Amelia Valcárcel

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Amelia Valcárcel
Amelia Valcarcel y Bernardo de Quirós.jpg
Amelia Valcárcel en 2003.
España España - Séculos XX e XXI
Nome completoAmelia Valcarcel y Bernaldo de Quirós
Nacemento16 de novembro de 1950, Madrid (69 anos)
FilosofíaFeminismo

Amelia Valcárcel y Bernaldo de Quirós, nada en Madrid o 16 de novembro de 1950, é unha filósofa española. Estudou filosofía nas universidades de Oviedo e Valencia. A súa formación inicial foi analítica, pero os seus primeiros traballos dedicounos ao idealismo alemán. Durante tres décadas foi docente na Universidade de Oviedo e actualmente Catedrática de Filosofía Moral e Política da UNED. É vicepresidenta do Real Padroado do Museo do Prado desde 2004 e membro do Consello de Estado desde 2006.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Ten un amplo labor docente e investigador: dirixiu, coordinou e presidiu seminarios e congresos, e participou en diferentes proxectos de investigación sobre filosofía, valores e posición das mulleres. Tamén formou e forma parte de xurados de investigación nacionais e internacionais, así como de consellos de redacción de varias revistas e coleccións editoriais. Foi directora da revista Leviatán.[1] É membro do xurado dos Premios Princesa de Asturias.[2]

Como consecuencia do seu compromiso co público, desempeñou diversos cargos: no 2004 foi nomeada Conselleira de Estado[3] e desde o 2008 pertence á Comisión de Estudos do Consello.[4] En 1999 foi nomeada vogal do Real Padroado do Museo do Prado e en 2004 vicepresidenta.[5] Ademais, entre 1993 e 1995 foi Conselleira de Educación, Cultura, Deportes e Mocidade do Goberno do Principado de Asturias.[6]

A súa vida académica ten dúas vertentes, filosofía e feminismo. Con varias obras relevantes e algunhas traducidas a outros idiomas, as súas primeiras publicacións estiveron dedicadas a Hegel, ao idealismo alemán, aos conceptos clave da filosofía política e á capacidade da filosofía para estabelecer e normar os xéneros sexuais. Considérase, dentro do feminismo filosófico, parte da corrente da igualdade. Traballa en estreito contacto con Celia Amorós e Vitoria Camps. Colaborou repetidamente no Seminario de Antropoloxía da Conduta dirixido por Carlos Castilla del Pino.

Irrompeu no pensamento español coa provocativa tese do Derecho al mal (1980). Traballou con posterioridade a heterodesignación «muller», o concepto de poder, o concepto de igualdade, e o seu papel na xénese do pensamento moderno. Máis tarde investigou os temas clásicos de ontoloxía no intento de fixar a Ontoloxía da Modernidade e os seus pensamentos de referencia. Postmodernidade, secularización, declive da explicación relixiosa do mundo e aparición da ética moderna son os puntos nodais do seu pensamento. O trazo que define o seu pensamento feminista é o tematizar o feminismo dentro da historia canónica da filosofía política. O libro en que realiza a súa máis nítida achega á teoría feminista e a súa cronoloxía é «Feminismo en el mundo global» (2008), ao que seguiu en 2010 «La memoria y el perdón», unha investigación na historia das ideas morais.

En 2015 foi incluída na lista dos 50 intelectuais iberoamericanos máis influentes elaborada por esglobal da Fundación para as Relacións Internacionais e o Diálogo Exterior (FRIDE).[7]

Distincións[editar | editar a fonte]

  • 2006. Concedida a medalla de Asturias na súa modalidade de prata, en recoñecemento tanto ao seu labor no pensamento feminista español, como á súa loita pola igualdade e "arriscadas formulacións no mundo das ideas", así como pola súa comprometida dedicación ao mundo da docencia e investigación.[8]
  • 2010. Medalla á "Promoción dos Valores de Igualdade" outorgada polo Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade.
  • 2015. Concedido o Doutoramento Honoris Causa pola Universidade de Veracruz en México en recoñecemento á súa “sobresaliente traxectoria profesional e académica nos campos da filosofía e feminismo”.[9]
  • 2016. Doutora Honoris Causa pola Universidade de Valencia.[10]
  • 2016. Gran Cruz da Orde Civil de Afonso X o Sabio. Outorgada polo Consello de Ministros, a proposta do ministro de Educación, Cultura e Deporte do Goberno de España outorgada a persoas físicas españolas ou estranxeiras que contribúan en grao extraordinario ao desenvolvemento da educación, a ciencia, a cultura, a docencia ou a investigación, sempre que o nivel excepcional dos seus méritos sexa patente.[11][12]

Obras[editar | editar a fonte]

  • Hegel y la Ética (1989)
  • Sexo y Filosofía (1991)
  • Del miedo a la igualdad (1993)
  • La política de las mujeres (1997)
  • Ética contra estética (1998)
  • Rebeldes (2000)
  • La memoria colectiva y los retos del feminismo (2000)
  • Ética para un mundo global (2002)
  • Hablemos de Dios (2007), escrito en colaboración con Victoria Camps.
  • Feminismo en un mundo global (2009)
  • La memoria y el perdón (2010)

Edicións[editar | editar a fonte]

  • El Concepto de Igualdad
  • Los Desafíos del Feminismo en el siglo XXI
  • Pensadoras del siglo XX
  • El sentido de la Libertad
  • El Debate del voto femenino en la Constitución de 1931
  • Feminismo, género e igualdad

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]