Beorhtric de Wessex

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Beorhtric (ou Brihtric), foi rei de Wessex desde 786 a 802.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

En 786, o rei Cynewulf de Wessex, foi asasinado polo nobre exiliado Cyneheard, irmán do anterior rei Sigeberht. Beorhtric foi apoiado para converterse en rei por Offa, rei dos mercios contra o seu adversario Ecgberht. Non está claro porqué Offa interveu en favor de Beorthric, aínda que parece estar claro que as súas intencións eran intervir na política dos saxóns occidentais, e conservar na monarquía a ascendencia mercia. Tamén se di que Ecgberht era descendente da dinastía de Kent (Quentium) quen se rebelou contra Offa e venceuno na batalla de Otford.

Beorhtric converteuse nun monarca manexado politicamente por Offa. En 787, presidiu o sínodo de Chelsea conxuntamente con Offa, e en 789 casou cunha das fillas de Offa, Eadburh. As terras de ninguén entre Wessex e Mercia foron administradas polo rei mercio. Wessex unificou a súa moeda coa de Mercia como se desprende de recentes descubrimentos arqueolóxicos atopados en Upper Thames e Wareham.

Durante o reinado de Beorhtric tiveron lugar as primeiras incursións viquingas sobre chan británico. En 789, os nórdicos desembarcaron na costa de Dorset, preto da illa de Portland onde asasinaron os pastores que estaban na zona.

Despois da morte de Offa en 796, o poder do reino de Mercia sobre o resto da illa foi debilitándose, e Beorhtric fíxose forte no seu reino de Wessex. a moeda da época volveu mostrar a imaxe de Beotrhtric. Consérvase unha delas atopada no século XIX en Andover.

Segundo unha crónica dun escolástico do Tribunal de San Alfredo o Grande chamado Asser, Beorhtric foi envelenado pola súa esposa Eadburh ao parecer de maneira accidental. A raíña foi enviada a Francia, onde ingresou nun convento como monxa. Uns anos despois ao ser sorprendida cun home foi expulsada, aínda que se discute que isto último sexa historicamente verídico.