Eurocopter AS565 Panther

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Eurocopter AS565 Panther
Helicóptero Pantera HM-1 (cropped).jpg
helicóptero utilitario medio militar
FabricanteAérospatiale, Eurocopter, Airbus Helicopters
Primeiro voo29 de febreiro de 1984
Produción1984-presente

O Eurocopter AS565 Panther (no presente Airbus Helicopters) é a versión militar do helicóptero medio multipropósito bimotor Eurocopter AS365 Dauphin. O Panther é usado para unha ampla gama de roles militares, como asalto, apoio de fogo, guerra antisubmarina e antisuperficie, busca e rescate e evacuación médica.

Desenvolvemento[editar | editar a fonte]

Durante os anos 80 a firma francesa Aérospatiale decidiu desenvolver unha versión militar do seu popular Eurocopter AS365 Dauphin. A variante civil SA365 N do Dauphin foi usada como punto de partida para o proxecto; o novo helicóptero foi deseñado para realizar operacións utilitarias, anti-carro, de transporte de tropas e marítimas.[1][2] O 28 de febreiro de 1984 o prototipo da variante militar, designado AS365M e posteriormente chamado Panther, realizou o seu primeiro voo.[3] Construíronse un total de tres prototipos.[2]

En maio de 1986 Aérospatiale lanzou formalmente a fabricación do AS365M, anticipando nese momento que se venderían uns 400 Panther a longo prazo.[2] O modelo de produción inicial, que inicialmente foi designado como AS365 K, pasou a chamarse ao pouco tempo no amplamente coñecido AS565 Panther.[1] Os primeiros modelos estaban impulsados por dous motores turboeixo Turbomeca Arriel 1M1; en 1995 Eurocopter comezou a ofrecer versións do Panther máis potentes que usaban o novo motor Turbomeca Arriel 2C.[4]

En febreiro de 2016 Airbus Helicopters prometeu trasladar a liña de produción do AS565 Panther á India se era seleccionado pola Armada india como helicóptero utilitario.[5][6] En abril de 2016 anunciouse que o ritmo de fabricación do AS565 Panther aumentaría substancialmente tras un cambio dunha liña de produción estática a unha fluída, ademais de reducirse nun 30% o tempo de entrega dos compoñentes.[7]

Deseño[editar | editar a fonte]

O AS565 Panther é un helicóptero multimisión de tamaño medio bimotor. É capaz de realizar varias misións navais e terrestres, como seguridade marítima, busca e rescate (SAR), evacuación de baixas (CASEVAC), reaprovisionamente vertical, vixilancia, operacións de forzas especiais, guerra antisubmariba (ASW) e guerra antisuperficie (ASuW).[8][9] O Panther está impulsado por dous motores turboeixo Turbomeca Arriel, que moven o rotor principal do aparello e un dispositivo fenestron no rotor de cola.[8][10] O perfil de voo do Panther foi descrito como doado de manobrar, posuíndo xenerosas limitacións de forza g e cun alto nivel de estabilidade.[11]

Na configuración de transporte de comandos, o Panther pode levar ata 10 soldados totalmente equipados ademais dos dous pilotos.[12] A cabina principal pode reconfigurarse rapidamente para realizar varios roles, como misións de transporte de tropas, SAR e MEDIVAC; entre o equipamento adicional está un equipo médico completo, cámara infravermella do vista frontal, flotadores de emerxencia, altofalantes, elevador de velocidade variable, eslinga de carga, reflector e estrutura de soporte para padiolas.[9]

Variantes[editar | editar a fonte]

AS565 da Marina mexicana

SA 365M Panther

Prototipo da variante militar. Voou por vez primeira o 29 de febreiro de 1984.[3]

SA 365 FK

Designación orixinal do SA 365 K.

SA 365 K

A primeira versión do Panther, baseada no AS365 N2. Ofrécese con varios tipos de armamento, como un canón Giat M621 de 20 mm, foguetes de 2,75 polgadas Forges de Zeebrugge ou foguetes de 68 mm Thales Brandt.

AS565 UA

Variante utilitaria militar desarmada para recoñecemento, transporte e busca e rescate. Pode usar motores Arriel 1M1 ou 2C.[3]
SA 365 F da Armada francesa

AS565 UB

Versión utilitaria do AS365 N3, no presente en fabricación. Está impulsada por dous turboeixos Turbomeca Arriel 2C, que están equipados con control de motor electrónico con autoridade total (FADEC). As principais misións deste helicóptero son o transporte de 8-10 soldados totalmente equipados, evacuación de baixas e apoio loxístico.

AS565 AA

Variante armada para o campo de batalla, pode equiparse con armas aire-aire como canósn de 20 mm, foguetes ou ata oito mísiles Mistral. Poder usar tanto motores Arriel 1M1 como 2C.[3]

AS565 AB

Versión de ataque do AS365 N3.

AS565 MA

Variante naval multipropósito desarmada para patrulla marítima, busca e rescate ou vixilancia. Pode equiparse tanto con motores Arriel 1M1 como con 2C.[3]

AS565 MB

Versión de transporte marítimo e de busca e rescate do AS365 N3.[4] ofrecida con varios tipos de armamento, como un conón de 20 mm montado na cabina, mísiles anti-buque AS 15 TT, e torpedos Mark 46 e Whitehead A.244/S.
Harbin Z-9 chinés

AS565 SA

Variante naval multipropósito armada para guerra antisubmarina usando tanto sónar ou detector de anomalías magnéticas, busca e rescate e vixilancia. Pode equiparse tanto con motores Arriel 1M1 como con 2C.[3]

AS565 SB

Versión de vixilancia e de guerra antisuperficie do AS365 N3.[4]

AS565 CA

Variante militar antiblindaxe cunha mira montada no teito e mísiles HOT. Pode equiparse tanto con motores Arriel 1M1 como con 2C.[3]

AS565 N3

Versión de patrulla marítima e vixilancia do AS365 N3 para a Garda Costeira grega.

AS565 SC

Versión de busca e rescate para Arabia Saudita.

AS565 MBe

MB mellorado con máis carga, rotor principal e cola plegables, motores Arriel 2N e nova aviónica. Inicialmente para a Mariña mexicana.

HM-1 Pantera

Baseado no AS565 AA, fabricada pola subsidiaria de Airbus Helicopters Helibras para o Exército brasileiro.

Panther 800

Versión ofrecida para o programa Light Utility Helicopter do Exército dos Estados Unidos como substituto para o UH-1 Huey, con dous motores LHTEC T800. Só para probas de voo.

Harbin Z-9

O Harbin Z-9 e as súas variantes son fabricados baixo licenza por Harbin Aircraft Manufacturing Corporation para o Exército Popular de Liberación.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 McGowen 2005, p. 163
  2. 2,0 2,1 2,2 "Aerospatiale unleashes Panther.". Flight International. Consultado o 3 de novembro de 2018. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 Taylor 1996, pp. 368-370
  4. 4,0 4,1 4,2 "More power for Naval Panther". Flight International. Consultado o 3 de novembro de 2018. 
  5. "Airbus Helicopters targets Asian sales expansion". FlightGlobal. Consultado o 3 de novembro de 2018. 
  6. "Airbus plans global hub in India for Panther copters". Live Mint. Consultado o 3 de novembro de 2018. 
  7. "Airbus Helicopters advances Panther MBe deliveries". FlightGlobal. Consultado o 3 de novembro de 2018. 
  8. 8,0 8,1 "AS565 MBe" (PDF). Airbus Helicopters. Consultado o 11 de novembro de 2018. 
  9. 9,0 9,1 "AS565MB" (PDF). Helibras. Consultado o 11 de novembro de 2018. 
  10. Northham 1987, p. 31
  11. Northham 1987, pp. 31-32
  12. Northham 1987, p. 30

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • McGowen, Stanley S. "Helicopters: An Illustrated History of Their Impact." ABC-CLIO, 2005. ISBN 1-85109-468-7.
  • Northham, Hugh. "Panther prowl." Flight International, 8 de agosto de 1987. pp. 30–32.
  • Taylor, Michael J. H. (1996). Brassey's World Aircraft & Systems Directory. Londres: Brassey's. ISBN 1 85753 198 1.