Amelia Valcárcel

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaAmelia Valcárcel

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento16 de novembro de 1949 Editar o valor em Wikidata (74 anos)
Madrid, España Editar o valor em Wikidata
Q57547780 Traducir
19 de xuño de 1993 – 11 de xullo de 1995
← María Antonia Fernández FelguerosoMaría Victoria Rodríguez Escudero →
Catedrático de universidade
Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónpolítica , filósofa Editar o valor em Wikidata
MovementoFeminismo da igualdade Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá, lingua alemá, lingua francesa e lingua inglesa Editar o valor em Wikidata
Familia
CónxuxeLluis Xabel Álvarez Editar o valor em Wikidata
Premios

Páxina webameliavalcarcel.com Editar o valor em Wikidata
Dialnet: 5159

Amelia Valcárcel Bernaldo de Quirós, nada en Madrid o 16 de novembro de 1950, é unha filósofa e escritora española, autora dunha obra ampla e polifacética. Dedicou toda a súa vida á filosofía e ao feminismo. Reivindicou que a teoría feminista debe ocupar un relevante oco na filosofía política, e abordou nos seus escritos temáticas tales como o multiculturalismo, a paridade ou o sexo como construción normativa. Catedrática de Filosofía Moral e Política na Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED), foi vicepresidenta do Real Padroado do Museo do Prado e vogal do Real Padroado da Biblioteca Nacional e conselleira electiva do Consello de Estado.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Formación[editar | editar a fonte]

Aos vinte anos ingresou na Universidade de Oviedo coa intención de estudar Filosofía, aínda que a súa primeira opción fora dedicarse á enxeñaría civil. Decidiu trasladarse a Valencia tempo despois para continuar cos seus estudos, alí dedicou a súa formación inicial á filosofía analítica. En 1982, viuse máis interesada polo idealismo alemán, polo que realizou un doutoramento en Filosofía pola Universidade de Oviedo cunha tese acerca da obra de Hegel.

En 1983, participou no proxecto “Metafísica y desarrollo científico cultural” da Universidade de Oviedo, onde estaba exercendo de profesora dende 1977. Nese mesmo ano, Valcárcel formou parte da primeira xunta directiva da Sociedade Asturiana de Filosofía, organizada en Oviedo.[1] Tamén participou noutros proxectos como o de “Proyecto Paridad”,[2] subvencionado polo Instituto da Muller, e interveu no Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Neste último destacan as súas obras Sexo y filosofía: Sobre mujer y poder, Leibniz y la Idea de Europa ou La herencia de la ilustración. Ademais, Valcárcel foi directora da revista política de ideoloxía socialista, Leviatán, no ano 1978. En 2002, na Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED), gañou a súa cátedra de Filosofía Moral e Política.

Cargos[editar | editar a fonte]

Entre os numerosos cargos públicos que desempeñou, destaca o seu posto de Conselleira de Educación, Cultura, Deportes e Xuventude do Principado de Asturias (1993-1995)[3] co entón presidente Antonio Trevín. Ademais, no ano 1999 foi nomeada vogal do Real Padroado do Museo do Prado, e no 2004 vicepresidenta.[3] No 2006, obtivo o cargo de Conselleira do Estado[4] e pertenceu á Comisión de Estudos do Consello de Estado mais en marzo de 2023, deixou de formar parte do Consello do Estado[5] por cuestionar a política do goberno de Pedro Sánchez e a "lei trans", polo que foi cesada despois de case dezasete anos no cargo.[6] Nomeárona tamén presidenta do XIX Congreso Español de Filósofos Juveniles e copresidenta de congresos de Ética e Filosofía Política.

Outras intervencións[editar | editar a fonte]

Presidiu diversas conferencias, como a impartida no ano 1999 na Universidade Carlos III de Madrid, titulada El feminismo en la formación del sujeto moderno. Así como La edad de la vindicación y la esperanza, impartida -tamén en 1999- na Universidade Internacional Menéndez Pelayo (Santander), no marco do curso “Mujeres en la Historia”. Ademais, participou en relatorios como Ética y estética del feminismo en mujeres, desarrollo y culturas, celebrada dentro das actividades constituídas pola Cátedra Unesco, ou La ciudadanía política de las mujeres en el siglo XXI: efectos y retos de la paridad, conferencia organizada en 2005 pola Secretaría Xeral de Igualdade do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais.

Participou e colaborou directamente con diversos comités científicos e exerceu un posto de xurado na entrega de certos premios no ámbito da investigación. Foi membro do Comité Asesor de Políticas Sociais do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, do Equipo Intereuropeo de Investigación Mage (Mercado de Trabajo y Género) e da Comisión Económica para América Latina e O Caribe (Cepal) nas Nacións Unidas.[7] Tamén do Centro Nacional de Investigación Científica en Francia e do Comité de Honor do II Sínodo Europeo de Mulleres “Compartir Culturas”. Ademais, foi membro do comité organizador das “Jornadas sobre Mujer y Derecho del Consejo General del Poder Judicial”, e do xurado do Premio Princesa de Asturias.

Pensamento[editar | editar a fonte]

Unha das tarefas principais abordadas por Valcárcel foi analizar en profundidade a condición das mulleres do seu tempo. Realizou un estudo da terceira vaga do feminismo dende unha óptica consciente e crítica coa súa historia. Defende este movemento social como un dos núcleos prioritarios de debate nun contexto democrático, incidindo na necesidade de ter como obxectivo un mundo de seres libres e iguais. Na súa análise rompe, de feito, con toda forma de bio-esencialismo, é dicir, con toda teoría que asuma que hai unha esencia fundamental dos seres humanos que diferencia a muller do home.

Considera que un valor só pode ser valor se o é de todos os seres humanos, sen atender a discriminacións de ningún tipo. A este nivel, o feminismo aparece como a única forma de humanismo posible. Advirte que, cando as mulleres se reivindican a si mesmas como un colectivo diferencial, non existe ningún obxectivo de demostrar unha esencia fundamental que as une a todas á vez que as diferenza dos homes, senón que pretenden realizar unha denuncia da situación de inxustiza social e política que están a vivir. Tamén achegou unha visión crítica de temas amplamente discutidos ao longo da historia do feminismo, como a heterodesignación ou a dicotomía que abren o sexo e o xénero entre o “ser” e o “deber ser”. Todo isto realizando sempre unha vinculación co seu contexto como autora.

Valcárcel defende o sexo como unha construción normativa e reivindica a necesidade de debilitar o peso social e político de tal categoría. Denuncia que, pese a que na teoría apareza a devandita evidencia -é dicir, que o sexo se constrúe- na práctica gran parte das estruturas se sustentan aínda na validez dese concepto que, en realidade, é simbólico. De feito, o sexo está directamente subordinado aos espazos e ás relacións de poder que conforman a estrutura mesma da sociedade. Durante a tarefa de analizar a dimensión política do sexo, considerou interesante o papel que xoga nel a moral. Valcárcel sinala o sexo e o xénero como dous dos espazos nos que con máis frecuencia se esquece a dimensión ética, en tanto que se exerce violencia por elementos da identidade que nin sequera teñen unha realidade obxectiva, senón que funcionan como unha sorte de categorías analíticas, enteiramente construídas.

En canto ás liñas xerais da súa filosofía moral, realiza unha análise das paixóns: a violencia, a envexa, a tentación, a mentira, a obscenidade, o cinismo e a paisaxe moral en que habitamos; é dicir, analiza os temas perigosos da ética, eses que a miúdo se queren evitar, aínda cando resultan fascinantes. Oscila, neste plano, entre temas ancorados á psicoloxía, á socioloxía do coñecemento, á historia das emocións ou á filosofía. En canto á posición moral das persoas no que respecta a problemas como o quecemento global ou as guerras, Valcárcel aposta por unha nova linguaxe da dignidade humana que permitirá poñerse no lugar do outro, sentir compaixón, respectar e ser respectados.

En relación á esfera do político, Valcárcel teoriza especialmente sobre as problemáticas que emanan da era posmoderna. Teoriza sobre o concepto de globalización, para analizar as súas consecuencias, tanto positivas como negativas, para a situación actual das mulleres. Considera que a economía, o tipo de sistema no que operen -democrático ou autoritario- e as concepcións relixiosas do mundo, afectan directamente no seu grao de liberdade a nivel público e individual. Disto séguense varias defensas políticas por parte da autora: a necesidade dunha democratización do mundo, dun axuste da meritocracia en pro de loitar contra a precariedade laboral ou dun aumento da tan necesaria vontade común do feminismo, entre outras. Ademais realiza unha denuncia explícita da pornografía, por educar, entre outras cousas, nunha forma de sexualidade anti-humana e anti-civilizatoria. Algo similar pensa no respectivo á prostitución, afirmando ademais que, no debate en relación a este tema, debe deixar de situarse o foco na propia prostituta para situalo no “putero ”, nos motivos subxacentes ao seu desexo e á súa acción.

Valcárcel é unha firme defensora do multiculturalismo e do humanismo. No respectivo ao primeiro, afirma que “é unha ideoloxía moi aceptada. Vén do eloxio da diferenza. O seu trasfondo é que todos e cada un dos grupos teñen as súas propias características que enriquecen o conxunto. Polo tanto, ningún deles se pode evitar". Porén, non subordina os valores éticos sobre os que se sustenta a sociedade á multiculturalidade. Considera que, aínda que a humanidade é claramente multicultural, non debe ser defendida fronte a calquera valor universal. En canto ao segundo, defende que “o humanismo é algo máis que unha vaga disposición benévola cara aos demais: é o universalismo, fundamento do coñecemento e da ética, que nos acompañou nos últimos tres decisivos séculos”.

En relación ás redes sociais, afirma: “Catívanme. Antes, comprobar unha información custábache dous meses; agora, en cambio, tes información precisa, contrastada e fiable en varias materias con tres clics” ou, por outra banda, defende que temos “un medio que pode dar un impulso brutal ao coñecemento e mais tamén á democratización do saber”. Non obstante, móstrase consciente dos perigos que disto poden emanar: “tamén sabe todo o mundo que es máis difícil manipular xente lida e instruída que xente que non o está”.

Estilo literario[editar | editar a fonte]

Toda a obra de Valcárcel sitúase exclusivamente no ensaio filosófico, especialmente nos campos da filosofía moral e política, predominando un estilo sinxelo e directo. Realizou tamén unha colaboración, con Victoria Camps, presentada en formato epistolar. A pretensión de todas as súas obras é a defensa ou a investigación filosófica.

Influencias[editar | editar a fonte]

Amelia Valcárcel estivo estreitamente influenciada por un número amplo de filósofas e investigadoras, afirmando que a historia do feminismo é unha parte imprescindible para abordar a actualidade política. Alén de autoras clásicas de cuxas obras emerxen os puntos de inflexión no avance feminista, como Simone de Beauvoir, Clara Campoamor, Carole Pateman ou Kate Millet, estivo directamente determinada por figuras coetáneas a ela.

Celia Amorós tivo unha influencia directa en Valcárcel, tanto a nivel vital como no que respecta á súa obra. Coñecéronse xa cando ambas estaban implicadas en temas relacionados co feminismo. Non só compartiron opinións e debates, senón que perseguiron un mesmo obxectivo: recuperar e refacer a historia do feminismo, sempre en pro da súa utilidade. Foi poñendo en común lecturas e interpretacións como foron capaces de ordenar todo o pensamento feminista alleo que tiñan consumido ata o momento. Valcárcel ten afirmado: “teníamos mucha ingerencia de pensamiento de fuera, pero muy mezclado, y había que repensarlo todo. En esta tarea fueron determinantes las recurrentes conversaciones con Celia Amorós, porque dos cabezas piensan más que una, cuatro ojos ven mejor que dos”. Alén disto, ambas son acérrimas defensoras da democracia como garantía mesma dos dereitos fundamentais do ser humano. Amorós defende que só hai feminismo se hai democracia, idea que Valcárcel recolleu en gran parte da súa obra respectiva a temas feministas.

No 2007, Valcárcel publicou Hablemos de Dios, obra na que tamén participou Victoria Camps, escritora, filósofa e feminista que tivo tamén grande impacto no seu pensamento, aínda cando as súas visións a miúdo eran diverxentes. No prólogo de dito libro menciónanse varios dos motivos polos que ambas as autoras adoitan estar relacionadas: tanto Camps como Valcárcel viven e desenvolven o seu pensamento nun contexto no que España se atopa fortemente determinada pola relixión, máis concretamente polo cristianismo; de feito, a súa educación foi intencionalmente cristiá. Todo iso tivo como consecuencia que ambas as autoras tomen como obxecto de estudo a devandita relixión. Outro aspecto que as une é que ambas cultivaron ou enfocaron os seus estudos filosóficos na ética. En canto a correntes de pensamento filosóficas ambas coincidiron -polo menos na súa xuventude- no marxismo, no existencialismo ou na filosofía analítica.

Tamén abordou críticas a certas doutrinas relevantes para a filosofía, como á proposta ilustrada de Rousseau. Non obstante, Valcárcel é unha férrea defensora da historia da filosofía e do seu imprescindible papel educativo, defendendo, de feito, a necesidade dun coñecemento por parte do alumnado das problemáticas que enunciaron Kant, Descartes ou Aristóteles, entre outros. Profundamente influída na súa época universitaria polo idealismo alemán, Valcárcel dedicou a súa tese de doutoramento ao sistema filosófico hegeliano no ano 1989, titulada Hegel y la ética.

Obras máis destacadas[editar | editar a fonte]

Amelia Valcárcel escribiu artigos e impartiu conferencias centradas principalmente no feminismo e en diversas problemáticas en clave política, ética e mesmo relixiosa, acerca das mulleres en ditos contextos. Alén disto, conta cun total de doce libros publicados con temática ética e feminista, dos que sobresaen especialmente estes últimos.

Sexo y filosofía: sobre “mujer” y “poder” (1991)[editar | editar a fonte]

Valcárcel establece a necesidade de facer unha teoría política do feminismo, abordando o tema do sexo como construción normativa. Identifica a diferenza sexual como a pedra angular da idea de igualdade, que tan presente está nos debates e teorías políticas e morais. Precisamente na categoría de sexo, dirá Valcárcel, está implícito o poder.

Ao remitirse ao pensamento do poder na filosofía é preciso decatarse de que este está enmarcado nunha determinada ontoloxía do sexo. Á categoría de “muller” van ligadas moitas características opresivas e que impiden a súa realización como individuo libre, de xeito que mesmo tratando de liberarse delas, os esforzos non son suficientes, pois hai algo do que a muller carece: a politización. A política preséntase como unha valiosa forma de poder da que as mulleres sempre se viron privadas.[8]

Valcárcel analizará como e por que a percepción ideolóxica esencialista do xenérico “a muller” é inseparable dos espazos de poder reservados a cada xénero, e das relacións de poder que os establecen. A teoría feminista comezará desmontando os xenéricos: cada muller é un individuo autónomo e independente, e pretenderá desfacerse da designación imposta sobre as mulleres por parte do home que domina e a designa como “o que non é home” na sociedade patriarcal. Valcárcel postulará que a loita comeza reclamando esta individualidade, mais sendo este un paso colectivo, un paso “da muller” agrupada dende o feminismo.[8] A obra incita a dar este primeiro paso de moitos que lles permitirán ás mulleres avanzar cara á consecución do poder, un poder propio e non ese poder patriarcal tal e como o coñecemos hoxe en día.

La política de las mujeres (1997)[editar | editar a fonte]

La política de las mujeres é a súa máis recoñecida obra en torno ao feminismo. Publicada en 1997, continúa as reflexións que xa expuxera en Sexo y Filosofía: sobre “mujer” y “poder”. O feminismo será así caracterizado como unha filosofía política, en tanto que a loita presenta principalmente tal dimensión política e outra intelectual.

A obra divídese en dúas partes. Na primeira, Varcárcel achega ao lector á historia do feminismo e á conceptualización das mulleres que se fixo dende a Ilustración ao Romanticismo. Nun contexto de revolución política e do auxe do concepto de cidadanía, xorde unha vindicación dos dereitos das mulleres dende certas propostas ilustradas que ten como contrapartida unha resposta patriarcal, con Rousseau como máximo expoñente.[9] O discurso sobre a igualdade foi socavado por outro de corte naturalista e esencialista que vinculou as mulleres coa súa condición sexual de “femia”, característico da misoxinia romántica. A autora reflexiona sobre como este discurso desindividualizaba as mulleres constituídas coma o "outro", coma obxecto de reflexión ontolóxica en termos xenéricos, fronte aos homes que eran suxeito.

Na segunda parte da obra analiza o contexto político do seu momento, sobre o feminismo e a súa relación cos sistemas políticos democráticos. Son abordadas cuestións como a dificultade aínda vixente de que as mulleres se sintan plenas partícipes nos espazos públicos, dado que sempre se lles prohibiu ocupalos, así como os atrancos que reducen a súa condición de cidadá limitando o seu desenvolvemento económico ou a ocupación de postos de autoridade e poder.[9] Destacará, finalmente, a relevancia das reflexións arredor das formulacións históricas, filosóficas e políticas acerca do concepto de xénero e o papel do sexo como clave para interpretar con rigor tanto a historia como a estruturación do mundo hoxe en día.

Influencias posteriores[editar | editar a fonte]

A obra de Amelia Valcárcel supuxo un grande avance para a concepción filosófica española de temas relativos á política e á ética feminista. O contido do seu pensamento filosófico caracterizouse pola defensa da democracia e a importancia do humanismo, así como da construción normativa do sexo e o xénero dende unha perspectiva abolicionista e radical. Valcarcel, xunto coas súas propostas feministas, influíu nunha gran cantidade de autoras posteriores a ela. Xunto coa súa grande amiga, Celia Amorós, contribuíu a que moitas pensadoras continuaran os seus pasos e se decidisen polo marco feminista á hora de publicar os seus escritos e realizar as súas investigacións.

Carme Adán publicou dende esta perspectiva radical obras como Feminismo e coñecemento. Da experiencia das mulleres ao ciborg (2007), na que trata a experiencia das mulleres no ámbito científico. Outra autora na que a obra de Valcárcel ten impacto é Victoria Camps, cuxo pensamento estivo marcado pola defensa do papel da muller na vida política, e coa que publicou no ano 2007 a obra conxunta Hablemos de Dios; a devandita obra está escrita dende a perspectiva do feminismo radical, e manifestando que o feminismo debe ser moito máis creativo e ir máis alá do obxectivo da igualdade para non caer na visión masculina deste.

Outra autora influenciada, tanto polo pensamento de Valcárcel como polo de Amorós, foi a arxentina Alicia Puleo, cuxas obras feministas están caracterizadas pola defensa da igualdade, a investigación da sexualidade e, sobre todo, o ecofeminismo. Este último marco teórico é polo que Puleo é máis recoñecida, debido sobre todo a súa perspectiva non esencialista deste, patente en obras tales como Ecofeminismo para otro mundo posible, publicado no ano 2011, Claves Ecofeministas e Para rebeldes que aman a la Tierra y a los animales, no 2019.

Polémica[editar | editar a fonte]

En 2022, protagonizou unha polémica con membros de Podemos, tanto do goberno de coalición como con outros simpatizantes nas redes, ao mostrarse contraria á chamada "Lei trans" e apoiar a postura do Partido Popular,[10] polo que algunhas persoas a denominaron "tránsfoba". Posteriormente, tamén rexeitou que a persoa encargada da violencia de xénero, feminismo, igualdade e dereitos e liberdades LGTBI, en SUMAR, fose Elizabeth Duval, unha coñecida trans[11] a quen denominou "personajillo".[12] En relación con todo iso, nunhas declaracións apoiou a Feijóo quen tamén declarou estar a favor de derrogar a "lei trans".[13]

Premios e recoñecementos[editar | editar a fonte]

Obras[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Hidalgo, Alberto (6 de febreiro de 2020). "Apuntes para una historia de la Sociedad Asturiana de Filosofía". sociedadasturianadefilosofia.org (en castelán). Consultado o 6 de xullo de 2023. 
  2. "Proyecto Paridad II". oocities.org (en castelán). outubro 2009. Consultado o 6 de xullo de 2023. 
  3. 3,0 3,1 P., A:. "Valcárcel y Bernaldo de Quirós, Amelia". museodelprado.es (en castelán). Consultado o 6 de xullo de 2023. 
  4. "Amelia Valcárcel - Doctora en Filosofía". tribunaciudadana.org (en castelán). 5 outubro de 2007. Consultado o 6 de xullo de 2023. 
  5. "Toman posesión cinco nuevos consejeros y consejeras del Consejo de Estado". consejo-estado.es (en castelán). 30 de marzo de 2023. Consultado o 6 de xullo de 2023. 
  6. EFE/Redacción (20 de xuño de 2023). "La feminista e histórica socialista Amelia Valcárcel muestra su "confianza" a Feijóo". publico.es (en castelán). Consultado o 6 de xullo de 2023. 
  7. "La memoria colectiva y los retos del feminismo". cepal.org (en castelán). marzo 2001. Consultado o 6 de xullo de 2023. 
  8. 8,0 8,1 "Sexo y FIlosofía: sobre "mujer" y "poder"". El Rincón del Sofista. 
  9. 9,0 9,1 Cobo Bedía, Rosa (1998). "Amelia Valcárcel: La Política de las mujeres. Madrid.Ed.Cátedra. 1997". Sociológica: Revista de pensamiento social. 
  10. Redacción (14 de decembro de 2022). "El PP recluta a la histórica feminista socialista Amelia Valcárcel para un acto contra la Ley Trans". eldiario.es (en castelán). Consultado o 6 de xullo de 2023. 
  11. Redacción (6 de xullo de 2023). "Elizabeth Duval responde a Amelia Valcárcel: “Estoy orgullosa de haberle tenido respeto, ojalá ella hiciera lo mismo”". eldiario.es (en castelán). Consultado o 6 de xullo de 2023. 
  12. Lombardía, Sandra F. (5 de xullo de 2023). "Amelia Valcárcel reprocha que Sumar nombre a "un personajillo", Elizabeth Duval, como portavoz de igualdad". lne.es (en castelán). Consultado o 6 de xullo de 2023. 
  13. Redacción (20 de xuño de 2023). "Amelia Valcárcel, histórica socialista contraria a la ley trans, expresa su apoyo a Feijóo". eldiario.es (en castelán). Consultado o 6 de xullo de 2023. 
  14. R., M. (21 de maio de 2013). "Valcárcel defiende el valor de las ideas en tiempos de dificultades". elcorreodeburgos.com (en castelán). 
  15. Redacción/EFE (5 de xuño de 2014). "Amelia Valcárcel, premio Julián Besteiro de las Artes y las Letras". elmundo.es (en castelán). Consultado o 6 de xullo de 2023. 
  16. Redacción (6 de xuño de 2014). "Amelia Valcárcel, premio "Julián Besteiro" por su lucha en favor de la igualdad". lne.es (en castelán). Consultado o 6 de xullo de 2023. 
  17. Vivanco, Adriana; Reyes, Karina de la Paz (9 de marzo de 2015). "UV honró a mujeres excepcionales". uv.mx (en castelán). Consultado o 7 de xullo de 2023. 
  18. Redacción (9 de marzo de 2016). "La catedrática Amelia Valcárcel pide espacio "para las victorias de las mujeres"". lne.es (en castelán). Consultado o 6 de xullo de 2023. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]