Emilio Álvarez Blázquez
Emilio Álvarez Blázquez | |
---|---|
Nacemento | 16 de abril de 1919 |
Lugar de nacemento | Tui |
Falecemento | 22 de decembro de 1988 |
Lugar de falecemento | Vigo |
Nacionalidade | España |
Ocupación | escritor e editor |
Pai | Darío Álvarez Limeses |
Nai | María Blázquez Ballester |
Irmáns | Xosé María Álvarez Blázquez e Darío Álvarez Blázquez |
![]() | |
[ editar datos en Wikidata ] | |
Emilio Álvarez Blázquez, nado en Tui o 16 de abril de 1919 e finado en Vigo o 22 de decembro de 1988, foi un escritor e editor galego.
Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo de Darío Álvarez Limeses e María Blázquez Ballester, irmán de Darío e Xosé María Álvarez Blázquez. Comezou o bacharelato por libre no Instituto de Pontevedra no curso 1931-32, rematando en Tui no verán de 1936. Durante a guerra civil española a súa familia foi represaliada. O 21 de abril de 1941 trasládase coa súa nai e irmáns a Vigo, e inicia por libre a carreira de Dereito na Universidade de Santiago de Compostela. En 1944 comeza a dar clases de letras no Colexio Mezquita. En 1947 empeza a traballar nos escritorios do consulado do Uruguai, e ao pouco tempo pasa a ser Chanceler. En 1960 pasou a traballar como administrativo no Colexio de Farmacéuticos.
Foi cofundador xunto cos seus irmáns Álvaro e Xosé María de Edicións Castrelos, e participou así mesmo da fundación de Galaxia, creando a colección "Salnés". Nesa época frecuenta o café Derby canda a Valentín Paz-Andrade, Xaime Isla Couto, Francisco Fernández del Riego, Plácido Castro, Urbano Lugrís ou Laxeiro.
O 4 de xaneiro de 1964 casou en Vigo con Josefina Pazos Vilas, mestra, coa que tivo dous fillos: Emilio e Cristina. En 1974 deixou as conferencias e recitais por mor dun cancro de larinxe. Finou por mor dun cancro de fígado.
Obra[editar | editar a fonte]

Os seus primeiros textos literarios coñecidos foron publicados en 1935 en Tude, revista do instituto de Tui que dirixía o profesor Xesús Ferro Couselo. Canda ao seu irmán Xosé María escribiu dúas obras: El libro del por qué (1946) e a peza teatral Los pazos altivos, estreada en Xixón en 1947. En 1947 estreouse no Teatro García Barbón de Vigo El zapato de cristal, poema dramático en tres actos e prólogo, con escenografía de Pucho Boedo.
Tamén de 1947 é Poemas de ti e de min, con dezasete poemas breves de Emilio, un volume editorial compartido con Xosé María, con dúas cubertas independentes. Foi o primeiro libro en galego da Colección Benito Soto, editada en Pontevedra. O libro, terceiro tomo da colección, foi publicado como volume III e IV.
En 1957 foi nomeado académico correspondente pola Real Academia Galega. Na década de 1960 colaborou en Faro de Vigo. En 1962 pronunciou a conferencia «Viaxe en torno á cantiga popular galega» no Centro Galego de Montevideo, presentado por Lois Tobío Fernández. En 1964 gañou o Premio de Poesía Galega de Buenos Aires cun poemario que nunca se publicou e sobre o que non existen noticias precisas. O 15 de maio de 1966 participou en Ourense na homenaxe a Celso Emilio Ferreiro antes da súa marcha a Venezuela.
Obras[editar | editar a fonte]
Poesía[editar | editar a fonte]
- O tempo desancorado, 1988, Galaxia; colección Dombate.
Obras colectivas[editar | editar a fonte]
- Poemas de ti e de min, 1949, con Xosé María Álvarez Blázquez.
- El libro del por qué, 1945, con Xosé María Álvarez Blázquez.
- Los pazos altivos, 1947. Poema dramático en tres actos e prólogo. Con Xosé María Álvarez Blázquez.
- El zapato de cristal, Conto escénico en tres actos.
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ "Real Academia Galega. Boletín n.º 369, 2008, p. 220" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 04 de febreiro de 2017. Consultado o 08 de maio de 2017.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Emilio Álvarez Blázquez ![]() |
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada (DVD). El Progreso. 2005. ISBN 84-87804-88-8.
- Alonso Montero, X. (2005): "Da vida e da obra de Emilio Álvarez Blázquez". En Emilio Álvarez Blázquez (ed.), Poesía galega completa e textos en prosa. Vigo: Xerais, 9-19.
- Couceiro Freijomil, Antonio (1951-53). Diccionario bio-bibliográfico de escritores (en castelán). Bibliófilos Gallegos.
- Fernández del Riego, F. (1992) [1990]. Diccionario de escritores en lingua galega (2ª ed.). Do Castro. ISBN 84-7492-465-0.
- Méndez Ferrín, Xosé Luis (1984). De Pondal a Novoneyra. Edicións Xerais de Galicia. p. 57. ISBN 84-7507-139-2.
- Vilavedra, Dolores, ed. (1995). Diccionario da literatura galega. Autores I. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-8288-019-5.