Jürgen Habermas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Jürgen Habermas.

Jürgen Habermas, nado en Düsseldorf o 18 de xuño de 1929, é un pensador e filósofo alemán.

Naceu e medrou na Alemaña durante o réxime nazi. Comprender, tralos xuízos de Nuremberg 1495-1496 que "viviramos baixo un sistema criminal" tivo un efecto duradeiro sobre a súa filosofía.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Estudou filosofía, psicoloxía, literatura alemá e economía na Universidade de Gotinga, en Zúric e en Bonn. Nesta última universidade, ao completar o seu doutorado en 1954 estudou con membros da Instituto de Socioloxía de Fráncfort do Main. A súa tese versou sobre Friedrich Schelling. De 1956 a 1959 foi axudante e colaborador de Theodor Adorno.

Nas décadas de 1960 e 1970 impartiu clases nas universidades de Bonn e Gottingen. No ano 1961 defendeu a súa habilitación, centrada no concepto do público (öffentlichkeit). De 1964 a 1971 exerceu como profesor na Universidade de Fráncfort, e converteuse nun dos principais representantes da Teoría Crítica. Entre 1971 e 1983 pasou a ser director do Instituto Max Planck para a "investigación das condicións de vida do mundo técnico-científico".

No 1982 converteuse no catedrático da filosofía da universidade de Fráncfort, onde ensinou ata a súa xubilación no 1993.

Xa no 2001 obtivo o Premio da Paz que conceden os libreiros alemáns, e no 2003 recibiu o Premio Príncipe de Asturias de Ciencias Sociais.

Máis recentemente, Habermas asumiu un papel activo na esfera pública, participando en debates sobre a negación do holocausto e o terrorismo global.

Pensamento[editar | editar a fonte]

Segundo a crenza deste filósofo alemán, a sociedade moderna depende non só dos avances tecnolóxicos, senón tamén da nosa capacidade de criticar e razoar colectivamente acerca das nosas propias tradicións. Habermas sostén que a razón encóntrase no núcleo das nosas comunicacións cotiás. Alguén di ou fai algo e preguntamos "por que o fixeches?". Continuamente pedimos explicacións, polo cal Habermas fala da "razón comunicativa". Para el, a razón non consiste en descubrir verdades abstractas, senón na necesidade que temos de xustificarnos ante os demais.

Se ben a súa obra e pensamento se basean na Teoría Crítica da Escola de Fráncfort, Habermas evidencia profundas diverxencias cos seus mestres e predecesores. O seu traballo enfócase nas bases da teoría social e da epistemoloxía, na análise da sociedade industrial e capitalista. Outros temas importantes nas súas análises son a democracia e a primacía da lei nun contexto crítico social evolutivo arredado da política contemporánea, especialmente na Alemaña actual.

Na súa tese Historia e crítica da opinión pública (tamén coñecido como Transformación Estrutural da Publicidade) dálle solidez ao concepto opinión pública e recupera a visión eminentemente democrática do mesmo coa súa distinción entre opinión publica manipulada e opinión pública crítica.

O Antipositivismo[editar | editar a fonte]

Característico da obra de Habermas dos anos sesenta foi o antipositivismo. En particular, rexeitou o positivismo dos últimos escritos de Karl Marx mentres se afanaba por converter os seus propios traballos iniciais nunha plataforma máis eficaz para unha crítica interna da sociedade capitalista subliñando o aspecto hermenéutico de Marx. Esta crítica posuía os seguintes trazos. Para empezar, Habermas sostiña que a ciencia, e incluso algúns aspectos da filosofía, deixaran de representar un papel crítico na determinación do valor dos fins a procurar, para converterse no cambio das presas da racionalidade instrumental ou intencionada. Deste xeito, a ciencia contribuía a unha racionalidade técnica que facilitaba ao capitalismo o desenvolvemento dunhas formas cada vez máis diversas e complexas de mercadorías en paralelo cun armamento suavemente sofisticado, mentres que por outra parte mostrábase incapaz de ofrecer unha xustificación aceptable do propio sistema capitalista. Dito en poucas palabras, a visión técnica da ciencia era positivista, e por tanto ideolóxica, posto que se negaba ao compoñente hermenéutico da ciencia, tal e como esta era practicada. O resultado de todo aquilo foi que a ciencia e a racionalidade na era capitalista tornárase para Habermas en axentes agresores dos seres humanos. O urxente era deseñar unha teoría que loitase con esta forma negativa de ciencia positivista que a convertese nunha actividade emancipadora que abordase a necesaria reforma económica, política e social. En contraste coa versión pesimista da razón de Adorno e Horkheimer ofrecen na Didáctica de la Ilustración, Habermas trata de rebater esta concepción negativa e afánase por "completar o proxecto da modernidade" comezando pola Ilustración. Pero novamente, este obxectivo precisa unha crítica da concepción puramente "instrumentalista" da ciencia que era dominante no capitalismo de posguerra.

O Estado e a crítica[editar | editar a fonte]

Os traballos iniciais de Habermas propoñíanse demostrar de que outro modelo de Estado moderno era, a vez, produto e factor da supervivencia mesma do capitalismo. Na década dos setenta houbo un momento no que Habermas chegou a afirmar que o Estado veríase impotente para protexer ao pobo dos peores excesos das crises da economía capitalista, posto que a súa capacidade de recolección das rendas precisas para soster os programas de benestar era limitada. Isto supuña, segundo Habermas, que existía un límite para a lexitimidade do Estado. Porque canto máis incapaz se mostrase para protexer aos cidadáns das crises económicas, menos podía garantir a súa propia lexitimidade. De acordo coa tradición do idealismo alemán, Habermas sérvese de Karl Marx para desenvolver unha estratexia crítica que puidese ser "esencialmente emancipadora". Así, mentres que Marx subliña o papel autoformativo do traballo práctico, Habermas, facendo unha sinal a Hegel, considera que o esforzo será crítico e estará, sobre todo, dirixido contra o poder entorpecedor da 'razón instrumental.

Ao mostrar o que a tradición hermenéutica alemá conseguiu nun sentido práctico, deixou aberto o camiño para unha énfase maior sobre as formas simbólicas da interacción.

Teoría da comunicación[editar | editar a fonte]

Con este mesmo espírito formulou Habermas, nos comezos da década dos setenta, os elementos iniciais dunha teoría da linguaxe, a comunicación e a evolución da sociedade orientada a subministrar a base dun marco normativo en cuxo interior puidera encontrar satisfacción do interese emancipador. Este traballo seu veu a luz nos volumes da Teoría da acción comunicativa, publicada por vez primeira en Alemaña no 1981. A partir desta obra podemos observar que, aínda que Habermas non renunciou nunca ao afán de emancipación que se encontra en Marx, non se mostra disposto, sen embargo, a aceptar nin un instrumento revolucionario nin un positivista para logralo. Recoñece, sen dúbida que o capitalismo abre paso franco á sociedade de clases, e que a racionalidade burocrática ou intencionada ten un poder cada vez maior sobre a vida do individuo, pero considera que é importante non caer no erro de equiparar o "sistema autorregulador cuxos imperativos predominan sobre a conciencia dos membros integrados nel", co "mundo da vida": o mundo da conciencia e da acción comunicativa. A maior parte da posterior obra de Habermas céntrase en torno a exploración das estruturas do mundo da vida. O mundo da vida fundaméntase nun interese pola emancipación; e é só un uso distorsionado da razón e da linguaxe o que fai que iso sexa difícil de apreciar. En efecto, a emancipación é a verdadeira base da vida social, e por tanto da humana. Así pois, a tarefa consiste en proporcionar unha teoría que garanta lucidez universal posible sobre este punto.

Mundo da vida e acción comunicativa[editar | editar a fonte]

En concreto, Habermas comeza a discusión sobre a noción do mundo da vida a comezos dos anos oitenta retornando a Durkheim e a socioloxía fenomenolóxica de Mead e Schutz. Para este último, o mundo da vida é o mundo da vida cotiá, a esfera total das experiencias dun individuo; é a situación biograficamente determinada na que ese individuo está inserto, quéirao ou non. É "o mundo en tanto que dado por garantido" no que os individuos tratan de realizar os seus obxectivos pragmáticos. Para Habermas, o mundo da vida é un horizonte de conciencia que inclúe tanto a esfera pública coma a privada. É a esfera da formación da identidade e da acción comunicativa. Con esta última expresión refírese Habermas a acción que "se apoia nun proceso cooperativo de interpretación no cal os participantes relaciónanse simultaneamente con algunha que é propia dos mundos obxectivo, social e subxectivo, incluso cando o individuo subliña tematicamente só unha das tres compoñentes nas súas manifestacións". A comunicación é para Habermas o aspecto máis importante de todas as actividades que teñen lugar no mundo da vida, pois é aquí onde, idealmente, os individuos poden obter o recoñecemento da validez das súas expresións, posto que igualmente é aquí onde as estruturas do mundo da vida en xeral admiten ser modificadas. Supostamente, estas modificacións poden provocar a súa vez unha modificación no sistema social global tendo en conta con el o crecemento da racionalidade instrumental.

Paralelamente, a súa investigación do mundo da vida á luz da teoría de Talcott Parson sobre a sociedade como sistema social, Habermas aborda a tarefa de elaborar simultaneamente unha teoría da evolución da sociedade e do individuo dentro dela, en particular na medida na que unha e outra emerxen no seu de normas específicas e formas simbólicas. Apoiándose no traballo de Kohlberg e Piaget para desenvolver unha teoría da competencia moral, e en Chomsky para elaborar unha teoría da competencia lingüística, Habermas esfórzase por mostrar a necesidade de que exista un elemento normativo dominante que goberne a interacción humana, como tamén outro puramente instrumental que se ocupe da satisfacción das necesidades. Ao xuízo de Habermas, equivócanse os que defenden con Weber a posibilidade da existencia dunha ciencia da acción técnica e intencional na que os problemas relativos á moral, e incluso ao verdadeiro coñecemento, foran cuestión de elección persoal. As normas e os valores serán obxecto dunha reflexión crítica e rigorosa, anque só fora polo feito de que a distinción mesma entre técnica e normativa depende dunha distinción anterior que é de carácter normativo. Así pois, nin sequera un interese decididamente técnico ou estratéxico admite verse illado do interese por un conxunto de principios eticamente inspirados.

Dificultades co enfoque de Habermas[editar | editar a fonte]

En primeiro lugar, son poucos os que poden aceptar illadamente, como Habermas parece facelo, o efecto totalizador do sistema filosófico de Hegel, ou a idea de que a modernidade empeza con Hegel máis que con outros candidatos a tal honor, como poden ser Rousseau, Descartes ou incluso Colón. De maneira similar as reivindicacións de Karl Marx acerca do traballo e a revolución illadamente, estase facendo día a día máis redundantes.

En segundo lugar, Habermas posúe unha visión antiga da ciencia que lle impide ver que xa non se deixa reducir con facilidade a un interese puramente técnico que poida xustificarse en termos positivistas.

En terceiro lugar, a pesar dos seus esforzos por constituír unha teoría xeral da competencia lingüística e a comunicación sen distorsións a nivel da vida mundana, o seu enfoque da linguaxe baséase nunha serie de hipóteses que a lingüística e a semiótica puxeron exhaustivamente en tea de xuízo.

Finalmente, unha das maiores dificultades para aceptar unha boa parte do que Habermas escribiu da súa insistencia en asumir que pode existir un suxeito universal relativamente fixo e idéntico a si mesmo. Dende unha perspectiva máis directamente política, a convocatoria de Habermas para unha reanimación da esfera pública reséntese de estar baseada nun modelo de política moi modernista e por tanto lixeiramente anticuada no entanto que infinita discusión de ideas.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]