Ine de Wessex

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Ine foi rei de Wessex entre 688 e 726.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Durante o seu reinado, foi incapaz de reter os avances territoriais do seu predecesor, Caedwalla, quen conquistara unha gran cantidade de territorios do sur de Gran Bretaña, expandindo notabelmente o territorio dos saxóns occidentais. Ao final do seu reinado, os reinos de Kent, Sussex e Essex non estaban xa baixo posesión de Wessex; con todo, Ine foi quen de manter o control sobre o que hoxe é Hampshire, e consolidou e estendeu os seus territorios na península do oeste.

Ine e o seu reinado destacan polo seu código lexislativo, que foi publicado ao redor de 694. Ditas leis foron as primeiras promulgadas por un rei anglosaxón que non fose Kent, e son de importancia capital posto que achegan a maioría dos datos que se teñen sobre a historia da sociedade anglosaxoa e revelan as conviccións cristiás de Ine.

Durante o seu mandato, o comercio incrementouse notabelmente, e Hamwic (actual Southampton) converteuse nunha cidade importante. É probábel que durante o reinado de Ine Wessex se comezase a cuñar moeda, aínda que non se atopou ningunha peza co seu nome.

En 726 Ine abdicou e marchouse a Roma, deixando o reino en mans de "homes máis novos", segundo palabras do cronista contemporáneo Beda o Venerable. Así, foi sucedido por Aethelheard.

Xenealoxía[editar | editar a fonte]

Árbore xenealóxica da familia real de Wessex.

As fontes máis antigas das que se dispón sinalan que Ine foi fillo de Cenred, e este á súa vez fillo de Ceolwald. Con todo, retroceder máis no tempo xa expón máis desacordos entre os investigadores[1]. Ine tiña un irmán, Ingild, e dúas irmás, Cuthburga e Cwenburg. Cuthburga casou co rei Aldfrith de Northumbria, e o propio Ine, pola súa banda, casou con Aethelburg[1][2]. Beda o Venerable apuntou que Ine era "de sangue real", o que sinala a súa relación coa liña real de Gewisse, unha das primeiras tribos de renome de Wessex[3].

A xenealoxía de Ine e dos reis de Wessex coñécese grazas a dúas fontes: a Crónica anglosaxoa e a West Saxon Genealogical Regnal List (Árbore Xenealóxica dos reis de Wessex). A crónica foi escrita a finais do século IX, probabelmente na corte de Alfredo o Grande, e nela incluíronse pequenas xenealoxías dos reis de Wessex. En ocasións, a crónica móstrase inconsistente ao longo da información que ofrece sobre os reis[4]. As incoherencias veñen motivadas en boa medida polos esforzos de crónicas posteriores en demostrar que cada rei da lista descendía de Cerdic, o fundador, segundo a Crónica, da liña sucesoria de Wessex[5].

O predecesor de Ine no trono de Wessex foi Caedwalla, pero hai algunhas incertezas ao redor da sucesión entre Caedwalla e Ine. Caedwalla abdicou en 688 e marchouse a Roma para ser bautizado. Segundo a West Saxon Genealogical Regnal List, Ine reinou durante 37 anos, abdicando en 726. Estes datos implican que non reinou até 689, o que suporía un breve período entre un e outro monarca sobre o que non hai datos. É posíbel que Ine gobernase xunto ao seu pai, Cenred, durante un período: hai poucas evidencias de reinados conxuntos, e probas máis fortes de "subreis" reinando baixo un gobernante dominante en Wessex pouco tempo antes deste período[6]. Ademais, Ine recoñece a axuda do seu pai no seu código lexislativo, e tamén hai rexistrada unha concesión de terra que indica que Cenred seguía reinando en Wessex despois da ascensión ao trono de Ine[7][8][9].

Reinado[editar | editar a fonte]

Os reinos de Gran Bretaña a finais do século VII.

A extensión de Wessex ao comezo do reinado de Ine é bastante ben coñecida. O alto val do Río Támesis, en ambas as beiras, pertencía desde tempo atrás aos Gewisse, aínda que Caedwalla perdera os territorios do norte do río antes da ascensión de Ine, que foron parar ao Reino de Mercia. Ao oeste, sábese que Ceawlin chegara á Canle de Bristol cen anos antes[10]. Ademais, o reino expandiuse cara ao suroeste da península, facendo retroceder as fronteiras do reino británico de Dumnonia, que aproximadamente equivale ás modernas Devon e Cornualles[11]. Cara ao leste, os límites marcábaos o Reino de Essex, que incluía Londres e a actual Surrey. Doutra banda, no sueste (incluíndo a Illa de Wight), atopábase o Reino de Sussex, e máis aló de Sussex o Reino de Kent[12]. O predecesor de Ine, Caedwalla, apoderouse de boa parte dos reinos do sur, aínda que non fora capaz de previr as incursións do reino de Mercia na zona superior do Río Támesis[11][13].

Durante o seu reinado, Ine conseguiu manter o control sobre a Illa de Wight, e fixo mesmo algúns avances cara a Domnonia, pero a maioría das apropiacións de Caedwalla en Sussex, Surrey e Kent foron perdidas, e tras a abdicación de Ine xa non formaban parte do reino[11].

Kent, Essex, Sussex e Surrey[editar | editar a fonte]

Ine conseguiu a paz co Reino de Kent en 694, cando o seu rei Wihtred lle deu unha ampla suma de diñeiro pola morte do irmán de Caedwalla, Mul, que foi asasinado durante unha revolta en 687. A cantidade concreta deste pago é incerta. Algúns manuscritos da Crónica anglosaxoa sinalan "trinta mil", xenericamente, e outros falan de "trinta mil libras". Se as devanditas "libras" son equivalentes ás sceattas, a suma sería igual ao pago do wergeld dun rei[14][15].

Ine mantivo Sussex, que foi conquistado por Caedwalla en 686, subxugado por un período[15]. O rei Nothhelm de Sussex refírese a Ine, nunha carta de 692, como un parente (quizais por algún matrimonio)[8][16]. Sussex aínda estaba baixo o dominio de Wessex en 710, cando Nothhelm participou nunha campaña xunto a Ine en Domnonia[11].

O control de Surrey, que nunca foi un reino independente, pertenceu a Kent, Mercia, Essex e Wessex nos anos anteriores ao reinado de Ine. Essex incluíuna en Londres, e a diocese de Londres incluía Surrey; isto parece que foi fonte de conflito entre Ine, Mercia e Essex, ata que a provincia foi transferida á diocese de Winchester en 705[17]. O control de Ine sobre Surrey, nos primeiros momentos do seu reinado, vén dado pola introdución do seu código lexislativo, na cal Ine fala de Eorcenwald, bispo de Londres, como "o meu bispo"[11][18].

As subseguintes relacións de Ine con Essex veñen dadas por unha carta, datada entre 704 e 705, entre Wealdhere, bispo de Londres, e Brihtwold, arcebispo de Canterbury. Nela hai referencias a "disputas e desacordos" entre os reis de Wessex e os "do seu país". A principal causa das disputas anteriormente mencionadas parece ser o auspicio de exiliados de Wessex en Essex, por parte dos reis Sigeheard e Swaefred. De feito, Ine propuxo a paz a Essex coa condición de que os exiliados fosen expulsados. Proxectouse un concilio en Brentford para pór fin ás disputas[16][19]. Neste punto, Surrey deixa claramente de ser posesión de Wessex[16].

Beda o Venerable lembra que Sussex foi sometida durante "moitos anos", pero en 722 un exiliado chamado Ealdberth fuxiu a Surrey e Sussex, por mor do cal Ine volveu invadilos[20]. Tres anos máis tarde Ine invadiu de novo ambos os lugares, conseguindo matar esta vez ao devandito Ealdberth. Con todo, xa é máis que evidente que Sussex xa non estaba baixo dominio de Wessex desde un tempo antes[1][11]. Algúns autores suxiren que Ealdberth foi fillo de Ine, ou fillo do seu irmán Ingild[21].

Dumnonia e Mercia[editar | editar a fonte]

En 710, Ine e Nothhelmd loitaron contra Geraint de Dumnonia, segundo indica a Crónica anglosaxoa[1]. O cronista Xoán de Worcester sinalaría séculos despois que Geraint foi asasinado na devandita batalla[22]. O avance de Ine supuxo tomar o control de Devon, deixando as fronteiras de Domnonia no río Tamar[16]. Os Annales Cambriae, unha crónica do século X, sinala que en 722 tiveron que defenderse en Hehil dos seus inimigos; os devanditos "inimigos" poden ser Ine e os seus homes, aínda que a localidade de Hehil non se deu localizado[23]. Algúns historiadores sinalan que pode ser tanto Cornualles como Devon[11][24].

Ine tamén mantivo un enfrontamento co reino de Mercia, baixo o reinado de Ceolred, en Woden's Barrow en 715, cuxo resultado se descoñece. Wonden's Barrow é un túmulo, actualmente coñecido como Adam's Grave, en Wiltshire[25]. Ine non foi quen de recuperar ningunha das posesións ao norte do Río Támesis que foran perdidas polos reis de Wessex que o precederon, pero si se sabe que controlou a zona sur do río. De feito, unha carta do ano 687 sinala que Ine concedeu terras para construír unha igrexa en Streatley, e outra en Basildon[11][26].

Outros conflitos[editar | editar a fonte]

En 722 parece que houbo disputas no seo da propia familia real de Wessex. De feito, a Crónica anglosaxoa sinala que a muller de Ine, Aethelburg, destruíu Taunton, que o seu marido construíra a comezos do seu reinado[1].

Política interior[editar | editar a fonte]

Mapa de Wessex nunha novela de Thomas Hardy.

As primeiras referencias ao cargo de ealdorman —unha sorte de maxistrado supremo— de Wessex, e dos condados sobre os que exerce a súa influencia, prodúcense baixo o reinado de Ine. Ao parecer, o monarca dividiu Wessex no que, salvando algunhas variacións, na actualidade son os condados de Hampshire, Wiltshire, Somerset, Devon e Dorset, aínda que nun primeiro momento só influíse ás zonas fronteirizas[15]. Isto tamén pode suxerir que cada condado fose concibido como unha división do reino para membros da familia real[6].

Ao redor de 710, a mediados do reinado de Ine, creouse o asentamento comercial de Hamwic, nalgún lugar aínda non concreto da zona oeste do río Itchen, no que hoxe é Southampton. Entre os produtos que no seu porto se compraban e vendían, había artigos de cristal, e acháronse algúns restos de animais que poden suxerir o comercio de peles. Tamén poderían haberse vendido pedras preciosas e cerámica. En calquera caso, é evidente que se trata de produtos de certo luxo, cousa que se referenda coa aparición de xoias e obxectos de metal. Non se sabe con exactitude se Ine tiña intereses concretos en Hamwic, pero boa parte das mercadorías das que era consumidor, incluíndo os produtos de luxo, eran importados aquí, e ditas mercadorías probabelmente necesitaría protección real polo seu valor.

A poboación total de Hamwic estímase ao redor de 5.000, e isto a priori podería ser indicativo da influencia de Ine, xa que non é moi probábel que en tan pouco tempo un grupo humano se desenvolva tan rapidamente sen ningún tipo de influencia estatal[27][28].

O crecemento do comercio en torno ao ano 700 é paralelo á implantación na zona das sceattas, a moeda típica do momento nesa zona até o val do Támesis[16]. Trátase da primeira moeda acuñada por Wessex, algo ocorrido durante o reinado de Ine, a pesar de que non se conserven pezas co nome do monarca cuñado[15].

Código lexislativo[editar | editar a fonte]

Páxina inicial do Corpus Christi College Cambridge MS 173, a "Crónica de Peterborough", que contén a copia máis antiga que se conserva do código lexislativo de Ine.

O código lexislativo anglosaxón máis antigo que se coñece foi o que promulgou Aethelberht de Kent, entre 602 e 603, cuxo reinado terminou en 616[29]. Entre os anos 670 e 680, foi publicado outro código, esta vez por parte de Hlothhere de Kent e Eadric de Kent. Os seguintes en facer un código legal foron Wihtred de Kent e o propio Ine[30].

A data exacta das leis de Wihtred e de Ine son incertas, pero hai evidencias para crer que o primeiro promulgou as súas leis o 6 de setembro de 695, mentres que as leis de Ine serían escritas en 694 ou quizis un pouco antes[11][31]. En calquera caso, ambas se producen nun contexto de recente pacificación, tras a xa mencionada compensación do primeiro ao segundo monarca pola morte de Mul. Hai evidencias de que ambos colaboraron para producir os seus códigos lexislativos, o cal tamén se sostén se se ten en conta tanto a coincidencia no tempo como que hai unha cláusula idéntica en ámbos códigos. Outro signo da colaboración entre ambos os monarcas é que no código legal de Wihtred se usa o termo gesith, referido en Wessex para designar aos nobres —cando no Reino de Kent se empregaba o termo eorlcund—. É posíbel que tanto Wihtred como Ine desenvolvesen os seus códigos lexislativos como símbolo de prestixio, de cara a restablecer a autoridade de ambos tras unha serie de períodos violentos[16].

As leis de Ine conserváronse grazas a que Alfredo o Grande as engadiu ao seu propio código legal[32]. O manuscrito máis antigo que se conservou, que á vez é a única copia completa, é o Corpus Christi College, Cambridge MS 173, que contén tanto as leis de Ine como as de Alfredo, así como a copia máis antiga da Crónica anglosaxoa.

Hai outros dous fragmentos do texto que tamén se conservan. Un foi unha copia completa orixinal do código de Ine, que formaba parte do British Library MS Cotton Otho B xi, pero que foi destruído en 1731 tras un incendio e só se conservaron entre os capítulos 66 e o 76.2. Outro fragmento das leis de Ine pode ser atopado no British Museum MS Burney 277.[30]

É posíbel que os documentos que hoxe se conservan non sexan tal e como eran no século VII. De feito, Alfredo o Grande menciona no prólogo das súas leis que fixo algunhas modificacións, rexeitando algunhas leis coas que non estaba de acordo. Con todo, non dixo especificamente que leis omitira, pero se no seu momento non foron relevantes dáse por feito que é case imposíbel que se conservasen doutra maneira[30].

O prólogo das leis de Ine cita aos seus conselleiros. Menciónanse a tres: os bispos Eorcenwald e Haedde, e o propio pai de Ine, o rei Cenred. Ine foi un rei de corte cristián, e como tal tentou protexer e potenciar ao Cristianismo nas súas leis. O bautismo e algunhas prácticas relixiosas quedan así recollidas neste código[30]. Préstase especial interese a algúns dereitos civís, máis que no contemporáneo código lexislativo de Kent[33].

Unha das leis estatais fala dos bens comunais, os cales debían ser cercados por varios ceorls (o termo para designar aos homes libres saxóns). Algúns ceorls que non puideron cercar os seus terreos, e que posteriormente as súas cabezas de gando causaron danos aos seus veciños, foron obrigados a custear os danos causados. O que queda claro é que a tenza de terras está reservada á xente de clase alta, e que as relacións entre o devandito sector da poboación e o rei, así como a tenza de terra daqueles, queda regulada polo propio monarca[34].

As leis son as máis temperás evidencias dun sistema de campos abertos. Nelas indícase que a agricultura foi de importancia capital para a economía de Wessex, e hai evidencias de que o método agrícola era similar ao usado en Lindsey ou Deira. Non todo Wessex usou ese sistema, como Devon, por exemplo.

Esta lei supón a primeira mención histórica á iarda. Unha iarda era unha unidade de terra equivalente ao cuarto dun hide —un hide equivale a entre 6 e 12 hectáreas—. Neste sentido, a iarda converteríase no futuro na cantidade estándar de tenza de terra en época medieval. De feito, hai historiadores que queren ver nas leis de Ine a orixe da economía señorial[34].

No código legal establécese a cantidade pola que un nobre podía eludir o servizo militar, fixada en 120 xilins, e a metade para un ceorl, o cal, de facto, certifica que os ceorls estaban chamados a cumprir o servizo militar[32]. Os eruditos do momento non estaban de acordo con este sistema, algo que tampouco é sorprendente, xa que moitos homes libres eran remisos a loitar xa que unha derrota adoitaba supor acabar como un escravo[35].

Outra lei específica era que alguén acusado dun crime, para ser condenado, requiría polo menos coa testifical na súa contra dunha persoa de alto rango. Isto implica que no código lexislativo de Ine se establecía que o xuramento dun campesiño, ou de varios, non era suficiente nun xuízo. Isto é representativo, pois supón cambios respecto dos costumes anteriores[36].

As leis tamén exercían unha separación entre ingleses e británicos. As evidencias dunha incorrecta integración entre ambas as poboacións queda reflectida na toponimia da zona, e mesmo na arqueoloxía, que indica algunhas diferenzas entre os xermanos recentemente chegados e os xa asentados[13].

Cristianismo[editar | editar a fonte]

Ine foi cristián, e durante todo o seu mandato exerceu como protector dos intereses da igrexa. A introdución ao seu código legal cita aos seus conselleiros, entre os que se atopan Eorcenwald, bispo de Londres, e Haedde, bispo de Winchester. Ademais, asegura que as leis foron feitas co consello e a instrución de "serventes de Deus"[18][37]. As leis, á súa vez, demostran as conviccións cristiás de Ine, aínda que o feito de que se expoñan cousas como unha multa por non bautizar aos nenos recentemente nados ou a imposición do décimo implican que ditas prácticas cristiás non estaban moi arraigadas entre a poboación[15].

Ine apoiou á Igrexa con todo tipo de accións, especialmente coa creación da Diocese de Sherborne, que foi dividida da Diocese de Winchester en 705[15]. Ine opúxose á devandita división, ignorando as ameazas de excomungalo que lle chegaron desde Canterbury, pero tras a morte do bispo Haedde mostrouse partidario da mesma[16].

O primeiro convento de monxas de Wessex, o convento de Wimborne, foi fundado por Bugga, que era filla de Centwine, e Cuthburh, irmá do propio Ine, tras separarse esta última do rei Aldfrith de Northumbria[15][28]. A Crónica anglosaxoa sinala que o propio Ine construíu un mosteiro en Glastonbury, aínda que iso débese referir á edificación dun edificio adicional -ou unha sorte de reconstrución- ao mosteiro que xa existía en dita localidade[38].

Ine en principio é considerado como un dos principais apoios para establecer unha igrexa organizada en Wessex, aínda que non está claro se a iniciativa partiu en orixe ou directamente del. Ademais, tamén está relacionado co sínodo de Wessex, presidido por el mesmo[39].

Abdicación e sucesión[editar | editar a fonte]

En 726 Ine abdicou sen ter un herdeiro claro. Segundo sinala Beda o Venerable, a súa idea era deixar o reino en mans de "homes novos", e viaxar a Roma, lugar no que morrería, tal e como fixo o seu predecesor, Caedwalla. A dita viaxe a Roma puido ser exposta como unha especie de acto para ter máis oportunidades de ser ben recibido no paraíso, e segundo sinala Beda o Venerable moita xente acudiu a Roma con tal obxectivo: "...tanto nobres como plebeos, xograres e clero, homes e mulleres."[3] Tanto Ine como Offa de Mercia foron tradicionalmente considerados como os fundadores da Schola Saxonum, no que actualmente é o rione romano de Borgo. A Schola Saxonum toma o seu nome das milicias de saxóns que serviron en Roma, que esporadicamente fixeron as veces de "guías" da cidade aos visitantes saxóns[40].

O sucesor de Ine foi Aethelheard, e non se sabe cal era a súa relación exacta con Ine. Algunhas fontes posteriores sinalan que Aethelheard puido ser o cuñado de Ine. A sucesión ao trono foille disputada por un tal Oswald, e isto puido ser a causa de que o reino de Mercia apoiase a Aethelheard. Ao parecer, posteriormente este mantivo boas relacións con Aethelheard de Mercia[1][41].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Swanton, Anglo-Saxon Chronicle, pp. 42–43.
  2. Kirby, Earliest English Kings, p. 143.
  3. 3,0 3,1 Beda, Ecclesiastical History, citado da tradución de Leo Sherley-Price, p. 276.
  4. Para unha análise crítica da crónica e da lista real, consultar Yorke, Kings and Kingdoms, pp. 128–129.
  5. Yorke, Kings and Kingdoms, pp. 142–143.
  6. 6,0 6,1 Yorke, Kings and Kingdoms, p.145–146
  7. Kirby, Earliest English Kings, p. 122.
  8. 8,0 8,1 "S 1164" (en inglés). Anglo-Saxons.net. Consultado o 4 de xullo de 2007. 
  9. Kirby, Earliest English Kings, p. 120.
  10. Stenton, Anglo-Saxon England, p. 29.
  11. 11,0 11,1 11,2 11,3 11,4 11,5 11,6 11,7 11,8 Stenton, Anglo-Saxon England, pp. 72–73.
  12. Blair, Roman Britain, p. 209.
  13. 13,0 13,1 Yorke, Kings and Kingdoms, pp. 137–138.
  14. Swanton, Anglo-Saxon Chronicle, 40–41, nota 3.
  15. 15,0 15,1 15,2 15,3 15,4 15,5 15,6 Lapidge, Michael (ed.
  16. 16,0 16,1 16,2 16,3 16,4 16,5 16,6 Kirby, Earliest English Kings, p. 125–126.
  17. Yorke, Kings and Kingdoms, p. 49.
  18. 18,0 18,1 Ver Eorcenwald, dentro de "Events" e "Law-Making", en "Prosopography of Anglo-Saxon England". Consultado o 17 de xullo de 2007. 
  19. Unha tradución da carta de Wealdhere pódese atopar en Whitelock, English Historical Documents, p. 729.
  20. Bede, Ecclesiastical History, cita en la traducción de Leo Sherley-Price, p. 230.
  21. Kirby, Earliest English Kings, p. 131 & nota 75.
  22. Xoán de Worcester foi un cronista que tivo acceso a versións da Crónica anglosaxoa que non chegaron ao presente.
  23. Higham, King Arthur, p. 170.
  24. Todd & Fleming, The Southwest, p. 273.
  25. Swanton, Anglo-Saxon Chronicle, p. 14.
  26. "Anglo-Saxons.net: S 239". Consultado o 19 de xullo de 2007. 
  27. Campbell (ed.
  28. 28,0 28,1 Yorke, Kings and Kingdoms, pp. 139–140.
  29. Whitelock, English Historical Documents, p. 357.
  30. 30,0 30,1 30,2 30,3 Whitelock, English Historical Documents, pp. 327–337.
  31. Whitelock, English Historical Documents, p. 361.
  32. 32,0 32,1 Whitelock, English Historical Documents, pp. 364–372.
  33. Kirby, Earliest English Kings, p. 124.
  34. 34,0 34,1 Stenton, Anglo-Saxon England, pp. 312–314.
  35. Stenton, Anglo-Saxon England, p. 290.
  36. Stenton, Anglo-Saxon England, pp. 316–317.
  37. Kirby, Earliest English Kings, p. 2.
  38. Swanton, Anglo-Saxon Chronicle, p. 40, note 1.
  39. Stenton, Anglo-Saxon England, p. 71.
  40. Keynes & Lapidge, Alfred the Great, p. 244.
  41. Kirby, Earliest English Kings, p. 131.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Beda o Venerable (1991). Ecclesiastical History of the English People. Traducido por Leo Sherley-Price, revisado por R.E. Latham, ed. D.H. Farmer. Londres: Penguin. ISBN 0-14-044565-X.  (1991). Beda o Venerable (1991). Ecclesiastical History of the English People. Traducido por Leo Sherley-Price, revisado por R.E. Latham, ed. D.H. Farmer. Londres: Penguin. ISBN 0-14-044565-X. 
  • Swanton, Michael (1996). Swanton, Michael (1996). The Anglo-Saxon Chronicle. Nueva York: Routledge. ISBN 0-415-92129-5. 
  • Cartas de Ine en Anglo-Saxons.net
  • Campbell, James; Eric John & Patrick Wormald (1991). Campbell, James; John, Eric; Wormald, Patrick (1991). The Anglo-Saxons. Londres: Penguin Books. ISBN 0-14-014395-5. 
  • Forester, Thomas (1854). Forester, Thomas (1854). The Chronicle of Florence of Worcester. Londres: Henry G. Bohn. OCLC 59447738. 
  • Higham, Nicholas J. (2002). Higham, Nicholas J. (2002). King Arthur:Myth-making and History. Londres: Routledge. ISBN 0-415-21305-3. 
  • Hunter Blair, Peter (1966). Hunter Blair, Peter (1966). Roman Britain and Early England: 55 B.C. - A.D. 871. W.W. Norton & Company. ISBN 0-393-00361-2. 
  • Keynes, Simon; Michael Lapidge (2004). Keynes, Simon; Lapidge, Michael (2004). Alfred the Great: Asser's Life of King Alfred and other contemporary sources. Penguin Classics. ISBN 0-140-44409-2. 
  • Kirby, D.P. (1992). Kirby, D.P. (1992). The Earliest English Kings. Londres: Routledge. ISBN 0-415-09086-5. 
  • Lapidge, Michael (1999). Lapidge, Michael (1999). The Blackwell Encyclopedia of Anglo-Saxon England. Oxford: Blackwell Publishing. ISBN 0-631-22492-0. 
  • Stenton, Frank M. (1971). Stenton, Frank M. (1971). Anglo-Saxon England. Oxford: Clarendon Press. ISBN 0-19-821716-1. 
  • Todd, Malcolm; Andrew Fleming (1987). Todd, Malcolm; Fleming, Andrew (1987). The South West to AD 1000. Londres: Longman. ISBN 0584492734. 
  • Whitelock, Dorothy (1968). Whitelock, Dorothy (1968). English Historical Documents v.l. c.500–1042. Londres: Eyre & Spottiswoode. 
  • Yorke, Barbara (1990). Yorke, Barbara (1990). Kings and Kingdoms of Early Anglo-Saxon England. Londres: Seaby. ISBN 1-85264-027-8.