Uxía Senlle
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 19 de novembro de 1962 (61 anos) Sanguiñeda, España |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | España |
Actividade | |
Ocupación | cantante , directora de cinema |
Xénero artístico | Música galega |
Lingua | Lingua galega |
Instrumento | Voz |
Uxía Domínguez Senlle, nada en Sanguiñeda (Mos), o 19 de novembro de 1962, é unha cantante galega.
Traxectoria persoal
[editar | editar a fonte]Uxía estudou Filoloxía Románica no Colexio Universitario de Vigo e na Universidade de Santiago de Compostela. Colabora asiduamente en medios de comunicación escritos, de televisión e especialmente na radio. É crítica musical para o programa Diario Cultural, que dirixe Ana Romaní na Radio Galega. Interveu na creación literaria colectiva Polifonía e participou en numerosas experiencias pedagóxicas.
A raíz do afundimento do buque Prestige en novembro de 2002 fronte ás costas galegas, Uxía actuou como voceira do colectivo cidadán Nunca Máis que reclamaba a depuración de responsabilidades e unha maior protección do medio mariño e litoral. Anos despois, en 2006, Uxía volveu actuar como voceira de Nunca Máis durante a crise dos incendios forestais de agosto.
Traxectoria musical
[editar | editar a fonte]Uxía comezou a cantar dende moi nova. A súa carreira comeza oficialmente en 1985, cando gaña o primeiro premio do Festival de Bergantiños. En 1986, con só vinte e catro anos, publica o seu primeiro álbum, Foliada de Marzo, cunha música bastante próxima ao tradicional, influenciada polo espertar da poesía galega na música popular. Ao ano seguinte incorpórase como vocalista ao grupo Na Lúa, un dos buques insignias do folk galego, e talvez o máis renovador dos anos oitenta. Con eles grava dous discos, A Estrela de Maio (1987) e Ondas do Mar de Vigo (1989). Catro anos despois, en 1991, deixa o grupo e edita outro álbum en solitario, o cosmopolita Entre cidades, un paseo emocional polas cidades do mundo en clave literaria co que achega aires pop e un certo sabor urbano á súa discografía.
O 6 de marzo de 1994 participa no espectáculo Mulleres a viva voz, con Amália Rodrigues e coa mallorquina Maria del Mar Bonet. A partir dese momento continuará na liña máis cosmopolita, destacándose polas súas intervencións en discos alleos, polas colaboracións en concertos de varios artistas e pola creación de espectáculos plurais sobre a canción de mulleres ou o ámbito da lusofonía. Un bo exemplo é o festival Cantos na Maré un proxecto cultural pioneiro que a través da lingua e da música traza un mapa común entre os territorios lusófonos, e que despois de varias edicións en Pontevedra, no 2009 comezou unha nova andaina no Brasil. Outros proxectos destacados son O cantar das mulleres, O cantar das galegas, Natal dos simples, Son Delas ou O mar nunha flor.
O seu maior éxito chegou en 1995 co álbum Estou vivindo no ceo, producido polo portugués Júlio Pereira, e que a deu a coñecer en toda Europa. Nel renova a canción tradicional galega, con algúns dos seus temas máis coñecidos, como o “Alalá das mariñas” ou “A laranxa”. O disco dá pé á aparición de todo un amplo abano de vocalistas femininas nos finais dos anos noventa, como Guadi Galego, Leilía ou Anubía. Editado en Europa, os Estados Unidos e o Canadá, foi recoñecido pola crítica europea coma un dos mellores álbums daquel ano.
Despois de participar en media ducia de proxectos colectivos, grava La Sal de la Vida (1997), xunto a Rasha (Sudán), María Salgado (Castela) e Xesús Pimentel. No 2000 Uxía publica Danza das Areas, unha proposta musical complexa producida polo pianista Nani García e na que participan máis de 40 músicos e vocalistas convidados, entre os que destacan Dulce Pontes, Xosé Manuel Budiño, Maria del Mar Bonet, Karen Matheson, Donald Shaw (Capercaillie), Michael McGoldrick, João Afonso, Susana Seivane ou Quim Farinha.
Eterno navegar, o seu quinto disco en solitario, non chegou ata 2008. Nel rodéase de músicos galegos, africanos e portugueses, para ofrecer unha proposta musical na que as raíces galegas conviven cos cantos portugueses e africanos. Ademais de manter unha prolífica carreira musical en solitario e de colaborar en ducias de proxectos alleos, Uxía produce, escribe e compón cancións para os primeiros traballos discográficos de Emilio Rúa, Cantareiras do Berbés, Malvela e a Señora Carmen e para A nena e o Grilo.
Os seus temas están tamén recollidos en máis dunha ducia de compilacións nacionais e internacionais. Tamén compón ou intervén na banda sonora orixinal de media ducia de proxectos audiovisuais, como Río de Sombras, Minas, Lobos, Abrígate ou Que culpa tiene el tomate.
Representou a Televisión de Galicia en 1991 nun festival de televisións rexionais celebrado en Nüremberg e a Galiza na Expo 98 de Lisboa e na edición de 2004 do Liet-Lavlut celebrada en Leeuwarden, onde acadou o terceiro posto.
No ano 2017 foille concedido o Premio Rebulir da Cultura Galega, en recoñecemento a súa traxectoria na difusión e posta en valor da música galega.[1]
No ano 2018 recibiu o premio da Música Independente ao mellor álbum galego con Uxía-o.[2]
Discografía
[editar | editar a fonte]Álbums
[editar | editar a fonte]- Foliada de marzo (Edigal), 1986
- A estrela de maio (Edigal), 1987, con Na Lúa
- Ondas do mar de Vigo (GASA), 1989, con Na Lúa
- Entre cidades (Sons Galiza), 1991
- Estou vivindo no ceo (Nubenegra), 1995
- La Sal de la Vida (Nubenegra), 1997, en colaboración con Rasha, María Salgado e Xesús Pimentel)
- Danza das Areas, (Virgin), 2000
- Cantos na maré (Nordesía), 2005, con Chico César, Filipa Pais, Manecas Costa, Astra Harris, Xabier Díaz e Jon Luz.
- Eterno navegar (Harmonía Mundi. World Village), 2008
- A nena e o Grilo (OQO), 2010, con Magín Blanco
- Meu Canto, 2011
- Andando a Terra (Fundación Manuel María), 2012, sobre poemas de Manuel María
- María Fumaça, Editorial Galaxia, 2012
- Rosalía Pequeniña (Galaxia/Sonárbore), 2013
- Xiqui xoque, fiú fiú!, Editorial Galaxia, 2014
- Baladas da Galiza imaxinaria (Edicións da Madriña), 2015, con Narf
- Canta o cuco, Editorial Galaxia, 2015, con Magín Blanco
- Uxía canta a Manuel María, Fundación Manuel María, 2015
- Uxía-o, Fundación Uxío Novoneyra, 2017
Colaboracións
[editar | editar a fonte]- Lo bueno, dentro (1995) de Víctor Coyote
- Emilio Rúa (2000) de Emilio Rúa
- Alma de buxo (2001) de Susana Seivane
- Que o pano non me namora (2002) de Malvela
- Komunikando (2003) de Diplomáticos de Montealto
- Aghinaldo (2004) de Malvela
- Vida miña (2006) de Emilio Rúa
- Da miña xanela á túa (2007) de Malvela
- Na flor dos meus anos (2007) da Señora Carmen
- Acácia (2007) de Mingo Rangel
- O coraçao tem três portas (2007) de Dulce Pontes
- Etxea (2008) de Kepa Junquera
- Alalá do Cebreiro (2009) de Brañas Folk
- Terra de soños (2009) de Fuxan os Ventos
- Interior (2010) de Emilio Rúa
- Cores do Atlântico (2010), libro disco de Socorro Lira
Recompilacións
[editar | editar a fonte]- A Cantar con Xabarín Vol. III (CRTVG, 1996)
- All Children in School, All Cultures Together (Fundación Audrey Hepburn, 1997) con Omara Portuondo, Susana Baca, Teresa Salgueiro, Caetano Veloso e Dulce Pontes
- Cantigas de Nadal (Boa, 1998) con Berrogüetto, A Quenlla, Xistra De Coruxo, Os Cempés, Leilía, Maite Dono, Pancho Álvarez, Muxicas, Na Lúa e Chouteira
- Galicia, terra única (Xacobeo, 1999)
- Spain in My Heart: Songs of the Spanish Civil War (Appleseed Records, 2003) con Arlo Guthrie, Michele Greene, John McCutcheo, Guardabarranco, Lila Downs, Aoife Clancy, Joel Rafael & Jamaica Rafael, Elixeo Parra, Quetzal e Laurie Lewis
- Euskadi Galiziarekin/Galicia con Euskadi (Radio Euskadi, 2003)
- Marea de Música (Boa, 2003)
- Hadas (Factoría Autor, 2004) con Mercedes Peón, Marina Rossell, Mestisay, María del Mar Bonet, Ginesa Ortega e Faltriqueira
- Meniños cantores (Pontenasondas, Pai música e Casa de Tolos, 2006)
- A Terra do Zeca: Tributo a Jose Afonso (Som Livre, 2007), con Terra d'Agua + Dulce Pontes, Filipa Pais, Lúcia Moniz e Maria Anadon
- La tierra del agua (Limón Records, 2007) con Leilía, Budiño, Niño Josele e Hip Hop Roots
- España (Putumayo World Music, 2009) con Peret, Gertrudis, DePedro, Burguitos, Calima, Gossos, El Combolinga, Xabier Lete, Gecko Turner, Biella Nuei.
- Compositoras (Vol. I) (Tratore, 2010) con Cristina Saraiva, Etel Frota, Simone Guimarães e Socorro Lira
- Cantigas do Camiño (Boa, 2010)
- CoraSons, Kalandraka, 2012
Premios
[editar | editar a fonte]- Premio da Crítica Galicia de Música de 2015.
- Premio Rebulir da Cultura Galega 2017.
- Premio da Música Independente 2018 ao mellor álbum en galego.[3]
- Premio San Martiño de normalización lingüística 2018 na categoría Galicia.[4]
- Premio especial do xurado do proxecto aRitmar no 2019.[5]
- Premio Arraianos en 2024.[6]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Uxía, Gayoso e Lois Antón recibirán os premios Rebulir de Cultura Galega en Ramirás
- ↑ Obelleiro, M. (9 de abril de 2018). Sermos Galiza, ed. ""Virarse cara a Portugal é, evidentemente, un tema político"". Consultado o 10 de abril de 2018.
- ↑ Xunta de Galicia (ed.). "Uxía gaña o premio ao mellor álbum en galego nos MIN 2018 da Música Independente". Arquivado dende o orixinal o 10 de abril de 2018. Consultado o 10 de abril de 2018.
- ↑ Pampín, Silvia (26 de outubro de 2018). "Manuel Pereira, Uxía Senlle e Xosé María Lema, Premios San Martiño de Normalización Lingüística". Faro de Vigo. Consultado o 30 de outubro de 2018.
- ↑ "Uxía, premio aRi[t]mar por “embaixadora galego lusófona”". Sermos Galiza. 25 de abril de 2019. Arquivado dende o orixinal o 25 de abril de 2019. Consultado o 26 de abril de 2019.
- ↑ Diario, Nós (2024-08-02). "Os Premios Arraianos honran a Uxía, Beramendi e a Fundación Rosalía". Nós Diario. Consultado o 2024-08-02.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Uxía Senlle |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Páxina Web oficial Arquivado 17 de maio de 2021 en Wayback Machine.
- Videoclip de "A lira"
- "Alalá de Muxía" en concerto