Osaca[1] ou Osaka[2][3] (大阪市, おおさかし, Ōsaka-shi) é unha cidade do Xapón e a capital da prefectura de Osaca, a segunda en importancia do país tras a capital Tokyo, cunha poboación de 2.598.774 habitantes (censo do 2000).
Está situada no delta do río Yodo (o que lle da a súa configuración característica de cidade entre canais), xunto a súa desembocadura na profunda baía de Osaca no centro da illa de Honshu.
Como é habitual no Xapón, a cidade ten as súas orixes coa erección dun castelo en 1583. Despoxada de poder político primeiro polas próximas Nara e Kyoto (coas que configura xunto con Kōbe unha megalópole de dezanove millóns de habitantes), e despois por Tokyo, especializouse na actividade comercial e industrial, converténdose por moito tempo no principal centro do país.