Leonhart Fuchs
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 17 de xaneiro de 1501 Wemding (Sacro Imperio Romano Xermánico) |
Morte | 10 de maio de 1566 (65 anos) Tubinga (Sacro Imperio Romano Xermánico) |
Catedrático | |
1535 – | |
Datos persoais | |
Educación | Universidade de Ingolstadt (pt) - medicina (1521–1524) Universidade de Ingolstadt (pt) - filosofía (1519–1521) Universidade de Erfurt (pt) (1515–1516) |
Actividade | |
Campo de traballo | Botánica |
Lugar de traballo | Tubinga (1535–) |
Ocupación | médico, pteridólogo, botánico, profesor universitario |
Empregador | Universidade de Tubinga Universidade de Ingolstadt (pt) |
Obra | |
Abreviación dun autor en botánica | L.Fuchs |
Descrito pola fonte | Salmonsens Konversationsleksikon (en) , (vol:2. udgave, 1920) Allgemeine Deutsche Biographie Biblioteca dixital BEIC |
- Para outros significados véxase Fuchs.
Leonhart Fuchs, ás veces escrito Leonhard Fuchs,[1] nado en Wemding, preto de Nördlingen, no Ducado de Baviera, o 17 de xaneiro de 1501 e finado en Tubinga o 10 de maio de 1566, foi un médico e botánico alemán.
Con Hieronymus Bock (coñecido como Hieronymus Tragus ou, simplemente, Tragus), Otto Brunfels e Valerius Cordus, está considerado como un dos pais alemáns da botánica.
Considérase tamén como pioneiro da farmacognosia.
Fuchs foi o fundador do primeiro xardín botánico de Alemaña.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Fixo os seus primeiros estudos na escola de Heilbronn e na Marienschule de Erfurt Turinxia, graduándose aos 12 anos como Baccalaureus artium (Bacharel en artes). En 1524 xa é Magister Artium (Mestre en artes). De 1524 a 1526 practicou a medicina en Múnic, alcanzando o título de doutor en medicina en Ingolstadt, en 1524, instándose en Múnic.
Adherido ao protestantismo, dedicou a súa vida ao ensino. En 1526 obtén a cátedra de medicina en Ingolstadt, que ocupa durante tres anos até que foi nomeado médico do margrave Georges de Brandeburgo, en Ansbach. Debido á intolerancia relixiosa debe abandonar a cidade.
Ulrich, duque de Württemberg, chámao en 1535 a Tubinga para que participe na reforma da súa universidade (Universidade de Tubinga) no espírito do humanismo.
Nesta cidade permanece até a súa morte, en 1566.
A influencia dos autores antigos
[editar | editar a fonte]Fuchs estivo influído polos autores gregos e romanos, en particular por Dioscórides, Hipócrater e Galeno. Combateu a hexemonía da escola árabe de Medicina transmitida pola escola médica de Salerno e volve aos autores grecolatinos. Tamén valoraba a experiencia práctica e as plantas medicinais.
Pero nas súas obras interésase dobre todo pola flora alemá e describiu máis de 400 especies do seu país en De historia stirpium commentarii (Basilea, 1542),[2] das que unha trintena non teñen máis que un interese ornamental e non figuraban, por tanto, polas súas aplicacións, na farmacopea. As ilustracións (os debuxos son de Albert Meyer e os gravados de Veit Rudolph Speckle) son polo menos tan precisos que os de Brunfels. Serían reproducidas regularmente por autores posteriores.
No prefacio lamenta a ignorancia da botánica, mesmo entre os médicos. Pero non dubida en criticar tamén aos autores clásicos.
Na súa obra non intenta elaborar unha clasificación, e ordena as plantas seguindo unha orde alfabética. Utiliza, para a nomenclatura, un sistema binomial, pero sen sistematizalo como o faría posteriormente Carl von Linné. Así, en cada capítulo presenta un xénero e subdivídeo en varias partes que tratan sucesivamente dos diferentes nomes que se atribúen á planta, das diferentes especies que compoñen o xénero, das diferenzas morfolóxicas entre estas especies, dos medios onde se encontran, das diversas propiedades a elas atribuídas polos autores antigos e, finalmente, as funcións terapéuticas usadas na súa época.
A utilización do xénero e a especie
[editar | editar a fonte]Os criterios que utilizou Fuchs para delimitar as especies baseábanse non nos órganos de reprodución ou na frutificación, senón na aparencia xeral das flores, a súa cor, o seu olor, no tamaño das follas etc. Cómpre sinalar a importancia da parte consagrada á sinonimia. Esta vai aumentando gradualmente no curso do desenvolvemento da botánica, que marca o progreso desta ciencia, até tal punto que os herbarios que aparecen son máis ben obras de sinonimia máis que obras de botánica descritiva.
Obras principais
[editar | editar a fonte]- Errata recentiorum medicorum (Erros dos médicos recentes) (Hagenau, 1530), foi a súa primeira publicación onde defendía o uso dos simples (herbas medicinais) en lugar dos compostos nocivos con ingredientes arcanos da medicina medieval.
- De historia stirpium commentarii insignes (Comentarios notábeis da historia das plantas, Basilea, 1542). Nela, Fuchs trata de identificar as plantas descritas por autores clásicos, e outras novas, pero sen facer unha clasificación sistemática natural. Encóntranse neste libro os primeiros informes sobre o millo e os pementos picantes. A obra está baseada principalmente en Dioscórides, e conta con 512 ilustracións de plantas.[3]
- Eyn Newes hochnutzlichs Büchlin/und Anothomi eynes auffgethonen augs/auch seiner erklärung bewerten purgation/Pflaster/Tollirien/Sälblin pulvern unnd wassern/wie mans machen und brauchen sol (Libro novo de anatomía...), 1539.
- Alle Kranckheyt der Augen (Todas as enfermidades do ollo), 1539.
Honras
[editar | editar a fonte]Epónimo
[editar | editar a fonte]O misioneiro e botánico francés Charles Plumier, que estivo en Suramérica, dedicoulle o xénero Fuchsia, en 1703, descuberto na illa A Española (actuais Haití e República Dominicana) en 1696 ou 1697, xénero que comprende as plantas ornamentais hoxe coñecidas como fucsias.
Abreviatura
[editar | editar a fonte]A abreviatura L. Fuchs emprégase para indicar a Leonhart Fuchs como autoridade na descrición e clasificación científica dos vexetais.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Véxase, por exemplo:
von Sachs, Julius (1890): History of Botany (1530–1860) (Garnsey, Henry E. F. (tradutor). Oxford: Clarendon Press, páx. 13, e
Vines, Sydney Howard (1913): "Robert Morison 1620–1683 and John Ray 1627–1705" in Makers of British botany. Oliver, Francis Wall (ed.) Cambridge University Press, páx. 9. - ↑ Nesta flora describe tamén un milleiro de especies estranxeiras.
- ↑ Esta obra editouse en castelán en 1557 en Anveres co título Historia de yervas, y plantas / de Leonardo Fuchsio Aleman … con los nombres griegos, latinos y españoles. Traduzidos nuevamente en Español por Juan Jarava Medico y Philosopho con sus virtudes y propiedades, y uso de llas, y juntamente con sus figuras pintadas al vivo, Anvers: Por los herederos de Arnaldo Byrcman por J. Lacio, 1557.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Leonhart Fuchs |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Gardham, J. (2002): Leonhart Fuchs. De historia Stirpium Glasgow University Library. (en inglés)
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Historia de la Medicina. Leonhart Fuchs (en castelán)
- Obras de Fuchs Dixitalizadas polo SICD da Universidade de Estrasburgo (en alemán)
- University of Oklahoma Libraries. History of Science Collections. Online Galleries. Fuchas (en latín)