Metro (transporte)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Primeiro metro eléctrico de Europa, en Budapest.
Metro de Londres.
Rede de metro de São Paulo.

O metro, tamén coñecido como ferrocarril metropolitano, é un sistema de transporte urbano que opera nas grandes cidades. É un ferrocarril formado por trens de tracción eléctrica que circulan sobre raís exclusivos, cunha alta capacidade e frecuencia de paso, sendo normalmente subterráneos ou en viaduto.

Estes sistemas operan sobre distintas liñas que compoñen unha rede, deténdose en estacións non moi distanciadas e localizadas a intervalos xeralmente regulares. O servizo é prestado por varias unidades de vagóns eléctricos que circulan nunha formación sobre vías. Normalmente intégranse con outros medios de transporte públicos e, moitos son operados polas mesmas autoridades de transporte público.

O metro é un sistema de transporte máis rápido e con maior capacidade que o tranvía ou o tren lixeiro, pero non é tan rápido nin cobre distancias de alcance longo como o tren suburbano ou de proximidade. É indiscutible a súa capacidade para transportar grandes cantidades de persoas en distancias curtas con rapidez, cun uso mínimo do chan.

A pesar de que a tendencia expansiva das redes de metro das grandes cidades levounas a conectar con outros núcleos de poboación periféricos da área metropolitana, o tipo de servizo que prestan segue sendo independente e distinguible do que prestan outros sistemas de transporte ferroviarios.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

A palabra "metro" é apócope de "metropolitano" (do latín metropolitānus). Paradoxalmente, o metro máis antigo no dominio lingüístico español denomínase "subterráneo" (coloquialmente "subte", tradución literal do londiniense Underground, o metro máis antigo do mundo). A denominación "subte" ou "subterráneo" estendeuse a algunhas partes de Hispanoamérica, mentres que noutras se usa a palabra metro, tal e como se coñece en España e outras zonas, tomada da denominación da primeira rede de Francia, en París.

Metro é tamén o termo máis utilizado no mundo para denominar a este sistema de transporte. Outros nomes usados en inglés son subway (sobre todo nos Estados Unidos), underground e tube; U-Bahn en alemán; metropolitano en portugués, metropolitana en italiano e chikatetsu en xaponés; entre outros.

Historia[editar | editar a fonte]

Redes de metro no mundo[1]:      Metro nunha cidade      Metro en dúas ou máis cidades      Metro en construción      Metro planificado      Sen metro

O primeiro metro do mundo foi o subterráneo de Londres (denominado Metropolitan Railway), inaugurado en 1863 con seis quilómetros de lonxitude. En anos sucesivos foi estendéndose, de forma que en 1884 formaba un anel de aproximadamente vinte quilómetros. A continuación engadíronselle liñas radiais, en parte ao descuberto e en parte en túnel, para constituír o Metropolitan and District Railway. As locomotoras eran de vapor. Posteriormente comezouse a escavación de túneles en forma de tubo e electrificáronse as liñas, de alí a denominación inglesa Tube.

A seguinte cidade en ter metro foi Nova York, cuxa liña máis antiga, que estaba totalmente separada do tráfico, a West End da BMT, estivo en uso desde o mesmo ano que o Subterráneo de Londres: 1863.

Cronoloxicamente o terceiro metro máis antigo do mundo (e o máis curto) é o de Istambul. O tramo chamado Tünel foi inaugurado en 1876 e comunica o barrio de Karaköy coa Torre Gálata. Foi construído entre 1871 e 1876 por unha empresa inglesa cun proxecto dun enxeñeiro francés: Eugene Henry Gavand. Ten 570 metros de distancia e o traxecto dura soamente dous minutos.

En 1896, Budapest (coa inauguración da liña de Vörösmarty Tér a Széchenyi Fürdö, de cinco quilómetros) e Glasgow (cun circuíto pechado de 10 km) foron as seguintes cidades europeas en dispor de metro. A tecnoloxía estendeuse rapidamente a outras cidades en Europa e logo aos Estados Unidos, onde un elevado número de sistemas construíronse. A partir do século XX comezou a expansión polo resto de continentes, onde o crecemento foi máis grande nos últimos anos.

Redes de metro en España[editar | editar a fonte]

Estación da Alameda, no metro de Valencia.

En España, a primeira rede de metro foi a de Madrid, inaugurada o 17 de outubro de 1919, seguiulle a cidade de Barcelona, que inaugurou a súa primeira liña o 30 de decembro de 1924. Outras cidades españolas con sistema de metro son Alacant, Bilbao, Donostia, Granada, Málaga, Palma, Sevilla e Valencia. En Asturias estase construíndo unha rede de ferrocarril suburbano chamada Metrotrén Asturias, que na cidade de Xixón coñecerase co nome de «metro de Xixón».[2]

En Galicia estivo proxectada a creación dunha rede de metro na cidade de Vigo, que estaría rematada en 2009, mais finalmente o proxecto foi cancelado.[3]

Referencias[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]