuse a comprar o resto da emisión ao seu valor nominal, mais a súa oferta foi rexeitada porque moita xente pagara xa un dólar polas súas moedas. Así as cousas, un total de 35.034 pezas foron devoltas á casa da moeda para o seu troco e a súa posterior fundición, co que quedaron 14.966 exemplares.[33] Consonte os numismáticos Swiatek e Breen, "dado o afastamento e o carácter exclusivamente local da celebración, é sorprendente que se chegasen a vender catorce mil moedas".[27]

Sede da Hudson's Bay Company en Vancouver, Columbia Británica (ca. 1888-1898).

Vendéuselle un lote de 1.000 moedas a un executivo da Hudson's Bay Company, que se depositaron nos arquivos de Manitoba, en Winnipeg, Canadá. Estas moedas foron roubadas en 1982 por un vixiante, que gastou algunhas e outras trocounas por moeda canadense nun banco. Moitas delas acabaron nas mans dun comerciante de moedas, que as vendeu a gran escala. Naquel momento, as moedas cotizábanse xa arredor dos 800 dólares cada unha no mercado numismático. Cando se descubriu o roubo, a provincia de Manitoba interpuxo unha demanda para recuperar o resto das moedas, pero chegouse a un acordo que permitiu ao vendedor conservalas.[34]

Logo da súa emisión en 1925, as moedas alcanzaron axiña un prezo superior por mor da súa escaseza, e chegaron a valer dez dólares en 1928, antes de caer a sete dólares en 1930, en estado "sen circular". Alcanzaron un máximo de nove dólares durante o pulo das moedas conmemorativas de 1936. Logo diminuíron ata os seis dólares cara a 1940, pero a partir de entón aumentou de xeito constante o seu valor, ata chegar aos 1.600 dólares durante o segundo auxe de moedas conmemorativas en 1980.[35]

A edición do catálogo de Richard S. Yeoman A Guide Book of United States Coins, publicada en 2017, estima o valor desta moeda entre os 300 e os 975 dólares, en función do seu estado de conservación.[36] Con todo, un espécime nun estado nunhas condicións de conservación e de beleza excepcionais chegou a alcanzar nunha poxa numismática en 2014 os 8.225 dólares.[37]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 "½ Dollar Fort Vancouver Centennial". Numista.com
  2. 2,0 2,1 2,2 "Fort Vancouver Centennial Half Dollar". United States Mint (Usmint.gov).
  3. 3,0 3,1 3,2 Bowers, Q. D. (1991). Páxina 185.
  4. Slabaugh, A. R. (1975). Páxina 71.
  5. 5,0 5,1 5,2 Bowers, Q. D. (1991). Páxina 182.
  6. "Fort Vancouver. National Historic Site. OR, WA". National Park Service (NPS.gov).
  7. 7,0 7,1 7,2 Swiatek, A.; Breen, W. (1981). Páxina 239.
  8. Flynn, K. (2008). Páxina 183.
  9. Bowers, Q. D. (1991). Páxina 182.
  10. Taxay, D. (1967). Páxinas v-vii.
  11. Slabaugh, A. R. (1975). Páxinas 3-5.
  12. "Johnson, Albert. Honorable". Library of the Congress (LOC.gov).
  13. Swiatek, A.; Breen, W. (1981). Páxinas 239-240.
  14. 14,0 14,1 Cogressional Record - House. 16 de febreiro de 1925. Páxina 3.879.
  15. "Bills Introduced". Cogressional Record - Senate. 12 de febreiro de 1925. Páxina 3.537.
  16. "Greene, Frank L. Honorable". Library of the Congress (LOC.gov).
  17. "Anniversary of Battle of Bennington and Independence of Vermont". Cogressional Record - Senate. 24 de xaneiro de 1925. Páxina 2.403.
  18. "Bills Introduced". Cogressional Record - Senate. 9 de xaneiro de 1925. Páxina 1.503.
  19. "Coinage of 50-cent piecesfor Anniversary of Battle of Bennington". Cogressional Record - House. 16 de febreiro de 1925. Páxina 3.878.
  20. "Coinage of 50-cent pieces for Anniversary of Battle of Bennington". Cogressional Record - House. 16 de febreiro de 1925. Páxinas 3.882-3.883.
  21. "Coinage of 50-cent pieces for Anniversary of Battle of Bennington". Cogressional Record - Senate. 17 de febreiro de 1925. Páxina 3.920.
  22. "One hundred and fiftieth anniversary of Battle of Bennington and Independence of Vermont". Cogressional Record - House. 17 de febreiro de 1925. Páxina 3.930.
  23. "Vermont, California, Fort Vancouver Commemorative Coin Legislation". United States Mint (Usmint.gov).
  24. Swiatek, A. (2012). Páxina 207.
  25. Taxay, D. (1967). Páxinas v-vi, 107, 110.
  26. 26,0 26,1 Taxay, D. (1967). Páxina 110.
  27. 27,0 27,1 27,2 27,3 27,4 27,5 27,6 Swiatek, A.; Breen, W. (1981). Páxina 240.
  28. "Calamity Jane, Gen. Crook's scout, no. 2". Library of the Congress (LOC.gov).
  29. Vermeule, C. (1971). Páxina 172.
  30. Vermeule, C. (1971). Páxinas 171-172.
  31. Bowers, Q. D. (1991). Páxinas 182-184.
  32. "The Fort Vancouver Half Dollar". En The Numismatist. Outubro de 1925. Páxina 543.
  33. Swiatek, A. (2012). Páxinas 156-157.
  34. Swiatek, A. (2012). Páxinas 157-158.
  35. Bowers, Q. D. (1991). Páxina 186.
  36. Yeoman, R. S. (2017). Páxina 300.
  37. Yeoman, R. S. (2015). Páxina 1.134.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]