Lira, Salvaterra de Miño

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Lira
Vista da igrexa parroquial
ConcelloSalvaterra de Miño[1]
ProvinciaPontevedra
Coordenadas42°09′11″N 8°27′36″O / 42.153056, -8.45999Coordenadas: 42°09′11″N 8°27′36″O / 42.153056, -8.45999
Poboación291 hab. (2014)
Entidades de poboación18[1]
editar datos en Wikidata ]

San Simón de Lira é unha parroquia do concello de Salvaterra de Miño. En 2004 tiña 327 habitantes, distribuídos en 15 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 378 habitantes. Segundo o IGE, no 2014 a súa poboación descendera ata os 291 habitantes, sendo 147 homes e 144 mulleres.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Limita ao norte co concello de Ponteareas, ao sur coas parroquias de Soutolobre e Leirado, ao leste con Vilacova e pola parte occidental coa parroquia de Fornelos e o concello de Ponteareas.

A altitude media é baixa, arredor duns 60 m sobre o nivel do mar. O relevo ten outeiros macíos, salientando o lombo de Santo Amaro. Non hai chairas agás na zona norte onde o río forma unha mediana extensión con algunhas insuas.

Fervenza no Río Uma a seu paso polo lugar de Ponte Alta.

A freguesía ten boa cantidade de auga en parte por mor a súa escasa altitude. Atravésana gran cantidade de regueiros. Pola zona norte pasa o río Uma, outros cursos importantes son o Regueiro da Vila e o Rego da Lavandeira. Salientar os vellos sistemas de rega cos que contaba a parroquia para paliar as secas do estío, formados por pozas e canles. Parte das marxes do río Uma tamén se achan canalizadas con vellos muros de cachotería, para controlar ou modificar o curso ou levar auga aos muíños.

O clima de Lira é atlántico húmido con influencia mediterránea que se manifesta nunha pequena seca duns dous meses no verán (xullo, agosto). Salientan as xeadas no inverno.

A vexetación é moi rica, e pode presumir dunha boa conservación se a comparamos con outras zonas de Galicia.[Cómpre referencia] Componse principalmente de bosque atlántico húmido con certa influencia mediterránea, dada pola bonanza das temperaturas no verán. As fragas ocupan todas as zonas baixas da aldea e van gañando terreo ás terras incultas. A principal especie segue a ser o carballo (Quercus robur L.) As carballeiras son polo xeral novas mais áchanse bos exemplares no lugar da Feira e algúns senlleiros como as vellas carballas da Fraga das Cernadas (todos eles plantados con fins ornamentais hai séculos).[Cómpre referencia] Entre os carballos atopamos outras especies, moitas típicas de ribeira: amieiro, bidueiro, abeleira, pradairo, salgueiro, cerdeira brava, pereira brava etc. Algunhas especies amosan a influencia mediterránea, é o caso do loureiro ou piñeiro do país (Pinus pinaster). Este último ocupa gran parte da parroquia, especialmente os outeiros, mesturado con outras especies autóctonas; a súa orixe foron as reforestacións efectuadas desde finais do século XIX e hoxe xa non pode considerarse unha especie allea.[Cómpre referencia] Porén a superficie dedicada ao piñeiro estase vendo reducida por mor da aparición no sur de Galicia entre 2009 e 2012 dunha cepa do nematodo do piñeiro (Bursaphelenchus xylophilus), tamén en Lira.[Cómpre referencia] O castiñeiro, especie foránea considerada tamén como autóctona e moi beneficiosa,[Cómpre referencia] ocupa unha área importante na aldea. Outras especies alleas que contan cun bo número de exemplares son o eucalipto (Eucalyptus globulus) e a robinia ou falsa acacia (Robinia pseudacacia), especie invasora chamada aquí alcacia de pico e plantada pola súa boa madeira fronte á humidade. Ultimamente aparecen outras especies como o ailanto (moi invasor), ou o carballo americano (Quercus rubra), plantado para fins madeireiros e ornamentais. A vexetación arbustiva e herbácea tamén é importante. Conta tamén cun bo abano específico de fentos e musgos.

Cómpre salientar a importancia ecolóxica e biolóxica da chaira que forma o río Uma entre a parroquia de Lira e a de Celeiros, pola súa grande extensión de bosque autóctono e de ribeira.

Economía[editar | editar a fonte]

Vista invernal da Fraga no lugar das Cernadas.

A poboación áchase espallada por toda a aldea. Non hai casas illadas, porén non é sempre doado distinguir os lindeiros de cada agrupación. As casas non aparecen acaroadas, senón que cada unha conta co seu eido, a súa horta e os seus alpendres.

Lira é unha parroquia máis forestal que agrícola ou gandeira. Hoxe a superficie traballada diminuíu moito a favor das fragas autóctonas.[Cómpre referencia] Aínda poden verse algúns pasteiros, prados, leiras de millo e hortas de patacas, verzas etc. para autoconsumo. Xa que as vivendas non están pegadas formando pequenas vilas, cada casa conta co seu propio eido: a súa propia horta e o seu pomar, onde salientan as maceiras, pereiras, pexegueiros, cerdeiras, ameixeiras, limoeiros... e máis recentemente kiwis e feixoas (goiabo).[Cómpre referencia] Especial mención merecen as videiras. Lira sempre foi zona de viño, polo que forma parte da súa cultura e da súa agricultura. O viño aquí é de boa calidade,[Cómpre referencia] o chamado Condado, que pertencería á Denominación de Orixe Rías Baixas.

Arquitectura popular[editar | editar a fonte]

A construción tradicional da zona de Lira segue o modelo galego típico e, especificamente, encadraríase dentro da chamada casa do viño. A casa consta dun eido de mediano talle, a vivenda, as máis pobres de planta baixa e chan de terra, na que se mesturaban todas as dependencias tanto para persoas coma para o gado. As máis evoluídas son sempre coa cuberta de tella a dúas augas e dous muros piñón. Contan cun soto, onde están as cortes e a adega do viño, e un andar ao cal accedemos por unha escaleira exterior formando o patín e/ou o corredor. Neste sobrado está a cociña (coa lareira), a sala e os cuartos. O faiado non acostumaba a habitarse. Todas as vivendas contan con muros de cachotería en pedra de gra e con selaría nos cantos e ocos (linteis, xambas...). As separacións horizontais facíanse con grandes trabes de castiñeiro e carballo cubertas cun entaboado. Ademais da vivenda, a casa complétase co canastro (nesta zona é rectangular, cuberta a dúas augas, seis pés con cadanseu tornarrato (mó) e caixa en madeira); o cuberto ou alboio; e ás veces outras dependencias: casa do forno, pozo, lagar, cociña exterior etc. O eido cérrase con muros de cachotes e máis recentemente con chantos en granito (chamados aquí pastas). Nos anos 40 un novo modelo de vivenda colonial estendeuse pola parroquia modificando un pouco a casa tradicional. Tellados con máis pendente, chemineas con enfeites, enfuscados de cores, fiestras máis grandes...

Palco da música, no torreiro da igrexa de San Simón

Ademais da casa atopamos boas mostras da arquitectura popular: muíños, pontellas, lavadoiros, camiños enlousados, fontes, cruceiros etc. Un destes últimos, de bo valor etnográfico, atópase no interior da igrexa de san Simón (disque antes ficaba no adro).[Cómpre referencia] Ademais, o cruceiro situado no cemiterio está datado en 1732. A cruz ten esculturas acoradas polos dous lados, por diante un cristo cravado e por detrás a representación dunha piedade.

Como en toda Galicia a arquitectura popular sufriu unha gran deterioración a partir dos anos 60 coa incorporación dos novos materias e afastándose totalmente dos modelos tradicionais. Como consecuencia atopamos unha lixeira perda de harmonía e calidade paisaxística nas zonas habitadas da aldea.

Historia[editar | editar a fonte]

Pazo de Lira.

Existe no monte Santo Amaro un sitio arqueolóxico. As condicións naturais do terreo favoreceron a construción dun castro con defensas, parapetos e foxos. Na zona meridional abundan restos de cerámicas galaico - romanas e romanas. Entre os fragmentos recollidos destaca unha peza decorada con elementos de sogas delimitada por acanaladuras horizontais, similar a outros restos cerámicos achados na comarca[2].

No cumio do monte, a carón da ermida, atópase unha rocha con aspecto de altar e existe unha agrupación de cazoletas megalíticas de diferente diámetro. As lendas din que os mouros facían celebracións relixiosas neste lugar, e seguramente foi a zona sagrada do castro céltico-galaico. O lugar pagán foi cristianizado cunha capela no século XVIII. O 15 de xaneiro, durante a celebración de Santo Amaro o cura enche as pías con auga bieita para despois benzoar as leiras, seguramente tradición herdada das tradicións pagás[3]

O topónimo Lira aparece por vez primeira na doazón do rei de Galiza Vermudo II á Igrexa compostelá, co termo "Liroto". Nesta parroquia tivo orixe a familia Lira cuxo vínculo señorial fundou Ramón Gil en 1522[4]. A extensa familia foi entroncando con outras en distintas partes de Galicia e outras rexións peninsulares.

Sonadas foran as feiras de gando vacún da freguesía, dato que xa figura no Catastro de Ensenada e polo ilustrado Lucas Labrada. A feira de Lira celebrábase os días 5 e 18 de cada mes. Deixouse de celbrar nos anos 70 do século XX coa perda de peso económico das feiras e pola modernización da agricultura.[5]

Patrimonio[editar | editar a fonte]

Igrexa parroquial de San Simón.

A igrexa parroquial de San Simón, foi construída no século XVIII[6]. Feita en cantaría de granito, ten unha planta rectangular coa cabeceira máis estreita e alta. Unicamente presenta unha nave central. A austeridade decorativa domina na construción. Os muros laterais aparecen artellados mediante contrafortes. Non ten retablo, posiblemente foi destruído nunha restauración.

Existen dúas pequenas capelas, a ermida de Santo Amaro, xa citada e no cumio do outeiro como xeito de cristianización do castro, é unha pequena capela barroca moi sinxela, de planta cuadrangular, cubrición a dúas agugas e con fachada cunha porta alintelada e dúas xanelas a ambos os lados. Un pináculo en cadanseu lado e unha sinxela espadana adornada cunha cruz latina no curuto. Na propia aldea atópase a capela de San Sebastián, tamén moi sinxela, e que conta coa súa festividade no mes de xaneiro, a festa máis louvada na freguesía: "O San Bastián". Nesta última tamén se venera á Virxe das Neves (de feito algún ano fíxose festa o 5 de agosto na súa honra)[7].

Lira foi famosa polas súas feiras de gado vacún. Este dato figura no Catastro de Ensenada e tamén foi recollido polo ilustrado Lucas Labrada. Esta feira celebrábase todos os días 5 e 18 de cada mes. As feiras foron perdendo peso económico ao tempo que se producía a modernización da agricultura.

A mediados do século XX un carro de bois afundiu no chan preto dun sinxelo cruceiro no lugar da Feira. Nos anos 90 escavouse o lugar e atopáronse unha especie de galerías antrópicas con algúns poios no percorrido, en parte derrubado pola construción de novas vivendas.[Cómpre referencia] Pouco se sabe, polo de agora, da orixe desta especie de corredoiros subterráneos.

No lugar do Alcázar está o pazo de Lira, de propiedade privada, e a estrutura da capela, estragada nun incendio. Este pazo, de pasado castrense, ten muros de cantaría, vans cuadrangulares e planta en escuadra. No vértice de unión érguese a torre de planta cuadrangular de tres andares, con dous escudos nun dos lados e rematada con ameas. A orixe do pazo foi esta torre á que se lle engadiu a construción civil. A casa é en xeral sinxela. A pequena capela dedicábase ao Santísimo Sacramento.[8] Segundo o historiador Claudio González, na fonte pública situada nas inmediacións do pazo, emprégase como pía un sarcófago medieval tipo bañeira.

Cultura popular[editar | editar a fonte]

O folclore relacionado con este lugar é moi variado e rico.[Cómpre referencia] Contan os veciños lendas relacionadas con mouros,[Cómpre referencia] personaxes da mitoloxía popular. Destaca o referente ás minas de auga tapadas polos campesiños para evitar perder o gado.

Na zona coñecida como Forno da Moura, preto do campo da feira e das Cernadas, contan a existencia dun tear de ouro, unha moura peiteando os seus longos cabelos, uns pitos que pían pero que ninguén viu e outros relatos máxicos.[Cómpre referencia]

Lugares e parroquias[editar | editar a fonte]

Lugares de Lira[editar | editar a fonte]

Lugares da parroquia de Lira no concello de Salvaterra de Miño (Pontevedra)

O Alcázar | As Bouzas | A Bugallal | O Cachopal | As Carrasqueiras | As Cernadas | O Couto | O Covaíño | A Dicoita | Formarigo | A Gaiosa | O Outeiro | Pereiras | Ponte Alta | O Pouso | Puzo | O Regueiro da Vila | Vilafría

Parroquias de Salvaterra de Miño[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia de Pontevedra | Parroquias de Salvaterra de Miño

Alxén (San Paio) | Arantei (San Pedro) | Cabreira (San Miguel) | Corzáns (San Miguel) | Fiolledo (San Paio) | Fornelos (San Xoán) | Leirado (San Salvador) | Lira (San Simón) | Lourido (Santo André) | Meder (Santo Adrián) | Oleiros (Santa María) | Pesqueiras (Santa Mariña) | Porto (San Paulo) | Salvaterra (San Lourenzo) | Soutolobre (Santa Comba) | Uma (Santo André) | Vilacova (San Xoán)

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]