Voo 007 de Air France

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Voo 007 de Air France
Boeing 707-328 de Air France
semellante ao do accidente
Resumo
Data  3 de xuño de 1962
Causa  engalaxe rexeitada
debido a un fallo mecánico
Lugar  aeroporto de París-Orly
Coordenadas  Coordenadas: 48°43′N 2°22′L / 48.72, 2.37
Orixe  aeroporto de París-Orly
Derradeira escala  aeroporto municipal
de Atlanta
Destino  aeroporto William P. Hobby
Finados  130
Feridos  2
Aeronave
Tipo de aeronave Boeing 707-328
Operador  Air France
Rexistro  F-BHSM
Pasaxeiros  122
Tripulación  10
Superviventes  2

O voo 007 de Air France foi un accidente de ocorrido o 3 de xuño de 1962 durante a engalaxe dun Boeing 707-328 de Air France no aeroporto de París-Orly. A aeroliña acababa de abrir a súa nova oficina no centro de Atlanta e ese era o voo inaugural cara a esa cidade. Air France estaba facendo un grande esforzo en publicitar a ruta e polo tanto foi convidada a elite de Atlanta. Os únicos superviventes foron dúas tripulantes de cabina, Françoise Authie e Jacqueline Gille, sentadas na parte traseira do aparello; o resto da tripulación e dos 122 pasaxeiros a bordo morreron. No seu momento foi o peor accidente de avión cun só aparello involucrado, e foi o primeiro desastre dun reactor civil con máis de 100 mortes.

Accidente[editar | editar a fonte]

Segundo testemuñas, durante a carreira de engalaxe na pista 8 o nariz do voo 007 levantouse da pista, pero o tren de aterraxe principal quedou no chan. Aínda que o avión superara a velocidade máxima na cal a engalaxe podía abortarse con seguridade dentro do que quedaba de pista, a tripulación de voo non tivo outra elección que deter o aparello.

Con menos de 3 000 pés (910 m) de pista por diante, os pilotos usaron os freos das rodas e a reversa dos motores para intentar parar o 707. Frearon tan forte que esnaquizaron os pneumáticos e rodas do tren principal de aterraxe, pero o avión saíuse ao final da pista. O aparello esnafrouse na vila de Villeneuve-le-Roi. O tren esquerdo rompeu e a fuselaxe comezou a arder. Tres asistentas de voo sobreviviron inicialmente ao accidente, pero unha delas morreu no hospital.

As investigacións atoparon indicios de que un motor que se encargaba da compensación do elevador puido fallar, deixando o capitán Roland Hoche e o primeiro oficial Jacques Pitoiset sen capacidade para completar a rotación e engalar.[1]

Impacto en Atlanta[editar | editar a fonte]

A Atlanta Art Association patrocinara unha xira dun mes para visitar os tesouros artísticos de Europa e 106 dos pasaxeiros eran mecenas que regresaban aos seus fogares en Atlanta nese voo.[2] Nese grupo atopábanse varios dos líderes culturais e cívicos da cidade. O alcalde de Atlanta Ivan Allen Jr. foi a Orly a visitar o lugar do accidente onde faleceron varios dos seus condidadáns.[3]

Durante a súa visita a París, os mecenas de Atlanta viran a obra Whistler's Mother do pintor estadounidense James McNeill Whistler no Louvre.[4] A finais de 1962 o Louvre, como xesto de boa vontade para a xente de Atlanta, enviou o cadro para que fose exhibido no museo da Atlanta Art Association.

O Woodruff Arts Center, orixinalmente chamado Memorial Arts Center e un dos centros de arte máis grandes dos Estados Unidos, fundouse en 1968 na memoria dos falecidos no accidente.[5]

Número de voo[editar | editar a fonte]

Air France continúa usando o número do voo 7 no presente. Porén, agora é usado no voo de volta a Francia, e o voo actualmente vai do aeroporto internacional John F. Kennedy de Nova York ata o aeroporto de París-Charles de Gaulle, usando un Airbus A380-800. A viaxe de ida agora é o voo 6.[6]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Pilot Friend (ed.). "Civil aviation disasters - Air France". Consultado o 20 de maio de 2018. 
  2. AJC (ed.). "Atlanta arts patrons die in 1962 Paris plane crash". Consultado o 24 de maio de 2018. 
  3. AJC (ed.). "Air France crash recalls '62 Orly tragedy". Consultado o 24 de maio de 2018. 
  4. About North Georgia (ed.). "Airplane crash at Orly Field". Arquivado dende o orixinal o 05 de novembro de 2018. Consultado o 24 de maio de 2018. 
  5. Rosalind Bentley, The Atlanta Journal-Constitution. "Sadness, legacy of Orly crash remembered". ajc (en English). Consultado o 2019-01-10. 
  6. "Air France (AF) #7 ✈ FlightAware". FlightAware (en castelán). Consultado o 2019-01-09.