Équites

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Recreación dos equites en Xinzo de Limia.

Os équites (en latín equĭtes 'cabaleiros') formaban unha clase social da antiga Roma, coñecidos como Ordo equester ('clase ecuestre'). A través da historia este status social foi cambiando en dignidade e costumes. Na época imperial, os équites tiñan dereito a levar o angustus clavus: as dúas franxas de púrpura de dous dedos de ancho na túnica como símbolo da súa posición.

Durante a monarquía e a república[editar | editar a fonte]

O primitivo ordo equester[editar | editar a fonte]

Detalle dun sarcófago do século IIa.C. que mostra unha carga da cabalaría romana. Museo Nacional Romano, Roma, Italia.

En tempos da monarquía co rei Servio Tulio, os cidadáns moi ricos podían equiparse con dous cabalos, animal moi estimado na época e que resultaba moi caro de manter. Segundo o ordenado por Servio Tulio, só podían chegar a ser cabaleiros os que alcanzaban boa posición económica, cunha determinada cantidade de bens. As centurias dos cabaleiros formáronse efectivamente coas fortunas máis importantes. É o que se chamaba censo máximo. Ademais esixíaselles ser fillos de pais libres. A elección adoitábase facer tendo en conta todos estes requisitos e entre as familias máis antigas.

Os équites formaban turmas de 30 homes. Cada turma estaba composta por 3 decurias de 10 homes cada unha. Sobre a decuria mandaba un decurión.

Os historiadores contan que nos primeiros tempos os équites combatían tamén nunhas loitas precedidas de desafíos, ao estilo dos torneos e as xustas da Idade Media. Cando se trataba dun combate, facíano formando unha masa. Iniciábano cargando sobre o inimigo, a quen hostigaban polos flancos, dando lugar así a que a infantaría puidese avanzar e atacar polo centro.

En tempos de paz eran os encargados de manter en bo estado os poucos cabalos (mil oitocentos aproximadamente) que posuía o pobo romano en carácter de propiedade do Senado e o pobo.

A mediados do mes quinto, os censores constituíanse na parte máis alta da escalinata do templo de Cástor e Pólux co obxecto de presenciar o desfile de cabalos e deste xeito pasarlles revista. Se notaban que algún animal era mal coidado polo seu dono, quitábano da súa propiedade e asignábano á responsabilidade doutro cidadán.

A partir das guerras púnicas[editar | editar a fonte]

Na época da República Romana, despois da segunda guerra púnica, o grupo dos équites, chamado Ordo Equester, foi configurándose como o dun conxunto de persoas emprendedoras, dedicadas aos negocios e que, a través das societates publicanorum, ían controlando os contratos estatais de abastecemento e obras públicas e a recadación de impostos nas provincias, tarefas que estaban vetadas aos senadores.

No último terzo do século II a. C., os équites e os senadores mantiñan serias diferenzas, derivadas da ambición dos gobernadores provinciais senatoriales, que dificultaban os intereses das societates publicanorum, polo que tanto Tiberio Sempronio Graco como o seu irmán Caio Sempronio Graco utilizaron estas diferenzas para debilitar os seus rivais senatoriales. Para iso asignaron aos équites dous dereitos concretos, un honorífico: sentar nos espectáculos públicos en primeira fila xunto aos senadores, e outro, moito máis importante: ser convertidos nos xuíces que constituían os tribunais de concusión, encargados de axuizar as actuacións dos gobernadores provinciais senatoriais a petición dos seus gobernados.

Durante o Alto Imperio[editar | editar a fonte]

A rivalidade entre senadores e équites perdurou durante todo o período final da República e as Guerras Civís. Cando Octavio, convertido en emperador co título de Augusto, asentou o seu poder, procedeu a regularizar a orde ecuestre, asignando aos cabaleiros unha serie de funcións subalternas, pero moi importantes, na novo organigrama do Imperio, creando para eles un cursus honorum propio.

As funcións reservadas aos membros do ordo equester foron:

  • O control das finanzas públicas como procuratores, ben xerais, ben especializados.
  • O control da Garda Pretoriana como Prefectos do Pretorio, verdadeiros lugartenentes do emperador, especialmente a partir de Tiberio.
  • O goberno de Exipto, como Prefecto de Exipto, así como o goberno dalgunhas provincias menores.
  • Unha serie de cargos militares, como os 5 postos de tribunus angusticlavius de cada lexión, o mando das frotas e o mando como Tribunos ou Prefectos das unidades auxiliares do exército, Ás ou Cohortes de infantaría ou Cohortes mixtas.

Esta carreira foi regularizada finalmente polo emperador Claudio.

Os équites recibían o anel ou recoñecemento do seu rango directamente do emperador, que os seleccionaba de entre os cidadáns romanos que puidesen demostrar unha fortuna de 400.000 sestercios, e que normalmente procedían das elites das cidades romanas das provincias; tamén os centurións primus pilos e os prefectos dos campamentos das lexións accedían á orde ecuestre.

Desde a época dos Flavios, a súa importancia foi aumentando, pasando a desempeñar os prestixiosos cargos de secretarios da chancelaría imperial.

A medida que avanzaban o século II e o século III, a súa importancia foi medrando ao se crear cada vez máis prefecturas e procuradurías encomendadas a eles, até o punto de que algúns emperadores, como Macrino, eran équites e non senadores. Na época de Galieno, suprimíronse no exército os cargos senatoriais, especializándose os cabaleiros nos mandos militares.

Declive no Baixo Imperio[editar | editar a fonte]

No baixo Imperio, as reformas de Diocleciano e Constantino I tenderon a fundir nun só grupo a senadores e équites, co que a orde ecuestre tradicional desapareceu a finais do século IV.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]