Antes da construción do Charles de Gaulle, Orly era o principal aeroporto de París. Incluso co cambio da meirande parte do tráfico internacional ao Charles de Gaulle, Orly segue a ser o aeroporto francés máis concorrido para tráfico doméstico e o segundo en tráfico en xeral, con 31 237 865 pasaxeiros en 2016.[1]
O 3 de xuño de 1962 o voo 007 de Air France, un Boeing 707 con destino Atlanta esnafrouse na engalaxe con 132 persoas a bordo, morrendo 130 delas. As únicas supervivintes foron dúas azafatas sentadas na parte traseira do avión. O voo chárter levaba cara Atlanta a líderes cívicos e culturais da cidade. No seu momento foi o accidente aéreo con máis mortes no que só estivo involucrado un avión.
O 11 de xullo de 1973 o voo 820 de Varig, un Boeing 707 procedente de Río de Janeiro-Galeão, tivo que realizar unha aterraxe de emerxencia debido a lume no baño traseiro. O aparello aterrou a uns 5 quilómetros do aeroporto e debido principalmente á inhalación de fume morreron 123 persoas, sobrevivindo só 11 dos seus ocupantes.[7]
O 3 de marzo de 1974 o voo 981 de Turkish Airlines esnafrouse no bosque de Ermenonville despois de engalar de Orly na súa ruta cara Londres-Heathrow cando unha porta de carga mal pechada rebentou. A descompresión explosiva resultante fixo que o McDonnell Douglas DC-10 caíse matando aos seus 346 ocupantes e converténdose nun dos peores accidentes de aviación da historia.
O 13 de xaneiro de 1975 varios homes, entre os que estaba Ilich Ramírez Sánchez (Carlos O Chacal), realizou un ataque errado con RPGs contra un Boeing 707 de El Al que estaba engalando cara Nova York con 136 pasaxeiros. Non conseguiron acertar ao avión pero danaron un McDonnell Douglas DC-9 de JAT do que estaban desembarcando pasaxeiros procedentes de Zagreb. O grupo intentouno outra vez o 19 de xaneiro, tamén sen éxito.
O 20 de maio de 1978 tres terroristas abriron fogo contra pasaxeiros dun voo de El Al na área de saídas. Os tres terroristas e un policía morreron, e tres turistas franceses resultaron feridos.[8]
O 15 de xullo de 1983 a organización clandestina armenia ASALA puxo unha bomba no mostrador dunha aeroliña turca no aeroporto matando a 8 persoas e ferindo a máis de 50. O membro do grupo Varoujan Garabedian foi sentenciado a cadea perpetua polo ataque.
O 18 de marzo de 2017 soldados que patrullaban o aeroporto mataron a un home durante a Opération Sentinelle, despois de que este intentarse roubarlle a arma a unha soldado.[9]
↑Paris: Union des aéroports (ed.). "Aéroport de Paris – Orly". Arquivado dende o orixinal o 05 de setembro de 2017. Consultado o 5 de setembro de 2017.