Agón
Aparencia
Para o concello zaragozano véxase: Agón, Zaragoza.
Agón (grego clásico ἀγών) é unha palabra do grego antigo que ten varios significados:
- Por unha banda, referíase a un concurso ou competición, especialmente os Xogos Olímpicos (Ὀλυμπιακοὶ Ἀγῶνες), ou un desafío relacionado con festas relixiosas.[1][2]
- Nun sentido amplo de enfrontamento ou competición, agón referíase a unha competición de atletismo, música, literatura, carreiras de cabalos ou de bigas nun festival público da Grecia antiga.
- Agón tamén era unha personificación mitolóxica das devanditas competicións.[3] Este deus estaba representado nunha estatua en Olimpia con halteres (ἁλτῆρες) nas mans. Esa estatua era obra do escultor Dionisio de Argos, e fora encargada por Smicythus de Rhegium.[4]
- No teatro da Grecia antiga, particularmente na comedia antiga (século V a. C.), agón refírese á convención formal pola que o conflito entre os personaxes debe fornecer a base da acción. Agón é un debate formal que manteñen os personaxes principais dunha obra de teatro grega, protagonista e antagonista, a miúdo co coro actuando como xuíz. O personaxe que fala de segundo sempre gaña o agón, xa que a última palabra sempre é súa. O significado do termo chegou a sobardar os límites da súa orixe clásica para designar, de xeito máis xenérico, o conflito en que se basea unha obra literaria.
- Harold Bloom na súa obra The Western Canon (O canon occidental) usa o termo agón para se referir ás ocasións en que un escritor tenta resolver un conflito intelectual entre as súas ideas e as dun predecesor influente, co resultado de que "o peixe grande come o pequeno", como no capítulo 18: "Joyce's Agon with Shakespeare".
- AGOn é tamén a abreviatura habitual da Asociación Galega de Onomástica, onde colaboran por exemplo Xosé María Lema Suárez, Elixio Rivas Quintas ou Gonzalo Navaza Blanco.
En galego hai diversas palabras derivadas de agón, como agonía, protagonista, antagonista etc.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ TRAPIDO, Joel (1949): The Language of the Theatre: I. The Greeks and Romans. Educational Theatre Journal. Vol. 1, Núm. 1 (outubro, 1949), páx. 18–26. DOI:10.2307/3204106. Consultado o 3 de xaneiro de 2011 (en inglés).
- ↑ Key Terms for the Context and Performance of Greek Tragedy Arquivado 30 de decembro de 2010 en Wayback Machine.. Consultado o 3 de xaneiro de 2011 (en inglés).
- ↑ SCHMITZ, Leonhard (1867): "Agon" Arquivado 07 de outubro de 2012 en Wayback Machine., in SMITH, William: Dictionary of Greek and Roman Biography and Mythology. Boston: Little, Brown and Company. Vol. 1, páx. 74. Consultado o 3 de xaneiro de 2011 (en inglés).
- ↑ PAUSANIAS: The description of Greece, capítulo 26, páx. 79. Consultado o 3 de xaneiro de 2011 (en inglés).