Psicanálise

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A psicanálise (ou psicoanálise) é unha disciplina fundada por Sigmund Freud que agrupa tres tipos de reflexións e de estudos:

  • un conxunto de teorías nacidos da experiencia analítica, a metapsicoloxía;
  • unha serie de métodos de investigación das significations inconscientes da lingua, do comportamento ou das producións da imaxinación;
  • unha psicoterapia, a cura psicanalítica.

A psicanálise, como disciplina creada para tratar enfermidades mentais, baséase na revelación do inconsciente. O seu campo de acción é o da psicoterapia que procura elucidar a través dun proceso de asociacións as conexións entre os compoñentes inconscientes dos procesos mentais dos pacientes.

Na psicanálise clásica, a materia fundamental da psicanálise son os patróns inconscientes da vida conforme son revelados a través das asociacións libres do analizando. A meta última é axudar a liberalo das barreiras de resistencia ou transferencia, inconscientes ou non examinadas. Para isto o analista rastrexa os patróns de relacións que deixaron de funcionar ou inhiben a liberdade do paciente.


O método básico é a asociación libre. O paciente ou analizando, nun ambiente relaxado, nun sofá ou nun diván, é invitado a falar sobre o que queira. Os desexos, os soños, as lembranzas da infancia, as fantasías son especialmente interesantes para o analista que mantén unha actitude de neutralidade empática, escoitando e intervindo cando o coida conveniente, para reconsiderar unha parte do discurso do paciente, para comentar ou volver sobre algo do xa dito.

Máis recentemente, algunhas formas de psicanálise procuran, entre outras cousas, axudar os pacientes a gañar autoestima ou a ter unha maior confianza en si mesmos, sobrelevar o medo da morte e os seus efectos no comportamento e manter relacións que poden parecer incompatibles.

Historia[editar | editar a fonte]

A historia da psicanálise comeza cos traballos de Sigmund Freud, un neurólogo interesado en atopar un tratamento efectivo para pacientes con síntomas neuróticos ou histéricos en Viena (Austria) na década de 1890. Da consulta cos seus pacientes, Freud chegou a postular que os seus problemas nacían de desexos e fantasías sexuais socialmente inaceptables e polo tanto reprimidos e inconscientes. A medida que foi desenvolvendo a súa teoría incluiría así mesmo desexos e fantasías de natureza agresiva. Freud consideraba estes aspectos da vida pulsións instintivas, enerxía libidinal, os instintos de Eros e Tánatos. O concepto freudiano de Eros/Libido abranguía todos os instintos creativos e sostedores da vida. O instinto da morte representaba o impulso de regreso ó estado de calma, de non-existencia. Desde os tempos de Freud, a psicanálise desenvolveuse de moitas formas, en especial, como estudo do sentido persoal, interpersoal e intersubxectivo do eu.

As escolas de psicanálise máis destacadas inclúen: a psicoloxía do ego ("ego psychology"), que pon de relevo os mecanismos e as fantasías inconscientes; a psicoloxía do self ("self psychology"), que enfatiza o desenvolvemento dun sentido estable do eu a través do contacto mutuamente empático con outros humanos; a psicanálise lacaniana, que integra a psicanálise coa semiótica e coa filosofía hegeliana; a psicoloxía analítica, que ten unha aproximación máis espiritual; a teoría de relacións obxectuais ("object relations theory"), que acentúa a dinámica das relacións dun cos outros tal e como son internalizados e adoptados nas súas fantasías; a psicanálise interpersoal, que destaca os matices e calidades das interaccións interpersoais; e a psicanálise relacional, que combina a psicanálise interpersoal coa teoría de relacións obxectuais. Aínda que todas estas escolas teñen diferentes teorías, en xeral todas continúan subliñando a influencia do autoengano e do pasado persoal sobre a súa vida mental actual.

Teorías[editar | editar a fonte]

A psicanálise é teoricamente moi diversa. A meirande parte dos analistas usa algún dos seguintes modelos psicoanalíticos da mente.

O modelo topográfico[editar | editar a fonte]

O modelo topográfico da mente elaborouse para axudar os analistas a entender como os pacientes reprimían desexos, fantasías e pensamentos. No modelo topográfico, a mente está dividida en tres sistemas: o consciente, o preconsciente e o inconsciente. O sistema consciente inclúe todo aquilo do que somos conscientes nas nosas mentes. O preconsciente inclúe material do que podemos ter consciencia pero do que normalmente non somos conscientes. O inconsciente inclúe material que trasladamos defensivamente da nosa consciencia por medio da represión ou outros mecanismos de defensa.

No traballo clínico, os analistas tentan mover o material inconsciente ó preconsciente e logo á mente consciente para aumentar a autoconsciencia do paciente.

A pesar de que o modelo topográfico permanece en uso en varias discusións e formulacións clínicas, o mesmo Freud se decatou das súas limitacións e paradoxos. En concreto, observou que o conflito ocorre non só entre a consciencia e a inconsciencia senón entre diferentes procesos mentais dentro do inconsciente. Freud sentía que era necesaria unha nova teoría para dar conta desta observación e propuxo o modelo estrutural de 1923.

O modelo estrutural[editar | editar a fonte]

É o modelo psicanalítico da mente máis famoso. O modelo estrutural divide a mente entre o Ego, o Superego e o Id. O id é a fonte dos nosos desexos, entre os que se inclúen os impulsos sexuais e agresivos. O superego inclúe os nosos ideais e o código moral. O ego está construído por un grupo de mecanismos (verificación da realidade, xuízo, control dos impulsos, etc.) que nos axudan a lidar co mundo real. Os analistas que usan o modelo estrutural fócanse comunmente en axudar os pacientes a sobrelevar e manexar os conflitos que ocorren entres estas tres axencias mentais. Moitos usan o modelo estrutural para a diagnose clínica. Esta diagnose supón unha avaliación do nivel de funcionamento do id, do ego e do superego do paciente, e as áreas de febleza e fortaleza de cada un deles. Por exemplo, os psicoanalistas diagnostican un paciente como psicótico se o seu ego sofre dun dano na comprobación da realidade, na verificación do que é real ou non.

O modelo económico[editar | editar a fonte]

O modelo económico da mente case non é usado hoxe pero tivo moita importancia historicamente. No modelo económico, a mente é representada como un sistema de enerxía. A enerxía mental ou líbido pode ser distribuída de xeitos moi diversos a través do sistema, surtindo de enerxía varios procesos ou actividades. A maioría dos analistas abandonaron o modelo económico pola súa complexidade e depender de ideas decimonónicas acerca da hidráulica. Aínda así, un pequeno número de analistas retén o modelo porque coidan que a súa vaguidade é de moita xuda ó aludir a trazos da vida mental que xacen máis alá do entendemento científico.

O modelo de conflito[editar | editar a fonte]

O modelo de conflito da mente está deseñado para axudar a entender conflitos mentais específicos. Este modelo da mente divídea en unidades básicas denominadas formacións de compromiso. Unha formación de compromiso consiste nun desexo, un sentimento de desagrado acerca do desexo e unha defensa usada para eliminar aquel sentimento de desagrado. Por exemplo, un paciente podería ter un desexo agresivo de atacar figuras con autoridade que podería desembocar nun sentimento de medo ou temor a ser castigado antes que nun asalto físico ós seus superiores. O produto do desexo, desagrado e defensa toma a forma dun compromiso entre os tres. Algúns analistas argumentaron que este modelo é o modelo psicanalítico máis importante en tanto que distingue a psicanálise doutras teorías psicolóxicas como a psicoloxía humanística que minimiza o conflito mental.

Psicanalistas célebres[editar | editar a fonte]

Alemáns[editar | editar a fonte]

Arxentinos[editar | editar a fonte]

Austríacos[editar | editar a fonte]

Estadounidenses[editar | editar a fonte]

Franceses[editar | editar a fonte]

Suízos[editar | editar a fonte]

Ingleses[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Elliott, Anthony (2005) Psychoanalytic Theory. An Introduction. New York: Palgraver Macmillan.
  • Thomson, C.L, Rudolph L.B., & Henderson, D. (2004). Counseling children (6ª ed.). Belmont, CA: Brooks/Cole Thompson Learning.
  • Mc Cormik, Hugo (2004) En el principio era el deseo, Bogotá: El otro, el mismo.
  • Berman, J. (2003). "Recensión do libro The writing cure: How expressive writing promotes health and well-being. [versión electrónica]. Psychoanalytic psychology, 20(3), 575-578.
  • Firestone, R.W. (2002) "The death of psychoanalysis and depth therapy" [versión electrónica]. Psychotherapy: Theory, Research, Practice, and Training, 39(3), 223-232.
  • Tori, C.D. & Blimes, M. (2002). Cross-cultural and Psychoanalytic Psychology: The Validation of defense measure in an Asian population. [versión electrónica]. Psychoanalytic psychology, 19(4), 701-421.
  • Corey, G. (2001) Theory and practice of counseling and psychotherapy (6ª ed.), Belmont, CA: Brooks/Cole Thompson Learning
  • Roudinesco, Elisabeth & Plon, Michel (1997) Dictionnaire de la psychanalyse, París: Fayard.
  • Hunt, Morton (1994) "Explorer of the Depths: Sigmund Freud", The Story of Psychology, New York: Anchor Books.
  • Dolto, Françoise (1988) Psicanálise e pediatría : as grandes noções da psicanálise : dezesseis observações de crianças, (4ª ed). Rio de Janeiro : LTC.
  • Anzieu, Didier (1976) El autoanálisis de Freud, México: Siglo XXI. [Anzieu, Didier]] (1959) L'auto-analyse de Freud et la découverte de la psychanalyse, París: PUF]
  • Freud, Sigmund(1956) Naissance de la psychanalyse, París: PUF. (Cartas a Wilhelm Fliess)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]