Solón

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á busca
Solón
Ignoto, c.d. solone, replica del 90 dc ca da orig. greco del 110 ac. ca, 6143.JPG
Busto de Solón no Museo Nacional Arqueolóxico de Nápoles.
Nacemento c. 638 a. C. e post. 640 a. C.
  Atenas
Falecemento c. 558 a. C. e 559 a. C.
  Atenas
Nacionalidade Antiga Atenas
Etnia Gregos
Ocupación legislator, xurista, poeta, escritor e político
editar datos en Wikidata ]

Solón (en grego Σόλων), nado en Atenas cara ao 640 a. C. e finado na mesma cidade cara ao 560 a. C., foi un lexislador, estatista e poeta da Grecia arcaica. Considerado un dos Sete sabios de Grecia, é recoñecido habitualmente como o iniciador da Democracia ateniense.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Nado no seo dunha familia aristocrática vida a menos, autores clásicos coma Plutarco colócano coma parente de Pisístrato. A propia tradición ateniense recollida polo autor sitúano como artífice da reconquista da illa de Salamina polos atenienses, tras o conflito mantido con Megara (c. 612 a. C.). Tal éxito tería provocado o recoñecemento e prestixio de Solón entre os seus paisanos, o que lle valeu para ser escollido arconte con poderes extraordinarios arredor do 594 a. C. Por espazo de catro anos levou a cabo unha serie de reformas lexislativas de grande importancia, procurando o que chamou a Eunomía, ou boa orde e goberno.

Abandonou Atenas en 590 a. C. e dedicouse a viaxar por varios países, coma Chipre, Lidia e Exipto, regresando á polis cando estaba gobernada polo tirano Pisístrato, quen se amosou respectuoso co vello lexislador, finando na propia cidade á idade aproximada de 80 anos.

A reforma soloniana[editar | editar a fonte]

A reforma constitucional[editar | editar a fonte]

A principal característica desta xeira reformadora foi que permitiu a un maior número de habitantes participaren na vida pública ateniense. Para tal efecto, permitiu que os thetes, xornaleiros que carecían ata o momento de dereitos políticos, accedesen á Eklesía, podendo participar na elección dos maxistrados. Tamén creou unha nova institución, a Bulé, consello de 400 membros elixidos por sorteo cada ano encargado de preparar as reunións da Eklesía, vixiar a execución das leis e a orde cidadá. A Heleia, tribunal popular formado por 6.000 membros, contribuíu a achegar a xustiza ao pobo. Ademais, Solón concedeu a facultade a todos os cidadáns de emprenderen unha acción xudicial, así como de apelaren a un tribunal popular a decisión dun maxistrado.

A reforma social[editar | editar a fonte]

A gran mudanza no ámbito social foi a disposición da Seisactía, consistente na abolición total da débedas dos campesiños, sen ningunha indemnización para os nobres acredores. Esta medida permitiu abolir a escravitude de quen se vendera por mor das débedas e, por ende, aliviar en grande medida a situación do campesiñado.

As clases sociais ficaron divididas en catro categorías definidas en función do produto da súa terra medido en peso de cereal e de líquido, a saber:

  1. Pentacosiomedimnos.
  2. Hippeis.
  3. Zeugitas.
  4. Thetes.

Só as dúas primeiras clases tiñan dereito a elixiren e a seren elixidos nas maxistraturas do Estado. Por outra banda, cada categoría social desempeñaba un papel diferente no exército, tendo en conta que eran os propios cidadáns mobilizados para o exército os que debían custear o seu propio material militar. Por exemplo, os hippeis eran cabaleiros que podían pagarse un cabalo, os zeugitas realizaban funcións de infantería pesada e os thetes formaban a infantería lixeira e actuaban de remeiros na mariña de guerra. Con esta reforma, a posición social e o cargo na Administración e no exército viñan determinados pola fortuna e non polo nacemento.

Outras disposicións lexislativas importantes de Solón foron a retirada do dereito que asistía aos pais de decidiren sobre a vida e a morte dos seus fillos, a concesión do dereito á herdanza e sucesión aos fillos naturais, a prohibición da venda dos fillos por parte dos seus pais e diversas medidas encamiñadas a eliminar os gastos suntuarios dos aristócratas.

A reforma económica[editar | editar a fonte]

As medidas en materia económica tomadas por Solón xiraron basicamente en torno a tres eixos fundamentais: a fixación do sistema de medidas e moedas, as modificacións na agricultura e o impulso na artesanía e no comercio. Así, consolidou as medidas en medimno para os sólidos e en metreto para os líquidos e acuñou moeda, coñecida como euboico. Propiciou o cultivo da vide e da oliveira en detrimento da agricultura cerealística e impulsou a cerámica e o comercio en xeral.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Fernández Uriel, P. (2011). Historia Antigua Universal II. El mundo griego. Universidad Nacional de Educación a Distancia, Madrid.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]