Carya illinoinensis
Carya illinoinensis | |||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Vista xeral da árbore. | |||||||||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||||||||
Non ameazado | |||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||
Carya illinoinensis (Wangenh.) K.Koch, 1869 | |||||||||||||||||||||
Carya illinoinensis[1] é unha especie do xénero Carya, na familia Juglandaceae (familia á que pertence tamén a nogueira común). O seu froito é comestíbel e recibe o nome de pacana ou noz pacana[2].
Descrición
[editar | editar a fonte]É unha árbore caducifolia e monoica que pode superar os 40 m de altura, de casca cinsenta clara ou parda e cuberta de escamas ou exfoliacións laminares. As follas, imparipinnadas, xeralmente glabras ou con pelos simples curtos, miden 40–70 cm e teñen 7-17 folíolos peciolados ovalo-lanceolados, habitualmente falcados, de 2-16 por 1–7 cm, de ápice agudo, base asimétrica e marxe finamente aserrada. Os amentos (candeas) pénsiles masculinas están compostos por numerosas flores con estames escasamente pilosos e miden uns 20 cm de longo co rabo cuberto de tricomas glandulares. Inflorescencias femininas en espigas terminais pauciflores. Froito drupáceo en trima (drupa involucrada) de cor marrón, ovoide-elipsoide, non comprimido, de 2-6 por 1,5–3 cm con involucro áspero de 3–4 mm de espesor, dehiscente case até a súa base en 4 valvas. A noz, indehiscente, ten cor exterior canela, coa superficie macía e brillante, asucada por riscos lonxitudinais anastomosados pouco marcados e de cor máis clara; ten forma ovoide, casca de espesor milimétrico e 4-5 costelas de pouco relevo e que non se corresponden cos tabiques internos, mais coas suturas de dehiscencia da envoltura da noz (mesocarpo e epicarpo, ou sexa o nauco[nota 1]). Arrodea unha semente sen endospermo, engurrada e lobulada, de cor parda clara con tons dourados e finamente puntuada de marrón máis escuro, con 2 sucos lonxitudinais separados por unha crista e que corresponden a un tabique duplo, moi incompleto, perpendicular ao tabique principal completo, de consistencia pergaminoide, que separa os dous cotiledóns.[4][5][6]
Distribución e hábitat
[editar | editar a fonte]- Nota: a distribución orixinal non é clara, por mor ao seu intenso cultivo dende épocas remotas.
Sería unha especie nativa do sueste dos Estados Unidos (Indiana [sur e leste] Illinois, Iowa [sueste], Kansas [sueste], Missouri, Oklahoma, Arcansas, Kentucky [oeste], Louisiana, Mississippi [oeste], Tennessee, Texas) e México (Coahuila, Nuevo León, Tamaulipas, Guanajuato, Xalisco, Oaxaca, Veracruz). Introducida en Malta e leste dos Estados Unidos e cultivada en Suráfrica, Acerbaixán, China, Australia, Ucraína, Brasil[7] e outros países de América do Sur. Por exemplo, na Arxentina foi introducida dende os Estados Unidos a finais do século XIX polo presidente Domingo Faustino Sarmiento, para elevar a produción das illas do Delta do Paraná. No Perú foi levada durante a época do vicerreinado.
O seu hábitat natural nos seus países de orixe sitúase ao longo dos ríos, as chairas de alagamento e en solos ben drenados. Florece na primavera en altitudes comprendidas entre o nivel do mar e os 600m, excepcionalmente 1000m,[4]
No sur de España, semella que comeza a se naturalizar nalgunhas zonas da Alpujarra granadina e maila Axarquía almeriense.[8]
Propiedades e usos
[editar | editar a fonte]Medicinais
[editar | editar a fonte]- Os amerindios kiowa usaban a decocción da casca coma menciña contra a tuberculose e os comanches o po de follas secas en fretas contra a tiña.[9]
- A casca e mailas follas son adstrinxentes. En México úsase a casca para sandar febres intermitentes e a dispepsia.
Alimenticios
[editar | editar a fonte]Composición nutricional (/100g)
[editar | editar a fonte]
- Calorías: 710kcal (2958 kJ)
- Calorías da graxa: 630kcal (2625kJ)
- Graxa total: 70g
- Graxas saturadas: 6,7g
- Colesterol: 0
- Sodio: 0
- Glícidos: 13,3g
- Fibra alimenticia: 6,7g
- Azucres: 3,3 g
- Proteínas: 10,0 g
- Vitamina A: 130,0 UI
- Vitamina C: 2,0 mg
- Tiamina: 0,9 mg
- Riboflavina: 0,1 mg
- Niacina: 0,9 mg
- Calcio: 73,0 mg
- Ferro: 2,4 mg
- Potasio: 603,0 mg
- Magnesio: 142,0 mg
- Fósforo: 189,0 mg
- Ácidos graxos:
- Saturados: 9,6%
- 14:0 ácido mirístico: 1,4%
- 15:0: 0,3%
- 16:0 ácido palmítico: 5,1%
- 17:0 ácido margárico: 0,4%
- 18:0 ácido esteárico: 1,9%
- 20:0 ácido araquídico: 0,5%
- Monoinsaturados: 56.0%
- 16:1 ácido palmitoleico: 0.6%
- 17:1: 0,4%
- 18:1 ácido oleico: 54,2%
- 20:1 ácido eicosenoico: 0,8%
- Poliinsaturados: 34,4%
- 18:2 ácido linoleico: 32,2%
- 18:3 ácido linolénico: 2,2%[10]
- Saturados: 9,6%
Usos gastronómicos
[editar | editar a fonte]- A pacana pode ser consumida fresca ou ser utilizada na cociña, especialmente en repostaría, mais tamén en pratos de moito sabor: úsase en recheos, pans de noces ("panque de nuez" en México[11]), xeados e pratos de verduras salgadas. Unha das sobremesas máis coñecidas coa noz pacana coma ingrediente principal é o pastel coñecido coma «pecan pie» dos Estados Unidos.
- Un leite doce, "pawcochiccora", obtido ao ferver as sementes úsase para facer doces e cociñar entre os indios americanos.[12]
- Os indios Comanches usábana, ademais de fins medicinais, coma alimento, en particular durante o inverno.[9]
- No Perú teñen moita sona os doces recheos deste froito: "teja", "chocoteja".
Outros usos
[editar | editar a fonte]- É moi común o seu uso como planta ornamental.
- A madeira, vermella, escura, pesada, dura mais elástica, usábase para facer apeiros agrícolas, mobles, esquís, arcos e paus de golf.[12]
Produción
[editar | editar a fonte]Este artigo (ou sección) está desactualizado(a). A información fornecida mudou ou é insuficiente desde a última vez que se editou, que foi en marzo de 2019. |
Estados Unidos, ademais de ser o lugar de orixe desta árbore, é tamén o maior produtor mundial, acaparando máis do 60% da produción anual (2012-2013).
- Principais produtores (estimacións campaña 2012-2013 - en toneladas, con casca)[13]
- TOTAL mundial: >257.870
Nota: "outros países" inclúe á Arxentina, Brasil, China, Israel, Perú,...
Exemplar senlleiro en Galiza
[editar | editar a fonte]A Carya illinoinensis do Pazo de Mariñán, en Bergondo (A Coruña) figura no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galiza.
Taxonomía
[editar | editar a fonte]Carya illinoinensis foi descrita por Wangenh. coma Juglans illinoensis en Beitr. Forstw. Nord-Am. Holz., 54, t. 18, fig. 43 en 1787 -e que é o basiónimo- e atribuído despois ao xénero Carya por K.Koch e publicado en Dendrologie, 1, p. 593 en 1869 como Carya illinoënsis.[5]
- Carya angustifolia Sweet
- Carya diguetii Dode
- Carya pecan (Marshall) Engl. & Graebn.
- Carya tetraptera Liebm.
- Hicoria pecan (Marshall) Britton
- ?Hicorius diguetii Standl.
- Hicorius oliviformis (Michx.) Nutt.
- Hicorius tetraptera (Liebm.) Rzed. & al., nom. inval.
- Juglans illinoinensis Wangenh.
- Juglans oliviformis Michx.
- Juglans pecan Marshall[14]
Híbridos
[editar | editar a fonte]A especie hibrida con:
- Carya aquatica ( = Carya × lecontei Little [= Hicoria texana Le Conte ]),
- Carya cordiformis ( = Carya × brownii Sargent),
- Carya laciniosa ( = Carya × nussbaumeri Sargent),
- Carya ovata (Mill.) K.Koch ,
- e, supostamente co tetraploide Carya tomentosa ( = Carya × schneckii Sargent).[4]
- Nota: O vocábulo "pacana", e todos os seus derivados, é unha palabra de orixe algonquina:[15] por exemplo o cree pakan, o ojibwa pagan ou o abnaki pagann, que significa "cuncha dura".[16]
Curiosidade
[editar | editar a fonte]A especie é a árbore emblema oficial do estado de Texas.[4]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ No senso que lle deron uns autores [3], coma vocábulo emprestado do latín naucum, - i que xa tiña este senso para os Romanos da antigüidade que o empregaban para designar a envoltura da noz da nogueira común (Juglans regia).
- ↑ Ningún dicionario galego recolle o nome vulgar actualmente, porén é unha especie que adoita ter nomes vulgares en todas as lingua romances, incluíndo o portugués, no que se denomina nogueira-de-pecã ou pecan. Mentres non apareza o nome vulgar galego nunha publicación, manterase o nome científico coma entrada no artigo
- ↑ VV. AA. (2012): Dicionario de alimentación e restauración, pax. 179. Termigal. Xunta de Galicia. Real Academia Galega. ISBN 978-84-453-5056-0
- ↑ Louis Claude Marie Richard, Démonstrations botaniques ou analyse du fruit consideré en géneral, Ed. Gabon, Paris, 1808
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 "Carya illinoinensis en Flora of North America". Arquivado dende o orixinal o 05 de xuño de 2011. Consultado o 08 de maio de 2014.
- ↑ 5,0 5,1 "Carya illinoinebsis en Flora Ibérica, RJB/CSIC, Madrid" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 24 de agosto de 2014. Consultado o 08 de maio de 2014.
- ↑ Carya illinoinensis en Flora of China
- ↑ "Carya illinoinensis en USDA-GRIN Taxonomy for Plants, consultado 19 de novembro de 2013". Arquivado dende o orixinal o 08 de maio de 2009. Consultado o 08 de maio de 2014.
- ↑ Blanca G., Cabezudo B., Cueto M., Salazar C. & Morales Torres C. (2011, eds.). Flora Vascular de Andalucía Oriental. 2ª Edición corrixida e aumentada, páx. 926
- ↑ 9,0 9,1 Carlson, Gustav G. and Volney H. Jones, Some Notes on Uses of Plants by the Comanche Indians. Papers of the Michigan Academy of Science, Arts and Letters 25:517-542(p. 520), 1940; Vestal, Paul A. and Richard Evans Schultes The Economic Botany of the Kiowa Indians. Cambridge MA. Botanical Museum of Harvard University, 1939(p. 20) Native American Ethnobotany, A Database of Foods, Drugs, Dyes and Fibers of Native American Peoples, Derived from Plants, Universidad of Michigan-Dearborn, consultado 19 de novembro de 2013 Arquivado 08 de maio de 2009 en Wayback Machine.
- ↑ Camilla Pecans, Nutrition & Health Benefits Arquivado 08 de maio de 2014 en Wayback Machine..
- ↑ "Boletín Pecanero, 2, nº 51, Chihuahua, 2012" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 08 de maio de 2014. Consultado o 08 de maio de 2014.
- ↑ 12,0 12,1 "Carya illinoinensis". Plantas útiles: Linneo. Arquivado dende o orixinal o 23 de novembro de 2010. Consultado o 23 de novembro de 2009.
- ↑ "Estimated World Pecans Production". Pecan - YS Trading Comp. Arquivado dende o orixinal o 07 de marzo de 2016. Consultado o 08 de maio de 2014.
- ↑ Carya illinoinensis en The Plant List, nov. 2013
- ↑ Diccionario de la lengua española (DRAE), ed. 22, 2001
- ↑ Pérez P., Delicias de la comida prehispanica y mexicana
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Carya illinoinensis |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Carya illinoinensis |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- CONABIO. 2009. Catálogo taxonómico de especies de México. 1. In Capital Nat. México. CONABIO, Cidade de México.
- Flora of China Editorial Committee. 1999. Flora of China (Cycadaceae through Fagaceae). 4: 1–453. In C. Y. Wu, P. H. Raven & D. Y. Hong (eds.) Fl. China. Science Press & Missouri Botanical Garden Press, Beijing & St. Louis.
- Manning, W. E. 1949. The genus Carya in Mexico. J. Arnold Arbor. 30: 425–432.