Uma, Salvaterra de Miño

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Uma
ConcelloSalvaterra de Miño[1]
ProvinciaPontevedra
Coordenadas42°10′13″N 8°24′53″O / 42.170179, -8.414798Coordenadas: 42°10′13″N 8°24′53″O / 42.170179, -8.414798
Área3,7 km²
Poboación199 hab. (2014)
Densidade53,78 hab./km²
Entidades de poboación10[1]
editar datos en Wikidata ]

Santo André de Uma é unha parroquia que se localiza no extremo norte do concello de Salvaterra de Miño. Segundo o IGE en 2014 tiña 199 habitantes (86 homes e 113 mulleres), 52 menos que en 2004 (127 mulleres e 124 homes) e 74 menos que en 1999. Ten dez núcleos de poboación.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Uma é un exclave de Salvaterra de Miño. Está situada entre as parroquias de Mouriscados (Mondariz), San Pedro e Santa Eulalia de Batalláns (As Neves), A Franqueira (A Cañiza) e Guillade (Ponteareas).

Dista tres quilómetros de Salvaterra de Miño e 200 metros de Vilacova, o outro exclave do concello. A súa orografía é montañosa, cunha altitude máxima de 449 metros. Nos montes próximos nace o río Uma que percorre gran parte do concello de Salvaterra. A abundancia de regatos de auga xustifica a gran cantidade de muíños existentes desde a época moderna.

Patrimonio[editar | editar a fonte]

Uma é unha das parroquias onde se atoparon máis restos arqueolóxicos. Os materiais atopados están en mans de particulares ou depositados no Museo de Ponteareas.[Cómpre referencia]

A súa primeira mención documental aparece na información das Miragres de San Telmo, realizada polo ano 1258 co nome "Deuma". A igrexa de Uma pertencía ao Mosteiro de Melón, que no ano 1516 a permutou por outras propiedades ao bispo de Tui. Logo foi doada aos monxe da Franqueira ata a Desamortización.

Fabricada en perpiaño, e de pequenas dimensións, a igrexa parroquial de Uma ten planta rectangular rematada nunha cabeceira máis estreita e alta que a nave principal. Pegada a un lateral ten a sancristía. A fachada principal, sen excesivo ornato, ten unha ventá alintelada como único van. Remata nunha torre de espadana. Os muros laterais organízanse mediante contrafortes. No interior ten unha bóveda de canón sobre o presbiterio e un coro alto situado aos pés da nave.

No barrio do Casal, lugar céntrico e concorrido, hai un peto de ánimas. Rústico e primitivo, está apousentado sobre muro de cachotería, diferenciándose en tres partes: a primeira con pedra de base cuadrangular e pequeno fornelo con porta de ferro; a segunda é unha mesa con forma piramidal invertida e a terceira cobiza o retablo de madeira baixo arco de medio punto, apreciándose restos de policromía.

Lugares e parroquias[editar | editar a fonte]

Lugares de Uma[editar | editar a fonte]

Lugares da parroquia de Uma no concello de Salvaterra de Miño (Pontevedra)

As Barreiras | A Cachadiña | O Carboal | O Carrascal | O Casal | O Eirado | Finzáns | Maceiras | O Outeiro | Santo André

Parroquias de Salvaterra de Miño[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia de Pontevedra | Parroquias de Salvaterra de Miño

Alxén (San Paio) | Arantei (San Pedro) | Cabreira (San Miguel) | Corzáns (San Miguel) | Fiolledo (San Paio) | Fornelos (San Xoán) | Leirado (San Salvador) | Lira (San Simón) | Lourido (Santo André) | Meder (Santo Adrián) | Oleiros (Santa María) | Pesqueiras (Santa Mariña) | Porto (San Paulo) | Salvaterra (San Lourenzo) | Soutolobre (Santa Comba) | Uma (Santo André) | Vilacova (San Xoán)

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]