Saltar ao contido

Os sete contra Tebas (Esquilo)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Escena dos sete contra Tebas: Capaneo escala o muro da cidade de Tebas, ánfora arredor de -340.

Os sete contra Tebas (grego antigo: Ἑπτὰ ἐπὶ Θήβας, Hepta epi Thēbas; latín: Septem contra Thebas) é a terceira obra da triloxía de Edipo creada por Esquilo no -467. A triloxía é chamada ás veces Edipodea. A historia conta a batalla do exército arxivo liderado por Polinices e o exército de Tebas liderado por Eteocles e os seus seguidores. A triloxía gañou o primeiro premio nas festas dionisíacas. As dúas primeiras obras, Laio e Edipo, así como a obra satírica Esfinxe, non se conservan.

Argumento

[editar | editar a fonte]

Cando Edipo, rei de Tebas, descobre que casou coa súa propia nai e que tivo dous fillos e dúas fillas con ela, cegouse a si mesmo e maldixo ós seus fillos a dividir o seu legado (o reino) pola espada. Os dous fillos, Eteocles e Polinices, para evitar o derramamento de sangue, accederon a gobernar Tebas en anos alternos. Despois do primeiro ano, Eteocles negouse a ceder o seu posto e como resultado, Polinices ergueu en armas ós arxivos para tomar Tebas pola forza. Nese punto é onde comeza a traxedia de Esquilo. Hai pouco argumento como tal, mais en troques a maior parte da obra consiste en ricos diálogos que amosan como a cidadanía de Tebas se sente ameazada polo exército arxivo perante as súas portas, e como o rei Eteocles cavila e sente sobre o tema. Os diálogos tamén amosan aspectos sobre o carácter de Eteocles. Tamén hai unha longa descrición de cada un dos sete capitáns que lideran ós arxivos no ataque contra as sete portas da cidade de Tebas. En consecuencia, Eteocles anuncia que comandante tebano enviará contra cada capitán arxivo. Finalmente, revélase que o comandante das tropas que atacan a sétima porta é o propio Polinices, o irmán do rei. Entón, Eteocles lembra e refírese á maldición do seu pai Edipo. Eteocles decide atoparse e loitar contra o seu irmán en persoa. Despois dunha oda coral, un mensaxeiro entra e anuncia que os atacantes foron repelidos, pero que Eteocles e Polinices acabaron matándose o un ó outro. Os corpos son levados ó escenario e o coro chora a súa morte.

Debido á popularidade da obra de Sófocles Antígona, o final dos sete contra Tebas foi reescrito case cincuenta anos despois da morte de Esquilo.[1] Mentres Esquilo escribiu o final da súa obra cun loito dos irmáns mortos, o novo final serve de ligazón para o comezo da obra de Sófocles: un mensaxeiro aparece, anunciando a prohibición de soterrar o corpo de Polinices; porén, a súa irmá Antígona, anuncia a súa intención de desafiar ese edicto.

O xuramento dos sete xefes de Alfred Church.

Os sete atacantes e defensores da obra son:

# Atacante Defensor
1 Tideo Melanipo
2 Capaneo Polifonte
3 Eteoclo Megareo
4 Hipomedón Hiperbio
5 Partenopeo Actor
6 Anfiarao Lastenes
7 Polinices Eteocles
  1. Aeschylus. Prometheus Bound, The Suppliants, Seven Against Thebes, The Persians. Philip Vellacott's Introduction, pp.7-19. Penguin Classics.