Calamity Jane

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaCalamity Jane

Editar o valor em Wikidata
Nome orixinal(en) Martha Jane Canary Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento1 de maio de 1852 Editar o valor em Wikidata
Princeton, Estados Unidos de América (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Morte1 de agosto de 1903 Editar o valor em Wikidata (51 anos)
Terry, Estados Unidos de América (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Causa da morteMorte natural Editar o valor em Wikidata (Pneumonía Editar o valor em Wikidata)
Lugar de sepulturaMount Moriah Cemetery (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEstados Unidos de América Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónfrontierswoman (en) Traducir , army scout (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua inglesa Editar o valor em Wikidata

Musicbrainz: 75feb98a-c8bd-4c2f-abd6-ece6438a77ec Songkick: 2605896 Discogs: 278369 WikiTree: Canary-23 Find a Grave: 166 Editar o valor em Wikidata

Martha Jane Canary-Burke ou Cannary, coñecida como Calamity Jane ("Calamidade Jane"), nada en Princeton (Missouri) o 1 de maio de 1852 e finada en Terry (Dacota do Sur) o 1 de agosto de 1903, foi unha defensora fronteiriza e exploradora profesional estadounidense, coñecida por enfrontarse aos amerindios.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Mocidade[editar | editar a fonte]

Calamity Jane naceu en Princeton, Missouri, sendo a máis vella de dous irmáns e catro irmás. A súa nai morreu en 1866 e o seu pai en 1867 en Utah. Viviu durante un tempo en Virginia City, Montana. Recibiu pouca ou ningunha educación formal, mais sabía ler e escribir. En 1868, con 16 anos, asumiu o papel de cabeza da súa familia e trasladouse con ela a Fort Bridger, Wyoming. Máis tarde trasladouse a Piedmont, Wyoming. Alí estableceuse cos seus irmáns, esforzándose en atopar un fogar que lles dese a benvida. En relatos desta época, Jane era descrita como atractiva e de ollos escuros. Trasladouse cara a unha vida aventureira ao aire libre máis dura nas Grandes Planicies.

En 1870 asinou como exploradora e adoptou o uniforme de soldado, aínda que non está claro se realmente estivo alistada no exército estadounidense nesta época. Dende entón perdeu case todo o contacto cos seus irmáns máis novos, preferindo levar unha vida máis salvaxe e movida. Calamity Jane, como chegou a ser coñecida, levou unha vida colorista e atarefada dende 1870 mais, como descubriron os historiadores, era proclive ás esaxeracións e mentiras descaradas sobre as súas fazañas.

Reivindicacións como exploradora[editar | editar a fonte]

Calamity Jane en 1885.

Calamity Jane adoitaba reivindicar amizades con personaxes célebres do Salvaxe Oeste, case sempre postumamente. Por exemplo, anos despois da morte do xeneral George Armstrong Custer, Jane afirmaba que serviu baixo o seu mando durante o seu alistamento inicial en Fort Russell e tamén durante as Campañas Indias en Arizona. Con todo, non existen rexistros que demostren que Custer fose asignado algunha vez a Fort Russell e non tomou parte activa nas Campañas Indias de Arizona, pois asignóuselle a tarefa de someter as Planicies Indias. É máis probable que servise ás ordes do xeneral George Crook en Fort Fetterman, Wyoming. Esta sería a primeira das súas falsas reivindicacións.[1]

Jane afirmou servir nunha campaña na que o xeneral Custer estivo involucrado, trala primavera de 1872. O tenente coronel Custer e os xenerais Miles, Terry e Crook foron enviados coas súas forzas para sufocar as revoltas indias preto de Sheridan (Wyoming). Esta é a única ocasión confirmada na que Jane coincidiu con Custer, aínda que é improbable que o coñecese. Tras esa campaña, en 1874, o destacamento de Jane foi enviado a Fort Custer, onde permaneceu ata a primavera seguinte. Durante esta campaña (e outras nas que participaron Custer e Crook) nunca estivo asignada ao mando de Custer.

Estivo implicada en varias campañas dos longos conflitos militares cos amerindios. Unha historia contada por ela atribúe a adopción do seu alcume Calamity Jane en 1872 por rescatar o seu superior, o capitán Egan, dunha emboscada preto de Sheridan, nunha área chamada entón Goose Creek. Con todo, mesmo entón, non todo o mundo aceptaba a súa versión, e noutra historia dicíase que gañara o seu alcume como resultado dos avisos que daba aos homes sobre que ofendela era "exporse á calamidade". Calamity Jane acompañou a expedición Newton-Jenney a Black Hills en 1875, xunto con California Joe e Valentine McGillycuddy.

Unha historia verificada sobre ela é que en 1875 o seu destacamento foi destinado ao río Bighorn, baixo o mando do xeneral Crook. Levando partes importantes, Jane cruzou a nado o río Platte e viaxou 90 millas a toda velocidade, empapada e con frío, para entregalos. Debido a iso, caeu moi enferma. Tras recuperarse ás poucas semanas, cabalgou ata Fort Laramie (Wyoming) e máis tarde, en xullo de 1876, uniuse a unha caravana que se dirixía ao norte, onde se atopou por primeira vez con Bill Hickok, en contra das súas afirmacións posteriores.

Deadwood e Wild Bill Hickok[editar | editar a fonte]

En 1876, Calamity Jane estableceuse na zona de Deadwood, Dacota do Sur, nas montañas Black Hills, onde traballou ocasionalmente como prostituta para Madame Dora DuFran, e posteriormente como cociñeira e lavandeira, tamén para DuFran. Alí trabó amizade con Wild Bill Hickok e Charlie Utter, viaxando con eles ata Deadwood na caravana de Utter. Jane admiraba enormemente a Hickok ata o punto do encaprichamento e estaba obsesionada coa súa personalidade e vida.

Tralo asasinato de Hickok o 2 de agosto de 1876, Jane afirmou que contraera matrimonio con el e que era o pai do seu fillo, de quen dicía que nacera o 25 de setembro de 1873 e a quen máis tarde deu en adopción. Non hai rexistros que proben que tivo un fillo e toda a súa relación con Hickok pode ser unha mentira. Durante o período en que o seu suposto fillo naceu, Jane estivo a traballar como exploradora para o exército e Hickok de xira polo leste dos Estados Unidos con Buffalo Bill. No momento da súa morte, Hickok acababa de casar con Agnes Lake Thatcher, de Cheyenne (Wyoming).

Porén, o 6 de setembro de 1941, o departamento de Benestar Público estadounidense concedeu unha axuda por vellez a Jean Hickok Burkhardt McCormick, quen afirmaba ser descendente legal de Martha Jane Canary e James Butler Hickok, tras presentar evidencias de que Calamity Jane e Wild Bill casaran en Benson's Landing (Montana) o 25 de setembro de 1873, documentación que estaba escrita nunha Biblia e presuntamente asinada por dous reverendos e numerosas testemuñas.[1][2]

Jane tamén afirmaba que trala morte de Hickok persegiu a Jack McCall, o seu asasino cun machete por esquecer as súas armas na casa coa excitación do momento. Non obstante, nunca se enfrontou a el: McCall foi arrestado e condenado á forca. Tras iso, Jane continuou a vivir na área de Deadwood durante algún tempo, e nun momento dado axudou a salvar varios pasaxeiros dunha dilixencia distraendo varios indios que a perseguían. O condutor da dilixencia, John Slaughter, faleceu durante a persecución e Jane tomou as rendas, levando o coche ata o seu destino en Deadwood.[1] Tamén a finais de 1876 atendeu ás vítimas dunha epidemia de varíola na zona de Deadwood.

Wild West Show e vellez[editar | editar a fonte]

Calamity Jane traballando no Wild West Show de Buffalo Bill.

En 1884, Jane trasladouse a El Paso (Texas), onde coñeceu a Clinton Burke. Casaron en agosto de 1885 e tiveron unha filla en 1887. Con todo, o matrimonio non durou e contra 1895 estaban oficialmente separados.

En 1896, Calamity Jane comezou a ir de xira cos espectáculos do Salvaxe Oeste, o que continuou a facer ata o final da súa vida. Durante este período, afirmaba ser amiga íntima de Hickok, unha historia que co tempo se converteu na versión da historia lembrada como certa con máis frecuencia.

Jane morreu por unha pneumonía en 1903. De acordo cos seus últimos desexos, foi enterrada preto de Wild Bill Hickok no cemiterio de Mount Moriah, sobre a cidade de Deadwood.[3]

Na ficción[editar | editar a fonte]

The Plainsman é un filme de 1936 protagonizado por Gary Cooper como Wild Bill Hickok e Jean Arthur como Calamity Jane. En Young Bill Hickok con Roy Rogers (1940), foi interpretada por Sally Payne. Tamén a interpretou Frances Farmer no western de 1941 The Badlands of Dakota e Jane Russell na comedia de 1948 The Paleface.

En 1949, realizouse un filme titulado Calamity Jane and Sam Bass. O papel de Calamity Jane foi interpretado pola actriz Yvonne De Carlo; tamén en 1953 estreouse o filme Calamidade Jane dirixido por David Butler e protagonizado pola actriz Doris Day no estilo "comedia musical do oeste". En 1984 realizouse o telefilme Calamity Jane, no que a interpretaba Jane Alexander. No filme de 1995 Tall Tale: The Unbelievable Adventures of Pecos Bill apareceu interpretada por Catherine O'Hara como unha figura mítica, xunto con Paul Bunyan, John Henry e Pecos Bill.

Tamén realizaron o papel de Calamity Jane Ellen Barkin en Wild Bill (1995), Anjelica Huston en Buffalo Girls (1995) e Sylvie Testud en Lucky Luke (2009).

Na serie de televisión Deadwood unha das personaxes principais é Jane Canary, papel interpretado pola actriz Robin Weigert.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 Mujeres en la Historia. Biografía de Martha Jane "Calamity Jane" Cannary. Arquivado 28 de xullo de 2013 en Wayback Machine. Biblioteca Pública de Lakewood(en inglés)
  2. Who was Wild Bill Hickok?, por Darrell Baizley (2002); Women's History - Calamity Jane Arquivado 05 de marzo de 2016 en Wayback Machine., por Jone Johnson Lewis; NNDB - Calamity Jane (en inglés)
  3. Straub, Patrick (10 de novembro de 2009). It Happened in South Dakota: Remarkable Events That Shaped History. Rowman & Littlefield. p. 33. ISBN 978-0-7627-6171-5. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]