O Eurocopter AS532 Cougar (no presente Airbus Helicopters H215M) é un helicóptero militar multipropósito medio de dous motores desenvolvido por Francia. O AS532 é un desenvolvemento e mellora do Aérospatiale SA 330 Puma na súa forma militarizada. O seu equivalente civil é o Eurocopter AS332 Super Puma. O AS532 foi desenvolvido posteriormente como o Eurocopter EC725.
O AS332 Super Puma, deseñado como unha versión máis grande para substituír o SA 330 Puma, voou por vez primeira en setembro de 1977. Foi equipado con dous motores turboeixo de 1 330kW Turbomeca Makila 1A1, palas do rotor de materiais compostos, e un tren de aterraxe e unha cola modificados.
En 1990 a designación de todos os Super Puma militares cambiou de AS 332 a AS 532 Cougar para facer unha distinción entre as variantes civís e militares do helicóptero.
Canadá considerou mercar o Cougar para substituír os seus CH-113 Labrador, pero finalmente optou por mercar o CH-149 Cormorant. En 2012 Francia iniciou un proxecto de 288,8 millóns de euros para actualizar 23 Cougar do Exército e 3 da Forza Aérea para abordar os problemas de obsolescencia e equipar con aviónicas semellantes aos seus helicópteros EC225 e EC725.[1]
O AS 532 UL/AL é a versión longa da familia Cougar e está impulsada por dous motores turboeixoTurbomeca Makila 1A1. Leva 2 tripulantes e ata 29 soldados ou 6 feridos en padiolas xunto con 10 pasaxeiros máis. Ao igual que as outras versións do Cougar, o AS 532 UL/AL pode levantar 4,5 toneladas mediante unha eslinga. O sistema de vixilancia do campo de batalla Horizon pode instalarse no AS 532 UL (utility version). O AS 532 AL (armed version) tamén pode equiparse con varias armas, como canóns de 20 mm, foguetes de 68 mm ou metralladoras.[2]
AS532 SC
O AS 532SC é a versión naval da familia Cougar e está impulsado por dous motores Turbomeca Makila 1A1. Esta versión é usada principalmente para unidades de guerra anti-superficie equipada con mísiles AM 39 Exocet, guerra anti-submarina con sónar de profundidade e torpedos, busca e rescate, e patrulla marítima.[2]
AS535
Versión de busca e rescate de combate do exército francés.