Dubai

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.

Coordenadas: 25°15′N 55°18′E / 25.250°N 55.300°E / 25.250; 55.300

Dubai
دبي (en árabe)
CollageDubai.jpg
Arriba: á esquerda panorama urbano co Burj Khalifa; á dereita Burj al-Arab. Centro: imaxe de satélite na que se aprecian as illas artificias da Palmeira Jumeirah e O Mundo. Abaixo: á esquerda a estrada Sheikh Zayed; á dereita Dubai Marina.
Situación xeográfica
Dubai en Emiratos Árabes Unidos
Dubai
Dubai
País Flag of the United Arab Emirates.svg Emiratos Árabes Unidos
Emirato Dubai
Xeografía
Altitude 4[1] msnm
Superficie 800[2] km²
Poboación
Poboación 1.905.000 hab. (2010)[2]
Densidade 2.380 hab/km²
Información
Código postal
Alcalde
Páxina web
Este artigo amosa letras árabes. Sen o soporte axeitado, o texto pode mostrar símbolos sen sentido, coma caixas, marcas e outros.

Dubai (en árabe: دبيّ, transliterado Dubayy) é unha metrópole que ocupa aproximadamente o 20% do territorio do Emirato de Dubai[2], un dos sete que integran os Emiratos Árabes Unidos dende 1971. Está localizada ao longo da franxa costeira do emirato e é a cabeceira da área metropolitana Dubai-Sharjah-Ajman. A súa poboación en 2010 ascendía a 1.905.000 habitantes[2] que a converten na cidade máis populosa dos Emiratos. En 2020 vai ser sede da Exposición Universal.

Dubai ten emerxido coma cidade global e lugar de negocios no Oriente Medio[3]. É tamén un nó importante de transporte de pasaxeiros e mercadorías, converténdose nunha porta moi importante para Occidente. Na década dos sesenta do século XX a economía de Dubai baseábase nos ingresos proporcionados polo comercio e, en menor medida, polas concesións de explotacións petrolíferas, pero o petróleo non foi descuberto ata 1966. Os beneficios do petróleo comezaron a fluír en 1969[4]. As rendas do petróleo axudaron a acelerar o desenvolvemento temperá da cidade, mais as reservas petrolíferas son limitadas e os niveis de produción baixos: en 2010 menos do 5% dos ingresos do emirato viñan do petróleo[5]. O modelo occidental dos negocios de Dubai levou á súa economía a ter como principais ingresos os derivados da aviación, contando con dous aeroportos internacionais; dos servizos financeiros; do turismo, especialmente o de luxo, confirmándose como sede internacional de congresos, convencións e conferencias; e do negocio inmobiliario, destacando o proxecto das Palm Islands, con tres diferentes actuacións: a primeira en Jumeirah, a segunda en Jebel Ali (50% máis grande) e a terceira en Deira que será tres veces maior cá primeira; destaca así mesmo The World, composto por 300 illas de area artificial formando un mapamundi que serán ocupadas por residencias, centros comerciais e hoteis de cinco estrelas [6]. Recentemente Dubai captou a atención mundial polos grandes proxectos de construcións innovadoras, grandes rañaceos, en particular a construción máis alta do mundo, o Burj Khalifa, e eventos deportivos coma a Dubai World Cup, o encontro internacional de carreiras de cabalos que reparte os maiores premios do mundo. Dubai ten sido criticado pola violación dos dereitos humanos da poboación obreira, maioritariamente procedente do sueste asiático[7]. A crise finaceira de 2007 afectou fondamente ao mercado inmobiliario[8] mais a economía volveu a crecer, agardándose un superávit nos presupostos de 2015[9].

En 2012, Dubai era a vixésimo segunda cidade máis cara do mundo e a máis cara do Oriente Medio[10][11]. En 2014, o prezo das habitacións dos hoteis de Dubai estaban consideradas as segundas máis caras do mundo, despois de Xenebra[12]. A firma americana de consultoría global Mercer ten clasificado a Dubai como un dos mellores lugares para vivir no Oriente Medio[13].

Sobre da cidade e do emirato[editar | editar a fonte]

Mapa da cidade de Dubai.

A cidade foi crecendo a partir dos núcleos máis antigos de Bur Dubai e Deira situados a ambas marxes do rego de Dubai. Outras entidades importantes da metrópole son Jumeirah e Jebel Ali.

A cidade de Dubai non é un concello ou un groupo de concellos oficialmente constituídos. É frecuente confundir a Municipalidade de Dubai[14] co organismo rexedor da cidade, cando en realidade é un Departamento do Goberno de Dubai[15] con xurisdición sobre todo o territorio do emirato e cunhas competencias específicas entre as que se achan as urbanísticas.

Clima[editar | editar a fonte]

Dubai presenta un clima árido cálido. Os veráns na zona son extremadamente calorosos, húmidos e con abundantes rachas de vento, con temperaturas que poden superar os 40 °C, se ben durante a noite descenden por baixo dos 30 °C. A maioría dos días son soleados durante todo o ano. Os invernos son algo quentes, con temperaturas de máis de 20 °C durante o día e de algo menos de 15 °C pola noite.

As precipitacións aumentaron nas últimas décadas, chegando a acumularse até 94,3 mm[16]. A humidade é moi alta durante todo o ano; as moderadas temperaturas no inverno fan deste unha estación agradábel, mentres que o verán pode ser molesto polos altos niveis de humidade e temperatura[17], por esta razón o enclave de Hatta é o lugar tradicional de veraneo da clase dirixente pola súa situación nunha zona montañosa fronteiriza con Omán de clima máis benigno. A temperatura máis alta rexistrada nos EAU foi de 52,1º no mes de xullo de 2002; en xullo de 2013 acadáronse en Dubai 51,2º[18].

Arquitectura[editar | editar a fonte]

Panorama urbano de Dubai.

Panorama urbano de Dubai.
Burj Khalifa, a estrutura máis alta feita polo home, durante a súa construción.

Dubai ten unha rica colección de edificios e estruturas de varios estilos arquitectónicos. Aquí pódense achar moitas interpretacións modernas da arquitectura islámica, grazas á proliferación das innovacións na construción e na arquitectura no mundo árabe en xeral, e en Dubai en particular, co patrocinio no só de empresas árabes de enxeñería e arquitectura internacional coma Al Hashemi e Aedas, senón tamén de firmas de Nova York e Chicago[19].

Como resultado deste inzamento, a arquitectura islámica, e mundial, acadou niveis antes descoñecidos no deseño e na tecnoloxía da construción de rañaceos. Ningunha outra cidade do mundo ten máis rañaceos que Dubai máis altos ca 2/3, 1/3 ou 1/4 de quilómetro. Os máximos expoñentes disto son o Burj Khalifa, de longo o rañaceos máis alto do mundo; e o hotel Burj al-Arab, situado na costa coa forma dunha gran vela.

Burj Khalifa[editar | editar a fonte]

Panóramica de Dubai co Burj Al Arab á esquerda e o Burj Khalifa á dereita, máis alonxado.

O Burj Khalifa (Torre do Califa) foi finalizado o 4 de xaneiro de 2010, é, cos seus 828 metros, a estrutura feita polo home máis alta do mundo[20]. Para a súa construción uníronse 30 compañías de todo o mundo con obreiros de máis de 100 nacionalidades[21].

É, de certo, unha icona global dos edificios e un destino importante do turismo mundial. O observatorio instalado no cumio é unha das atraccións turísticas máis populares de Dubai, que tivo en 2013 case dous millóns de visitantes[22].

Burj al-Arab[editar | editar a fonte]

O Burj al-Arab (en árabe: برج العرب, Torre dos Árabes) é un hotel de luxo situado na costa de Dubai. O hotel descríbese comunmente coma o único hotel de sete estrelas do mundo aínda que a dirección do hotel nunca utilizou tal denominación[23].

Está construído sobre unha illa artificial a 280 metros da praia de Jumeirah, e está conectado á costa por unha ponte curva. Posúe un heliporto no cumio a 210 metros de altura.

Infraestruturas de transporte[editar | editar a fonte]

A RTA (Roads and Transport Authority), creada por real decreto en 2005, é a axencia do Goberno de Dubai encargada da xestión e desenvolvemento das infraestruturas de transporte do emirato[24]. A rede de transporte público, enfrontada no pasado a problemas de conxestión e fiabilidade, está sendo transformada cun forte investimento en plans de mellora proxectados para seren completados en 2020, cando se estima que a cidade terá unha poboación de 3,5 millóns. Segundo as estatísticas oficiais, en 2009 había un parque de automóbiles que sobrepasaba o millón de unidades[25]. Este gran número de coches particulares fai que se use pouco o transporte público: en xaneiro de 2010 só o usaban o 6% dos residentes[26].

Aéreas[editar | editar a fonte]

Vista aérea da pista do Aeroporto Internacional de Dubai.

Dubai conta co Aeroporto Internacional de Dubai (Código IATA:DXB, código OACI: OMDB) que dá servizo á cidade de Dubai e outros emiratos do país. En 2014 foi o sexto aeroporto do mundo por tráfico de pasaxeiros cunha cifra de 70,4 millóns, e o primeiro do mundo por tráfico de pasaxeiros internacionais. Ademais ocupa o sétimo lugar mundial en tráfico de mercadorias con 2,37 millóns de toneladas en 2014[27]. É a sede da compañía aérea nacional Emirates que en 2014 operou con 142 destinos internacionais de 70 países dos seis continentes[28]. A compañía de baixo custo Flydubai tamén ten a súa sede neste aeroporto.

Na actualidade está en construción o Aeroporto Internacional Al Maktoum (Código IATA: DWC, código OACI: OMDW) estando xa operativas unha terminal de pasaxeiros deseñada para dar servizo a cinco millóns de pasaxeiros anuais e unha terminal de mercadorías cunha capacidade anual de 250.000 toneladas[29]. Cando esté rematado será o aeroporto máis grande do planeta con capacidade para 160 millóns de pasaxeiros e 12 millóns de toneladas de carga anuais[30].

Marítimas[editar | editar a fonte]

Unha embarcación abra, método tradicional de transporte entre Deira e Bur Dubai.

Dubai conta con dous portos comerciais de importancia, o de Jebel Ali e o de Mina Rashid. O porto de Jebel Ali é a construción portuaria máis grande do mundo e o porto máis grande de Oriente Medio[31]. Os dous portos conxuntamente ocuparon en 2008 a sexta posición mundial en tráfico de contedores[32].

Un dos transportes máis tradicionais para cruzar o Khor Dubai entre Deira e Bur Dubai son os abras, pequenas embarcacións de pasaxeiros que comunican as estacións marítimas de Bastakiya e Baniyas Road[33]. A Axencia do Transporte Marítimo, dependente da RTA, xestiona tamén o Sistema de buses acuáticos de Dubai, embarcacións de pasaxeiros dotadas de aire condicionado que comunican distintos puntos ao longo do Khor Dubai. Unha última incorporación ao sistema de transporte marítimo é o taxi acuático[34].

Terrestres[editar | editar a fonte]

A cidade de Dubai está atravesada por unha ampla rede de estradas e autoestradas que son usadas por unha completa liña de buses e distintas compañías de taxis. Nos últimos anos estase a construír o metro de Dubai e dúas liñas de tranvías. Tamén funciona un tren monoraíl en Palm Jumeirah. Finalmente, está proxectado un tren de alta velocidade que unirá os distintos emiratos da federación e que pasará pola cidade de Dubai.

Estradas e autoestradas[editar | editar a fonte]

A ruta D85 (Baniyas Road) ao longo do Khor Dubai en Deira.

Cinco rutas estatais, nomeadas coa letra E (Emirates) seguida de dous ou tres números, atravesan a cidade de Dubai. Tres delas atravésana na dirección NE-SO e son, comezando pola máis próxima á costa, a E11 (Sheikh Zayed Road), a E311 (Sheikh Mohammed Bin Zayed Road) e a E611 (Emirates Road), que marca o límite meridional da urbe. Outras dúas rutas principais parten da metrópole para continuar despois pola zona non urbana do emirato. Son estas: a E44, que continúa ata Lahbab e segue polo emirato de Sharjah, e a E66, que partindo de Khor Dubai vai en dirección sur ata Al Ain no emirato de Abu Zabi. Unha sexta ruta estatal, a E77, está no territorio do emirato mais non ten ningún tramo urbano; comunina a E611 con Lahbab.

Seguen en importancia as rutas do emirato, nomeadas coa letra D (Dubai) seguida de dous ou tres números. As que rematan nun díxito par seguen a dirección NE-SO e están máis preto da costa canto maior sexa o número; se o último díxito é impar seguen a dirección NO-SE e están máis próximas á fronteira co emirato de Sharjah canto maior sexa o número. Entre as que teñen percorrido urbano total ou parcialmente destacan: a D94 (Jumeirah Road) de Bur Dubai a Jumeirah, cuxo trazado é en gran parte costeiro; a D92 (Al Wasi/Al Mina Road), paralela á anterior que se prolonga ata a fronteira con Sharjah; a D89 que comunica Deira con Al Kawaneej pasando polo Aeroporto Internacional; a D85 (Baniyas Road), que segue a marxe dereita do Khor Dubai; a D75 (Sheikh Rashid Road); a D73 (Al Dhiyafa Road, renomeada Rúa 2 de Decembro) e a D63, que partindo de Jumeirah continua ata fóra da zona urbana.

Ademais das estradas principais hai unha numerosa rede de estradas locais.

Sobre Khor Dubai hai construído un tunel e catro pontes. Por orde de proximidade ao Golfo son: Al Shindagha Tunnel, Al Maktoum Bridge, Floating Bridge, Al Garhoud Bridge e Business Bay Crossing.

Buses e taxis[editar | editar a fonte]

Parada de bus en Dubai con aire condicionado.

O sistema de transporte público de buses depende da RTA. A rede ten 79 rutas que cobren 264.000 km. e úsana diariamente 300.000 pasaxeiros[35].

Os taxis posúen unha licenza expedida pola RTA. Son facilmente recoñecíbeis pola súa cor crema e colores variados no teito que identifican ao operador. A maior flota de taxis é a de Dubai Taxi Corporation, unha división da RTA, co teito de cor vermella. Hai varios operadores privados dos que os máis importantes son: Metro Taxis (teito laranxa), Cars Taxis (teito azul) e Arabia Taxis (teito verde). Ademais, a Dubai Taxi Corporation ten un servizo exclusivo para mulleres con choferes femeninas, Ladies Taxi (teito rosa). A concesión do servizo de taxis do Aeroporto Internacional é explotada pola Dubai Taxi Corporation. A operadora oficial posúe unha flota de máis de 3.000 taxis ademais de 325 que operan no aeroporto. Estes últimos fan unha media de 5.500 viaxes diarias[36].

Metro, tranvía e monorraíl[editar | editar a fonte]

Dubai Metro.

O Metro de Dubai (Dubai Metro) foi proxectado cun presuposto de 3.890 millóns de dólares. En 2015 estaban rematadas dúas liñas, a verde e a vermella que pasan polas áreas finaceiras e residenciais máis importantes. A liña verde foi aberta o 9 de setembro de 2009 e o 1 de marzo de 2014 estaban abertas as 18 estacións da liña, se ben está prevista a ampliación da liña ata as 20 estacións. A liña vermella foi completada hai algún tempo coas súas 29 estacións[37]. Durante a primeira metade de 2015, usaron o Metro de Dubai máis de 88 millóns de pasaxeiros[38]. É o primeiro tren metropolitano da Península Arábiga e o metro máis longo que funciona cun sistema de navigacion automática sen condutores[39].

Palm Jumeirah Monorail.

Un tranvía (Dubai Tram), localizado na liña costeira terá, cando estea rematado, 14,5 km. ao longo de Sufouh Road desde Dubai Marina ata Burj Al Arab e o Mall dos Emiratos, con dúas conexións coa liña vermella do Metro, estando previstas dúas conexións máis coa liña de metro e outra co monorraíl de Jumeirah. A primeira sección de 10,6 km. e 11 estacións, inaugurouna o 11 de novembro de 2014 o xeque Mohammed bin Rashid Al Maktoum, vicepresidente e primeiro ministro dos EAU e emir de Dubai; estando dispoñíbel para os usuarios a partir das 6 da mañá do día seguinte. Este tranvía é o primeiro do mundo en ter instalado en tódalas estacións o sistema de portas de plataforma e tamén é o primeiro fóra de Europa en ter o sistema de alimentación eléctrica no chan[40]. Na primeira metade de 2015 Dubai Tram tivo case 2 millóns de usuarios[38].

O Palm Jumeirah Monorail é unha liña de xestión privada de monorraíl que discorre ao longo do eixe central de Palm Jumeirah, comunicando a esta coa cidade. Está prevista unha conexión do monorraíl co tranvía, e unha extensión da liña para conectala coa liña vermella do metro. Ademais das estacións terminais, ten outras dúas intermedias[41].

Dereitos humanos[editar | editar a fonte]

As violacións de dereitos humanos son criticadas duramente por distintas organizacións. Denúncianse, entre outras, as condicións infrahumanas dos traballadores da construción, a detención arbitraria, a tortura policial, a negación de entrada ao país a certas persoas alegando razóns de seguridade, a utilización dunha lei antiterrorista promulgada en 2014 para reprimir persoas críticas co goberno e a situación das mulleres do traballo doméstico[42][43]. Cara a fin de marzo de 2006 o goberno anunciou pasos para permitir a constitución de sindicatos de traballadores da construción. O ministro de traballo dos EAU anunciara daquela: "Permitirase aos traballadores formar sindicatos"[44]. Porén a situación non cambiou nos anos transcorridos, xestos como a sinatura por parte dos EAU da Convención contra a tortura das Nacións Unidas considéranse puros exercicios de relacións públicas[43].

A organización Human Rights Watch publicou en 2006 un amplo documento onde denunciaba a situación dos máis de 250.000 traballadores estranxeiros que traballaban na construción da cidade, describindo a situación destes coma "menos ca humana"[45]. O maltrato dos obreiros estranxeiros é o tema do documental Slaves in Dubai (2009)[46]. O Goberno de Dubai negou reiteradamente as inxustizas laborais denunciadas e asegura que as acusacións son erróneas. Mentres, o autor do documental explicou en entrevistas que foi necesario ocultar a cámara para evitar que fora descuberta polas autoridades, as cales sancionan con altas multas aos periodistan que intentan documentar abusos de dereitos humanos, incluídas as condicións dos traballadores da construción. O que 'Slaves of Dubai' documenta é a dificil situación de millóns de traballadores en todo o mundo forzados a traballar coma esclavos para construír rañaceos que logo son vendidos por millóns de dólares á superrica elite global. Sirva coma exemplo o pago de 12,25 millóns de dólares por parte do industrial indio Bavaguthu Raghuram Shetty pola compra do andar 100 do Burj Khalifa[47], edificio construído co esforzo, entre outros, de moitos compatriotas seus menos afortunados.

Cidades irmandadas[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ciudades y pueblos del mundo (ed.). «Dubai, Dubai, Emiratos Árabes Unidos» (en castelán). Consultado o 13 de xullo de 2015. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Dubai Municipality Planning Department (ed.). «Dubai 2020 Urban Masterplan» (PDF) (en inglés). Consultado o 7 de agosto de 2015. 
  3. «The 2008 Global Cities Index». Foreign Policy (en inglés). 15/10/2008. Consultado o 27 de xullo de 2015. 
  4. Sampler & Eigner (2008). Sand to Silicon (en inglés). Emiratos Árabes Unidos: Motivate. p. 11. ISBN 9781860632549. 
  5. DiPaola, Anthony (28/9/2010). Bloomberg, ed. «Dubai gets 2% GDP from oil» (en inglés). Consultado o 27 de xullo de 2015. 
  6. ArabianBusiness.com, ed. (3/2/2007). Dubai economy set to treble by 2015 «Dubai economy set treble by 2015» (en inglés). Consultado o 27 de xullo de 2015. 
  7. Davis, Mike (2006). Fear and Money in Dubai «Fear and Money in Dubai». New Left Review (en inglés) (41): 47–68. Consultado o 27 de xullo de 2015. 
  8. «Job losses hasten property decline in Dubai but medium-long term outlook upbeat». Propertywire.com. 3/12/2008. Consultado o 27 de xullo de 2015. (en inglés)
  9. «Mohammad Bin Rashid approves Dubai’s budget for 2015». gulfnews.com. 3/1/2015. Consultado o 27 de xullo de 2015. (en inglés)
  10. Barnard, Lucy (6/3/2013). «Cost of living in Dubai rising rapidly». Thenational.ae. Consultado o 27 de xullo de 2015. (en inglés)
  11. «Oslo, Zürich and Tokyo are most expensive cities». Thepeninsulaqatar.com. 14/9/2012. Consultado o 27 de xullo de 2015. (en inglés)
  12. «Dubai second-most expensive city to stay in, report says». Thenational.ae. 30/7/2014. Consultado o 27 de xullo de 2015. (en inglés)
  13. Duncan, Gillian (8/3/2013). «Abu Dhabi and Dubai are best places to live in the Middle East, survey says». Thenational.ae. Consultado o 27 de xullo de 2015. (en inglés)
  14. «Dubai Municipality official webpage» (en inglés). Consultado o 7 de agosto de 2015. 
  15. «Government of Dubai official webpage» (en inglés). Consultado o 7 de agosto de 2015. 
  16. «Climate in Dubai across the year. Dubai Meteorological office». Dubaiairport.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 14/5/2007. Consultado o 27 de xullo de 2015. 
  17. «Temperature and Humidity in Dubai». Godubai.com. Consultado o 27 de xullo de 2015. (en inglés)
  18. «UAE weather: Temperature soars to near record level». thenational.ae (en inglés). 12/7/2013. Consultado o 27 de xullo de 2015. 
  19. «Modernity and tradition in Dubai architecture by Luiza Karim». alshindagah.com (en inglés). Consultado o 10 de agosto de 2015. 
  20. «Dubai in numbers». go-gulf.ae (en inglés). Consultado o 10 de agosto de 2015. 
  21. «Burj Khalifa». capturedubai.com (en inglés). Consultado o 10 de agosto de 2015. 
  22. «Burj Khalifa records over 1.87 million visitors in 2013». khaleejtimes.com (en inglés). Consultado o 10 de agosto de 2015. 
  23. «Hotel star ratings standards long overdue». thenational.ae (en inglés). 14/7/2009. Consultado o 10 de agosto de 2015. 
  24. «RTA official webpage» (en árabe). Consultado o 7 de agosto de 2015. 
  25. «Gulfnews: Public transport regains allure as Car-free Day gets under way». gulfnews.com (en inglés). 17/2/2010. Consultado o 7 de agosto de 2015. 
  26. «Gulfnews: Rta wants 30 of dubai residents on public transport». gulfnews.com. 21/1/2010. Consultado o 7 de agosto de 2015. 
  27. «DXB Takes Over Top Spot for International Passenger Traffic». dubaiairports.ae. (en inglés)
  28. «Our Destinations». Emirates.com. Consultado o 27 de xullo de 2015. (en inglés)
  29. «Al Maktoum International airport begins operations». Gulf News. 27/6/2010. Consultado o 27 de xullo de 2015. (en inglés)
  30. «Al Maktoum International airport receives first flight». Gulf News. 21/6/2010. Consultado o 27 de xullo de 2015. (en inglés)
  31. «Port of Jebel Ali: review and history». worldportsource.com. Consultado o 29 xullo 2015. (en inglés)
  32. American Association of Port Authorities, ed. (15/4/2008). «World Port Rankings – 2008» (PDF). Consultado o 29 xullo 2015. (en inglés)
  33. «video Dubai Souk Abra Station». dubai-online.com (en inglés). Consultado o 7 de agosto de 2015. 
  34. «New water taxi service launched in Dubai». ameinfo.com (en inglés). 10/07/2013. Consultado o 7 de agosto de 2015. 
  35. «Public Transport Buses». dubai-bus.com (en inglés). Consultado o 8 de agosto de 2015. 
  36. «Dubai-taxi fleet». dubai-bus.com (en inglés). Consultado o 8 de agosto de 2015. 
  37. «Dubai Metro Map». dubai-metro.me (en inglés). Consultado o 9 de agosto de 2015. 
  38. 38,0 38,1 «88m use Dubai Metro, 2m use Dubai Tram in first half of 2015». uaeinteract.com (en inglés). 1/8/2015. Consultado o 9 de agosto de 2015. 
  39. «Will metro change Dubai car culture?». news.bbc.co.uk (en inglés). 11/9/2009. Consultado o 9 de agosto de 2015. 
  40. «About». The Dubai Tram. 
  41. «Palm Monorail, Dubai». palm-monorail.com (en inglés). Consultado o 9 de agosto de 2015. 
  42. Human Rights Watch (ed.). «United Arab Emirates» (en inglés). Consultado o 11 de agosto de 2015. 
  43. 43,0 43,1 Hanania, Ray (26/2/2014). «UAE criticized by EU for human rights violations». The Arab Daily News (en inglés). 
  44. BBC News, ed. (30/3/2006). «UAE to allow construction unions» (en inglés). Consultado o 11 de agosto de 2015. 
  45. Human Rights Watch. Building Towers, Cheating Workers: Exploitation of Migrant Construction Workers in the United Arab Emirates (PDF) (en inglés). 
  46. VICE, ed. (2009). «Slaves in Dubai documentary» (en inglés). Consultado o 11 de agosto de 2015. 
  47. Parag Deulgaonkar (4/2/2015). Emirates 247, ed. «Billionaire Indians spending millions for Burj Khalifa address» (en inglés). Consultado o 11 de agosto de 2015. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Dubái

Outros artigos[editar | editar a fonte]