Saltar ao contido

Complexo de Edipo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O complexo de Edipo é un concepto desenvolvido por Sigmund Freud e un dos principais descubrimentos da psicanálise. Carl Jung tamén describiu este concepto que tenta explicar a maduración do neno a través da identificación co pai e o desexo da nai. En sentido estrito defínese como o conxunto de impulsos que empuxan o neno no seu terceiro estadio de desenvolvemento (o estado edípico ou xenital) en torno ós tres, catro ou cinco anos, despois do estadio oral e do estado sádico-anal, caracterizado pola atracción cara á nai e a hostilidade cara ó pai.

Baséase no mito grego de Edipo que mata a seu pai Laio e casa coa súa muller Iocasta. O complexo de Edipo foi descrito como un estado de desenvolvemento e consciencia psicosexual da teoría freudiana coñecida tamén como fase fálica.

Descubrimento e descrición do complexo

[editar | editar a fonte]

Freud descubriu o complexo no curso dunha autoanálise, cando reflexionaba sobre a historia do heroe grego Edipo, tal e como é narrado na traxedia grega de Sófocles. Nos seus primeiros escritos Freud fala de « complexo nuclear » ou « complexo materno ». Non é ata 1910, no seu texto titulado Contribución á psicoloxía da vida amorosa, que aparece o termo « complexo Edipo ».

Segundo Freud, a elaboración dun complexo de Edipo constitúe unha etapa normal no desenvolvemento psicolóxico dos rapaces. En tanto que a nai é percibida despois do primeiro estadio de desenvolvemento como a « nutridora » que procura pracer dando o peito, o rapaciño tende progresivamente a « apropiarse dela ». Este tenro pulo ou "pulsión" desencadea o complexo propiamente dito, que se desenvolve en tres fases:

A fase fálica
O neno ten a intuición dos xogos sexuais existentes entre os seus pais e toma consciencia de que existe entre eles unha complicidade da que é excluído.

A frustración provócalle varios comportamentos típicos nos que o neno tenta interpoñerse entre seu pai e súa nai. Entra no cuarto dos pais sen chamar, por exemplo. Acaba por entrar en rivalidade con seu pais e exhibe o seu pene á súa nai.

A castración
O pai oponse ós desexos do neno e toma, ós seus ollos, a estatura dunha figura autoritaria susceptible de castigalo. O neno imaxínase a castración como unha sanción do pai pola súa rivalidade (fálase entón de « complexo de Edipo positivo »), ou como identificación coa nai nun desexo invertido de seducir o pai (trátase neste caso dun « complexo de Edipo invertido », a través do que se dá conta da ambivalencia e da bisexualidade humana). Tanto nun caso coma no outro, os impulsos sexuais constitutivos do complexo son rexeitados. Neste senso, esta etapa xera moitas veces traumatismos e neuroses.
A resolución
O rexeitamento dos impulsos sexuais dura ata a adolescencia, idade na que o temor á castración prepara o raparigo para renunciar á satisfacción sexual cun ou outro dos seus pais e lle permite así saír do complexo de Edipo, e buscar outros compañeiros sexuais que non sexan a súa nai e construír a súa propia personalidade tomando emprestado elementos tanto de seu pai como de súa nai. Máis tarde, a busca dunha parella permitiralle tornarse, á imaxe de seu pai, un home que goza conforme á lei, sublimando os seus desexos incestuosos a través de creacións diversas.

Exame crítico do complexo

[editar | editar a fonte]

Esteándose en material tirado da súa propia autoanálise e de estudos antropolóxicos sobre o totemismo, Freud desenvolveu o complexo de Edipo como unha explicación da formación do ego, do superego e do id. O paradigma tradicional no crecemento psicolóxico dun neno consiste en seleccionar a nai como obxecto do seu desexo sexual. O esperable é a ira do pai e que o neno o sinta como unha especie de castración. O neno internaliza as regras impostas polo pai dando lugar a aparición do superego, que censura o incesto entre outras prohibicións. O pai convértese na figura coa que o neno se quere identificar en tanto que quere ter o seu falo pero desiste nos seus intentos de posuír a súa nai, transferindo a súa atención libidinal cara a novos obxectos de desexo.

Freud cría que o complexo de Edipo era universal. Tentaba amosar que a maior parte dos problemas psíquicos que afectaban a pacientes masculinos resultaban dun complexo de Edipo mal resolto ou non resolto. Freud demostra unha asombrosa virtuosidade neste exercicio (pódese ler por exemplo a obra práctica Cinco psicanálises).

Con todo, o complexo foi criticado dende diferentes ángulos.

A escola psicanalítica « ortodoxa»

[editar | editar a fonte]

O mesmo Freud era consciente de que o modelo do complexo de Edipo non se podía adaptar tal cal ó caso dunha nena. O complexo de Edipo explica en efecto como o neno supera a atracción sexual cara á súa nai e a dirixe cara a outras mulleres. Tamén para a nena a nai se presenta, nos primeiros estadios de desenvolvemento como a nai « nutricia ». Se o complexo funcionaba igual nos nenos e nas nenas, entón non se comprende ben como as mulleres, unha vez adultas, son atraídas polos homes. A psicanálise tentou dar conta desta asimetría a través da noción do complexo de Electra.

As contestacións vidas da antropoloxía e a etnoloxía

[editar | editar a fonte]

Claude Lévi-Strauss encontraba abusivo que Freud fundase os alicerces da psicoloxía humana sobre unha « peza de teatro de Sófocles », peza que, por outra parte, non tiña o aval de mito fundador do espírito europeo (o individuo opoñéndose á Cidade) que tiña a súa traxedia Antígona.

Críticas máis severas foron igualmente avanzadas pola etnoloxía. En particular, a noción de complexo de Edipo parecía indisociable dunha forma familiar precisa, unha familia "nuclear", onde o pai, a nai e os nenos viven baixo o mesmo teito e onde o pai biolóxico exerce a autoridade parental sobre o neno. A etnoloxía da familia ensínanos que esta forma de organización familiar non é en absoluto universal: son numerosas as culturas nas que o depositario da autoridade con relación ó neno non é o pai. Nalgúns casos é o tío materno, o cal suscita dificultades numerosas para que o complexo de Edipo funcione como Freud o supoñía.

Esta cuestión continúa alimentando un debate extremadamente vivo, en particular no contexto social en que se desenvolve a cultura occidental con novas formas de familia (a monoparentalidade e a recomposición familiar). Hoxe, numerosos psicanalistas tentan aproveitar a noción teórica do complexo de Edipo nos casos en que a figura da autoridade paterna se atopa ausente, intermitente, ou partillada entre varios pais.

No seo da psicanálise, unha corrente disidente emerxía dos traballos de Jung, que atribuía á vida psíquica non soamente a pulsións individuais inconscientes (como propoñía Freud), senón a un nivel diferente, o do inconsciente colectivo cuxos arquetipos dominan a vida psíquica individual. Segundo Jung, certos impulsos atoparían expresión, no cadro da cultura occidental, no arquetipo cultural de Edipo: nesta análise, o arquetipo influencia a expresión das pulsións que acaban por constituír un complexo de Edipo; mais este complexo non é universal nin no espazo nin no tempo. Noutras culturas dispoñen doutros arquetipos estruturados segundo outro inconsciente colectivo. A atracción da nai e a hostilidade cara ó pai non terían por que articularse nun complexo de Edipo ó estilo occidental.

Non só o contido do complexo de Edipo senón a súa validez, en canto que noción científica, presentan serios problemas de aplicación en problemas neurofísicos e están suxeitos a debate.

As críticas filosóficas

[editar | editar a fonte]

Alfred Adler non compartía a idea freudiana do dominio do sexo sobre o ego e atacou as ideas de Freud sobre a represión. Adler coidaba que a teoría da represión da libido debería ser substituída polos conceptos de "tendencias ego-defensivas" -o estado neurótico derivaría de sentimentos de inferioridade e sobrecompensación da protesta masculina. Os complexos de Edipo son para el insignificantes.

Michel Foucault e Gilles Deleuze, xunto co psicanalista radical Félix Guattari, usaron o traballo de Freud para mostrar como as estruturas de poder internalizadas son unha función da orde das cousas do mundo en que vivimos.

Deleuze e Guattari no seu Anti-Edipo falan da diseminación do complexo freudiano de Edipo, que eles denominan Edipalización. A súa visión é que o sistema capitalista e a psicanálise como ferramenta súa pretenden facerlle crer á xente nun pai que é máis poderoso ca eles e que ten un falo que nunca será acadable para eles. A súa idea é que a estrutura familiar representa a unidade máis pequena desa suxeición porque agora o poder non procede dunha forza central como era Deus ou o monarca, senón que está espallado en pequenas unidades de poder que manteñen a xente sometida. Para eles a psicanálise é un intento de producir neuroses ó tempo que o sistema capitalista é inherentemente esquizofrénico. A súa proposta defende estruturas anedípicas, confiando no concepto de obxectos parciais da psicanalista Melanie Klein e propoñendo a substitución da psicanálise por esquizoanálise.

[editar | editar a fonte]

Moi a miúdo, a cultura popular retratou a Freud de maneira simplista como un pervertido proclamando a súa teoría do complexo de Edipo un completo absurdo. En todo caso, de considerarmos a tenacidade con que o concepto alimentou a imaxinación cultural e os refinamentos a que foi sometido por filósofos e psicanalistas do século pasado é evidente que as condicións históricas suxeridas por Foucault fixeron que a idea resultase certamente atractiva e fose sometida a unha certa disciplina científica.

Bibliografía

[editar | editar a fonte]