Medalla da Batalla de Waterloo (Pistrucci)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Medalla da Batalla de Waterloo [1]

Anverso: os gobernantes das catro nacións gañadoras da Batalla de Waterloo (Inglaterra, Austria, Prusia e Rusia) rodeados por unha alegoría mitolóxica evocadora da paz. Reverso: figuras ecuestres de Arthur Wellesley, duque de Wellington, e de Gebhard Leberecht von Blücher rodeados por unha escena da derrota de Francia.

Un dos diversos modelos de Medalla da Batalla de Waterloo é o deseñado polo medallista italo-británico Benedetto Pistrucci, que se dedicou a este labor desde 1819 ata 1849, cando presentou as matrices da medalla á Casa da Moeda de Londres.[2]

A medalla fora encargada polo Goberno do Reino Unido en 1819, seguindo instrucións de Xurxo IV, daquela aínda príncipe rexente, que xa suxerira a súa creación en 1816. A intención era que se lles entregase como recoñecemento aos xenerais vencedores da Batalla de Waterloo de 1815, así como aos gobernantes dos países aliados do Reino Unido.

A Royal Academy propuxo como base un deseño creado polo ilustrador e debuxante John Flaxman, un dos seus membros, mais o gravador da Royal Mint Benedetto Pistrucci, que debería encargarse da elaboración dos cuños, rexeitou a idea de copiar deseños alleos e elaborou uns deseños propios. O príncipe rexente e o mestre de ceca (o master of the mint ou director da casa da moeda) William Wellesley-Pole, quedaron impresionados cos modelos propostos por Pistrucci e, finalmente, encomendóuselle a el o traballo completo.

Porén, o proceso resultou máis lento do esperado, malia as presións sufridas por Pistrucci para a súa conclusión, e as matrices para os cuños non foron entregadas ata 1849. Durante as tres décadas transcorridas, a maioría dos seus destinatarios faleceran e as relacións con Francia melloraron considerablemente, polo que a medalla non chegou a servir para a finalidade prevista.

Por mor do seu gran tamaño (130 mm de diámetro), a Royal Mint non quixo arriscar as matrices no seu proceso de endurecemento para a creación dos cuños, polo que nesa época unicamente se elaboraron electrotipos e se efectuaron algunhas cuñaxes suaves.

Prolegómenos[editar | editar a fonte]

O 28 de xuño de 1815, dez días despois da Batalla de Waterloo, o xeneral vitorioso, Arthur Wellesley, duque de Wellington, propúxolle a Federico de York que se lles entregasen medallas de bronce aos soladados británicos que participaran nesa batalla, de prata aos oficiais, e de ouro aos soberanos, aos ministros e aos xenerais das nacións aliadas. O irmán de Wellington era William Wellesley-Pole, mestre de ceca da Royal Mint, quen ordenou a preparación dos deseños para a produción das medallas destinadas aos soldados. A comezos de 1816 modificouse a idea inicial e determinouse que tanto os oficias como os soldados recibisen a medalla de prata, que foi producida en gran número na casa da moeda. A Royal Academy recibiu a encomenda de propor un deseño para a medalla de ouro, e o esbozo escollido foi o elaborado por un dos seus membros, John Flaxman, aínda que non se tomaron máis medidas de xeito inmediato.[3]

William Wellesley-Pole (1763-1845), mestre de ceca da Royal Mint.

En 1816, Xurxo, o príncipe rexente que despois reinaría como Xurxo IV, incidiu na idea dunha medalla conmemorativa destinada aos xenerais vencedores e aos máximos representantes das nacións aliadas na Batalla de Waterloo.[4] Esta medalla tería unha versión en ouro para os xefes de Estado e en prata para os xenerais, e prevíase tamén unha versión en bronce para honrar outras persoas de menor rango.[5] Para as tres versións deberíase utilizar o deseño de Flaxman proposto pola Academia.[6]

En 1819, Wellesley-Pole encargoulle a Benedetto Pistrucci o gravado do deseño de Flaxman para a creación das matrices de aceiro.[7] Pistrucci, un gravador italiano que chegara a Londres en 1815, estaba a desempeñar daquela en funcións o cargo de gravador xefe da Royal Mint, que levaba uns anos vacante.[8][9][10][11] El consideraba que se lle prometera acceder a ese posto como titular coñecendo que, como estranxeiro, non tería dereito a ocupalo, o que suporía un agravio para el durante moito tempo. Decidiu rexeitar o deseño de Flaxman, igual que fixera anteriormente co de varias moedas, argumentando que non copiaba traballos alleos. Este rexeitamento contrariou a Royal Academy, mais Wellesley-Pole confiou en Pistrucci e encargoulle un deseño propio, do que nun día fixo un esbozo en cera que entusiasmou o príncipe rexente.[7]

En agosto de 1819, Wellesley-Pole recibiu instrucións do Tesouro para contratar a Pistrucci para a produción da medalla, para o que se destinarían 2.400 libras que se lle entregarían en pagamentos fraccionados. Wellesley-Pole prometeulle ademais a Pistrucci que podería levar a Londres a súa familia, que permanecía en Roma.[7]

Deseño[editar | editar a fonte]

Consonte Carlo Milano no seu artigo acerca de Pistrucci para a Royal Mint, "a medalla de Waterloo non se puido comparar con ningunha medalla anterior, era moito máis grande e a súa iconografía era máis complexa do que xamais se vira na historia da arte da medalla. Mais Pistrucci cría que se podería facer e inmediatamente comezou a traballar."[12]

Anverso[editar | editar a fonte]

No seu anverso, o deseño de Pistrucci presentaba os bustos agrupados de perfil dos catro xefes de Estado aliados: o príncipe rexente Xurxo (non sendo aínda rei, exercía os poderes do monarca por mor da doenza do seu pai, Xurxo III), o emperador Francisco I de Austria, o tsar Alexandre I de Rusia e o rei Federico Guillerme III de Prusia.[5]

Benedetto Pistrucci, autor da medalla da Batalla de Waterloo.

O resto do anverso é profundamente alegórico, sobre a idea central do Tratado de París asinado logo da conclusión da Batalla de Waterloo, que formalizaba a paz. Na parte superior, amósase a Apolo na súa carruaxe, restaurando o día. Seguindo o carro están Céfiro, que esparexe flores como símbolo da paz, e Iris, a deusa do arco da vella. A cuadriga voa polo ceo cara a Cástor e Póllux, representativos da constelación de Xémini, que simboliza o período do zodíaco en que tivo lugar a Batalla de Waterloo. Os dióscuros están armados con lanzas e amósanse como as apoteoses dos xenerais vencedores, Wellington e Blücher. Temis, a deusa da xustiza, aparece ante un dos gobernantes, como lembranza de que a xustiza, máis que o poder, asegura o bo goberno. Baixo ela vense as Parcas, representativas do destino, nunha posición subordinada, como indicación de que o destino humano será determinado en adiante pola xustiza. Fronte a Temis e detrás dos gobernantes hai un home armado cun pau sentado baixo un carballo, que representa o poder, e debaixo del están as Erinias, como símbolo de que as accións e as paixóns humanas están suxeitas ao poder. Na parte inferior hai unha figura que representa a noite, que foxe.[5][13]

Reverso[editar | editar a fonte]

O reverso amosa no seu centro as figuras ecuestres de Wellington e Blücher, coa Vitoria entre eles, que os guía na batalla. O estilo destas figuras é grego, similar ao que Pistrucci utilizara previamente no San Xurxo e o dragón na moeda dun soberano. Na parte superior aparece representado Xúpiter nunha cuadriga. O resto da circunferencia do reverso está ocupado por dezanove figuras dos xigantes derrubados por Xúpiter, en representación do inimigo derrotado e nun número equivalente aos anos de duración das contendas, desde as campañas italianas de Napoleón de 1796 ata 1815.[5][13]

Cambios no modelo[editar | editar a fonte]

No seu modelo en cera presentado inicialmente, Pistrucci situou inscricións que non se reproduciron no deseño final. Por riba os bustos reais do anverso aparecían os nomes dos países, respectivamente ANGLIA, AUSTRIA, RUSSIA e PRUSSIA, e por baixo FŒDERE JUNCTIS ("liga conxunta"). Aquel primeiro modelo incluía tamén no reverso, por riba e por baixo das figuras ecuestres, WATERLOO e 18 JUNE 1815 (o día da batalla), respectivamente.[14] Estas inscricións retomáronse na versión da medalla producida pola Royal Mint en 2015, co gallo do seu bicentenario.[15]

Demora na produción[editar | editar a fonte]

En 1822, Wellesley-Pole informou a Xurxo IV, xa como rei, de que se lle aboaran 1.700 libras a Pistrucci e de que este tiña xa os traballos de elaboración das matrices para os cuños da medalla nun estado avanzado.[12] Mais ao monarca non lle agradou o aspecto que o seu busto adquirira no gravado que estaba a facer Pistrucci e ordenoulle que, no canto del, utilizase como base un retrato do monarca pintado por Francis Chantrey. Como en ocasións anteriores, Pistrucci rexeitou a posibilidade de traballar sobre modelos creados por outros artistas e negouse a variar o gravado que estaba a facer. A tensión creada por esta negativa puxo en perigo a súa posición na casa da moeda e provocou a súa exclusión dos traballos que, en paralelo, estaba a realizar no gravado de moedas. Pistrucci recibiu entón a instrución de concentrarse unicamente na medalla de Waterloo. En 1826, unha parte dunha das dúas faces estaba rematada.[16] Nesta situación comprometida para Pistrucci no relativo ao seu papel dentro da Casa da Moeda de Londres, consonte o Royal Mint Museum: "o seu progreso foi deliberadamente lento, xa que [Pistrucci] temía que, ao terse situado nunha situación delicada polo seu comportamento teimudo, a Royal Mint puidese romper o seu contrato con el tan pronto como entregase as matrices para os cuños".[17]

Consonte Howard Linecar, no seu traballo sobre os deseñadores de moeda británicos, "Pistrucci utilizou o gravado destas matrices como elemento de presión nos seus incesantes esforzos por acadar o posto de gravador xefe da Royal Mint".[18] Co paso do tempo, Pistrucci foille pedindo aos mestres de ceca que se foron sucedendo o seu nomeamento como gravador xefe, ata que en 1828, en medio da preocupación do Tesouro pola cantidade de diñeiro que se lle pagaba, foi nomeado como medallista xefe (un cargo de nova creación que contaba cun salario moi reducido), en tanto que William Wyon foi o elixido como gravador xefe.[19] En palabras de Milano: "o artista italiano tomou isto como un acto de hostilidade por parte dos seus inimigos". A maiores, nesta época Pistrucci contraeu unha doenza que afectou a súa vista, o que axudou a demorar aínda máis os traballos.[12]

O traballo sobre a medalla de Waterloo seguía a ser moi lento. En 1832, o daquela mestre de ceca, George Eden, Conde de Auckland, sinalou nun informe que os traballos de gravado se demoraran moito.[12] En 1836, un novo mestre de ceca, Henry Labouchere, queixouse tamén da demora e considerou que a medalla podería estar rematada en 18 meses; para iso, ofreceulle unha paga extraordinaria para a contratación de catro aprendices, mais Pistrucci declinou o ofrecemento.[20]

Finalización da obra e valoracións[editar | editar a fonte]

(...) Propóñome visitar persoalmente o señor Sheil, mestre de ceca, co fin de lle presentar os meus respectos o 1 de xaneiro do próximo ano 1849 e, asemade, pór nas súas mans as dúas matrices da gran medalla de Waterloo, que me encomendara o defunto Lord Maryborough cando era mestre de ceca e nas que empreguei a mesma dilixencia e perseveranza que lles dei ás miñas obras máis acabadas que saíron das miñas mans. (...)

Benedetto Pistrucci, 1948.[21]

En 1841 foi nomeado un novo mestre de ceca, William Ewart Gladstone, que tiña en grande aprecio a Pistrucci e mantiña correspondencia con el en italiano, mais non estaba disposto a lle encomendar novas encargas en tanto que non concluíse a medalla de Waterloo.[12] En 1844, os gastos continuos de Pistrucci eran motivo de preocupación para o Tribunal de Contas. Gladstone restableceu o que se lle detraera a Pistrucci no seu pagamento por non ter contratado aprendiz ningún e ofreceulle unha bonificación de 400 libras para completar os traballos da medalla, coa condición de que seguise dedicado en exclusiva a ese proxecto.[22] Entón Pistrucci abandonou a súa residencia nas dependencias da Royal Mint[12] e trasladouse a Old Windsor, onde instalou un obradoiro propio para se dedicar ao remate da medalla. Malia a súa decidida dedicación a ese propósito durante algún tempo, unha caída supuxo unha nova demora nos traballos, ao incapacitalo durante unha boa parte do ano 1846. Finalmente, o 1 de xaneiro de 1849, Pistrucci presentou as matrices da medalla á Royal Mint e recibiu un derradeiro pagamento de 1.500 libras.[23]

Pistrucci enviou unha longa misiva con consellos para o posterior endurecemento das matrices e con outras consideracións técnicas, e fixo publicar esta carta na prensa numismática. As matrices presentáranse en dúas pezas, un aro exterior e un núcleo, e el advertía de que non resultaría doado fabricar os cuños a partir delas con seguranza, xa que "un accidente provocado por un descoido ou unha falla de atención podería destruír nun momento todo o traballo, e sen remedio".[21] As matrices tiñan un diámetro de 130 milímetros;[22] os empregados da casa da moeda non se crían capaces de as endurecer e de as converter en cuños sen a probabilidade de que se producisen danos importantes.[5] Fixéronse entón algúns electrotipos a partir das matrices, ademais de varias impresións brandas, pero non se cuñou exemplar ningún na época.[24][18]

A mellora das relacións entre Gran Bretaña e Francia fixo, ademais, que a presentación da medalla de Waterloo estivese exenta de calquera contido político.[12] Howard W. A. Linecar sinalou que daquela "todos os grandes homes aos que se lles pretendía entregar a medalla morreran, agás o propio Duque de Wellington".[18]

Pistrucci sentiuse amargado pola experiencia. Nunha carta de 1850 dirixida ao diplomático e anticuario William Hamilton, dicíalle:[12]

(...) Non teño a ninguén no mundo a quen lle contar as miñas frustracións. Non é casualidade que puxese o meu nome [na medalla de Waterloo] baixo o fío que o destino está a cortar. Sabía que logo da conclusión da medalla sucedería isto. Fixen máis que o meu deber; os deshonestos terán o seu triunfo sobre min durante un breve tempo e espero que algún día os seus nomes se cubran de vergoña. As miñas fillas coidan de cando en vez os cuños da gran medalla para que non se oxiden; podo xurar que hai máis de seis meses que non os miro, porque non teño forza para o facer. Arruinaron a miña boa saúde e son a razón de todos os meus problemas.

Linecar dixo dos deseños de medallas de Pistrucci que "foron un dos exemplos máis magníficos da arte dos gravadores, sen dúbida ningunha".[18] Roderick Farey, no seu estudo de 2014 sobre o artista, afirmou: "a xenialidade de Pistrucci evidénciase no seu deseño".[5] Milano considerou as matrices de Pistrucci, aínda en posesión da Royal Mint, como "indubidablemente entre as mellores pezas da historia da medallística europea e testemuña da xenialidade do seu creador".[12] O biógrafo de Pistrucci, Michael A. Marsh, describiu a medalla como "a mellor peza de intaglio realizada nunca por calquera gravador".[25] Varios dos modelos de cera de Pistruci, incluídas as versións finais definitivas, consérvanse no Museo da Casa da Moeda de Roma.[14][26]

Cuñaxes posteriores[editar | editar a fonte]

Réplica en prata da medalla da Batalla de Waterloo de Pistrucci, realizada en 1990.

En 1990, a Royal Mint cuñou unha versión de tamaño reducido para coleccionistas con motivo do 175 aniversario da medalla.[5] Novamente, en 2015 cuñou en prata, tamén para o coleccionismo, outra tiraxe en prata polo 200 aniversario, coas inscricións concibidas inicialmente por Pistrucci nos seus modelos iniciais en cera.[15]

En 2014, como parte dos preparativos do bicentenario da batalla, o Worcestershire Medal Service (medallista oficial da raíña Isabel II) preparou, en nome da London Mint Office, unha versión a tamaño completo en prata, cun peso de dous quilogramos, que lles foron presentadas aos embaixadores de Austria, Rusia e Alemaña (como sucesor do reino de Prusia), así como á raíña de Inglaterra. Paralelamente, tamén se puxeron exemplares á venda ao prezo de 3.900 libras.[27]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Waterloo Medallion". Los Angeles County Museum of Art.
  2. "The Waterloo Medal". The Metropolitan Museum of Art.
  3. Craig, J. (1910). Páxinas 283-284.
  4. Pollard, G. "Pistrucci, Benedetto". En Oxford Dictionary of National Biography.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 5,6 Farey, R. (2014 -b-). Páxina 51.
  6. Marsh, M. A. (1996). Páxina 23.
  7. 7,0 7,1 7,2 Marsh, M. A. (1996). Páxinas 23-24.
  8. Challis, C.E. (1992). Páxina 489.
  9. Farey, R. (2014 -a-). Páxinas 51-52.
  10. Forrer, L. (1906).
  11. Forrer, L. (1909). Páxinas 583-623.
  12. 12,0 12,1 12,2 12,3 12,4 12,5 12,6 12,7 12,8 Milano, C. "The Talent and the Temperament". The Royal Mint Museum.
  13. 13,0 13,1 Marsh, M. A. (1996). Páxina 25.
  14. 14,0 14,1 "A Londra, ricordando Waterloo. Il medaglione per la vittoria su Napoleone a Waterloo". Museo della Zecca di Roma.
  15. 15,0 15,1 "2015 Great Britain 8 oz Silver Battle of Waterloo Medal". APMEX.
  16. Craig, J. (2010). Páxina 296.
  17. "Waterloo Medal". Royal Mint Museum.
  18. 18,0 18,1 18,2 18,3 Linecar, H. W. A. (1977). Páxina 96.
  19. Craig, J. (2010). Páxina 297.
  20. Marsh, M. A. (1996). Páxinas 30, 40.
  21. 21,0 21,1 Marsh, M. A. (1996). Páxina 49.
  22. 22,0 22,1 Craig, J. (2010). Páxina 298.
  23. Marsh, M. A. (1996). Páxinas 48-49.
  24. "Medal - Battle of Waterloo". Numista.com
  25. Marsh, M. A. (1996). Páxina 48.
  26. "I modelli in cera di Benedetto Pistrucci. IPZS - Museo della Zecca.
  27. Farmer, B. (2014).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]