Die Traumdeutung

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «A interpretación dos soños»)

Die Traumdeutung
Portada da edición orixinal en alemán
Título orixinalDie Traumdeutung
Autor/aSigmund Freud
OrixeAlemaña
Linguaalemán
EditorialFranz Deuticke
Data de pub.1899
Páxinas375
editar datos en Wikidata ]

Die Traumdeutung (que cabería traducir como "A interpretación dos soños") é unha obra de Sigmund Freud. A primeira edición foi publicada inicialmente en alemán en novembro de 1899, aínda que datada posteriormente en 1900 polo editor. A publicación inaugurou a teoría freudiana da análise dos soños cuxa actividade describiu Freud como a vía rexia cara ao coñecemento do inconsciente dentro da vida anímica.[1]

Contido[editar | editar a fonte]

Ao comezo do primeiro capítulo, Freud describe o seu traballo do seguinte xeito:

Nas páxinas que seguen demostrarei que existe unha técnica psicolóxica que permite interpretar soños, e que, se se aplica este procedemento, todo soño aparece como un produto psíquico provisto de sentido ao que cabe asignar un posto determinado dentro do trafego anímico da vixilia. Tentarei, ademais, aclarar os procesos que dan ao soño o carácter de algo alleo e irrecoñecible, e dende eles remontareime á natureza das forzas psíquicas de cuxa acción conxugada ou contraria nace o soño.[2]

A obra introduce o concepto de Eu, e describe a teoría de Freud do inconsciente no que concirne á interpretación dos soños. Os soños, dende o punto de vista freudiano, constitúen formas de "cumprimento do desexo" - tentativas do inconsciente para resolver un conflito dalgunha clase, xa sexa algo recente ou algo procedente en grao sumo fondo do pasado (máis tarde en Máis aló do Principio de Pracer Freud falaría dos soños que non parecían constituírse en cumprimento de desexo). Con todo, debido a que a información no inconsciente se atopa nunha indomable e a miúdo perturbadora forma, un "censor" no preconsciente non permitirá que pase inalterada á consciencia. Durante os soños, o preconsciente é máis laxo neste deber que en horas de vixilia, pero aínda está atento: como tal, o inconsciente debe falsear e deformar o sentido da súa información para que poida pasar a través da censura. Así, as imaxes nos soños a miúdo non son o que parecen ser, segundo Freud, e necesitan dunha profunda interpretación para que poidan informarnos sobre as estruturas do inconsciente.

Freud basea a súa argumentación na revisión inicial de traballos científicos previos de análises dos soños, que atopa interesantes mais inaxeitados. A continuación describe unha serie de soños que ilustran a súa teoría. Moitos dos seus soños máis importantes son propios -o seu método é inaugurado cunha análise do seu soño "A inxección de Irma"- pero moitos tamén proceden de estudos de casos de pacientes. A maior parte das fontes de Freud para a análise están na literatura, e o libro é tanto un autoconsciente intento de análise literaria como un estudo psicolóxico. Freud aquí tamén examina en primeiro lugar o que máis tarde se convertería na teoría do complexo de Edipo.

A tirada inicial do libro foi moi baixa -tomou moitos anos vender as primeiras 600 copias. Freud revisou o libro polo menos oito veces, e na terceira edición engadiu unha ampla sección que trataba do simbolismo dos soños moi literalmente, por mor da influencia de Wilhelm Stekel. Máis tarde, os psicanalistas expresaron a súa frustración con esta sección, xa que alenta a idea de que a interpretación dos soños era unha sinxela procura dos símbolos de sexo, penes etc. (Exemplo: "Inclinacións empinadas, escaleiras e chanzos, subíndoos ou baixándoos, son representacións simbólicas do acto sexual"). Estes enfoques foron en gran parte abandonados en favor de métodos máis comprehensivos.

Amplamente considerada como o seu máis importante contribución á psicoloxía, Freud dixo da súa obra: "Un descubrimento como este correspóndese a un de entre moitos, pero só albíscase unha vez na vida".

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Sigmund Freud. Obras completas. Volumen V: La interpretación de los sueños (segunda parte). Sobre el sueño (1900-1901). Páxina 597. Amorrortu editores (en castelán).
  2. Sigmund Freud. Obras completas. Volumen IV: La interpretación de los sueño (primera parte) (1900). Páxina 29. Amorrortu editores (en castelán).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Marinelli, Lydia e Andreas Mayer A. (2003) Dreaming by the Book: A History of Freud's 'The Interpretation of Dreams' and the Psychoanalytic Movement, Nova York: Other Press. ISBN 1-59051-009-7 (Mayer e Marinelli exploran mudanzas textuais en diferentes versións de A interpretación dos soños e ofrecen un reconto histórico de como o libro se converteu no texto fundacional do movemento psicanalítico).
  • "The Language of Psycho-Analysis", Jean Laplanche et J.B. Pontalis, Editeur: W. W. Norton & Company, 1974, ISBN 0-393-01105-4

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]