Centurión

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Aspecto dun centurión do ano 70 d.C.

Na Roma antiga, un centurión (en latín centurio; en grego εκατοντάρχος, hekatontarchos) era un oficial profesional do exército, equiparable a un mando intermedio, sendo tamén definido por Polibio[1] como conductor ordinum.

Os centurións comandaban unha centuria de soldados e había corenta en cada lexión entre os séculos V a III a.C., sesenta até a reforma de Mario (século I a.C.) e trinta despois. Conforme ascendía, pasaba a comandar unha cohorte e remataba como primus pilus ("primeira lanza" en latín) dunha lexión. Os centurións dunha cohorte eran pilus prior, pilus posterior, princeps prior, princeps posterior, hastatus prior e hastatus posterior nas cohortes II a X.

O uniforme do centurión diferenciábase en dous aspectos do uniforme regular: a crista do casco ía de lado a lado en vez de diante a tras e levaba glebas. O centurión tamén portaba como símbolo do seu rango unha vara de vide, que utilizaba ás veces para azoutar.

Cada centurión escollía un lugartenente (optio), así como os demais xefes de centuria: un portaestandarte (signifer), un corneta (cornicen) e un tesserarius, que cada noite recibía o contrasinal escrito nunha tabela (tessera). O primeiro centurión escollido da lexión (primus pilus) gozaba do rango máis alto.

  1. Polibio, VI, 24.5