Saltar ao contido

Música pop

1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Michael Jackson, coñecido como o Rei do pop.
Madonna, artista que acadou grande sona na década de 1980.

A música pop (apócope de popular) é un xénero de música popular que tivo a súa orixe a finais dos anos 1950 coma un derivado do rock and roll, en combinación con outros xéneros musicais que estaban de moda nese momento. A música pop, á marxe da instrumentación e tecnoloxía aplicada para a súa creación, conserva a estrutura formal "verso - retrouso - verso", executada dun modo sinxelo, melódico, apegadizo, e normalmente asimilable para o gran público. As súas grandes diferenzas con outros estilos están nas voces melódicas e claras en primeiro plano e percusións lineais e repetidas.

Historicamente, a expresión "música pop" non era entendida como un xénero musical con características musicais concretas. Era, directamente, o contrario á música de culto, á música clásica. Baixo esta definición entraban estilos como o rock, o funky, o folk ou ata o jazz. O pop era entendido como ese gran grupo de músicas para a xente de escasa cultura musical. Co tempo, o pop foi gañándose a súa acepción como estilo musical independente, liberándose, ademais, do sentido pexorativo e negativo ao que se vinculaba.

O pop, nome que procede de música popular, é o xénero musical máis estendido entre a cultura xuvenil de principios do século XXI. Dende a aparición dos Beatles este xénero desenvolveuse nos máis diversos camiños.

Malia ser un estilo absolutamente híbrido (pop-rock, noise-pop, britpop, electropop...), as clasificacións máis coñecidas e aceptadas son: Pop indie Vs. Pop comercial, e Pop electrónico Vs. Pop Tradicional. A magnífica proliferación do pop fai imposible que estas clasificacións representen divisións puras.

Pop indie

[editar | editar a fonte]

A esta liña pertencen tódalas agrupacións cuxas compañías discográficas non contan con grandes orzamentos e que, xa que logo, non compiten co "mainstream". O seu carácter underground confírelles certo carácter de culto, que se incrementa en ocasións cunha lírica creativa algo difícil de asimilar nunha primeira escoita. A creación musical está afortalada* fronte á promoción ou a rendibilidade do produto. No movemento indie adoitan predominar actitudes e gustos "freak", certa atemporalidade en forma de "síndrome de Peter Pan", e fetichismo cara ao retro e o kitsch.

Pop comercial

[editar | editar a fonte]

É o pop que atopamos en radiofórmulas, soportado por grandes compañías discográficas cuns obxectivos económicos moi claros e definidos. A estes obxectivos vense sometidos os artistas, que en ocasións funcionan como verdadeiros produtos de tempada. É unha música de consumo, que vive pouco tempo (en ocasións, só os meses de verán), e cuxo contido en moitas ocasións é convencional e estándar. É xusto recoñecer que dentro desta liña musical, e aínda amparados por desmesuradas campañas comerciais, tamén existen grupos e solistas que gozan dunha calidade contrastada e de liberdade creativa.

Na sociedade de consumo o primeiro obxectivo dun produto é que cree os máximos beneficios posibles e o pop cumpre con esta norma. É un dos xéneros con maior potencial de consumidores e isto aproveitárono as cadeas de televisión para crear artistas do xénero en programas como Operación Triunfo, e que teñen grandes audiencias.

Sen dúbida, unha das características que definen o carácter deste xénero é o furor que as estrelas do pop producen nos denominados fans, que en galego teñen unha connotación moito máis seria: "fanáticos". O mercadotecnia, os programas específicos de música pop, a promoción radiofónica e vídeos-DVD son algunhas das manifestacións deste mundo.

En 1998 o definido "Teen pop" fai o seu reaparición. Cantantes ata ese momento descoñecidos como Britney Spears, ocuparon os primeiros lugares nas listas de discos máis vendidos. A raíz do éxito desta artista, triunfaron entre outros Michael Jackson, Mandy Moore, Jessica Simpson ou Christina Aguilera. Tamén apareceron "boy bands" como Backstreet Boys, Spice Girls ou N' sync. Estes cantantes adoitan estar presentes nos medios de comunicación, moitas veces á marxe da súa carreira musical.

Pop electrónico

[editar | editar a fonte]

É aquel que se xerou con instrumentos electrónicos e sons dixitais. Véxase: Aviador Dro, OBK ou Alaska.

Pop tradicional

[editar | editar a fonte]

É aquel que se xerou coa estrutura musical tradicional dos Beatles: Voz, guitarra, baixo e batería. Véxase Rolling Stones, La Habitación Roja, Amaral etc.

Pop versus rock

[editar | editar a fonte]

Hai tantas características comúns entre o rock e o pop que, en moitas ocasións, unha mesma composición pode ser catalogada indistintamente con argumentos igualmente sólidos. De calquera modo, existe a opinión consensuada de que a principal diferenza está na intensidade do espectáculo en directo e na forza e virtuosismo instrumental.

O rock sempre mantén a estrutura tradicional "guitarra - baixo - batería", con riffs saturados e sós de guitarras penetrantes, cun gran núcleo rítmico de baixo e batería, e con voces máis desgarradas. A temática das letras acostuma ser máis ampla e arriscada. O pop, ao contrario, non ten estrutura instrumental definida, predomina a melodía de voz sobre o resto de instrumentos, e mantén un clímax musical máis asimilable e limpo.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]