Nematodo do piñeiro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Nematodo do piñeiro
Bursaphelenchus xylophilus
Bursaphelenchus xylophilus spicule.jpg
B. xylophilus macho con espícula visible

Pinus nigra morto polo ataque de B. xylophilus
Pinus nigra morto polo ataque de B. xylophilus

Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Nematoda
Clase: Secernentea
Subclase: Tylenchia
Orde: Aphelenchida
Suborde: Aphelenchina
Superfamilia: Aphelenchoidoidea
Familia: Parasitaphelenchidae
Subfamilia: Bursaphelenchinae
Xénero: Bursaphelenchus
Especie: B. xylophilus
Nome binomial
Bursaphelenchus xylophilus
(Steiner & Buhrer) Nickle
Macho do escaravello Monochamus galloprovincialis, o principal vector de B. xylophilus en España.

O Bursaphelenchus xylophilus, coñecido vulgarmente como o nematodo do piñeiro é un verme nematodo que infesta os piñeiros, destruíndo as canles de circulación da resina, o que e fai que murchen e morran.[1]

Encóntrase en gran parte dos Estados Unidos, e en Canadá, México, Xapón, China, Taiwán, Corea, Portugal e Galicia.[2]

A Galicia chegou a finais de 2010.[3]

Bursaphelenchus xylophilus está considerado como a maior ameaza mundial sobre os piñeirais.[4]

Historia[editar | editar a fonte]

Da mortalidade dos piñeiros no Xapón informou por primeira vez Munemoto Yano (矢野 宗 幹) na prefectura de Nagasaki en 1905.[5]

O nematodo descubriuse por primeira vez na madeira do piñeiro Pinus palustris en Louisiana, Estados Unidos. Steiner e Burhrer informaron de que este nematodo era unha nova especie, que nomearon como Aphelenchoides xylophilus en 1934.[6]

En 1969, os patólogos de plantas xaponeses Tomoya Kiyohara (清 原 友 也) e Yozan Tokushige (徳 重陽 山) descubriron moitos nematodos descoñecidos en piñeiros mortos nas illas Kyūshū do Xapón.[7] Entón, inocularon experimentalmente o nematodo a piñeiros sans e noutras coníferas e observáronos. Morreron os piñeiros sans, especialmente Pinus densiflora e Pinus thunbergii. Con todo, puideron sobrevivir Pinus banksiana e Pinus taeda, o cedro Criptomeria japonica e o ciprés Chamaecyparis obtusa.[8] Estes investigadores concluíron que o nematodo era o patóxeno que estaba detrás do aumento da mortalidade dos piñeiros xaponeses.

En 1972, un ano despois de que se publicara o artigo innovador de Kiyohara e Tokushige, Yasuharu Mamiya e T. Kiyohara consideraron que o nematodo era o patóxeno causante da mortalidade dos piñeiros, e que era unha especie nova que nomearo como Bursaphelenchus lignicolous.[9] Finalmente, Bursaphelenchus lingnicolous, o nematodo xaponés, foi reclasificado como a especie americana B. xylophilus en 1981.[10]

No Xapón producíronse epidemias causadas polo nematodo do piñeiro, especialmente durante os veráns secos e cálidos.[4][11][12][13]

Distribución[editar | editar a fonte]

Malia ser nativo de Norteamérica, o nematodo do piñeiro espallouse a Xapón, China, Vietnam, Australia, Escandinavia, Portugal e Galicia, e foi nalgúns destes novos ecosistemas onde causou un maior dano a distintas especies de piñeiro. Aínda que non é especialmente virulento nas coníferas orixinarias de Norteamérica, no Xapón estímase que o nematodo do piñeiro é o responsable da destrución duns 26 millóns de metros cúbicos de madeira.[14] Tense observado, ademais, que a virulencia da enfermidade asociada ao nematodo é especialmente intensa nos países con temperaturas cálidas no verán, superiores a 25 °C, como Australia, Portugal ou determinadas áreas do Xapón, pois estas altas temperaturas levan aparelladas maiores taxas de reprodución do nematodo.

Morfoloxía[editar | editar a fonte]

Os vermes do xénero Bursaphelenchus son todos funxívoros e todos necesitan de vectores (adoito escaravellos e couza) para a súa distribución. A diferenciación entre o Bursaphelenchus xylophilus e outras especies non patóxenas do mesmo xénero é moi complexa debido ás semellanzas morfolóxicas, pero pódese conseguir unha identificación axeitada a través de análises moleculares coma os RFLP.[15]

Etoloxía[editar | editar a fonte]

O nematodo do piñeiro vive en distintas especies de piñeiro, se ben a súa acción é menos destrutiva nas coníferas onde é orixinario. De feito, as árbores máis afectadas en Norteamérica pertencen a especies importadas de Europa e Asia. Tamén se ten identificado a súa presenza noutras especies, como lárices, cedros, piceas e abetos.[16]

O ciclo básico da vida do nematodo do piñeiro é o común á maior parte das especies de nematodos, con catro fases xuvenís e unha fase adulta onde combinan os dous sexos (macho e femia). Este ciclo básico desenvólvese dentro da madeira, onde os nematodos se alimentan de fungos e non da propia madeira. O nematodo do piñeiro non pode moverse entre as árbores, e depende para o transporte dun insecto vector. Aínda que se teñen identificado distintas especies vectoras ao longo do planeta,[14] as máis delas pertencen ao xénero Monochamus, uns escaravellos con dúas antenas longas e finas que se alimentan de cortiza como adultos, pero que na súa fase larvaria viven no interior da madeira. É nesta fase larvaria cando os escaravellos inxiren os nematodos, que se aloxan finalmente nas traqueas dos insectos adultos. É na fase reprodutiva cando os escaravellos volven transmitir os nematodos a unha nova árbore, ao poñeren os ovos nela.[16] É precisamente na introdución do nematodo cando se produce o dano sobre a árbore, pois o nematodo destrúe as células epiteliais que constitúen o sistema transportador de resina da árbore.

Andazo e tratamento[editar | editar a fonte]

Zona afectada tralo primeiro caso detectado de nematodo do piñeiro en Galicia. En verde mazá, o punto onde apareceu o primeiro caso, entre Salvaterra de Miño e As Neves. En gris, a zona onde foi obrigatorio cortar e queimar a madeira dos piñeiros e en verde claro o perímetro de seguridade e control especial

O nematodo do piñeiro manifesta os seus primeiros síntomas nas árbores en primavera e no verán, cando o piñeiro deixa de exsudar resina polas feridas abertas na casca. Pouco e pouco as follas van perdendo a cor ata transformárense nun marrón claro que son indicio da morte da árbore. Nun piñeiro murcho por causa dos nemátodos a madeira está seca e sen resina.

Non existe tratamento para o nematodo. Pódese previr o espallamento da enfermidade con embargos á circulación de madeira e coa queima inmediata de toda a madeira infectada. A fumigación con fosfina de aluminio ten dado resultados positivos para o tratamento de serraduras e chips de madeira.[15]

Dado que o desprazamento dos insectos vectores é reducida (uns 3 km ao longo de toda a súa vida), a maior ameaza para as producións de madeira é o transporte comercial.[17] A introdución de madeira contaminada co nematodo do piñeiro está prohibida na Unión Europea dende o ano 2000.[18] En 1999 foi localizada a enfermidade desencadeada polo nematodo na península de Setúbal, e as autoridades portuguesas instauraron unha devasa fitosanitaria que levou á paralización do movemento de madeira nunha zona costeira dun millón de hectáreas ao sur do río Texo.[18] Os embargos á comercialización de madeira e os cordóns fitosanitarios non foron, con todo, eficientes. En 2008 o nematdodo da madeira estaba espallado por todo Portugal e en 2010 foi detectada a enfermidade por primeira vez en Galicia.

En Galicia[editar | editar a fonte]

Unha serie de estudos realizados a mediados da primeira década do século XXI en España detectou tanto a presenza de distintos nematodos do xénero Bursaphelenchus (pero non da especie xylophagus) como a dunha ampla lista de insectos vectores destes nematodos. En especial, detectouse a presenza de Monochamus galloprovincialis, que era na altura o insecto considerado vector principal da enfermidade en Portugal, ao longo da fronteira lusoespañola: os estudos atopárono na zona meridional de Pontevedra, pero non na comarca de Verín.[19]

Porén, a principios do outono de 2010 atopouse un exemplar de piñeiro infectado na Vesadiña (Salvaterra de Miño)[3], no límite co concello das Neves. En novembro confírmase a presenza do nematodo e a mediados dese mes a Xunta de Galicia ordena o corte de todas as especies susceptibles de acoller o parasito nun radio de quilómetro e medio (parte das parroquias de Taboexa, Leirado, Lira e Meder), así como o establecemento dunha zona de especial vixilancia en 20 km ao redor onde tanto a corta como a comercialización de madeira se someten a controis especiais.[20]

Boas novas para Galicia, e para o mundo[editar | editar a fonte]

Os investigadores do Centro de Investigacións Ambientais e Forestais de Lourizán levan, desde 2013, estudando a resistencia dos piñeiros á praga do nematodo que, como quedou dito, afecta a máis dunha vintena de concellos do sur da provincia de Pontevedra. Este traballo deu os seus primeiros resultados e o DOG publicou unha resolución da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda pola que se aproba a inscrición no rexistro galego de materiais de base de seis proxenitores da familia das pináceas na categoría d material culificado pola súa resistencia ao Bursaphelenchus xylophilus, estando pendente tamén que este material se inscriba no Catálogo Nacional de Materiales de Base, dependente do Ministerio de Agricultura de España. O obxectivo principal desta medida é o poder ofrecer sementes destas árbores a persoas que se ocuipan de prover ao sector de mteria forestal de reprodución. Os primeiros resultados determinaron que as dúas especies de piñeiro máis plantadas en Gailica, Pinus pinaster e Pinus radiata, eran susceptíbeis a esta enfermidade cunha mortalidade de entre o 40 e o 65 %, pero tamén encontraron que tres grupos de P. pinaster lograron superar a praga nun 80 % e, nalgúns casos, aínda máis.[21]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Bursaphelenchus xylophilus, Pine Wilt Nematode. Nematology. Lincoln: University of Nebraska.
  2. Bursaphelenchus xylophilus. Arquivado 2012-01-04 en Wayback Machine. Nemaplex. UC Davis.
  3. 3,0 3,1 Llera, L. C. "Medio Rural tala y quema 15 pinos para frenar la plaga del gusano en Salvaterra", La Voz de Galicia, 2-12-2010.
  4. 4,0 4,1 Webster, J. & Mota M. M. (2008): Pine Wilt Disease: Global Issues, Trade ad Economic Impact, rn Mota, M. M. & Vieira, P. R., eds. Pine Wilt Disease: A Worldwide Threat to Forest Ecosystems. Springer. ISBN 978-1-4020-8454-6.
  5. Yano, M. (1905): 長崎県下松樹枯死原因調査. 山林公報4 (en xaponés).
  6. Steiner, G. & Burher, E. M. (1934): "Aphelenchoides xylophilus, n. sp, a nematode associated with blue stain and other fungi in timber". Journal of Agriculture Research 48944951.
  7. Tokushige, Y. & Kiyohara, T. (1969): (Bursaphelenchus sp. na madeira de piñeiros mortos). 日本林学会誌 51 (7): 193-195 (en xaponés).
  8. Kiyohara, T. & Tokushige, Y. (1971): (Experimento de inoculación dun nematodo, Bursaphelenchus sp., en piñeiros). 日本林学会誌 53 (7): 193-195 (en xaponés).
  9. Mamiya, Y. & Kiyohara, T. (1972): "Description of Bursaphelenchus lignicolous n. sp. (Nematode: Aphelenchoidae) from pine wood and histopahology of nematode infected trees". Nematology 18 (1): 120-124.
  10. Nickle, W. R.; Golden, A. M.; Mamiya, Y. & Wergin, W. P. (1981): "On the taxonomy and morphology of the pine wood nematode, Bursaphelenchus xylophilus (Steiner &Buhrer 1934) Nickle 1970". J. Nematol. 13 (3):385-92.
  11. Dwinell, L. D. & W. R. Nickle. (1989): An Overview of the Pine Wood Nematode Ban in North America. Gen. Tech. Rep. SE-55. Asheville, North Carolina: USDA, Forest Service, Southeastern Forest Experiment Station.
  12. Mota, M. M. & P. C. Vieira. (2008): "Pine wilt disease in Portugal". En: Zhao, B. G.; Futai, K.; Sutherland, J. R. & Takeuchi, Y., eds. Pine Wilt Disease. ISBN 978-4-4317-5655-2, pp. 33-38. Springer Japan.
  13. Suzuki, K. (2002): "Pine Wilt Disease: a threat to pine forest in Europe". Dendrobiology 48: 71-74.
  14. 14,0 14,1 Dwinell L. D. & Nickle W. R. (2004): "An Overview of the Pine Wood Nematode Ban in North America" Arquivado 07 de decembro de 2009 en Wayback Machine., in Forests Pests, maio de 2004.
  15. 15,0 15,1 Cram M., Hanson J., How to Identify and Manage Pine Wilt Disease and Treat Wood Products Infested by the Pinewood Nematodes. Departamento de Agricultura dos Estados Unidos.
  16. 16,0 16,1 Pinewood Nematode Arquivado 15 de xullo de 2011 en Wayback Machine., Bartlett Tree Research Laboratories (pdf).
  17. El nematodo de la madera del pino, Consellería de Medio Ambiente, Agua, Urbanismo y Vivienda. Generalitat Valenciana.
  18. 18,0 18,1 Rodrigues, J. National Eradication Programme for the Pinewood Nematode, in Mota, M. M.; Vieira, P. R. (eds.) Pine Wilt Disease: A Worldwide Threat to Forest Ecosystems. Springer, 2008, ISBN 978-1-4020-8454-6
  19. Potential Insect Vectors of Bursaphelenchus spp. (Nematoda: Parasitaphelenchidae) in Spanish Pine Forests Arquivado 05 de outubro de 2012 en Wayback Machine., in Mota, M. M.; Vieira, P. R. (eds.) Pine Wilt Disease: A Worldwide Threat to Forest Ecosystems. Springer, 2008, ISBN 978-1-4020-8454-6.
  20. Resolución do 17 de novembro de 2010, da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, pola que se declara no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia a presenza do organismo de corentena Bursaphelenchus xylophilus (Steiner et Buhrer) Nickle et al. (nematodo do piñeiro) e se ordena comezar as medidas para a súa erradicación, DOG, 17/11/2010
  21. Alfonso, M. "Llegan los pinos que resisten la plaga del nematodo". La Voz de Galicia, 17-04-2020.