Eloi Caldeiro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Eloi Caldeiro
Eloi Caldeiro (AELG)-5.jpg
Nacemento23 de abril de 1955
 Sarria
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónescritor e músico
editar datos en Wikidata ]

Eloi Caldeiro Díaz, nado en Sarria o 23 de abril de 1955[1][2], é un músico, poeta, escritor e director de compañía discográfica galego, pioneiro na fusión da música galega con outros ritmos.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Estudou o Bacharelato na súa vila natal, que compaxinou cos estudos de música, actividade que desenvolveu dende moi novo. No ano 1970 comezou a tocar en grupos de música. No ano 1971 fixo a súa primeira incursión no teatro afeccionado. No 1972 dirixe a revista A Lareira onde pública os seus primeiros poemas. En 1974 dirixe o grupo de teatro afeccionado Val de Sarria representado a obra Barriga Verde do escritor Manuel María por todo o país. No ano 1974 percorreu o Camiño Francés para realizar un estudio-investigación sobre o Camiño de Santiago nas Terras de Sarria o cal foi galardoado no Certame Meiga e Trasgos como mellor traballo de investigación histórica do ano seguinte. En 1976 fundou o primeiro grupo de rock en galego, Tebras.

Estudou na Escola Universitaria de Profesores de EXB en Lugo, onde acadou a titulación de mestre na especialidade de ciencias humanas. Entre 1978 e 1980 foi directivo da Asociación Cultural Ergueitos de Sarria.

En 1980 logo da disolución do grupo de rock Tebras fundou o grupo de folk galego Brath, no que continua na actualidade. En 1985 acadou o primeiro premio Galicia de Xornalismo polo programa de radio Folk 7 que se emitía para toda Galiza na cadea de emisoras Ondas Galicia. En 1986 chegou á final deste mesmo premio co programa de cultura galega A Fábula da Terra. Dende 1985 a 1991 foi o director do Festival de música popular e folk Lugofolk, Alcontros de música popular. Este festival complementábase con conferencias de grandes persoeiros do mundo da música e da etnografía.

No ano 1987 logo de aprobar unha oposición a director de centros, comezou a traballar na Xunta de Galicia. En 1988 foi un dos coordinadores da grande exposición do Lugo Romano encargándose da sección audiovisual. Tamén neste ano fundou a compañía de música Sons Galiza, dedicada á gravación e edición discográfica e á edición de libros, nesta compañía editaron e editan discos moitos dos artistas máis representativos da música folk galega, entre eles Luar na lubre, Na Lúa, Uxía Senlle, María Manuela, Xocaloma, Saraibas e Brath. O catalogo actual[cando?] de Sons Galiza confórmano máis de 3.000 gravacións de música galega, sendo a editora que máis producións discográficas ten lanzado no país. Na edición bibliográfica conta no seu catálogo con autoras/es como: Xavier Rodríguez Barrio, María Xosé Queizán, Fiz Vergara Vilariño, Manuel Forcadela, Xesús Valcarcel, Xosé Lois García Fernández ou propio Caldeiro.

No ano 1992 contratouno a S.A. de Xestión do Plan Xacobeo para o deseño, realización e produción da programación cultural do Xacobeo; a través da empresa Sons Galiza prográmanse entre o ano 1992 e 1993 máis de 500 eventos entre concertos, recitais de poesía, grupos corais e grupos tradicionais, así como a contratación de artistas internacionais e a edición de máis de 10 CD's promocionais de música galega. De 1996 a 2006 desempeña as tarefas de xerente da cadea de tendas de música marca “Tipo” distribuíndo música nas súas tendas de Lugo, Santiago de Compostela e Ferrol.[Cómpre referencia]

En 1998 e co gallo da celebración dos dez anos de Sons Galiza creou o Certame “Galicia Sonsfolk” para a procura de novos valores da música folk galega. No ano 2002 e seguindo a mesma filosofía que no “Certame Galicia Sonsfolk” creou xunto coas Universidades galegas o “Certame Campusons” para grupos de rock e pop cantado en galego.[Cómpre referencia]

No ano 2003, deseñou e realizou a colección Son de Galicia, onde se inclúen 41 discos do máis representativo da música feita en Galicia e que se distribuíu por medio do xornal La Voz de Galicia acadando preto de 1 500 000 de copias vendidas en tres meses, circunstancia que fixo que en cerca de 40.000 fogares galegos teñan na actualidade unha historia en CD da música galega.[Cómpre referencia]

No ano 2005, deseña e dirixe O son e a Terra unha colección de dez libro-discos, sobre a cultura e o acervo histórico-artístico das comarcas galegas, libros nos que se inclúe a música de cada comarca en dúas versións. Esta colección distribúese co xornal La Voz de Galicia da que se editan cerca de 100.000 exemplares.[Cómpre referencia]

Dende o ano 2006 edita e dirixe a revista de cultura galega Nazón. A partir de 2007, comeza a produción e filmación da serie para TV Os Camiños de Santiago en Galicia, que inclúe a música tradicional de cada concello por onde pasa cada camiño. O traballo está a piques de rematar.[cando?]

Caldeiro ten editados máis de 15 discos de música galega, entre o grupo Brath e os que asina co seu propio nome, e que van dende o folk ao rock pasando polo bossanova ou o chill out. Compuxo música para filmes e series de televisión, ten tres libros de poemas editados e dous que pronto irán ao prelo. Colabora asiduamente en xornais e revistas, así como na radio. Participou durante anos no faladoiro político Despierta Galicia que se emite para toda Galiza neste programa de RadioVoz e foi tamén colaborador no programa da Cadena SER, A vivir que son dos días Galicia.

Acadou premios como o antes citado Galicia de Xornalismo, Meigas e Trasgos, O Facho de Poesía ou nomeamentos aos premios da Música da SGAE como mellor canción composta en galego no ano 2000.[Cómpre referencia] Foi fundador e presidente da Asociación de Compañías e Produtoras Discográficas Galegas (Agaphono). Colaborou en traballos de investigación: “Informe da Comunicación en Galicia, para o Consello da Cultura Galega que coordinou o escritor Manuel Rivas e a “Industria Cultural en Galicia, traballo colectivo a iniciativa da Universidade de Santiago de Compostela, sobre a industria cultural galega, dirixido polo catedrático da Facultade de Económicas de Santiago Alberte Meixide e que contou con Victor F.Freixanes, Presidente da Real Academia Galega, como coordinador.[Cómpre referencia]

Ademais ten ofrecido conferencias e charlas por toda Galiza e noutros lugares de España, como Madrid, Segovia, Murcia, Asturias, na Universidade Internacional Menéndez Pelayo, Universidade da Coruña, entre outras. Mesmo o ten feito en países como Arxentina no Centro Gallego de Buenos Aires e Brasil.

No apartado musical ten editado os seguintes álbums con Brath: Kalaikia, Viaxe Alén de Fisterra, Homenaxe a Celso Emilio Ferreiro (varios artistas) Lembranza da Auga, Néboa Infinda, Cinco (nomeado aos Premios da Música no ano 2000 pola “Academia de la Música”), Rodeira, O Latexo do Fogo, Bulevar Océano Vol 1, Intres e Codex e Enxebre. Como Eloi Caldeiro ten editado: Colorín (música para nenos/as con versos de Xosé María Álvarez Blázquez); A Terra e a Saudade, música para textos de Ramón Piñeiro; Eloi Caldeiro canta a María Mariño; XX Séculos de Noivado (B.S.O. dunha serie de 13 capítulos para TV); O Ladrón de Reliquias (B.S.O do filme do mesmo nome), Cantos de Nadal e EC “Estado de shock”.

Asemade, dirixiu os documentais “Palabra no tempo que comeza” (María Mariño), “Entre o Miño e o mar de Vigo” (Xosé María Álvarez Blázquez), “A Terra e a Saudade” (Ramón Piñeiro).

En 2012 dirixiu e presentou o programa musical “E-Música” na Televisión de Galicia. Durante os anos 2013, 2014 e 2015 dirixiu o programa para a TVG "Pobos con Música" nos anos 2016 e 2017 o reality show " Feirantes", tamén para a TVG.

Dende o ano 2014 dirixe o xornal dixital "Xornaldelugo.com" e a emisora LugoSiRadio.[Cómpre referencia]

Obra literaria[editar | editar a fonte]

Poesía[editar | editar a fonte]

  • Anacos de siléncio (1986), Sotelo Blanco.
  • O sul da auga (1992), Sons Galiza.
  • A lentura da auga.
  • Muller de auga.
  • Servizos informativos (2008), Atlantia.

Obras colectivas[editar | editar a fonte]

Premios literarios[editar | editar a fonte]

  • "Meigas e Trasgos de Investigación Histórica sobre o Camiño de Santiago" (1976).
  • 3º premio do Concurso Nacional de Poesía O Facho no 1980.
  • 1º Premio Galicia de Xornalismo" (Xunta de Galicia) (1985).

Obra musical[editar | editar a fonte]

  • "Kalaikia" Brath (1982), Philips.
  • "Viaxe alén de Fisterra", Brath (1985), Fonomusic.
  • "Homenaxe a Celso Emilio Ferreiro", Varios Artistas, (1988), Sons Galiza.
  • "Lembranza da Auga", Brath (1988), Sons Galiza.
  • "Neboa Infinda", Brath (1991), Sons Galiza.
  • "Cinco", Brath (1999), Sons Galiza.
  • "Rodeira", Brath (2001), Sons Galiza.
  • "Oceana, a música da fin do mundo", Varios Artistas, (2003), Sons Galiza.
  • "O Latexo do Fogo",Brath (2004), Sons Galiza.
  • "Bulevar Oceano", Brath (2005), Sons Galiza.
  • "Intres", Brath (2006), Sons Galiza.
  • "Eloi Caldeiro canta a María Mariño, (2007), Sons Galiza.
  • "Colorín" Xosé María Álvarez Blázquez, poemas,Eloi Caldeiro, (2008), Sons Galiza.
  • "Música para textos de Ramón Piñeiro", Eloi Caldeiro, (2009), Sons Galiza.
  • "Cantos de Nadal", (2012), Sons Galiza.
  • "Codex" Brath (2013), Sons Galiza.
  • "Estado de Shock", EC, (2014), Sons Galiza.
  • "Enxebre", Aniversario XXXV anos. Brath (2015), Sons Galiza.

Obras audiovisuais[editar | editar a fonte]

  • "Palabra no tempo que comeza" María Mariño (2007), Miñomedia.
  • "Entre o Miño e o mar de Vigo" Xosé María Álvarez Blázquez, (2008), Miñomedia.
  • "A Terra e a Saúdade", Ramón Piñeiro (2009), Miñomedia.
  • "E-Música", Serie de programas musicais para a TVG (2012), Miñomedia.
  • "Pobos con Música", Serie de programas musicais para a TVG (2014), Cas D'Oleiro 2.0.

Obras colectivas[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]