Pía megalítica
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
Unha pía megalítica é un baleirado xeométrico realizado nun penedo. Esta actividade cultural da Idade de Ferro ten presenza no noroeste da Península Ibérica, coincidente xeograficamente coas zonas de presenza de poboados castrexos e as súas cámaras de incineración abovedadas, polo que se presume que tiñan relación con ritos funerarios.
Dous exemplos son os de Augas Santas (Allariz) e Forneiros, pero polo parecido formal, autores clásicos da arqueoloxía galega adoitan relacionalas co santuario de Panóias, en Vila Real (Portugal). Acostuman ser rectangulares con bordos angulosos, e en ocasións presentan anexos, tales como canais de desaugadoiro, marcos de tapas para pechalas ou cazoletas de formas variadas.
Os estudos sobor delas relaciónanas con ritos funerarios castrexos de incineración ou con prácticas de sacrificios. Ambas as dúas teorías se basean nos achados das pías megalíticas de Augas Santas e o santuario de Panóias: ambos os dous contextos xeográficos amosan parecidos formais. As pías de Augas Santas aparecen ó pé do mesmo castro de Armeá, relacionado co templo románico arruinado que contén no seu nivel subterráneo unha cámara con forno e pedra formosa; mentres que o coñecido santuario de Panóias en Portugal consta de varios penedos con pías de diferente tamaño e grosor e inscricións romanas nas que se ditan normas para os rituais de sacrificio que nesas pedras se realizaban en época imperial.
Outros exemplos na provincia de Ourense son o de Louredo (Cortegada), Cameixa (Boborás), castro de Lapela (A Arnoia), Pía da Moura (Xinzo de Limia). En Pontevedra destaca a pía megalítica de Mougás, (Oia), e en Lugo, Bodán e Penamoura (O Vicedo).