Medio dólar do Centenario de Maine

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Medio dólar do Centenario de Maine [1][2][3]
A/: Selo do Estado de Maine.

Lenda: UNITED STATES OF AMERICA / HALF DOLLAR.

R/: Coroa de follas de piñeiro e piñas.

Lenda: E PLURIBUS UNUM / LIBERTY / MAINE CENTENNILAL / 1820 - 1920 / IN GOD WE TRUST

O medio dólar do centenario de Maine é unha moeda estadounidense de prata con ese valor facial emitida pola Casa da Moeda dos Estados Unidos e cuñada na Ceca de Filadelfia con data de 1920. A moeda foi emitida en conmemoración do aniversario da admisión de Maine na Unión o 15 de marzo de 1820 e foi obra do escultor por Anthony de Francisci, seguindo esbozos do artista local Harry Cochrane, de Monmouth, Maine.

As autoridades de Maine perseguían a emisión dunha moeda de medio dólar conmemorativo como reclamo das actividades para a celebración do centenario da admisión do estado na Unión. Lograron que o Congreso aprobase sen oposición un proxecto de lei que autorizaba a cuñaxe desta moeda, que a Comisión do Centenario do Estado se encargou de comercializar polo dobre do seu valor nominal, para financiar os actos conmemorativos.

Malia a oposición da Comisión de Belas Artes dos Estados Unidos ao deseño proposto, as autoridades de Maine insistiron neles e encargóuselle a Anthony de Francisci a conversión dos esbozos en modelos de xeso, a partir dos cales se puideron fabricar os cuños de produción.

Cuñáronse e puxéronse no mercado 50.000 pezas, o que supuña a metade da tiraxe autorizada pola lexislación. A emisión tivo lugar demasiado tarde para poder comercializar as moedas no marco das celebracións do centenario en Portland, mais finalmente puido venderse toda a produción, aínda que só unha cantidade relativamente reducida foi a parar a mans de coleccionistas.

Inicio e trámite lexislativo[editar | editar a fonte]

O gobernador de Maine, Carl Milliken, un dos promotores da creación da moeda.

O gobernador, Carl Milliken, e o consello de Maine querían que se emitise unha moeda de medio dólar para conmemorar o centenario da admisión do estado á Unión en 1820. Inicialmente, a idea consistía en dispor dunha moeda conmemorativa circulante mediante a que se puidesen publicitar as celebracións do centenario en Maine. Máis tarde, logo de que o Congreso aprobase a lexislación federal que autorizaba a moeda, a Comisión do Centenario decidiu vender cada exemplar ao prezo dun dólar, para recadar fondos, no canto de deixalas pasar de man en man na circulación ordinaria.[4]

O proxecto de lei H.R. 12460 para a emisión dun medio dólar do Centenario de Maine fora presentada na Cámara de Representantes polo congresista de Maine John A. Peters o 11 de febreiro de 1920.[5][6] O proxecto foi remitido á Comisión de Moeda, Pesos e Medidas, cuxo presidente era o congresista de Indiana Albert Henry Vestal. Cando a comisión se reuniu o 23 de febreiro de 1920, o congresista Peters falou aos membros acerca da historia do estado e do desexo da cidadanía de celebrar o centenario, mesmo cunha moeda conmemorativa. Afirmou que el mesmo falara xa co director da Casa da Moeda dos Estados Unidos, Raymond T. Baker, quen lle comentara a Peters que tanto el como o secretario do Tesouro, David F. Houston, pensaban apoiar o proxecto de lei, cuxo texto se baseara case integramente no proxecto que autorizara o medio dólar do Centenario de Illinois, en 1918. William A. Ashbrook, de Ohio, lembrou que el fora membro da comisión que aprobara o proxecto de Illinois, que o aprobara daquela e que agora estaba a favor do proxecto de Maine. Oscar E. Keller, de Minnesota, pediulle ao congresista Peters que confirmase que a operación non se lle ocasionaría gastos ao Goberno federal, o que Peters fixo.[7] Clay Stone Briggs, de Texas, quixo saber se as disposicións do proxecto de lei de Maine eran idénticas ás da lei de Illinois, e Peters confirmoulle este extremo.[8] O 20 de marzo, Vestal presentou un informe en nome da comisión que el presidía, no que se recomendaba que a Cámara de Representantes aprobase o proxecto de lei, e no que se reproducía unha carta de Houston na que se afirmaba que o Tesouro non tiña obxección de ningunha clase.[9]

O republicano por Maine John A. Peters foi o encargado de introducir o proxecto de lei na Cámara de Representantes.

O 21 de abril de 1920, a Cámara de Representantes examinou nesta orde tres proxectos de lei sobre cuñaxe de moedas de medio dólar: a do Centenario de Maine, a do Centenario de Alabama e a do Tricentenario dos Peregrinos. Logo de que Peters se dirixise á Cámara a favor do proxecto de lei de Maine, John Q. Tilson, de Connecticut, preguntou se a moeda proposta substituiría como moeda circulante o deseño existente —o medio dólar da Liberdade camiñando— durante o resto do ano; Peters explicoulle que non, e que só 100.000 moedas levarían o deseño conmemorativo.[10] John Franklin Miller, do estado de Washington, preguntou quen correría cos gastos do proceso de cuñaxe, e Peters respondeu que o faría o Estado de Maine. Andrew Jackson Montague, de Virxinia, preguntou se o Tesouro amosara o seu apoio ao proxecto de lei, e Peters informou de que tanto o secretario Houston como director da Casa da Moeda Baker o fixeran. Vestal pediu daquela que se aprobase o proxecto de lei, mais Warren Gard, de Ohio, preguntou que pasaría coas moedas logo da súa entrada en circulación, ao que Peters respondeu que, logo de emitidas, serían tratadas como medios dólares ordinarios. En resposta ás preguntas de Gard, Peters explicou que, aínda que o Estado de Maine pagaría a elaboración dos cuños, estes pasarían a ser propiedade do Goberno federal. Peters engadiu que, malia non se prever celebración estatal ningunha en Maine para o centenario, si que habería celebracións locais. Gard non fixo máis preguntas sobre o proxecto de lei de Maine —tamén interrogaría os patrocinadores dos proxectos de lei de Alabama e dos Peregrinos—), e a proposta de Vestal foi aprobada sen disidencias na Cámara de Representantes.[11]

O día seguinte, o 22 de abril de 1920, a Cámara informou o Senado da aprobación do proxecto de lei de Maine,[12] que foi remitido o 28 de abril á Comisión de Banca e Moeda do Senado por George P. McLean, de Connecticut, coa recomendación de que fose aprobado.[13] O 3 de maio, McLean pediu que os tres proxectos de lei sobre moedas conmemorativas —Maine, Alabama e Peregrinos— fosen tomados en consideración inmediatamente polo Senado, temendo que, malia estaren na axenda do Senado para ese día, puidesen non ser considerados a tempo, e crendo que se requiría unha acción urxente. O senador de Utah Reed Smoot opúxose.[14] Cando McLean intentou sacar adiante novamente os proxectos de lei de moedas, Charles Curtis, de Kansas, preguntou se había algunha urxencia, ao que McLean respondeu que, dado que as tres moedas ían conmemorar aniversarios en curso, cumpría autorizalas e pór en marcha o proceso de produción. Os tres proxectos de lei foron aprobados polo Senado sen oposición,[15] e o de Maine foi promulgado como a Lei pública 66-199 coa sinatura do presidente Woodrow Wilson, o 10 de maio de 1920.[5][6]

Preparación[editar | editar a fonte]

O artista Harry Cochrane, de Monmouth, Maine, preparou os esbozos para o deseño da moeda.[16] O 14 de maio de 1920, catro días despois da sinatura da lei por parte do presidente Wilson, o director da Casa da Moeda, Baker, envioullos ao presidente da Comisión de Belas Artes dos Estados Unidos, Charles Moore, para que emitise un ditame sobre este particular. Moore remitiu os esbozos ao escultor membro da Comisión de Belas Artes James Earle Fraser e, ao non recibir resposta, o 26 de maio Moore envioulle un telegrama a Fraser no que lle indicaba que as autoridades de Maine querían as moedas para o 28 de xuño. Fraser contestou inmediatamente por telegrama que non lle gustaba o deseño por ser "ordinario", e que suporía un erro aprobar esbozos. Moore ampliou esta idea nunha carta ao secretario do Tesouro, Houston, o día seguinte: "a nosa nova moeda de prata alcanzou un alto grao de perfección porque foi deseñada por homes competentes; non deberiamos volver aos baixos estándares que caracterizaron épocas anteriores".[17]

Anthony de Francisci, creador da moeda, non seu estudio en 1921

Na súa carta, Moore instaba a cambiar o deseño, afirmando que o esbozo, se se transformase nunha moeda, "humillaría o pobo de Maine".[4] Así e todo, as autoridades de Maine negaron a estas consideracións e insistiron nos esbozos presentados.[18] Logo dunhas conversas entre Peters, Moore e varios funcionarios, acadouse un acordo polo que os esbozos se converterían en modelos de xeso, e Fraser contratou o seu antigo alumno, Anthony de Francisci, para realizar o traballo. Este escultor, aínda na súa xuventude, completou o traballo a principios de xullo, e os modelos foron aprobados pola Comisión de Belas Artes o 9 de xullo.[19]

O Departamento de Gravado da Ceca de Filadelfia creou os cuños para a moeda utilizando os modelos feitos por de Francisci.[18] O gravador xefe da Casa da Moeda, George T. Morgan, ou o seu axudante e o futuro gravador xefe, John R. Sinnock, cambiaron o alce e o piñeiro da moeda, que no modelo de De Francisci estaban en relevo, para pasar a estar incusos na moeda. Probablemente fose un intento de mellorar a calidade da cuñaxe das moedas e, de ser así, tivo un éxito limitado, xa que o detalle completo non chegaría a apreciarse por completo en moitas pezas, despois de cuñadas.[20]

Deseño[editar | editar a fonte]

Anverso[editar | editar a fonte]

O anverso do medio dólar do Centenario de Maine representa as armas de Maine, baseadas no Gran Selo do estado. No centro hai un escudo cun piñeiro e, debaixo da árbore, un alce deitado, ambos gravados incusos, non en relevo. O escudo está flanqueado por dúas figuras masculinas, unha das cales leva unha gadaña, que representa a agricultura, e a outra sostén unha áncora, en representación do comercio. Encima do escudo figura a lenda latina DIRIGO e unha estrela de cinco puntas. Debaixo do escudo hai un pergamiño que loce o nome do estado. Rodeando este conxunto, preto da grafila da moeda, figuran as inscricións UNITED STATES OF AMERICA e HALF DOLLAR.[1][2][3][21][22]

Reverso[editar | editar a fonte]

O reverso contén unha coroa de agullas e piñas de piñeiro —Maine é coñecido como o Estado dos Piñeiros— que acolle no seu interior a inscrición MAINE CENTENNIAL 1820-1920. Na parte superior e na inferior distribúense os lemas nacionais que aparecen sempre nas moedas de prata dos Estados Unidos: E PLURIBUS UNUM, LIBERTY e IN GOD WE TRUST.[1][2][3][21][22]

Valoracións[editar | editar a fonte]

Gran selo do Estado de Maine.

O numismático Don Taxay, no seu volume acerca da historia das moedas conmemorativas estadounidenses, afirma "De Francisci non as favoreceu de todo". Segundo Taxay, as dúas figuras humanas do anverso:[23]

[...] eran demasiado pequenas para conservaren a súa beleza logo da redución [dos modelos de xeso ao tamaño da moeda] e parecen triviais. O reverso, coa súa coroa de piñas, é eminentemente pouco inspirado.

Arlie Slabaugh, no seu traballo sobre as emisións conmemorativas dos Estados Unidos, considerou que o medio dólar de Maine "non se parece ao traballo do mesmo escultor para o dólar da Paz do ano seguinte".[24]

O historiador da arte Cornelius Vermeule desaprobou o medio dólar do Centenario de Maine, mais non culpou a de Francisci, xa que a moeda "foi modelada polo escultor de acordo coas especificacións requiridas e, xa que logo, non se considera típica da súa arte, nin de feito de arte ningunha". Vermeule afirmou que "parece unha medalla de premio para unha feira do condado ou para un día de atletismo escolar".[25] Malia todo, considerando que de Francisci podería ter insistido nun deseño máis artístico, Vermeule considerou que "o Centenario de Maine non foi o seu momento brillante".[26]

Produción, distribución e coleccionismo[editar | editar a fonte]

As celebracións para o centenario da incorporación á Unión do Estado de Maine tiveron lugar na cidade máis grande de Maine, Portland, o 4 de xullo de 1920. Peters esperaba que as moedas de medio dólar estivesen dispoñibles para a súa distribución nesa data, pero por mor da controversia xurdida sobre o deseño, non chegaron a estar. O 14 de xullo, Peters escribiu á subdirectora da Casa da Moeda, Mary M. O'Reilly, para lle expresar a súa frustración pola demora, na carta afirmaba que aínda que as festividades de Portland xa pasaran, o estado aínda podía obter algún beneficio das moedas se as recibía ao longo de 1920. Do contrario, "máis nos valería esperar o próximo centenario [en 2020] que, ao meu xuízo, sería máis conveniente e acorde coa velocidade á que imos". Peters concluía a súa misiva pedindo que a Casa da Moeda lle comunicase o próximo obstáculo con antelación. O gobernador Milliken tamén escribiu, o 20 de xullo, para lembrar aos responsables da Casa da Moeda que a moeda estaba autorizada por unha lei especial do Congreso, e preguntaba cando estaría lista a primeira remesa.[27]

A finais do verán de 1920, producíronse na Ceca de Filadelfia 50.028 exemplares da moeda de medio dólar do Centenario de Maine, incluídas 28 pezas reservadas para a súa inspección e comprobación na reunión anual de 1921 da Comisión de Ensaios dos Estados Unidos.[28] Non se tivo ningún coidado especial na súa produción, xa que as moedas foron expulsadas a contedores ao saíren das prensas de cuñaxe e, como consecuencia, moitas amosan marcas e outras deterioracións.[29]

As moedas enviáronse a Maine e puxéronse á venda a través da oficina do Tesouro do Estado ao prezo dun dólar. Trinta mil exemplares vendéronse inmediatamente, e o resto permaneceu á venda a través da oficina do Tesouro ata que se venderon as cincuenta mil,[28] aínda que isto non ocorreu ata polo menos 1929.[30] Q. David Bowers especulou con que se se tivese cuñado a totalidade das 100.000 moedas autorizadas, a maior parte da cantidade adicional tería que ser devolta á Casa da Moeda e fundida, por falta de compradores.[31] Moitas pezas gastáronse nos anos posteriores a 1920 e chegaron a entrar na circulación ordinaria.[29]

A cantidade de moedas que acabaron en mans dos coleccionistas foi relativamente baixa, xa que a maioría dos exemplares que chegaron a nós amosan os efectos dunha manipulación descoidada e mesmo da circulación. A edición de luxo de 2015 do catálogo de Richard S. Yeoman A Guide Book of United States Coins estima o valor da moeda no mercado do coleccionismo entre 140 e 685 dólares, dependendo do seu estado de conservación. Un exemplar nun estado de conservación e cunha aparencia excepcionais chegou a acadar os 7.050 dólares nunha poxa numismática que tivo lugar en 2014.[32]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 "Maine Centennial Half Dollar". United States Mint (USMint.gov).
  2. 2,0 2,1 2,2 "½ Dollar Maine Statehood Centennial". Numista.com
  3. 3,0 3,1 3,2 "1920 Maine Centennial Half Dollar". Earlycommemorativecoins.com
  4. 4,0 4,1 Bowers, Q. D. (1991). Páxinas 135-136.
  5. 5,0 5,1 "Maine Centennial Commemorative Coin Legislation". United States Mint (USMint.gov).
  6. 6,0 6,1 "[Public - Nº 1999 - 66th Congress] [H.R. 12460.]". En Laws Autorizing Issuance of Medals and Commemorative Coins. U.S. Government Printing Office. Páxina 214.
  7. (USHRCCWM). Páxinas 3-5.
  8. (USHRCCWM). Páxinas 2-4, 8-9.
  9. Coinage of 50-cent pieces in commemoration of the admission of the State of Maine into the Union. House Committee on Coinage, Weights, and Measures.
  10. Congressional Record - House. Vol. LIX. Part 6. 21 de abril de 1920. Páxina 5.947.
  11. Congressional Record - House. Vol. LIX. Part 6. 21 de abril de 1920. Páxinas 5.947-5.950.
  12. Congressional Record - Senate. Vol. LIX. Part 5. 22 de abril de 1920. Páxina 5.966.
  13. Congressional Record - Senate. Vol. LIX. Part 6. 28 de abril de 1920. Páxina 6.202.
  14. Congressional Record - Senate. Vol. LIX. Part 6. 3 de maio de 1920. Páxina 6.443.
  15. Congressional Record - Senate. Vol. LIX. Part 6. 3 de maio de 1920. Páxina 6.454.
  16. "The home of Harry Cochrane". En The Gardiner Journal. Vol. 3. Nº 40. Gardiner, Maine. 9 de decembro de 1920. Páxina 1.
  17. Taxay, D. (1967). Páxinas 39-40.
  18. 18,0 18,1 Bowers, Q. D. (1991). Páxina 136.
  19. Taxay, D. (1967). Páxinas 40-42.
  20. Swiatek, A.; Breen, W. (1981). Páxinas 147, 150.
  21. 21,0 21,1 Swiatek, A. (2012). Páxinas 110-111.
  22. 22,0 22,1 Swiatek, A.; Breen, W. (1981). Páxina 147.
  23. Taxay, D. (1967). Páxina 42.
  24. Slabaugh, A. R. (1975). Páxina 41.
  25. Vermeule, C. (1971). Páxina 159.
  26. Vermeule, C. (1971). Páxina 160.
  27. Flynn, K. (2008). Páxina 296-297.
  28. 28,0 28,1 Swiatek, A. (2012). Páxinas 110-111.
  29. 29,0 29,1 Flynn, K. (2008). Páxina 120.
  30. Bowers, Q. D. (1991). Páxina 137.
  31. Bowers, Q. D. (1991). Páxina 138.
  32. Yeoman, R. S. (2015). Páxina 1.125.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]