Saltar ao contido

Edipo rei (Sófocles)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Fragmento de papiro atopado en Oxirrinco, que contén un fragmento de Edipo rei.

Edipo rei (en grego Oι̉δίπoυς τύραννoς, Oidípus Týrannos; en latín Oedipus Rex) é unha traxedia grega de Sófocles, cuxa data de creación é descoñecida. Algúns indicios din que puido ser escrita nos anos posteriores a -430[1] e que foi representada por vez primeira sobre o ano -429[2] .

Orixinalmente, para os gregos da Antigüidade, o título era simplemente Edipo (Οἰδίπους), e así se refire a ela Aristóteles na súa Poética. Crese que foi rebautizada como Edipo rei para distinguila doutra obra de Sófocles, Edipo en Colono. Na antigüidade, o termo «tirano» referíase a un gobernante sen pretensión lexítima ao trono, pero non tiña necesariamente unha connotación negativa[3][4][5].

Das tres obras tebanas de Sófocles que se conservaron, e que tratan a historia de Edipo, Edipo rei foi a segunda en escribirse. Con todo, en termos de cronoloxía interna dos acontecementos descritos nas obras, sería a primeira, seguida por Edipo en Colono e logo Antígona.

Antes do comezo de Edipo rei, Edipo converteuse en rei de Tebas ao mesmo tempo que, sen querer, cumpría unha profecía de que mataría ao seu pai, Laio (o rei precedente), e casaría coa súa nai, Iocasta (a quen Edipo tomou por raíña despois de resolver o enigma da Esfinxe). A obra preséntanos a Edipo no seu momento de maior esplendor, como rei de Tebas e esposo de Iocasta para salvar a cidade da peste que a arrasa, comeza a investigar a morte do rei anterior: Laio. Aos poucos descóbrese a verdade: Edipo é o asasino que busca. Laio era o seu pai. E a súa esposa: Iocasta, é ao mesmo tempo, a súa nai. Iocasta suicídase colgándose e Edipo, arrepiado polo parricidio e o incesto, céegase a si mesmo desesperado; pide ao seu cuñado Creonte que o deixe partir ao desterro e quede coas súas dúas fillas, Antígona e Ismene, xa que os seus dous fillos son homes e saberán como actuar.

Aínda que a tetraloxía da que formaba parte (da que se perderon as demais obras) só logrou o segundo posto no agón dramático, moitos consideran Edipo rei a obra mestra de Sófocles mesmo da traxedia grega. Entre eles, Aristóteles, que a analiza na Poética, mencionándoa varias veces para exemplificar aspectos do xénero[6][7].

Pintura de Jean Auguste Dominique Ingres representando a Edipo despois de resolver o enigma da Esfinxe[8] Museo de Arte Walters.

Moitas partes ou elementos do mito de Edipo ocorren antes da primeira escena da obra, aínda que se menciona algún deles no texto. Edipo é o fillo de Laio e Iocasta, o rei e a raíña de Tebas. As desgrazas da súa estirpe son o resultado dunha maldición que lle botaron ao seu pai por violar as sacras leis da hospitalidade. Na súa mocidade, Laio foi o invitado de Pélope, o rei de Elis, e converteuse en titor de Crisipo, o fillo máis novo do rei. Nunha carreira de carros Laio seduciu ou raptou e violou a Crisipo, quen segundo algunhas versións, se suicidou por vergoña. Esta morte lanzou unha sombra sobre Laio e todos os seus descendentes (aínda que moitos estudosos consideran que as transgresións de Laio contra Crisipo foron un engadido posterior ao mito).

Cando nace o seu fillo, o rei consulta un oráculo para saber o seu destino. Para horror seu, o oráculo revela que Laio «está condenado a perecer a mans do seu propio fillo». Laio ata xuntos os pés do bebé cun broche, e ordena a Iocasta que o mate. Incapaz de matar ao seu propio fillo, Iocasta ordena a un criado que mate o neno por ela. O criado entón expón ao bebé no alto dunha montaña, onde o atopa e rescata un pastor (nalgunhas versións, o criado entrega o neno ao pastor). O pastor chama ao neno Edipo, «pés inchados», pois os seus pés foran atados fortemente por Laio. O pastor leva ao neno a Corinto, e entrégallo ao rei Pólibo, que carece de fillos, quen o cría coma se fose fillo propio.

Conforme crece e madura, Edipo escoita un rumor de que non é verdadeiramente o fillo de Pólibo e a súa esposa, Mérope. Pídelle ao oráculo de Delfos quen son os seus verdadeiros pais. O Oráculo parece ignorar esta pregunta, e en lugar diso dille que está destinado a «aparearse coa [súa] propia nai, e derramar / con [as súas] propias mans o sangue do [seu] propio pai». Desesperado por evitar este terríbel destino, Edipo, quen aínda cre que Pólibo e Mérope son os seus verdadeiros pais, deixa Corinto pola cidade de Tebas.

No camiño a Tebas, Edipo atópase con Laio e o seu séquito, e os dous disputan sobre que carro ten dereito de paso. O rei tebano móvese para golpear ao insolente mozo co seu cetro, pero Edipo, sen ser consciente de que Laio é o seu verdadeiro pai, guinda ao vello do seu carro, matándoo. Así, Laio é morto polo seu propio fillo, e cúmprese a profecía que o rei tentara eludir expondo a Edipo ao nacer.

Antes de chegar a Tebas, Edipo atópase coa Esfinxe, unha besta lendaria coa cabeza e o peito dunha muller, o corpo dunha leoa, e as ás dunha aguia. A Esfinxe foi enviada á estrada que se achega a Tebas como castigo dos deuses, e esganará a calquera viaxeiro que non poida resolver certa adiviña. A adiviña precisa que a Esfinxe pregunta varía nas tradicións temperás, e non se fala dela en Edipo rei, pois é un acontecemento que ocorre antes da obra; pero a versión máis coñecida é «que criatura é a que camiña de poutelas pola mañá, dúas pernas ao mediodía e tres pola tarde?». Edipo correctamente adiviña que é «o home», quen se arrastra de poutelas de bebé, camiña erguido na madurez e apóiase nun bastón na ancianidade. Vencida polo príncipe, a Esfinxe bótase desde un cantil, pondo así fin á maldición[9]. A recompensa de Edipo por liberar a Tebas da Esfinxe é a súa amizade, e a man da raíña viúva, Iocasta; ninguén se decata entón de que Iocasta é a verdadeira nai de Edipo[10]. Así, sen sabelo ningún dos personaxes, a profecía cumpriuse.

Argumento

[editar | editar a fonte]
O actor Mounet-Sully como Edipo

Peste en Tebas

[editar | editar a fonte]

Edipo, rei de Tebas, diríxese a un xentío encabezado por un sacerdote, que se congregou ante o rei para pedir un remedio á peste que arrasa a cidade de Tebas. Para coñecer as causas desta desgraza, o propio Edipo mandou ao seu cuñado Creonte a consultar o oráculo de Delfos. Creonte regresa para contar que a peste é o resultado dunha contaminación relixiosa, posto que o asasino do anterior rei, Laio, non foi atrapado: o seu sangue derramado ameaza con dar morte a todos os habitantes da cidade ata que o asasino sexa executado ou exiliado.

Edipo xura atopar ao asasino e maldío por causar a peste. Pronuncia un bando solemne no que pide a todo o pobo tebano que colabore no esclarecemento do crime. Tanto o asasino como o cómplice poderán, se se entregan, conservar a vida, aínda que terán que partir ao exilio; calquera testemuña que vexa o sucedido debe dicilo sen temor e Edipo recompensarao. Pero se o culpábel non se entrega, a todo o que sexa responsábel diso prohibiráselle participar na vida da cidade, polo que Edipo pide aos deuses que el e os seus morran da peor maneira posíbel.

Predicións de Tiresias

[editar | editar a fonte]

Por consello de Creonte, Edipo chama ao adiviño cego Tiresias para que axude a esclarecer o sucedido. Cando chega Tiresias, o rei e o coro recíbeno con respecto, pero pronto queda claro que o vidente non quere colaborar; di que coñece as respostas, pero négase a falar e en lugar diso dille que deixe a súa procura. O diálogo entre Edipo e o adiviño dexenera por iso nun enfrontamento (agón), no que ambos se insultan. Edipo enfádase polo rexeitamento a falar de Tiresias, e verbalmente acúsao de complicidade no asasinato de Laio. Irritado, Tiresias declara que Edipo é o asasino que está a buscar («Ti es o asasino do home sobre o que están a investigar»[11]), e mesmo lle anuncia (en linguaxe voluntariamente críptica) que vive en incesto coa súa nai e ten fillos con ela; que aínda que se crea estranxeiro é tebano de nacemento e que deica pouco quedará, como el, cego. Edipo non se explica como vai ser certo o que di Tiresias, así que chega á conclusión de que o profeta e Creonte puxéronse de acordo para acusalo do crime e desprazalo así do trono. Os dous discuten con vehemencia, pois Edipo búrlase da falta de vista de Tiresias, e Tiresias á súa vez dille a Edipo que el mesmo é cego. Ao final, Tiresias marcha, murmurando escuramente que cando se descubra ao asasino será un cidadán nativo de Tebas, irmán e pai dos seus propios fillos, e fillo e esposo da súa propia nai.

Acusacións contra Creonte

[editar | editar a fonte]

Entre os anciáns tebanos xorde a dúbida polas confusas palabras de Tiresias. Creonte aparece indignado ante as acusacións que fixo Edipo de conspiración para usurpar o trono. El sinala que resulta inexplicábel que Tiresias, que estaba na cidade no momento do asasinato de Laio, non declarase entón o que sabía, e espere até agora para o acusar daquel crime. Creonte replica que, como cuñado e amigo de Edipo, xa ten suficiente poder en Tebas e que nunca desexaría as preocupacións e problemas que debe afrontar un rei. Ademais, sinala a Edipo que non se debe acusar sen probas e que se non cre que o que dixo o oráculo de Delfos sexa certo, pode ir el mesmo comprobalo. Tamén lle di que se Edipo ten probas de que el se confabulou co adiviño Tiresias, el mesmo condenarase á morte. O rei esixe que Creonte sexa executado; con todo, o coro convénceo de que deixe vivir a Creonte.

Revelacións de Iocasta

[editar | editar a fonte]

Iocasta, esposa primeiro de Laio e logo de Edipo, exerce de mediadora na disputa. Tenta reconfortar a Edipo. Tras coñecer os motivos, di a Edipo que non debe facer caso ningún das adiviñacións proféticas e pon como exemplo un oráculo de Apolo que non se cumpriu. A profecía afirmaba que Laio morrería asasinado polo seu propio fillo. Con todo, Laio morreu doutra forma, asasinado por uns bandidos nun cruzamento de tres camiños de camiño a Delfos. O único fillo que tiveron morreu pouco despois de nacer, pois llo deron a un criado para que o matase. Por tanto, sinala Iocasta, o oráculo non se cumpriu de ningún xeito.

A mención deste cruzamento de camiños fai que Edipo se pare un momento e pida máis detalles. Pregúntalle a Iocasta que aspecto tiña Laio, e Edipo de súpeto empeza a sospeitar que sexan certas as acusacións de Tiresias. Esixe que traian á súa presenza á única testemuña do asasinato desde os campos onde agora traballa de pastor. Hai un gran suspenso porque Iocasta non coñece os motivos dese medo de Edipo.

Edipo conta a súa historia

[editar | editar a fonte]

Iocasta, confusa, pregúntalle a Edipo que é o que ocorre. Edipo relata a Iocasta como os seus pais foron Pólibo e Mérope, reis de Corinto. Hai moitos anos, nun banquete en Corinto, un home bébedo acusou a Edipo de non ser o fillo do seu pai. Edipo foise consultar o oráculo de Delfos e preguntoulle ao oráculo sobre a súa liñaxe. Apolo non respondeu as súas dúbidas e en cambio díxolle que algún día asasinaría ao seu pai e deitaríase coa súa nai. Por iso abandonara Corinto, para tratar de evitar o cumprimento desa profecía non regresando xamais. Máis tarde, nas súas andanzas, tivera un incidente no mesmo cruzamento de camiños onde foi morto Laio, e atopou un carro que tentou sacalo da estrada. Desenvolveuse unha discusión e Edipo matou os viaxeiros, incluíndo un home cuxa descrición casaba coa que Iocasta fixo de Laio. A esperanza que ten Edipo de non ser o asasino de Laio é que a única testemuña afirmara que Laio foi asasinado por varios ladróns. Se o pastor confirma que Laio foi atacado por varios homes, entón Edipo non é o culpábel.

Noticias de Corinto

[editar | editar a fonte]

Iocasta manda chamar á testemuña e tamén se presenta como suplicante ante o templo de Apolo para que resolva os seus males.

Mentres, chega un mensaxeiro inesperado que trae noticias de Corinto: Pólibo morreu e queren proclamar a Edipo como rei de Corinto. Iocasta, tras ouvir as noticias, trata de facer ver a Edipo que tampouco o oráculo segundo o cal ía matar ao seu pai se cumpriu e por tanto xa non debería de temer o outro oráculo que dicía que casaría coa súa nai. Edipo, para sorpresa do mensaxeiro, queda feliz polas noticias, porque proba que a metade da profecía era falsa, agora xamais poderá matar ao seu pai. Con todo, aínda teme que poida dalgunha maneira cometer incesto coa súa nai. O mensaxeiro, ansioso de tranquilizar a Edipo, dille que non se preocupe, porque Mérope non é a súa verdadeira nai.

Xorde entón o feito de que este mensaxeiro fora anteriormente un pastor no monte Citerón, e que lle entregaron un bebé, que entón foi adoptado por Pólibo, quen carecía de fillos. O neno, explica, deullo outro pastor da casa de Laio, a quen lle dixeron que se desfixese do neno. Edipo pregunta ao coro se alguén coñece quen era este home, ou onde podería estar agora. Respóndenlle que é o «mesmo pastor» que foi testemuña do crime de Laio quen entregara a Edipo, cando este era un bebé, ao mensaxeiro, a quen Edipo xa mandara a buscar.

Resolución dos enigmas

[editar | editar a fonte]

A raíña Iocasta, tras ouvir o relato completo do mensaxeiro, comprendeu todo o profundo misterio e desesperada, prégalle a Edipo que deixe de facer preguntas. Pero el négase, e ela corre a meterse no palacio.

Por fin chega a testemuña do crime. Edipo e o mensaxeiro interrógano e ao principio resístese a dar respostas, pedindo que o deixen irse sen responder nada. Con todo, ante as ameazas de Edipo de torturalo ou executalo, revela que o neno que lle entregaron para que o abandonase no monte Citerón era fillo do rei Laio e a raíña Iocasta e que o entregaron para que morrese, impedindo que se cumprise un oráculo funesto, a profecía que Iocasta dixo que nunca se fixeron verdade: que o neno mataría ao seu pai. Con todo, el entregouno ao mensaxeiro por piedade.

Edipo comprende que Iocasta e Laio eran os seus verdadeiros pais e que todas as predicións dos oráculos se cumpriron. Edipo maldise a si mesmo e ao destino, antes de abandonar o escenario. O coro lamenta como mesmo un grande home pode caer polo destino, e despois disto, un criado sae do palacio para falar do que ocorreu dentro. Cando Iocasta entrou na casa, correu ao dormitorio do palacio e aí aforcouse. Pouco despois, Edipo entrou furioso, chamando aos seus criados para que lle levasen unha espada de maneira que puidese cortar o ventre da súa nai. Furioso percorre a casa, ata que descobre o corpo de Iocasta. Gritando, Edipo báixaa e quítalle unhas longas agullas de ouro que mantiñan o seu vestido, antes de cravalas nos seus propios ollos, desesperado.

Edipo sae do palacio cos ollos ensanguentados e pide ser desterrado, axiña que sexa posíbel. Di que preferiu cegarse porque non pode permitirse ver, despois dos seus crimes, aos seus pais no inferno, aos fillos que procreou, nin ao pobo de Tebas.

Entra Creonte, que asume o poder, pide aos tebanos que se apiaden de Edipo e o fagan entrar no palacio. A continuación di que consultará de novo ao oráculo para saber o que ten que facer con Edipo. Este di que non teña piedade con el, pide ser desterrado. As dúas fillas (e medio irmás) de Edipo, Antígona e Ismene, son chamadas e Edipo lamenta que nazan nunha familia maldita. Pídelle a Creonte que coide delas e Creonte móstrase conforme, antes de enviar a Edipo de volta ao interior do palacio.

Nun escenario baleiro, os últimos versos do corifeo son unha especie de conclusión ou máxima grega, de que ningún home debe considerarse feliz ata que está morto[12]:

Ningún mortal pode considerar a ninguén feliz coa mira posta no derradeiro día, ata que chegue ao término da súa vida sen ter sufrido nada doloroso[13].
Coro de Edipo Rei.

O coro é un personaxe colectivo que comenta e xulga o que ocorre na traxedia. Representa ao cidadán tebano, que ten as súas esperanzas postas en Edipo pero confía tamén nos deuses. É un personaxe conciliador, cuxa preocupación é salvar a cidade. Desagrádanlle as rifas dos personaxes e a impiedade que manifesta Iocasta ao pór en dúbida a veracidade dos oráculos de Apolo.

Intervencións do coro:

[editar | editar a fonte]
  • Primeira: despois do prólogo, para elevar unha pregaria ás divindades da cidade co fin de eliminar a peste.
  • Segunda: despois da primeira parte que canta o seu desconcerto e quere atopar a causa da peste por unha banda, e por outro sente angustia polas palabras do adiviño e pola súa fidelidade ao rei.
  • Terceira: medita sobre a profecía que o oráculo fixo a Laio e o destino deste.
  • Cuarta: despois da terceira parte, dá ánimos a Edipo, suxerindo que este pode ser en realidade fillo dun deus e unha ninfa do monte Citerón.
  • Quinta: antes do epílogo na que canta a desdicha ao ver o que foi o seu rei e no que se converteu.

Ao final da obra, o coro mantén o seu afecto por Edipo, cuxa desgraza deplora.

Relación coa tradición mítica

[editar | editar a fonte]

As dúas cidades de Troia e Tebas foron o principal foco da poesía épica grega. Os acontecementos ao redor da guerra de Troia foron narrados no ciclo épico, do cal queda moito, e aqueles que xiran ao redor de Tebas no ciclo tebano, que se perderon. O ciclo tebano relataba a secuencia de traxedias que afectaron á casa de Laio, das cales forma parte a historia de Edipo.

A Odisea de Homero (XI.271 ss.) contén o relato máis temperán do mito de Edipo cando Odiseo atopa a Iocasta (chamada Epicasta) no inframundo. Homero brevemente resume a historia de Edipo, incluíndo o incesto, o parricidio, e o posterior suicidio de Iocasta. Con todo, na versión homérica, Edipo segue sendo rei de Tebas despois da revelación e nin se cega a si mesmo, nin o envían ao exilio. En particular, dise que os deuses fixeron que se coñecese o tema da súa paternidade, mentres que en Edipo rei, Edipo descobre a verdade, en gran parte, por si mesmo[14].

No ano -467, o compañeiro tráxico de Sófocles, Esquilo gañou o primeiro premio nas Dionisias Urbanas cunha triloxía sobre a Casa de Laio, que comprendía Laio, Edipo e Os sete contra Tebas (a única obra que nos chegou). Posto que el non escribiu triloxías conectadas como fixo Esquilo, Edipo rei céntrase no personaxe titular mentres que ao mesmo tempo refírese só de maneira indirecta ao gran mito, que xa era coñecido para o público en Atenas naquela época.

Recepción

[editar | editar a fonte]
Bénigne Gagneraux, Edipo cego encomendando os seus fillos aos deuses

A triloxía da que Edipo rei formaba parte obtivo o segundo premio nas Dionisias Urbanas na súa representación orixinal. O sobriño de Esquilo, Filocles gañou o primeiro premio nesa competición[15]. Con todo, na súa Poética, Aristóteles considera a Edipo rei como a traxedia que mellor encaixaba coa súa prescrición de como debía facerse un drama[16].

Moitos críticos modernos están de acordo con Aristóteles sobre a calidade de Edipo rei, mesmo aínda que non estean de acordo nas razóns. Por exemplo, Richard Claverhouse Jebb afirmou que «O Edipo rei é nun sentido a obra mestra da traxedia ática. Ningunha outra mostra en igual grao a arte no desenvolvemento da trama; e esta excelencia depende dun poderoso e sutil debuxo dos personaxes»[17]. Cedric Whitman apuntou que «o Edipo rei pasa case universalmente por ser a máis grande das obras gregas existentes...»[18]. O propio Whitman considerou que a obra é «a expresión máis plena desta concepción da traxedia», que é a concepción da traxedia como unha «revelación do desgraciado destino do home», onde un home pode ter «todo o equipamento para a gloria e a honra» pero aínda así ten «o maior dos esforzos por facer o ben» acaba en «o mal dun eu insoportábel para o que uno non é responsábel»[19]. Edith Hall refírese a Edipo rei como «esta traxedia definitiva» e sostén que «a maxistral sutileza da caracterización de Sófocles así dá credibilidade ás asombrosas coincidencias», e sinala a ironía de que «Edipo só pode cumprir o seu excepcional destino ordenado polos deuses porque Edipo é un home prominente, capaz e intelixente»[20]. H. D. F. Kitto dixo sobre Edipo rei que «é certo que se pode dicir que a perfcción da súa forma implica unha orde do mundo», aínda que Kitto advirte que se esa orde do mundo é ou non «beneficiosa, Sófocles non o di»[21].

A revolución científica atribuída a Tales empezou a gañar forza política, e esta obra ofrecía unha advertencia aos novos pensadores. Kitto interpreta a obra como a resposta de Sófocles aos sofistas, dramatizando unha situación na que os humanos se enfrontan ao sufrimento, non importa que non sexa culpa súa, e a pesar da aparente aleatoriedade dos acontecementos, o feito de que foron profetizados polos deuses implica que os acontecementos non son realmente aleatorios, a pesar de que as razóns quedan máis aló da comprensión humana[22]. Ao longo da obra, de acordo con Kitto, Sófocles declara «que é erróneo, en vista do incomprensíbel e o inmoral, negar as leis morais e aceptar o caos. O que é correcto é recoñecer os feitos e non enganarse a un mesmo. O universo é unha unidade; si, ás veces, non atopamos nin pés nin cabeza niso non debemos supor que é aleatorio. Hai tanto que non podemos saber e non podemos controlar que non deberiamos pensar nin comportarnos coma se o soubésemos e o controlásemos[22].

Temática

[editar | editar a fonte]

A obra expón varios temas e interpretouse de formas variadas ao longo dos séculos.

O destino, o libre albedrío ou o erro tráxico

[editar | editar a fonte]

Un dos temas que se expoñen é a forza do destino. Os personaxes reciben malos presaxios e cando actúan co fin de evitar a súa desgraza, non fan senón cumprir coa profecía. Trátase dun tema común á traxedia e á mitoloxía grega en xeral. Nesta obra de Sófocles, por exemplo, o personaxe Laio recibe o aviso de que o seu fillo Edipo o ha asasinar e decide abandonar o neno no campo á súa sorte. Pero o neno sobrevive e dáse unha precondición para que se produza o asasinato: Edipo crece sen saber que Laio é o seu pai. Anos máis tarde, o oráculo dille a Edipo que ha matar ao seu pai. Crendo fuxir do seu destino, foxe de Corinto para non matar ao que cre o seu pai, sen saber que precisamente esa acción o habiia co seu verdadeiro proxenitor no camiño.

O destino é un tema que a miúdo aparece na escritura grega, as traxedias en particular. A idea de que tentar eludir un oráculo é xusto o que fai que se acabe cumprindo é un motivo común en moitos mitos gregos, e semellanzas con Edipo poden por exemplo verse no mito do nacemento de Perseo.

Dous oráculos en particular dominan o argumento de Edipo rei. Nos versos 711 a 714, Iocasta relata a profecía que lle contaron a Laio antes do nacemento de Edipo. Isto é:

(O oráculo) dicía

que tería o destino de morrer
a mans do fillo que nacese

de min e del.

O oráculo falou só a Laio do parricidio; o incesto está ausente. Impulsado polo relato de Iocasta, Edipo revela a profecía que fixo que el abandonase Corinto (791-93):

que estaba fixado que eu tería que unirme á miña nai,

e que traería ao mundo unha descendencia insoportábel
de ver para os homes, e que eu sería

o asasino do pai que me xerara.

A implicación do oráculo de Laio é ambiguo. Unha interpretación considera que a presentación do oráculo de Laio nesta obra difire da que se pode atopar na triloxía de Edipo de Esquilo producida no ano -467. Helaine Smith argumenta:

Sófocles tivo a opción de facer o oráculo a Laio condicional (se Laio tiña un fillo, ese fillo mataríao) ou incondicional (Laio tería un fillo que o mataría). Tanto Esquilo como Eurípides escriben obras nas que que o oráculo é condicional; Sófocles... elixiu facer que o oráculo de Laio fose incondicional e así elimina a culpabilidade para os seus pecados por parte de Edipo, pois el non podía facer máis nada que o que fixo, sen importar que acción emprendese[23][24].

Esta interpretación é apoiada pola repetición de Iocasta do oráculo nos versos 854–55: «Loxias dixo expresamente que levaría a cabo [a morte de Laio] por obra dun fillo meu». En grego, Iocasta usa o verbo χρῆναι khrēnai: «ser o destino, necesario». Esta iteración do oráculo parece suxerir que era incondicional e inevitábel. Outros eruditos argumentaron, a pesar de todo, que Sófocles segue a tradición de facer o oráculo de Laio condicional, e desta maneira evitábel. Sinalan a revelación inicial de Iocasta nos versos 711–14. En grego, o oráculo advirte:

ὡς αὐτὸν ἕξοι μοῖρα πρὸς παιδὸς θανεῖν,

ὅστις γένοιτ᾽ ἐμοῦ τε κἀκείνου πάρα.

hōs autòn héksoi móira pròs paidòs thanéin,

hóstis génoit' emú te kakéinu pára.

Os dous verbos en letra grosa indican o que é chamado unha condición «futura máis vívida»: se nace un fillo de Laio, o seu destino é ser asasinado por ese neno que o derrotará[25].

Sexa cal for o oráculo de Laio, o que foi entregado a Edipo é claramente incondicional. Dada nosa moderna concepción do destino e a fatalidade, os lectores da obra teñen unha tendencia a ver a Edipo como mero monicreque controlado por forzas maiores, un home esmagado polos deuses e o destino sen razón aparente. Isto, con todo, non é unha lectura completamente exacta. Mentres é unha obviedade mitolóxica que os oráculos existen para ser cumpridos, os oráculos non causan os acontecementos que levan ao resultado. No seu significativo ensaio «Sobre o entendemento de Edipo rei»[26] , E. R. Dodds traza unha comparación coa profecía de Xesús na Última Cea de que Pedro o había negar tres veces[1]. Xesús sabe que Pedro o fará, pero os lectores de ningunha maneira suxiren que Pedro de ningunha maneira sexa unha marioneta do destino forzándoo a negar a Cristo. O libre albedrío e a predestinación non son de ningún xeito excluíntes, e ese é o caso de Edipo.

O oráculo entregado a Edipo que é a miúdo chamado unha «profecía autorrealizada», en que a propia profecía pon en movemento os acontecementos que levarán ao seu propio cumprimento[27]. Isto, con todo, non quere dicir que Edipo sexa unha vítima do destino e que non teña libre albedrío. O oráculo inspira unha serie de eleccións específicas, feitas libremente por Edipo, o que o levará a matar ao seu pai e casar coa súa nai. Edipo elixe non regresar a Corinto despois de ouvir o oráculo, o mesmo que escolle encamiñarse a Tebas, matar a Laio, casar e tomar a Iocasta especificamente como a súa noiva; en resposta á peste de Tebas, el elixe enviar a Creonte ao Oráculo en busca de consello e logo seguir ese consello, iniciando a investigación sobre o asasinato de Laio. Ningunha destas eleccións están predestinadas.

Edipo e Antígona, por Charles Jalabert.

Outra característica dos oráculos no mito é que case sempre son mal comprendidos por quen os escoitan; de aí o erro de Edipo no que se refire ao significado do Oráculo Délfico. Visita Delfos para descubrir quen son os seus auténticos pais e asume que o Oráculo rexeitou contestarlle a esa cuestión, ofrecéndolle en cambio unha profecía que non ten relación e que anticipa o parricidio e o incesto. A asunción de Edipo é incorrecta, o Oráculo, de feito, en certo sentido, contesta á súa pregunta:

«Nunha análise máis aguda o oráculo contén información esencial que Edipo parece desdeñar». A forma de expresarse o Oráculo: estaba condenado a ser o asasino do pai que me procreou refírese ao pai real, biolóxico, de Edipo. Da mesma maneira a nai con fillos contaminados é definida como a biolóxica. A forma de expresarse do invitado bébedo doutra banda: ti non es o fillo do teu pai define a Pólibo como só un pai adoptivo para Edipo. As dúas formas de expresarse apóianse unha na outra e apuntan ás «dúas parellas de pais» alternativas. Así xorde a cuestión de dous conxuntos de pais, o biolóxico e o adoptivo. A reacción de Edipo ao Oráculo é irracional: afirma que non tivo ningunha resposta e foxe afastándose de Corinto, mostrando de que firmemente cría nese momento que Pólibo e Mérope son os seus auténticos pais.

«A escena co invitado bébedo constitúe o fin da infancia de Edipo... Non pode seguir ignorando un sentimento de inseguridade respecto da súa liñaxe. Con todo, despois de consultar o Oráculo esta incerteza desaparece, de maneira estraña, e é substituída por unha certidume totalmente inxustificada de que el é o fillo de Mérope e Pólibo. Dixemos que este é ou comportamento irracional - a súa ἁμαρτία hamartia en sentido aristotélico - débese á represión de toda unha serie de pensamentos na súa consciencia, de feito todo o que se refire ás súas primeiras dúbidas sobre a súa ascendencia[28].

Tabú nas relacións familiares

[editar | editar a fonte]

Outro tema é o tabú nas relacións familiares. Edipo mata a quen baixo ningunha circunstancia debería matar, a quen lle dera a vida, e ten relacións incestuosas con quen o procreou, a súa propia nai. Con todo, Edipo realiza estas accións eticamente reprobábeis sen ser consciente diso. O pai da psicanálise, Sigmund Freud, retomou esta idea para elaborar o concepto de «complexo de Edipo». Freud argumenta que o primeiro espertar sexual ocorre durante a nenez e maniféstase no desexo sexual cara ao proxenitor de sexo oposto e a hostilidade contra o proxenitor do propio sexo. Freud válese desta obra (escrita máis de dous mil anos antes) para ilustrar que os desexos incestuosos son unha primitiva herdanza humana e que a vixencia desta obra se debe á permanencia de tales pulsións[29]. O rexeitamento do incesto e o parricidio que cometeu leva a Edipo a agredirse a si mesmo, deixándose cego (o que algúns discípulos de Freud interpretaron como unha metáfora da castración).

Riscos do coñecemento

[editar | editar a fonte]

A obra expón tamén o problema da procura da verdade e os riscos e prexuízos que entraña alcanzar o coñecemento. Nietzsche fala deste drama no capítulo nove do Nacemento da traxedia. Presenta a Edipo como un transgresor, un heroe condenado a caer por tentar chegar demasiado lonxe. Ao transgredir a natureza e as normas sociais, e querer pescudar aquilo que está prohibido, Edipo descobre un mundo cuxa visión está vedada ao resto dos mortais. Comete unha versión masculina, heroica, do pecado orixinal, ao elixir comer da árbore do coñecemento que condena á humanidade a abandonar a inocencia. Neste caso é a súa curiosidade e a súa enteireza o que o estimula a investigar. Ese abandono da inocencia, da cómoda ignorancia, é o destino cruel e heroico de Edipo, e a súa xesta consiste no seu sacrificio. Como Prometeo, el paga por un ben que a humanidade recollerá tras a súa acción.

Poder dos deuses

[editar | editar a fonte]

Edipo rei é tamén unha afirmación do poder dos deuses. A través de toda a obra queda clara a influencia decisiva que ten Apolo nos acontecementos, dando forma ao destino dos personaxes. Descóbrese que a palabra divina é exacta, que debe obedecerse sen titubeos e que hai que respectar a quen a profiren.

Control do estado

[editar | editar a fonte]

A exploración deste tema en Edipo rei é paralelo ao exame do conflito entre o individuo e o Estado en Antígona. O dilema que Edipo expón aquí é similar ao do tiránico Creonte: cada un ten, como rei, unha decisión que os seus súbditos cuestionan ou desobedecen; cada rei tamén malinterpreta tanto o seu propio papel como soberano como o rol do rebelde. Cando lle informa o profeta cego Tiresias que forzas relixiosas están contra el, cada rei pretende que o sacerdote foi corrompido. É aquí, con todo, onde acaban os parecidos: mentres Creonte, vendo o balbordo que creou, tenta emendar os seus erros, Edipo rexeita escoitar a ninguén.

Vista e cegueira

[editar | editar a fonte]

As referencias, literais e metafóricas, á vista, aparecen por todo Edipo rei. Unha visión clara serve como unha metáfora para a perspicacia e o coñecemento, pero un Edipo de boa visión é cego á verdade sobre as súas orixes e crimes inadvertidos. O profeta Tiresias, pola súa banda, aínda que literalmente cego, «ve» a verdade e confía no que lle é revelado. «Aínda que o futuro de Edipo é predito polos deuses, mesmo despois de ser advertido por Tiresias, el non pode ver a verdade ou a realidade de antemán porque o seu excesivo orgullo cegou a súa visión...»[30]. Só despois de que Edipo fisicamente se cegou a si mesmo obtén unha limitada habilidade profética, como se ve en Edipo en Colono[1]. É deliberadamente irónico que o «vidente» poida «ver» mellor que Edipo, a pesar de estar cego. Nun verso (Edipo rei, 413), Tiresias di:

E xa que me botaches en cara que son cego, dígoche: malia que ti tes vista, non vés en que grao de desgraza te atopas nin onde habitas nin con quien transcorre a túa vida[31].

Personaxes

[editar | editar a fonte]
Representación de Edipo Rei no "Festival de teatro grecolatino de Lugo" en 2011.

Personaxes dos feitos anteriores á traxedia

[editar | editar a fonte]
  • Lábdaco: rei de Tebas, pai de Laio. Debido á grande ofensa que fixo aos deuses, a súa familia sufriu a furia das deidades.
  • Laio: rei de Tebas, fillo de Lábdaco, pai de Edipo, e esposo de Iocasta. Abandonou o seu fillo Edipo por un oráculo que dicía que o mataría e casaría coa súa esposa Iocasta.
  • Pólibo: rei de Corinto e pai adoptivo de Edipo.
  • Mérope: raíña de Corinto e nai adoptiva de Edipo.

Personaxes da traxedia

[editar | editar a fonte]

Personaxes principais:

[editar | editar a fonte]
  • Edipo: rei de Tebas e esposo de Iocasta. Por librar á cidade da ameaza da Esfinxe, os tebanos o elixiran como rei.
  • Creonte: é o irmán de Iocasta, a quen Edipo acusa de querer usurpar o seu trono (cómpre aclarar que Creonte non ten dita intención). Queda a cargo das fillas e do trono de Edipo cando este se vai.
  • Tiresias: un adiviño cego de Tebas.
  • Iocasta: raíña de Tebas, nai de Edipo. casou con Edipo tras o asasinato do seu anterior esposo, Laio.
  • Corifeo: Dirixe o coro e é amigo de Edipo.

Personaxes secundarios:

[editar | editar a fonte]
  • Coro de anciáns tebanos.
  • Mensaxeiro: leva a Iocasta a noticia da morte do rei Pólibo.
  • Paxe: testemuña e relator dos últimos sucesos e o desenlace final.
  • Sacerdote: ministro do culto relixioso de Zeus.
  • Pastor ou servo: ancián, antigo servidor do defunto rei Laio, e testemuña que presenciou a morte de Laio e sabe que o asasino é Edipo.

Estrutura

[editar | editar a fonte]

Edipo Rei é unha obra dramática nun só acto, pois toda a obra desenvólvese nunha unidade de tempo.

A obra é unha traxedia. Como tal, presenta personaxes eminentes, de elevada condición social, utiliza unha linguaxe solemne e elevada e conclúe co sacrificio de varios personaxes (neste caso, dous: Iocasta e Edipo), que pagan coa morte (Iocasta) ou a cegueira e o exilio (Edipo) as súas accións.

Consta dun prólogo, seguido de oito episodios (escritos en trímetros iámbicos), entre os cales se intercalan as intervencións solistas do coro (párodos, catro estásimos) e o diálogo lírico do coro cos demais personaxes. As partes do coro (incluído o diálogo lírico cos demais personaxes) cantábanse; o resto recitábase. No recitado, ademais de trímetros iámbicos, hai tamén algunhas pasaxes en anapestos e tetrámetro trocaico cataléctico[32] .

  1. Prólogo (1-150).
  2. Coro: párodos. (151-215).
  3. Primeiro episodio:
    1. Monólogo de Edipo (216-299).
    2. Agón de Edipo e Tiresias (300-461).
  4. Coro: primeiro estásimo (463-511).
  5. Segundo episodio:
    1. Monólogo de Creonte (512-531).
    2. Agón de Edipo e Creonte (532-649).
  6. Primeiro diálogo lírico: Edipo, Iocasta e o coro (650-696).
  7. Terceiro episodio: diálogo de Edipo e Iocasta (697-862).
  8. Coro: segundo estásimo (863-910).
  9. Cuarto episodio:
    1. Monólogo de Iocasta (911-923).
    2. Iocasta e o mensaxeiro (924-949).
    3. Iocasta, o mensaxeiro e Edipo (950-1072).
    4. Edipo e o mensaxeiro (1073-1085).
  10. Coro: terceiro estásimo (1086-1109).
  11. Quinto episodio: Edipo, o mensaxeiro e o servo (1110-1185).
  12. Coro: cuarto estásimo (1186-1222).
  13. Sexto episodio: mensaxeiro de palacio (1223-1296).
  14. Diálogo en anaspestos de Edipo e o corifeo (1297-1311).
  15. Segundo diálogo lírico: Edipo e o corifeo (1312-1368).
  16. Sétimo episodio: Monólogo de Edipo (1369-1421).
  17. Oitavo episodio: Edipo e Creonte (1422-1514).
  18. Diálogo en tetrámetros trocaicos catalécticos de Edipo e Creonte (1515-1523).
  19. Despedida, quizais apócrifa, do corifeo (1524-1530).

Sigmund Freud

[editar | editar a fonte]
Unha ánfora grega representa a Edipo e a Esfinxe, circa -450.

Sigmund Freud n'A interpretación dos soños escribiu unha pasaxe destacada en relación co destino de Edipo así como co complexo de Edipo. Analiza por que esta obra, Edipo rei, escrita na Antiga Grecia, segue sendo efectiva nunha audiencia moderna. Freud di:

O seu destino conmóvenos só porque podería ser o noso — porque o oráculo planta a mesma maldición sobre nós antes do noso nacemento, como a el. É o destino de todos nós, quizais, dirixir o noso primeiro impulso sexual cara á nosa nai e o noso primeiro odio asasino contra o noso pai. Os nosos soños convéncennos de que é así»[33].

No mesmo libro, Freud indica, con todo que as «urxencias e temores primordiais» que lle preocupan non se atopan principalmente na obra de Sófocles, senón que existen no mito no que se basea; refírese á obra como unha «ulterior modificación da lenda», unha que se orixina nunha «revisión secundaria mal concibida do material, que buscou explotalo con propósito teolóxico»[34][35][36].

Adaptacións

[editar | editar a fonte]

Versións fílmicas

[editar | editar a fonte]

Na versión para o cine de 1957, dirixida por Tyrone Guthrie e protagonizada por Douglas Campbell como Edipo, os actores representaron toda a obra enmascarados, como no antigo teatro grego.

A segunda versión en inglés, dirixida por Philip Saville e lanzada en 1968, filmouse en Grecia. Esta mostraba a cara dos actores e gozaba dun cadro de persoal cheo de estrelas, incluíndo a Christopher Plummer como Edipo, Lilli Palmer como Iocasta, Orson Welles como Tiresias, Richard Johnson como Creonte, Roger Livesey facía de pastor, e Donald Sutherland do Corifeo. A voz de Sutherland, con todo, foi dobrada por outro actor. A película foi un paso máis aló da obra, con todo, mostrando en flashback, o asasinato de Laio (Friedrich Ledebur). Tamén mostrou a Edipo e Iocasta xuntos na cama, facendo o amor. Realizada en 1968, esta película non se viu en Europa nin nos Estados Unidos até a década dos anos setenta e oitenta despois de que se garantisen dereitos de distribución a vídeo e televisión.

En 1967 Pier Paolo Pasolini dirixiu Edipo Re, en español, Edipo, el hijo de la fortuna (Edipo Rey), unha interpretación moderna da obra. A película de Toshio Matsumoto do ano 1969, Bara no Sōretsu, é unha adaptación libre da obra e un importante traballo da Nova onda xaponesa. En Colombia, o escritor Gabriel García Márquez adaptou a historia en Edipo alcalde (1996), levándoo á realidade de Colombia. Foi dirixida por Jorge Alí Triana e interpretárona Jorge Perugorría, Ángela Molina, Francisco Rabal, Jairo Camargo, Jorge Martínez de Hoyos e Miriam Colón.

Versións teatrais

[editar | editar a fonte]

O compositor Ígor Stravinskii escribiu unha versión ópera/oratorio de Oedipus Rex, que se estreou en 1927 polo Théâtre Sarah Bernhardt, París. É unha composición para orquestra, narrador, solistas e coro masculino. O libreto, baseado na traxedia de Sófocles, foi escrito por Jean Cocteau en francés e logo traducido polo abbé Jean Daniélou ao latín; a narración, con todo, interprétase na linguaxe da audiencia. A obra foi escrita a principios do período neoclásico de Stravinskii, e está considerada unha das mellores obras desta fase da súa carreira como compositor. Considerara pola en grego antigo, pero ao final decidiu usar o latín, nas súas propias palabras, «un medio non morto senón convertido en pedra».

Versións para radio/televisión

[editar | editar a fonte]

Michael Pennington protagonizou Edipo con Claire Bloom como Iocasta, Sir John Gielgud como Tiresias e John Shrapnel como Creonte na tradución/adaptación de Don Taylor en 1986 da obra, que formou parte da triloxía da BBC de The Theban Plays.

En 1977, CBS Radio Mystery Theater retransmitiu unha versión da historia titulada «So Shall Ye Reap», ambientada no que entón era o territorio estadounidense de Novo México en 1851.

Outro Edipo para televisión incluíu a Christopher Plummer (1957), Ian Holm (1972) e Patrick Stewart (1977).

En 2017, BBC Radio 3 retransmitiu unha produción da tradución que fixo Anthony Burgess da obra con Christopher Eccleston como Edipo e Fiona Shaw como Tiresias/Segundo Vello. John Shrapnel, quen fixo de Creonte na versión televisiva de 1986 da BBC, interpetou ao Primeiro Vello.

Peter Schickele parodia tanto a historia de Edipo rei e a música da ópera-oratorio de Stravinskii en Oedipus Tex, un oratorio de temática Western oratorio supostamente escrito por P. D. Q. Bach, lanzado en 1990 no álbum Oedipus Tex and Other Choral Calamities.

Chrysanthos Mentis Bostantzoglou fai unha parodia desta traxedia na súa comedia Medea (1993)[37].

No episodio 10 da segunda tempada de 'CNNNN', un programa de televisión satírico australiano realizado por The Chaser, unha animación curta no estilo dun tráiler de película Disney, completa con música alegre proporcionada por Andrew Hansen, parodia Edipo rei.[38]. Á parte de que se anunciou como «Diversión para toda a familia», a parodia tamén é mencionada noutras ocasións durante o mesmo episodio, como nun anuncio satírico no que aos orfos ofréceselles unha «urna de cinzas Edipo rei» gratis como unha oferta promocional despois de perder un parente[39].

  1. Na peste que asola a cidade de Tebas ao comezo da obra quíxose ver un reflexo da peste que sufriu a propia Atenas no ano -430. Así o recolle J. Pallí Bonet na súa introdución ás Tragedias completas de Sófocles (Pallí Bonet 1988: 9).
  2. Malia que Sófocles gañou o segundo premio cun grupo de obras que incluíron Edipo rey, a súa data de produción é insegura. O papel destacado da peste tebana ao comezo da obra suxire a moitos estudosos unha referencia á peste que devastou Atenas en -430, e de aí que daten a produción pouco despois. Véxase, por exemplo, Knox, Bernard (1956). "The Date of the Oedipus Tyrannus of Sophocles". American Journal of Philology 77 (2): 133–147. JSTOR 292475. 
  3. Bridgewater, William, ed. "tyrant". The Columbia Encyclopedia. Columbia University Press. (1963) p. 2188
  4. Lloyd-Jones, Hugh. Introdución e trad. Sophocles: Ajax, Electra, Oedipus Tyrannus. Por Sófocles. Loeb Classical Library ser. vol. 20. Harvard University Press. ISBN 978-0674995574.
  5. Mulroy, David. trad. “Introduction”. Sófocles, Oedipus Rex. Univ of Wisconsin Press, (2011) ISBN 9780299282530. p. xxviii
  6. Aristotle: Poetics. Edited and translated by St. Halliwell, (Loeb Classical Library), Harvard 1995
  7. Belfiore, Elizabeth (1992). Tragic Pleasures: Aristotle on Plot and Emotion. Princeton. p. 176. 
  8. "Oedipus and the Sphinx". Museo Walters. Arquivado dende o orixinal o 24 de maio de 2013. Consultado o 01 de xullo de 2019. .
  9. Ahl, Frederick. Two Faces of Oedipus: Sophocles' Oedipus Tyrannus and Seneca's Oedipus. Cornell University Press, 2008, página 1. ISBN 9780801473975.
  10. "Johnston, Ian. "Background Notes", Vancouver Island University". Arquivado dende o orixinal o 06 de novembro de 2020. Consultado o 01 de xullo de 2019. 
  11. Sófocles (2008). Edipo rey. A. Alamillo. Gredos. p. 213. ISBN 9788447346271. 
  12. Herodoto, nas súas Historias (Libro 1.32), atribúe esta máxima ao estadista ateniense do século -VI Solón.
  13. Sófocles (2008). Edipo rey. A. Alamillo. Gredos. p. 256. ISBN 9788447346271. 
  14. Dawe, R.D. ed. 2006 Sophocles: Oedipus Rex, versión revisada. Cambridge : Cambridge University Press. p.1
  15. Smith, Helaine (2005). Masterpieces of Classic Greek Drama. Greenwood. p. 1. ISBN 978-0-313-33268-5. 
  16. Thomas, J.E. & Osborne, E. (2004). Oedipus Rex: Literary Touchstone Edition. Prestwick House Inc. p. 69. ISBN 978-1-58049-593-6. 
  17. Jebb, R.C. The Oedipus Tyrannus. p. v. ISBN 978-1-4460-3178-0. 
  18. Whitman, C. (1951). Sophocles. Harvard University Press. p. 123. 
  19. Whitman, C. (1951). Sophocles. Harvard University Press. p. 143. 
  20. Hall, E. (1994). "Introduction". Sophocles: Antigone, Oedipus the King, Electra. Oxford University Press. pp. xix–xxii. ISBN 0-19-282922-X. 
  21. Kitto, H.D.F (1966). Greek Tragedy. Routledge. p. 144. ISBN 0-415-05896-1. 
  22. 22,0 22,1 Kitto, H.D.F (1966). Poiesis. University of California Press. pp. 236–242. 
  23. Smith, Helaine (2005). Masterpieces of Classic Greek Drama. Greenwood. p. 82. ISBN 978-0-313-33268-5. 
  24. See Dodds 1966; Mastronarde 1994, 19; Gregory 2005, 323.
  25. Así Sir Richard Jebb en su comentario. Cf. Jeffrey Rusten's 1990 commentary.
  26. Greece & Rome, 2nd Ser., Vol. 13, No. 1 (Apr., 1966), pp. 37–49
  27. Estritamente falando, isto non é preciso: o propio Edipo pon en marcha estes acontecementos cando decide investigar o seu parentesco contra o consello de Pólibo e Mérope.
  28. Brunner M. "King Oedipus Retried" Rosenberger & Krausz, Londres, 2001. ISBN 0-9536219-1-X
  29. «A lenda do rei tebano entraña algo que fere en todo home unha íntima esencia natural. Se o destino de Edipo nos conmove é porque podería ser o noso e porque o oráculo suspendeu igual maldición sobre as nosas cabezas antes de que nacésemos. Quizais nos estaba reservado a todos dirixir cara a nosa nai o noso primeiro impulso sexual e cara o noso pai o primeiro sentimento de odio e o primeiro desexo destrutor. Os nosos soños dan testemuño de iso». Sigmund Freud, A interpretación dos soños
  30. Ziaul Haque, Md. & Kabir Chowdhury, Fahmida. "The Concept of Blindness in Sophocles' King Oedipus and Arthur Miller's Death of a Salesman", "Archived copy". Arquivado dende o orixinal o 25 de maio de 2014. Consultado o 1 de abril de 2015. , International Journal of Applied Linguistics & English Literature, vol. 2, no. 3; 2013, p. 118, consultado o 1 de abril de 2015.
  31. Sófocles (2008). Edipo rey. A. Alamillo. Gredos. p. 217. ISBN 9788447346271. 
  32. Manuel Fernández Galiano, Sófocles. Tragedias. Introducciones y versión rítmica de MFG, Planeta, 1999, pp. 215-216.
  33. Freud, Sigmund. The Interpretation of Dreams. Basic Books. 978-0465019779 (2010) page 279-280
  34. Freud, Sigmund. The Interpretation of Dreams. Basic Books. 978-0465019779 (2010) page 247
  35. Fagles, Robert, “Introduction”. Sophocles. The Three Theban Plays. Penguin Classics (1984) ISBN 978-0140444254. page 132
  36. Dodds, E. R. “On Misunderstanding the Oedipus Rex”. The Ancient Concept of Progress. Oxford Press. (1973) ISBN 978-0198143772. page 70
  37. Kaggelaris, N. (2016), "Sophocles' Oedipus in Mentis Bostantzoglou's Medea" [en grego] en Mastrapas, A. N. - Stergioulis, M. M. (eds.) Seminar 42: Sophocles the great classic of tragedy , Athens: Koralli, pp. 74- 81 [1]
  38. The Chaser Archive (2011-10-13). CNNNN - Season 2 Episode 10. Consultado o 2018-02-14. 
  39. The Chaser Archive (2011-10-13). CNNNN - Season 2 Episode 10. Consultado o 2018-02-14. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Pallí Bonet, Julio (1988): Sófocles. Tragedias completas. Tradución, introdución e notas de J.P.B., Barcelona: Ediciones B.
  • Sófocles; García Calvo, A. (versión rítmica) (1982). Edipo Rey (4.ª ed.). Zamora: Editorial Lucina. ISBN 84-85708-14-8. 
  • Brunner, M. 2001. King Oedipus Retried. Londres: Rosenberger & Krausz.
  • Cairns, D. L. 2013. "Divine and Human Action in the Oedipus Tyrannus." En Tragedy and Archaic Greek Thought. Ed. por D. L. Cairns, 119–171. Swansea, Reino Unido: Classical Press of Wales.
  • Coughanowr, Effie. 1997. "Philosophic Meaning in Sophocles' Oedipus Rex." L'Antiquité Classique 66: 55-74.
  • Easterling, P. E. 1989. "City Settings in Greek Poetry." Proceedings of the Classical Association 86:5–17.
  • Edmunds, L. 2006. Oedipus. Londres e Nova York: Routledge.
  • Finglass, P. J. 2009. "The Ending of Sophocles’ Oedipus Rex." Philologus 153:42–62.
  • Halliwell, S. 1986. "Where Three Roads Meet: A Neglected Detail in the Oedipus Tyrannus." Journal of Hellenic Studies 106:187–190.
  • Lawrence, S. 2008. "Apollo and his Purpose in Sophocles’ Oedipus Tyrannus." Studia Humaniora Tartuensia 9:1–18.
  • Macintosh, F. 2009. Sophocles: Oedipus Tyrannus. Cambridge, UK: Cambridge Univ. Press.
  • Segal, C. P. 2001. Oedipus Tyrannus: Tragic Heroism and the Limits of Knowledge. 2d ed. Nova York e Oxford: Oxford Univ. Press.
  • Sommerstein, A. H. 2011. "Sophocles and the Guilt of Oedipus." Cuadernos de Filología Clásica. Estudios griegos e indoeuropeos 21:103–117.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]